Onte 1106: Con Ana Acuña en Marín

10399446_705169056219374_7741606275105632519_n

Acompañamos onte a Ana Acuña na presentación no Museo Manuel Torres de Marín do seu libro Conciencia política e literatura galega en Madrid (1950-2000). As profesoras Chus Nogueira e Olivia Rodríguez fixeron dúas grandes intervencións nas que salientaron a importancia deste libro para a historia da literatura galega.

Para Chus Nogueira Conciencia política e literatura galega en Madrid é «un libro necesario, xa que estuda a creación cultural nunha diáspora que até agora non fora estudada de forma sistemática; un libro, pois, pioneiro». «Un libro que establece unha estreita relación entre a creación literaria e a conciencia política. Os chamados “madrigalegos” teñen unha conciencia de subalternidade con respecto á metrópole galega». «Ana Acuña ofrece unha minuciosidade e un rigor que permite unha lectura agradable. Un texto capaz de harmonizar sentimentos, emocións e o rigor da investigación filolóxica». Continuou Nogueira salientando a importancia da obra, xa que «propón unha periodización, polo que estamos diante dunha auténtica Historia da Cultura Galega en Madrid». Rematou Chus insistindo no carácter comprometido do libro, «xa que dá voz os esquecidos», e no seu carácter de «libro fundamental para comprender unha parte da historia da cultura galega do século pasado».

Pola súa banda, Olivia Rodríguez comezou definindo a Ana Acuña como «unha sabia, unha das persoas máis importantes da cultura galega do noso tempo». Salientou despois «a lectura amena e fluída dun texto froito dun traballo titánico, artellado sobre as contribucións de 54 persoas que conversaron coa autora». DSalientou despois a importancia do estudo e da proposta de periodización dos cinco grupos xeracionais presentes no libro, dos que apenas era coñecido en Galicia o segundo, o grupo Brais Pinto, é dicir, Mocidade Universitaria, Grupo Unesco, Lóstrego e Irmandade Galega e Grupo Bilbao, o máis recente e do que forma parte a propia Acuña. Rematou Olivia Rodríguez valorando como un acerto a utilización do método de estudo de historias de vida, o que facilita o multiperspectivismo na abordaxe da fraxilidade da historia do tempo presente.

Onte 1100: Mas convoca

Mas_asina_27-09-2014Seguín onte por streaming o acto de asinatura do decreto da convocatoria da consulta do 9 de novembro, data na que está previsto que a cidadanía catalá exprese o parecer sobre o seu futuro. Artur Mas cumpría así o compromiso asumido hai dous anos e presentaba diante da cidadanía catalá, española e da comunidade internacional (falou en catalán, español e inglés) as catro características do proceso soberanista catalán: ampla maioría social e política a prol do dereito a decidir; consenso político que dende posicións ideolóxicas diversas concibe Cataluña como unha nación; marco de diálogo para convocar a consulta e, por último, o respecto aos marcos legais, tras a aprobación da Lei de Consultas populares de Cataluña, inserida no marco constitutcional e estatutario.

Tras a desoladora comparencia de Pujol no Parlament, que rematará co seu mito político, o president Artur Mas sabe que o seus retos son refundar o seu partido, Convergencia Democrática, no partido da soberanía e, se fose posible, consolidar a súa figura como a do líder histórico da independencia de Cataluña no século XXI. Onte, coa afouta asinatura e co seu discurso intelixente, amable nas formas e rico nos matices dos grises, deu un paso importante para conseguilo. Xaora, Mas ten unha certeza: o que vaia suceder até o 9 de novembro é fariña doutra muiñada; dependerá do que decidan Rajoy, onte camiñando pola muralla chinesa, e os poderes do estado.

Onte 1090: Esperando

Escocia-se-prepara-para-decidi_54415108562_53699622600_601_341Andoni Ortuzar, presidente do Euskadi Buru Batzar, fixo onte unhas declaracións en Edimburgo,onde acudiu para seguir o referéndum de Escocia, que merecen non pasar desapercibidas: «Chegará un momento en que con Cataluña, con Euskadi, por moito que queiran, xa será tarde e difícil o acordo». «Nós apostamos por un acordo, primeiro en Euskadi, entre partidos diferentes e logo un acordo co estado español pero non podemos estar esperando eternamente.» O presidente do PNV anuncia así, de forma elegante, o que tras o fracaso do Plan Ibarretxe e a continuidade do proceso de paz, semella a reapertura da súa vía no proceso soberanista vasco. Sen dúbida que o modélico proceso que levou a celebración do referéndum escocés de hoxe, acordado co goberno británico, marca un precedente que será máis relevante na dinámica política española ca o propio resultado, tanto se gañan os independentistas coma os unionistas.

Onte 1084: Ara és l’Hora

diada_1109-2014Da celebración da Díada de onte tiro unhas poucas reflexións. Primeira, case dous millóns de persoas na rúa, conformando unha bandeira, constitúe en calquera lugar do mundo unha mobilización política de enorme relevancia e carácter histórico. Así foi salientado nas primeiras páxinas dos xornais internacionais de hoxe, o que constitúe un éxito dos organizadores. Segunda, o carácter transversal da mobilización, a súa dimensión festiva e intencionalidade iconográfica, a súa dimensión interxeracional e familiar, representa no simbólico un importante nivel de cohesión social e civilidade do proceso soberanista. Terceira, a reclamación do referendum previsto para o 9 de novembro, non agochou na mobilización unha pulsión cidadá pola independencia, que presiona sobre as forzas políticas soberanistas. Cuarta, a ausencia de resposta política do Goberno, coma do PSOE e o seu novo líder, máis alá do acto celebrado en Tarragona, así como os tópicos da maior parte da prensa editada en Madrid, expresan a súa incapacidade para entender e abordar «o problema catalán». E quinta, tras o éxito desta Díada, que a pesar do caso Pujol recuperou os niveis de participación de 2012, é moi difícil aventurar o que vai suceder en Cataluña despois da convocatoria a vindeira semana da consulta non vinculante e da resposta do Tribunal Constitucional. Semella que é a vontade cidadá a que impulsa o proceso.

Onte 1047: xerais.gal

xerais.gal

Este vinte e cinco de xullo quedará na miña memoria como o do punto gal, esa proeza do consenso galeguista que marcará un fito nas páxinas da historia da nosa lingua no seu difícil proceso de hibridación dixital. Desde o mediodía de onte quedou operativo o dominio xerais.gal, o que tras case trinta e cinco anos de actividade constitúe un fito para o proxecto da nosa editora »nacida coa intencion de non deixar baleiro campo nin´gun da edición en galego». Ben sei que tempo haberá para puír detalles no emprego destes noventa e tres dominios puntogal pioneiros. Foi onte un vinte e cinco no que enxergamos unha raiola de esperanza e optimismo, a pesar da incomprensible falta de unión das forzas do nacionalismo galego.

Onte 986: Racha o taboleiro

SAMSUNGOs resultados das Europeas racharon o taboleiro. Os partidos considerados sistémicos de cada espazo político sufriron un pao severo do seu electorado. PP e PSOE en todos os territorios, Izquierda Unida na Comunidad de Madrid, o BNG en Galicia, por poñer só tres exemplos. A irrupción de forzas alternativas de esquerda, Podemos en toda España, incluída Galicia, onde apenas conta con implantación, e unha certa consolidación das posicións de AGE, testemuñan a necesidade de novas propostas, novos liderados e novas formas de comunicación política. Non agocho a decepción por outro pésimo resultado do BNG, un síntoma apenas da necesidade da súa refundación, se non quere quedar nas vindeiras municipais nas marxes da irrelevancia. Porén, os resultados en Galicia, onde gaña a esquerda, abren espazo para a esperanza; é posible artellar unha sólida alternativa de esquerda nacionalista capaz de facerlle fronte a un PP que retrocede e desputarlle o sorpasso a un PSOE en claro devalo.

Onte 985: Temos dereito a un futuro distinto

xavier-vence-conversas-capaA viguesa editorial Engaiolarte abriu o seu catálogo cun excelente libro de conversas de Xan Carballa con Xavier Vence, portavoz nacional do BNG. Gustei da edición coidada deste libro alboral tanto polo singular do seu formato cadrado, pola composición da páxina e o tratamento do texto e fotos coma polo acabamento en flexi-book, aspectos nos que se percibe a experiencia editorial de Xosé Fernández Puga e o propio Carballa, editores d’ A Nosa Terra. Pola conversa que mantivemos con Puga na Feira do Libro de Vigo, sabemos que Engaiolarte ten a intención de apostar pola edición de libros fermosos, moi coidados na edición e nas calidades dos materiais. Sen dúbida, un acerto para afrontar o complexo proceso de hibridación da edición cultural galega de hoxe.

Xaora, alén do interese deste libro como obxecto, o que máis gustei foi da voz achegada por Xavier Vence, o protagonista destas duascentas páxinas que papei dunha sentada ao longo da tarde de onte. Unha conversa fluída, ben estruturada, con esacasas repeticións, o que constitúe mérito de Xan Carballa, un dos nosos mellores xornalistas culturais. Vence ofrece unha voz sen estridencias, un discurso reflexionado e depurado no eido académico, capaz de ofrecer unha raiola de esperanza para o nacionalismo galego de esquerdas. Abandonando o seitarismo e o vitimismo (esas doenzas que parecían incurables nos dirixentes nacionalistas), asumindo tamén a autocrítica, Vence humaniza a actual proposta política do BNG expresando de forma didáctica e comprensible, sen abusar da súa talentosa erudición económica (un dos seus puntos máis fortes), que a saída máis responsable en Galicia para a crise é a soberanista. Vence valora de forma equilibrada o labor do bipartito e a ruptura da XII asemblea do BNG, ademais de realizar afirmacións que abren un espazo para a recuperación dunha alternativa nacionalista de esquerdas que teña por obxectivo acadar os 500.000 apoios electorais, ese 25 % ou 30 % que a fagan eixo de gobernabilidade. É, pois, moi de agradecer este esforzo de tender pontes presente nas páxinas dun libro de conversas no que Vence presenta un discurso cheo de matices para liderar o nacionalismo galego de esquerdas desta década.

O subtítulo do libro, «Temos dereito a un futuro disitinto», expresa a vontade de Vence de conectar afectivamente cos sectores sociais e políticos que están ou estiveron na fronteira do BNG ou que formaron parte do nacionalismo político organizado nas últimas tres décadas. Quizais non lle falte razón a Vence e o futuro do nacionalismo galego de esquerdas dependa nesta altura máis da súa capacidade de conectar afectiva e emocionalmente coa sociedade galega ca do seu programa.

Parabéns aos editores de Engaiolarte, a Xan Carballa e a Xavier Vence por ofrecer tan interesante estrea editorial. Recoméndoa.

Onte 975: Madrigalegos letra e terraferidos

Ana_Acuña_14-05-2014

O salón de actos da Casa das Campás quedou moi pequeno para acoller a todas as persoas que quixeron seguir a presentación. organizada polo Atemeo de Pontevedra. de Conciencia política e literatura galega en Madrid (1950-2000), o ensaio máis recente de Ana Acuña. Ventura foi contar coa intervención do sociólogo Daniel Pino, unhas das 54 testemuñas do libro, que cualificou a obra como moi interesante e de lectura atractiva, tanto polo seu contido coma pola metodoloxía utilizada, que combina o método documental e o cualitativo, «o que permite ler un poema sinfónico, onde os executantes realizan as súas variacións baixo a firme dirección da autora». Citou Pino os cinco grupos de madrigalegos ou focos de irradiación de cultura galega en Madrid durante a segunda metade do século XX estudados por Acuña na obra: a Mocedade Universitaria Castelao (1952-1954), o grupo Brais Pinto (1958-1961); o Seminario de Cultura Galega do Club de Amigos da Unesco (1965-1969), o Grupo Lóstrego, Irmandade Galega (1971-1986) e, finalmente, o Grupo Bilbao (1996-2000). Referiuse ao territorio do Madrid que coñecera a comezos dos anos sesenta, que contaba apenas con dous millóns de habitantes e se transformaba en cidade cindustrial por mor dunha decisión burocrática». Leu un texto de Alexandre Cribeiro, incluído no libro, no que se relataba unha visita ao Pozo do Tío Raimundo e outros porpios da súa experiencia daquel tempo. «Lonxe da terra adquírese conciencia, aínda que podemos confundir a conciencia». rematou cun poema do seu libro Leme de lembranzas.

XG00198501Falou a seguir o profesor Xesús Alonso Montero, prologuista da obra e director da tese de doutoramento sobre a que se editou. Comezou lembrando o número dedicado a Galicia en 1966 de Signo, publicación mensual de Acción Católica, onde Novoneyra publicou un poema no que citaba a Daniel Pino e a outros rapaces que estaban na cadea. Referiuse despois ao título do libro de Acuña, baseado na tese que dirixiu, «Facer literatura galega en Madrid», cuxo espiñazo son «os cinco grupos que aparecen na diaspora protagonizados en Madrid por galegos letra e terraferidos dende 1950 a 2000, literatura galega en Madrid con acento cívico chantado no país». Gabou o traballo de Ana Acuña en Madrygal, revista de filoloxía centrada na sletras galegas da que se levan publicados dezaseis números. «Ana Acuña é unha traballadora rigorosa, formiga intelixente, meticulosa. Falou cos 54 protagonistas da obra, personalmente ou por medio de correo. A información reunida por ela nestas historias de vida é extraordinaria».

Detívose o presidente da RAG en explicar que «non todo o que está feito en Madrid por galegos ten dereito a estar neste libro». «É o caso de Valente, que viviu en Madrid durante un tempo, mais que non estivo relacionado cos galegos, non nos procuraba». O profesor relatou como coñecera a Ben Cho Sey e a súa participación na tertulia do Lyon D’Or, que presidía Ramón Cabanillas. Rematou insistindo en que non pode facerse a historia da literatura galega sen ter en conta a diáspora, «hai unha diáspora tamén próxima, a de Barcelona, que está por escribir».

Onte 950: Euskal Herria

BlpayCWIQAAKY1_Tres días en Euskal Herria abondan para encher o depósito de esperanza. Escoitar nas rúas elegantísimas de Donostia aos picariños falar en eúscaro xa non nos produce sorpresa; nin tampouco percibir o entusiasmo sereno dunha sociedade que asumiu a complexidade do proceso de reconciliación civil. Na libraría Elkar de Baiona merquei o último ensaio de Jesús Eguiguren, o presidente do PSE-EE e unha das persoas claves no proceso de paz. Un libro, editado por Gara, no que se propón reconsiderar case todo no proceso vasco, asumindo que a primeira lei da política é obedecer á realidade. Eguiguren propón modificar o suxeito político vasco para centralo no concepto de «Euskal Herria», un patrimonio de todas tradicións políticas vascas, tres territorios dacabalo de dous estados, situando a Navarra como centro. E como estratexia asumir o pacto entre cidadáns, territorios e estados, traballando pacientemente a rede dos acordos e das amplas maiorías sociais, sen renunciar a nada no proceso de construción dunha nación. Euskal Herria. Por un nuevo nacionalismo, vazquismo y navarrismo é unha lectura recomendable, un libro con vontade de ser chave dunha mudanza política protagonizada por unha nova xeración.

Onte 933: Con Ana Miranda

Ana_Miranda_03-04-2014Gustei moito de escoitar a Ana Miranda, a candidata do BNG nas eleccións ao Parlamento Europeo, na súa intervención no Fórum Europa de Vigo. Na presentación que dela fixo Camilo Nogueira salientou aspectos esenciais como os seus quince anos de experiencia parlamentaria en Bruxelas, a súa capacidade para expresarse nunha manchea de linguas, como a súa visión integral e o seu coñecemento profundo dos problemas de Galicia e no mundo.

No seu discurso Ana Miranda amosou este coñecemento, froito tanto dunha formación xurídica moi rigorosa como dunha experiencia e madurez política incuestionable. Comezou denunciando a pobreza, a desigualdade e a exclusión como principais problemas dunha Galicia con 280.000 persoas paradas, 100.000 emigrantes mozos expulsados do país e 90.000 familias sen ingresos ningúns. Denunciou o emprego precarizado en Europa, onde xa «hai 120 miillóns de cidadáns pobres, case unha cuarta parte dos da Unión».

Presentou un balance da súa actividade parlamentaria, centrándose sobre todo nos temas pesqueiros, medioambientais e de política industrial. «Nós somos unha nación pesqueira, un país atlántico» afirmou, ao tempo que lembrou que polos corredores do parlamento foi despedida como «a señora da pesca artesanal».

Apoiou os procesos soberanistas de Escocia e Cataluña, que cualificou de «exemplo vivo de democracia e do dereito a decidir nunha Europa que non recoñece a diversidade». «O seu é un exercicio pleno de democracia, o máis vangardista nos procesos de liberación nacional dos últimos séculos, sobre todo pola implicación da cidadanía. Merecen todo o meu respecto».

Ana Miranda respondeu con claridade na quenda de preguntas que lle formularon os asistentes dende a posición dos coaligados verdes sobre a pesca galega no parlamento («sempre defendimos e sempre defenderemos os intereses galegos»), pasando pola súa opinión sobre Lidia Senra («expreso o meu respecto para ela, benvido todo o mundo que defende a Galiza») até as relacións con Bildu («aquí en Galiza a lista será a do BNG, as coalicións son instrumentais, alí onde esteamos defenderemos os temas galegos, que son os temas universais».)

Creo que a de Ana Miranda é, sen dúbida, unha excelente candidatura. Unha voz firme, rebelde, loitadora. que defende unha Europa que aínda non existe. Unha beizón para a defensa dos intereses de Galicia e dunha nova Europa posible. Agardo que teña a maior fortuna no seu empeño.