Onte 341: Mapa europeo dos recurtes culturais

A iniciativa colaborativa de The Guardian de debuxar o mapa europeo dos recurtes cutlurais vai collendo corpo. Son os lectores e lectoras os que sitúan (por medio deste formulario) xeograficamente os recurtes que coñecen nos diversos eidos da cultura (teatro, música, museos, festivais, protección patrimonio, iniciativas educativas…). A iniciativa (recollida por El País, Público, Le Monde e La Stampa, entre outros) evidencia que é España o estado europeo máis afectado polos recurtes orzamentarios das súas iniciativas culturais, mesmo a pesar de que no mapa faltan por incluír moitos dos retallazos, como a maior parte dos realizados en Galicia. Consultar este mapa interactivo achega información moi relevante, como a existencia do oasis francés, onde a pesar da crise mantéñense a maior parte dos orzamentos culturais, ou a debacle sen paliativos que se produce en Portugal, Italia e España. Non estaría de máis que todos colaborásemos en actualizar esta información, un xeito de defender o patrimonio e as industrias culturais europeas.

Onte 340: Indignación

A detencion brutal de Rafa Estévez, o fotoxornalista de Diario Pontevedra, produciume indignación e unha enorme preocupación. Poñer un xeonllo na cabeza a un fotógrafo, que  pretendía realizar o seu traballo en moi difíciles condicións, non pode ser considerada, baixo criterio ningún, unha utilización proporcionada da violencia. Todas as informacións dispoñibles, como as declaracións das testemuñas (incluídas as das autoridades), que asistiron atónitas ao sucedido, amosan que a actuación policial no momento da detención foi desproporcionada. Como hai coincidencia en que a organización da recepción aos olímpicos galegos –entendo que o dispositivo de segurirdade é responsabilidade da subdelegación do Goberno– foi un auténtico caos. Como semella a todas luces inverosímil a presunta agresión da que a policía acusa ao fotoxornalista. O delegado do Goberno debe dar explicacións e algunha desculpa sobre o sucedido onte en Peinador.

Onte 266: Contrato cos ausentes

As entrevistas da Última da edición impresa de La Vanguardia adoitan ser memorables. Onte non desmerecía a que publicou El País con Daniel Innnerarity. O filósofo vasco poñía o dedo sobre a chaga para diagnosticar o tempo presente con algunhas afirmacións luminosas que merecen ser arquivadas: «O que non entendo é como non nos mandan a paseo as xeracións máis novas ao descubrir que a nosa burbulla inmobiliaria ímola pagar coa súa educación. A isto chámoo a ditadura do nós ou a consideración do futuro como vertedoiro de lixo do presente. Debemos buscar o contrato cos ausentes, fuxir da tiranía do aquí e agora». En días de posible rescate e de durísimas hipotecas que pagarán as xeracións máis novas, as palabras do autor de Una esperanza política son unha referencia moral e unha proclama de indignación cidadá. Non está de máis, recoñecer a complexidade actual da gobernanza do mundo, cando os financeiros rouban a soberanía.

Onte 231: Sermos Galiza

Coincidindo co aniversario dos Mártires de Carral, apareceu a edición dixital de Sermos Galiza, unha magnífica noticia para o proceso de construción nacional e para o reforzamento do ecosistema da lectura en galego. Gustei da súa vontade de ofrecer unha axenda informativa ampla (no só política) en clave nacionalista, a súa aposta pola presenza nas redes e contar sen complexos con insercións publicitarias, o que supón un exercicio moi de agradecer de corresponsabilidade social sobre o futuro deste novo e importante medio en galego. Anúnciase para o 17 de maio a aparición do semanario en papel, outra noticia para a esperanza. Beizóns para as persoas promotoras do proxecto, todos os azos para as profesionais e longa vida para Sermos Galiza!

Onte 175: Benvido «Dioivo»!

É outra beizón contar cun novo xornal dixital en galego, Dioivo, «un medio concibido para contar e contrariar». É moi prometedora a súa declaración de intencións de facer «xornalismo para o país da chuvia», un sintagma que interpretamos como unha orballada, que vai enchoupando conciencias, mais tamén con esoutro ballón teimoso, que pode chegar a modificar vontades. Polo que poidemos ver e ler nesta súa primeira xornada o deseño e a navegación son limpos e eficaces, a axenda de temas moi ampla e prometedora, os enfoques orixinais. Unha excelente saída. Parabéns ao equipo de nove xornalistas composteláns promotores e ao seu amplo equipo de colaboradores. Longa, moi longa, vida baixo a choiva tan esperanzadora!

Onte 151: Juan Carlos en «Der Spiegel»

Hai tempo que Juan Carlos e os membros da familia real perderon a aura que, dende a Reforma Política, os protexía. Tras o escándalo de Urdangarín, as revelacións que publica o semanario alemán Der Spiegel poñen en cuestión cal foi o papel de El-Rei no golpe do 23-F. A fonte, un informe do daquela embaixador alemán en Madrid, agora desclasificado polo Ministerio de Asuntos Exteriores, evidencia a ambigüidade de Juan Carlos cos actores do golpe e as profundas diferenzas que mantiña co presidente Adolfo Suárea arredor da chamada «cuestión militar». Como ten sinalado Escolar estas revelacións cadran bastante ben coas preguntas nunca respondidas sobre o que sucedeu cos golpistas, especialmente coas razóns do indulto de Alfonso Armada, en 1988, quen dende entón se dedicou a mimar camelias no seu pazo de Santa Cruz de Rivadulla. Mágoa que o pobre de Suárez xa non poida achegar a súa versión que moito axudaría a perfilar o que realmente sucedeu no acontecemento máis decisivo para a consolidación do reinado de Juan Carlos.

Onte 147: Praza pública

 A primeira xornada de Praza pública foi un éxito rotundo. A audiencia superou as mellores previsións, provocando durante a mañá e o mediodía algún colapso no acceso ao servidor. A calidade do produto, tanto a nivel de deseño gráfico e concepción web, como o proxecto xornalístico, quedou moi por riba das nosas expectativas. Auténtico xornalismo 2.0. Unha inxección de entusiasmo extraordinaria para a nosa lingua. O equipo de profesionais de praza amosa que é posible outra axenda informativa, elaborada en galego e en clave galega; ademais, asume unha proposta comunicacional tan suxestiva como difícil, facer viable e sostible un modelo de semanario con actualización diaria. A pesar de vivir tempos tan ruíns, coa aparición deste facho informativo, enxergamos un horizonte de luz. Beizóns para os promotores e profesionais de Praza pública. Parabéns por tan magnífico traballo para o seu equipo tecnolóxico de A navalla suíza e Dinahosting.

Onte 143: #twitterblackout

Fomos moitos os que onte non demos nin chío para así expresar a nosa queixa sobre a posibilidade que Twitter introduza unha censura selectiva sobre determinados contidos nalgúns países. A censura non pode ser aceptable en ningún país do mundo nin xustificable por tratarse dun servizo (até agora de publicación e acceso gratuíto, a pesar de que inclúe publicidade) proporcionado por unha empresa privada. Máis aínda, sendo a rede informativa mundial con máis usuarios , o papel de Twitter é capital na defensa da liberdade de expresión e na promoción e fomento dos valores da paz e dos dereitos humanos. Twitter supera fronteiras e valados nunha irmandade planetaria de linguas, culturas, estados e xeracións. Paga a pena defender que continúe funcionando con estes criterios nunha Rede neutral e de acceso libre.