José Luís Gómez sae de «Xornal»

Segundo Xurxo Salgado, responsable de Galicia Confidencial, foi a raíz da publicación o pasado luns desta fotografía, na que Rajoy aparece a bordo do buque Moropa en 2009, propiedade de Manuel Baúlo, a causa que provocou a saída de José Luís Gómez da dirección de Xornal de Galicia. Semellaría que Jacinto Rey, o propietario do medio, non puido resistir máis as presións da dirección dun Partido Popular moi anoxado por unha información, publicada inicialmente en Público, pouco afortunada para quen é probable sexa elixido como presidente do Goberno.

No entanto, creo que a saída de Gómez da dirección do xornal ten máis que ver coa nova fase do proxecto que o propietario pretende abrir no medio, tras o nomeamento de Alfonso Paz Andrade como novo conselleiro delegado da empresa, sendo a foto do Moropa a pinga que reborda un vaso que hai tempo se pretendía derramar sobre a mesa. Sexa dunha maneira ou doutra, o que é seguro que a noticia da marcha de Gómez foi hoxe moi ben recibida por Feijóo e Rueda nos seus austeros despachos de San  Caetano, sen dúbida moi satisfeitos por poñer remate, por fin, a esta «anomalía» da prensa galega; entenderán que o campo quedou despexado para eles mandar a pracer nas eleccións municipais. Mi madriña, que medo!

José Luís Gómez merece todo o noso recoñecemento polo proxecto desenvolvido ao longo dunha longa década polo seu dixital e por estes dous anos nos que puxo a andar dende cero o xornal en papel. Un éxito indiscutible. Como tamén o foron o tratamento informativo proporcionado pola súa dirección ao conflito xerado arredor do decreto de plurilingüismo, á fusión das caixas ou ao decreto eólico, que como lectores e cidadáns galegos merecen o noso maior agradecemento pola súa afouta independencia. Como tamén a súa atención diaria á información cultural, especialmente para a música, o cinema e o libro galegos.

Agardamos que esta primeira etapa de Xornal de Galicia sirva de alicerce para o desenvolvemento do proxecto sólido de prensa galeguista en clave de país que precisamos como auga de maio. Hoxe, as nosas beizóns son para José Luis Gómez.

Arcadi Oliveres: quen manda no mundo?

Moi clarificadora entrevista a Arcadi Oliveres sobre os grandes poderes económicos do mundo. A realización é de AttacTV.

"A Casa do vagabundo", outra despedida

Xosé Rivadulla Corcón, director d’ A Casa do vagabundo, o programa de libros (e con especial dedicación á poesía) da Radio Galega envíanos esta carta de despedida:

Estimados habitantes da Casa do vagabundo:

Xa sabedes que esta casa non ten ni paredes nin portas, tampouco xanelas nin tellado e pode emprazarse en calquera lugar do mundo onde alguén teña a intención de ler un libro feito con palabras na fermosa lingua dos galegos, e cada sábado as dúas e media se emprazaba na Radio Galega, así foi dende o 14 de xaneiro do 2006 ata o 20 de xuño do 2009, despois de 172 emisións e que pasasen pola casa 120 profesionais do libro: escritores, editores, críticos, traballadores de editoriais…
O espazo tivo continuidade todos os veráns, pero no que está por chegar non será así, sen ter a certeza de que a volta do outono poderemos emprazar de novo a casa na Radio Galega, o asunto quedou pendente de conversa cos responsables da programación da emisora.
Resulta que cando se me comunicou a decisión xa non foi posible gravar e emitir un novo programa no que puidera despedirme como debera, agradecendo o cariño de toda a familia do libro galego.
Declaro que fun feliz facendo este programa porque cada persoa que veu á casa fíxome vivir un momento inesquecible. Cada un dos 172 programas son unha lembranza que perdurará por sempre.
Pode parecer que A casa do vagabundo era un programa de radio, pero foi realmente un espazo para facer amigos. Coñecín alí por vez primeira a moitos dos convidados que por el pasaron e nesa breve media hora de conversa construíuse unha amizade con cada un deles. A verdade é que me sinto afortunado. Cos que xa era amigo houbo reencontros moi entrañables.
As veces emociónome e non me importa que así sexa, por isto non podo elaborar un aséptico escrito de despedida, así que mellor remato.
Grazas a todos e desculpas aos que non deu tempo que viñeran á casa.
Grazas en especial a Xurxo Souto que foi quen me pediu un día que fixera para a Radio Galega un programa sobre libros.
Se volvo no outono xa o saberedes, e se non saudádeme se nos cruzamos nalgunha rúa, estrada ou corredoira.
Cunha fonda aperta
X. H. Rivadulla Corcón

Outra carta que nos enche de tristeza e decepción.  Máis cando o programa de Corcón, que se emitía todos os sábados á hora do xantar, creaba unha media hora de acougo ben bonita. Os centos de autores e autoras que participaron no programa sempre falaron marabillas deste espazo para a poesía e para a conversa vagarosa e culta. Agardo que esta despedida apenas sexa un até logo, e Corcón volva ser chamado polas novas responsables da RG para continuar co programa.

No entanto, tras mudanzas de enfoque tan lamentables como as  introducidas no programa Aberto por Reformas, ben sería que os novos directivos da CRTVG fixeran explícitos os seus criterios de programación, tanto para o verán como para o reinicio da tempada.  Máis alá do Diario Cultural (ao que sería inimaxinable que acoutasen), na nova programación da RG haberá algún outro espazo destinado a facer visible a nosa creación cultural?

Beizóns, Xurxo!

Tras catro anos de traballo entusiasta á fronte da subdirección de programas, Xurxo Souto saíu da Radio Galega coa elegancia arroutada e idéntica paixón coa que realizou o seu primeiro saúdo en antena. Atrás queda o seu pulo e esforzo por modernizar e achegar a radio pública en galego (esa “rareza” no dial que debemos defender como primeiro patrimonio galego da comunicación) á mocidade e aos públicos urbanos. Eis o seu traballo monumental de apoio á música popular galega que, en boa medida debido a súa convicción nas súas posibilidades, vive o mellor momento da súa historia. Eis o seu apoio a iniciativas felices como a reinvención do teatro na radio. Eis as leccións diarias de radio fetén en Aberto por Reformas ou cada sábado ao mediodía en Mil ribeiras (para min un programa memorable, tanto dende o punto de vista  literario como musical). Eis o acerto de poñer en marcha o Extrarradio, o grande programa de Belén Regueira (hoxe por hoxe a primeira comuncadora do país). Eis o apoio proporcionado pola RG ás máis diversas iniciativas das industrias culturais… Todo o sector cultural galego (editores, escritores, músicos, actores… )  está en débeda con Xurxo Souto. Ben sería amosarlle o noso agradecemento nunha velada bonita. Beizóns, Xurxo, o noso ghaiteiro!

«Woman» «Yo leo»

Nunca víramos semellante tratamento para promoción da lectura como o que realiza a revista Woman neste mes de abril. Algo está mudando na imaxe social da lectura para que sexa promocionada en portada. Vaise poñer de moda a lectura e visitar as bibliotecas e librarías?

Vía Librosfera

«Trama y texturas»

Co inicio do seu terceiro ano de andaina a revista Trama y texturas ofrece todos os seus números en soporte dixital, que poderán ser adquiridos na plataforma Todoebook e nas librarías conveniadas coa plataforma de libro electrónico de Publidisa. Trama y texturas, a partir deste o seu número sete, poderá lerse tanto en soporte analóxico coma dixital. Ademais dos interesantísimos contidos da revista (arredor do libro e da lectura), o seu innovador modelo de comunicación cultural merece o noso maior interese.

 

«Protexta 09»

Mañá distribúese cos periódicos do grupo La Capital o novo número de Protexta, o magnífico trimestral literario de Tempos novos. Por agora, xa se pode descargar un adianto, a entrevista de Bieito Iglesias a Gao Xingjian. Coordinado, agora, por Ana Salgado, o número promete: entrevista nas páxinas centrais a Manuel Rivas, e críticas dos seus dous recentes libros de xornalismo literario; ademais dun boa restra de críticas de novidades (que alentan a nosa curiosidade). Parabéns o novo equipo de Protexta, un soporte fundamental na nosa crítica literaria independente.

Suplementos analóxicos

Tanto La Voz de Galicia como Xornal de Galicia, dous medios con liñas editoriais claramente enfrontadas, comparten, porén, o carácter analóxico e pechado para a lectura na rede dos seus suplementos de cultura que publican os sábados. Hoxe non podemos ler na rede nin as magníficas catro páxinas de Ramón Nicolás e Xesús Fraga sobre o libro galego e a súa visibilidade do suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia nin outros tantas que «Nós» o suplemento de cultura de Xornal de Galicia dedica ao mundo so blogs en Galicia, con traballos de Manuel Candelas e Arturo Casas. Hoxe xa existen modelos alternativos para evitar estas zonas de sombra para a información cultural na rede, como ofrecer os contidos dos suplementos en formato pdf ao día seguinte ou facelo por un sistema de subscrición en aberto. En todo caso, quero felicitar tanto aos responsables de «Culturas» pola súa defensa do libro galego visible como aos de «Nós» polo tratamento rigoroso do fenómeno blog, máis alá dos tópicos habituais.

Benvido, «Xornal de Galicia»

Recibimos con alegría o primeiro número de Xornal de Galicia, a primeira cabeza periodística que se define como galeguista no periodo autonómico. Haberá tempo para aquilatar as intencións e a liña informativa do proxecto encabezado por José Luis Gómez, mais é indubidable que a presentación do produto é impecable (especialmente o deseño e a disposición tipográfica) e o enfoque informativo moi atractivo para a lectura. Un medio que abre un pouco máis o pluralismo informativo no país, abandonando a confrontación entre territorios polo debate entre posicións ideolóxicas. Un paso importante para a nación. Benvido, pois, este Xornal de Galicia saído hoxe de trinque. Desexámoslle os maiores éxitos.

Retrasocero.com



Espectacular comezo publicitario do do Xornal de Galicia. Moi ben, moi ben!