Onte 429: A deriva de «El País»

Foi triste coñecer a noticia da presentación do ERE que deixará no paro a 129 xornalistas de El País, entre eles a case toda a delegación galega do xornal de PRISA. Sen dúbida, unha mágoa, para ese colectivo de excelentes profesionais que acreditaban nunha información rigorosa e independente. Mais é unha xornada tamén moi triste para os lectores que formamos o noso criterio na lectura diaria das súas páxinas ao longo de máis de tres décadas. Como sinala moi certeiramente Juan Varela, non é só un problema dun negocio ameazado nas súas marxes de rendibilidade pola crise  e polo tránsito ao paradigma da comunicación dixital. A deriva de El País é tamén unha creba moral na confianza no noso xornal. Esa perda, esa fenda, esa amputación da esperanza, ese dano irreparable ameaza con deixarnos ao pairo aos seus milleiros de lectores. Vaia toda a miña solidariedade e gratitude para os profesionais despedidos, algúns aprezados amigos.

Onte 402: Novas sondaxes

Coincidindo co derradeiro domingo de campaña publícase unha nova xeira de sondaxes. Mentres  LVG continúa co seu barómetro diario, que non achega novidades (PP 39, PSOE 21, BNG 10 e AGE 5), o Faro de Vigo e La opinión da Coruña publican unha enquisa de 1.400 entrevistas, realizada antes do comezo da campaña, que aparentemente pode ser resultar pouco clarificadora debido á amplitude da súa forquita (PP 37-41, PSOE 22-24, BNG 9-11 e AGE 2-4). En todo caso ningunha das dúas cuestiona a vitoria de Feijoo (apenas un escenario de catro posibles para Faro), a entrada no Hórreo de Beiras e Díaz e un suave descenso do PSOE e BNG. Como coinciden ambas as dúas nos fracasos de Mario Conde, UPyD e Compromiso por Galicia (a pesar de que Bascuas sexa para a do Faro o segundo líder mellor valorado), formacións que estarían lonxe sequera de acadar aquel vello 3 % nalgunha das provincias. Debullando os datos de corpo oito convén reparar na aínda elevada porcentaxe de indecisas, como da abstención prevista que superaría na sondaxe de Faro en 7,8% a de 2009, o que semella favorecería a maioría do Partido Popular. Como tamén é clarificador o feito de que sexa na provincia de Pontevedra onde parece que o PP podería perder a maioría, no caso de que cedese un escano a algunha das candidaturas nacionalistas, con máis probabilidades a de AGE. Mágoa do debate non celebrado Feijoo / Beiras pensarán algúns. No entanto, en ambas as dúas sondaxes é moi difícil detectar unha pulsión intensa de cambio. Quizais aí resida a cerna do resultado do vindeiro domingo.

La Región non publicou onte sondaxes, mais si este balance da Galicia de Feijoo.

[Actualización: A sondaxe anunciada ás 8 da mañá pola SER aventura a vitoria moi axustada do PP (37-38), cunha importante baixada do PSOE (19-20) e un crecemento considerable dun nacionalismo de esquerdas dividido, BNG (11-12) e AGE (6-7). O dato que máis me impactou foi que o 60 % das persoas consultadas prefire un cambio de goberno, así como que o 49,5 % prefire que non haxa un partido que conte con maioría absoluta, o que supoñería que agroma por vez primeira na campaña e con claridade unha pulsión transformadora. Comeza unha semana decisiva.]

Onte 399: Adeus, Cameselle

Morreu Guillermo Cameselle, o fotógrafo de Faro de Vigo. Marchou para sempre unha persoa boísima, que sempre nos agasallou co seu agarimo e xenerosidade desbordada. Formado a carón do noso amigo Magar na escola do Faro dos anos setenta, cando comezou a brutal transformación da nosa abella da ribeira, Cameselle foi modelo dun afouto fotoxonalista capaz de recoller a aceleración dun instante, comprometéndose cos afáns da cidadanía. Nas súas fotos brillantes atopamos o celme do Vigo rebelde e revolcado, o dos obreiros de Ascón dirixindo o catamarán a porto seguro, o da rapazada nosa da movida dos oitenta até o das mariscadoras en loita, enchoupadas de dignidade. Cameselle deixa un extraordianrio arquivo, milleiros de fotografías que non allará o paso do tempo, unha parte da memoria viguesa das tres últimas décadas do pasado século XX. Merece unha gran exposición como homenaxe e recoñecemento cidadán dos que hoxe o bagoamos.

Nesta galería de Faro de Vigo poden verse algunha das súas fotos.

Onte 389: O caderniño de Galicia

A desaparición do caderniño de Galica de El País nada ten que ver co magnífico exercicio de xornalismo da redacción dirixida por Xosé Hermida. O traballo deste equipo constituíu un modelo de información plural e independente, referente durante o último lustro da axenda política, económica e cultural de Galicia. Como tamén o foron as páxinas do suplemento «Luces» dos venres, auténtico facho para a cultura galega contemporánea, e as colaboracións literarias de Suso de Toro, Manuel Rivas, Xosé Manuel Pereiro ou Antón Baamonde, entre outras figuras primeiras do noso xornalismo literario. Sei que a desaparición do caderniño nada ten que ver co magnífico traballo dos profesionais da redacción compostelana nin sequera coa proximidade da convocatoria electoral. A onda imparable de homoxeinización centralizadora é a que arrasa sen consideración ningunha en Galicia, País Valenciano e País Vasco co modelo de «caderniños autonómicos», unha medida xustificada polos executivos de PRISA para acadar aforros (supresión de postos de traballo) que permitan afrontar este período de recesión publicitaria e de tránsito profundo nos modelos de negocio xornalístico. Recortes presentados pola dirección do xornal co eufemismo da «integración das noticias locais nun xornal máis global e coherente». A desaparición do caderniño de El País empobrece xa até a desolación o pluralismo do panorama informativo galego, que perde outra trabe do pensamento progresista e galeguista. Con noticias coma este non é doado afrontar o futuro do xornalismo con optimismo. Toda a miña solidariedade co equipo de profesionais de El País en Galicia.

Onte 374: Galicia emigrante

Esta magnífica anotación de Cadernos de Comunicación publicada en Praza amosa con claridade meridiana o repunte do fenómeno emigratorio en Galicia. O pasado ano 2011 foron 29.880 os cidadáns galegos que decidiron buscar o seu futuro fóra do territorio do país, 20.653 noutras comunidades españolas e 9.357 no estranxeiro. Unha barbaridade! Pola contra a chegada de inmigrantes e retornados acadou o seu nivel máis baixo desde hai unha década. Os datos son teimudos: coincidindo coa lexislatura presidida por Alberto Núñez Feijoo acentuouse a emigración e aumentou o paro en Galicia até o seu nivel máis alto da historia, case duplicando o existente ao seu comezo. Galicia xa non é país de grandes oportunidades, sobre todo para aquelas persoas con máis elevada formación. Ben sería que na axenda pública da precampaña se introducise o debate sobre estas cifras, detrás das que hai milleiros de persoas que sofren. Non todo vai ser guindar os balóns fóra do campo.

Onte 364: «Mongolia»

Merquei o número de setembro de Mongolia. Formidable, como os catro anteriores, equilibrando no seu xusto punto a ironía, o humor satírico político e esas noticias verdadeiras que a forza de non aparecer nos medios convencionais semellan as máis extravagantes. Unha publicación que é auga de maio entre tanto aburrido conformismo. Confésome fan desta revista satírica que reivindica a textura do papel prensa e do formato tabloide, un xénero de publicacións que coa excepción de Retranca eu non agardaba nos quioscos dende aqueles tempos da Transición na que seguía Hermano Lobo e El Papus. Xenial o editorial desta Mongolia 5 dedicado ao ministro Gallardón e a reportaxe «Monarquía watch» pola que sabemos que encher o depósito do «Fortuna» custa 26.000 euros, máis que o salario medio anual.

Onte 363: Internet e tv, soportes da campaña

Feijoo está preocupado porque percibe que o PP de Galicia ten escaso peso en internet. Afeito aos parabéns e delicadezas da maior parte da prensa en papel editada no país e aos aloumiños dos medios públicos, recrimina ás Novas Xeracións «a súa escasa implicación na rede a prol dos intereses do seu partido». Alén de semellarme inxusta co papel da mocidade conservadora, está valoración tan choqueira pon en evidencia o prexuízo do presidente de identificar a utilización das redes sociais coa mocidade. O propio Feijoo, quizais por non considerarse un mozo, carece de identidade dixital de seu (onte abriu a súa conta twitter), eiva que comparten o resto dos membros do seu gabinete, algo inconcebible nun político que pretende proxectarse como modelo de modernidade austera. Ben sería que antes de apupar as súas mocidades, Feijoo valorase a importancia que Obama concedeu ao longo de todo o seu mandato a manter unha voz propia e fiable en Twitter e Fb para defender as súas políticas e asegurar a súa reelección. Pola contra, temo que despois de estragar toda a lexislatura, nestas poucas semanas de precampaña moi pouco poderán arranxar os comunity manager do PP e os xefes de prensa das consellarías para artellar unha imaxe dixital sólida dos conservadores galegos e do seu presidente. É probable que se as Autonómicas se dirimisen na rede, Feijoo tería moi difícil recuncar. Porén, como a fenda dixital aínda é considerable en Galicia, o equipo de campaña de Feijoo confía en que sexan os debates televisivos os que axuden a decantar ao seu favor un resultado hoxe moi axustado. Semella que internet e tv serán os dous soportes principais desta campaña.

Onte 358: Asonada

Hai máis de trinta anos que un membro do exército non realizaba un pronunciamento político tan contundente. Segundo o coronel Francisco Alamán Castro, se Catalunya proclamase a independencia, sería inevitable unha intervención do exército español. «¿A independencia de Cataluña? Por riba do meu cadáver.» Máis claro, auga. A entrevista publicada en Alerta digital, un medio de extrema dereita, recolle opinións do coronel sobre o Estado das Autonomías claramente anticonstitucionais, incompatibles coa súa condición de servidor público. No obstante, máis desafiantes son aínda algúns dos comentarios anónimos á entrevista, no que se destilan os vellos tópicos do neofascismo español vestido de medidas de austeridade e de discurso antipolítico. Temo que a partir de agora, a medida que se consoliden os procesos soberanistas de Euskadi e Catalunya e se profundice na actual crise económica e política, poden ser máis frecuentes estas «asonadas» de militares de extrema dereita. Preocupante.