Onte 364: «Mongolia»

Merquei o número de setembro de Mongolia. Formidable, como os catro anteriores, equilibrando no seu xusto punto a ironía, o humor satírico político e esas noticias verdadeiras que a forza de non aparecer nos medios convencionais semellan as máis extravagantes. Unha publicación que é auga de maio entre tanto aburrido conformismo. Confésome fan desta revista satírica que reivindica a textura do papel prensa e do formato tabloide, un xénero de publicacións que coa excepción de Retranca eu non agardaba nos quioscos dende aqueles tempos da Transición na que seguía Hermano Lobo e El Papus. Xenial o editorial desta Mongolia 5 dedicado ao ministro Gallardón e a reportaxe «Monarquía watch» pola que sabemos que encher o depósito do «Fortuna» custa 26.000 euros, máis que o salario medio anual.

Onte 363: Internet e tv, soportes da campaña

Feijoo está preocupado porque percibe que o PP de Galicia ten escaso peso en internet. Afeito aos parabéns e delicadezas da maior parte da prensa en papel editada no país e aos aloumiños dos medios públicos, recrimina ás Novas Xeracións «a súa escasa implicación na rede a prol dos intereses do seu partido». Alén de semellarme inxusta co papel da mocidade conservadora, está valoración tan choqueira pon en evidencia o prexuízo do presidente de identificar a utilización das redes sociais coa mocidade. O propio Feijoo, quizais por non considerarse un mozo, carece de identidade dixital de seu (onte abriu a súa conta twitter), eiva que comparten o resto dos membros do seu gabinete, algo inconcebible nun político que pretende proxectarse como modelo de modernidade austera. Ben sería que antes de apupar as súas mocidades, Feijoo valorase a importancia que Obama concedeu ao longo de todo o seu mandato a manter unha voz propia e fiable en Twitter e Fb para defender as súas políticas e asegurar a súa reelección. Pola contra, temo que despois de estragar toda a lexislatura, nestas poucas semanas de precampaña moi pouco poderán arranxar os comunity manager do PP e os xefes de prensa das consellarías para artellar unha imaxe dixital sólida dos conservadores galegos e do seu presidente. É probable que se as Autonómicas se dirimisen na rede, Feijoo tería moi difícil recuncar. Porén, como a fenda dixital aínda é considerable en Galicia, o equipo de campaña de Feijoo confía en que sexan os debates televisivos os que axuden a decantar ao seu favor un resultado hoxe moi axustado. Semella que internet e tv serán os dous soportes principais desta campaña.

Onte 358: Asonada

Hai máis de trinta anos que un membro do exército non realizaba un pronunciamento político tan contundente. Segundo o coronel Francisco Alamán Castro, se Catalunya proclamase a independencia, sería inevitable unha intervención do exército español. «¿A independencia de Cataluña? Por riba do meu cadáver.» Máis claro, auga. A entrevista publicada en Alerta digital, un medio de extrema dereita, recolle opinións do coronel sobre o Estado das Autonomías claramente anticonstitucionais, incompatibles coa súa condición de servidor público. No obstante, máis desafiantes son aínda algúns dos comentarios anónimos á entrevista, no que se destilan os vellos tópicos do neofascismo español vestido de medidas de austeridade e de discurso antipolítico. Temo que a partir de agora, a medida que se consoliden os procesos soberanistas de Euskadi e Catalunya e se profundice na actual crise económica e política, poden ser máis frecuentes estas «asonadas» de militares de extrema dereita. Preocupante.

Onte 341: Mapa europeo dos recurtes culturais

A iniciativa colaborativa de The Guardian de debuxar o mapa europeo dos recurtes cutlurais vai collendo corpo. Son os lectores e lectoras os que sitúan (por medio deste formulario) xeograficamente os recurtes que coñecen nos diversos eidos da cultura (teatro, música, museos, festivais, protección patrimonio, iniciativas educativas…). A iniciativa (recollida por El País, Público, Le Monde e La Stampa, entre outros) evidencia que é España o estado europeo máis afectado polos recurtes orzamentarios das súas iniciativas culturais, mesmo a pesar de que no mapa faltan por incluír moitos dos retallazos, como a maior parte dos realizados en Galicia. Consultar este mapa interactivo achega información moi relevante, como a existencia do oasis francés, onde a pesar da crise mantéñense a maior parte dos orzamentos culturais, ou a debacle sen paliativos que se produce en Portugal, Italia e España. Non estaría de máis que todos colaborásemos en actualizar esta información, un xeito de defender o patrimonio e as industrias culturais europeas.

Onte 340: Indignación

A detencion brutal de Rafa Estévez, o fotoxornalista de Diario Pontevedra, produciume indignación e unha enorme preocupación. Poñer un xeonllo na cabeza a un fotógrafo, que  pretendía realizar o seu traballo en moi difíciles condicións, non pode ser considerada, baixo criterio ningún, unha utilización proporcionada da violencia. Todas as informacións dispoñibles, como as declaracións das testemuñas (incluídas as das autoridades), que asistiron atónitas ao sucedido, amosan que a actuación policial no momento da detención foi desproporcionada. Como hai coincidencia en que a organización da recepción aos olímpicos galegos –entendo que o dispositivo de segurirdade é responsabilidade da subdelegación do Goberno– foi un auténtico caos. Como semella a todas luces inverosímil a presunta agresión da que a policía acusa ao fotoxornalista. O delegado do Goberno debe dar explicacións e algunha desculpa sobre o sucedido onte en Peinador.

Onte 266: Contrato cos ausentes

As entrevistas da Última da edición impresa de La Vanguardia adoitan ser memorables. Onte non desmerecía a que publicou El País con Daniel Innnerarity. O filósofo vasco poñía o dedo sobre a chaga para diagnosticar o tempo presente con algunhas afirmacións luminosas que merecen ser arquivadas: «O que non entendo é como non nos mandan a paseo as xeracións máis novas ao descubrir que a nosa burbulla inmobiliaria ímola pagar coa súa educación. A isto chámoo a ditadura do nós ou a consideración do futuro como vertedoiro de lixo do presente. Debemos buscar o contrato cos ausentes, fuxir da tiranía do aquí e agora». En días de posible rescate e de durísimas hipotecas que pagarán as xeracións máis novas, as palabras do autor de Una esperanza política son unha referencia moral e unha proclama de indignación cidadá. Non está de máis, recoñecer a complexidade actual da gobernanza do mundo, cando os financeiros rouban a soberanía.

Onte 231: Sermos Galiza

Coincidindo co aniversario dos Mártires de Carral, apareceu a edición dixital de Sermos Galiza, unha magnífica noticia para o proceso de construción nacional e para o reforzamento do ecosistema da lectura en galego. Gustei da súa vontade de ofrecer unha axenda informativa ampla (no só política) en clave nacionalista, a súa aposta pola presenza nas redes e contar sen complexos con insercións publicitarias, o que supón un exercicio moi de agradecer de corresponsabilidade social sobre o futuro deste novo e importante medio en galego. Anúnciase para o 17 de maio a aparición do semanario en papel, outra noticia para a esperanza. Beizóns para as persoas promotoras do proxecto, todos os azos para as profesionais e longa vida para Sermos Galiza!

Onte 175: Benvido «Dioivo»!

É outra beizón contar cun novo xornal dixital en galego, Dioivo, «un medio concibido para contar e contrariar». É moi prometedora a súa declaración de intencións de facer «xornalismo para o país da chuvia», un sintagma que interpretamos como unha orballada, que vai enchoupando conciencias, mais tamén con esoutro ballón teimoso, que pode chegar a modificar vontades. Polo que poidemos ver e ler nesta súa primeira xornada o deseño e a navegación son limpos e eficaces, a axenda de temas moi ampla e prometedora, os enfoques orixinais. Unha excelente saída. Parabéns ao equipo de nove xornalistas composteláns promotores e ao seu amplo equipo de colaboradores. Longa, moi longa, vida baixo a choiva tan esperanzadora!