A Ría somos nós

No artigo da semana, diante da intención da Autoridade Portuaria de Vigo de acometer novos recheos na Ría, propoño unha reflexión historica que pode axudar a entender a irracionalidade coa que se levou sempre o proceso de crecemento do porto. Levamos cento cincuenta anos empedrando o noso primeiro patrimonio. Con certeza que debería haber outra solución para a potenciación do porto de Vigo que non pasase por estragar a plataforma do noso anfiteatro.

Etiquetas:

Outro cambio é posible

O éxito evidente da manifestación de onte debería obrigar a reflexionar aos partidos do actual Goberno Galego (e aos sindicatos maioritarios) sobre cal é a súa deriva no que respecta á política medioambiental, industrial, forestal e de ordenación do territorio que defenden para o país. A presenza na manifestación de numerosas bandeiras galegas (sen a estrela, tamén as había que a levaban), xa non é a primeira ocasión, é algo, que non semella casual. Esta manifestación amosa que existe unha cidadanía de esquerda e nacionalista en Galicia que cre que outro cambio é posible (as presenzas de Camilo e Beiras son significativas), sen que isto supoña estragar o territorio e acomodarse aos intereses dos poderes económicos. BNG e PSdeG-PSOE deberían tomar nota (e moito máis en plena campaña electoral).


Actualización (19-02-2008): Sobre esta mobilización é moi interesante a análise d’ A contrafío (parabéns pola volta).

Etiquetas:

Nunca Máis

Ao fío da anotación anterior, penso que debo recuperar para o blog o artigo publicado o chuviñento domingo 1 de decembro de 2002 en Faro de Vigo, o mesmo día que se celebrou a grande manifestación do Obradoiro. Repasando, agora o texto (e sen modificar nin unha coma nin a ortografía anterior á da reforma de 2003), despois de cinco anos, os argumentos que manexaba foron abondo premonitorios. Eis o texto titulado NUNCA MÁIS:

Cando escribo, nesta tarde grisenta de venres, a nova marea negra, a segunda, esa temible das once mil toneladas, aínda non chegou á costa galega. Horas antes, escoitei na Radio Galega a Enrique López Veiga, o conselleiro de Pesca, que advirte con voz preocupada que “Galicia se debe preparar para o peor” xa que a mancha de fuel está só a trinta quilómetros de Fisterra. Quince días despois do naufraxio do “Prestige” e, por vez primeira, un dos responsables da Xunta de Galicia expresa o seu temor diante do inevitable vento de poñente e da imposibilidade que teñen os sete barcos internacionais en continuar a súa loita contra esa enorme marea que conmociona a todo o planeta. A alerta de López Veiga é inmediatamente desmentida polo presidente da Xunta que na cadea Cope, logo de sinalar “a perfecta coordinación de todas as administracións” en relación co accidente, asegura que “os afectados poden respirar tranquilos diante do Nadal” xa que axiña terán as compensacións aprobadas polo Congreso dos Deputados. Noticias que se completan coa publicación do informe da Axencia Internacional de Investigación do Cancro que anuncia que os estudios epidemiolóxicos demostran que hai evidencias de abondo de que o fuel da Prestige contén substancias canceríxenas ou das declaracións dos técnicos franceses do CEDRE ao diario Liberation poñendo en dúbida as posibilidades de que o fuel se solidifique nas profundidades mariñas (unha evidencia incuestionable para o vicepresidente Mariano Rajoy).
Noticias todas elas –e non nos estendemos nin nas bochornosas cacerías dalgúns mem-bros do goberno galego, a pesar de que o seu presidente asegure que aforrou uns cantos cartuchos, nin nos exercicios de prepotencia de Aznar e dos seus ministros– que demostran que a catástrofe do “Prestige” vai deixando claras unhas cantas cousas. Primeira, a gravidade sen precedentes desta marea negra, o maior desastre ecolóxico provocado no planeta por un petroleiro, que devasta e devastará durante moito tempo a nosa beiramar, un patrimonio de toda a Humanidade. Segunda, a catastrófica xestión política (por utilizar unha palabra elegante e un ton de expresión moderado) desta crise por parte do goberno español e do “desaparecido” goberno galego, que unhas veces eludiron sen a penas inmutarse a súa responsabilidade, e outras tentaron agochar a información que posuían, deixando así orfos, impotentes e desasistidos aos habitantes deste país milenario que chamamos Galicia. E isto doe, isto desacouga, isto indigna.
Por que afectados pola marea negra son os percebeiros, os mariñeiros e as súas familias (máis de sete mil, ata o momento) que loitan cómo mellor poden contra o chapapote tóxico que estraga o seu medio de vida e rouba o seu porvir e o dos seus fillos. Por que afectados son todos os veciños dos concellos da beiramar coruñesa (Muxía, xa é outra das nosas vilas asolagadas) que comproban como a morte habita nas súas praias e pasea polos cantís. Por que afectados somos, tamén, o resto dos galegos que vemos cómo se arruína este noso patrimonio natural: dende os areais de Corrubedo aos de Baldaio e Barrañán, dende as nove parellas de arao común dos illotes de cabo Vilán ata os milleiros de aves gorecidas nos areais da Costa da Morte, pilladas no seu emigrante devalar; dende o percebe das rochas do Roncudo ata os criadeiros de fitoplancton, marisco e peixe.
A marea negra do “Prestige” está provocando, sen embargo, outro efecto imprevisto. Os galegos desta volta non calaron, transformaron a súa indignación nunha nova conciencia crítica mobilizadora que emerxe en múltiples iniciativas cívicas: dende os crespóns que comezan a verse sobre a bandeira nos balcóns da cidade, os peches de artistas, as roldas de correo electrónico, ata o xeneroso traballo dos voluntarios nas praias. Unha mobilización da sociedade civil que foi capaz de tirar dos adurmiñados partidos da oposición parlamentaria e, afortundamente, tamén dalgúns xornais e emisoras privadas que sitúandose coa opinión pública están seguindo de forma admirable o desenvolvemento da catástrofe e da crise política que esta provocou.
A cidadanía galega semella que estes días quere desatar os seus nós e saír do seu conformismo esixindo que nunca máis se repita esta catástrofe humana perfectamente evitable. Sabemos que coa marea do “Prestige” nos estamos xogando o noso futuro e a nosa dignidade colectiva. A esperanza para afontalo é non ceder á resignación nunca máis. ¡Nunca máis!

Etiquetas:

Chapapote Prestige

Daquela non existían estas brétemas. Este foi o artigo que publiquei en Faro de Vigo o 24 de novembro de 2002. Debe quedar no arquivo.

“Vivimos tristes, pendentes dese fío caprichoso da dirección do vento no mar estragado. Estamos desolados diante deste avalancha de chapapote viscoso e pegañento que abeira sobre o futuro deste país que chamamos Galicia. Volvimos quedar marcados por outro petroleiro, igual que noutrora sucedera co Polycomander, Urquiola, Erkovitz, Casón ou Mar Exeo. Os galegos fomos asaltados por unha sucesión de mareas negras, todas elas perfectamente evitables, que ao xeito do diapasón que marca o ritmo cadencioso do silencio, arrasa coa nosa esperanza. Esta marea de chapapote que nos luxa a mirada e o corazón prodúcenos moito malestar e, tamén ese cabreo imprescindible para rebelarnos cunha situación criminal que outros escolleron para nós.
Non lle botemos culpas ao vento, que brama pero non minte: o temporal, por furioso que fora, non é culpable. O do Prestige non é outro accidente máis, é unha marea negra, por moito que lles moleste a Aznar, a Cañete, a Cascos, a Matas ou ao delegado do goberno (para todos eles “manchas de fuel-oil baixo control” sic); si, unha marea negra que xa é, para a prensa internacional, dende o “Financial Times” a “Le Monde”, a maior catástrofe ecolóxica mundial provocada por un petroleiro. As causas profundas desta marea negra están na voracidade do capitalismo impaciente da globalización, no escaso peso político do goberno galego e no pouco respecto que ao goberno central lle merece Galicia como país diferenciado.
O Prestige encallou porque un tinglado de empresas case invisibles de non sei cántos países queren obter os máximos beneficios no transporte de fletes. Pouco lles importa a estes novos piratas, agochados tralo pano das bandeiras de conveniencia, as condicións de seguridade das súas embarcacións (vellas e remendadas) ou a capacitación das súas tripulacións (escasas e, seguramente tamén, mal pagadas). Velaí outro efecto perverso da globalización que protexe máis esa suposta liberdade de comercio destes empresarios da city londinense de rostro invisible (¿coñecen algunha foto deles?) ca os dereitos dos habitantes do planeta de conservar e protexer a calidade de vida nos océanos, un patrimonio natural e social que non cotiza nas bolsas internacionais.
A marea negra do Prestige sobre as nosas costas, que aparecen nos informativos de C-NN como “Galician coast” (existimos, si existimos), provocouse, tamén, pola falta de medios de salvamento (¿u-los grandes remolcadores?, ¿u-los plans de emerxencia?) e pola propia actuación dos responsables do goberno español, máis preocupados por aminorar os efectos mediáticos e políticos que a catástrofe podía provocar sobre eles, ca en solucionar un problema (indubidablemente, moi difícil e complexo de abordar) que estragará os medios de vida de milleiros de persoas e un patrimonio natural que o é dos galegos, dos portugueses e de toda a humanidade. Imaxinemos que esta marea se producise diante da Costa Brava catalana: ¿Aznar intentaría levar ao petroleiro cara ás augas francesas da Costa Azul? ¿Rajoy sobrevoaría a zona afectada un par de horas e marcharía, como se non vira nada doutro mundo, a un mitin do partido noutra comunidade? ¿Pujol inauguraría nos mesmos días unhas xornadas sobre o impacto medio ambiental da industria petroleira? ¿Contaríase con setecentos soldadiños da Armada para a limpeza das praias? ¿A sociedade civil catalana respondería da mesma forma paciente e resignada ca o esta facendo a nosa? Non, non son capaz de imaxinalo
Combater de forma eficaz os efectos desta marea negra e da que pode chegar (non esquezamos que Cíes, Ons e a Arousa seguen ameazadas) require máis medios; a solidariedade internacional (¡Gracias, Chirac!, ¡As nosas desculpas, irmáns portugueses!) é imprescindible e urxentísima, anque o prepotente goberno de Aznar teime en rexeitala. Precisa do apoio dos expertos e científicos das universidades e das organizacións ecoloxistas para tomar decisións fundamentadas e eficaces, que aquí se desprezan e, nalgúns casos, se combatan abertamente. Necesita axudas económicas inmediatas para todos os afectados que aquí parecen un “agasallo” que trae unha tarde o presidente. E, sobre todo, require artellar un plan de actuación claro e consensuado por todas as administracións, dende a Unión Europea aos concellos afectados, do que ata hoxe se carece. Eliminar ese chapapote viscoso que nos asolaga necesita de todas estas medidas e, tamén, que se escoite con contundencia a voz dunha conciencia crítica da sociedade galega. Velaí o noso envite para vencer o chapapote.”

Etiquetas:

Climántica

Buscando recursos educativos na rede atopo ao chou o proxecto Climántica, promovido pola Consellaría de Medio Ambiente. Esta iniciativa, dirixida ao alumnado de Secundaria, pretende abordar os grandes problemas ambientais, relacionados co cambio climático a nivel global. Oito unidades didácticas e moito material de sensibilización cidadá para descargar (algún moi pavero) poden atoparse nun magnífico sitio web. Gustoume moito e mesmo hai debate científico sobre a orixe de certos datos. Recoméndoo vivamente.

Etiquetas:

Ostedijk (II)

Nesta crise do Ostedijk é o medo quen está gobernando a actuación das autoridades de salvamento marítimo e da Xunta. Os membros do gabinete de crise deberon asumir o difícil condicionante de non poder atracar o barco (a pesar de que recoñeceron que sería unha das medidas posibles), pola alarma social e mediática que iso produciría e as consecuencias electorais que podería provocar nos municipios da Mariña. A solución adoptada de fondealo a unha milla da costa e alí proceder a enfriar a carga (non hai información sobre outras iniciativas que corresponden ao armador) semella, pois, unha solución estritamente política.
Afortunadamente parece (aínda que a información é escasa e parcial) que este “incidente” do Ostedijk non pasará á categoría das nosas catástrofes medioambientais; porén, déixanos a decepción no xeito de afrontar a crise por parte do Goberno Central (non esquezamos que é quen ten as competencias en salvamento marítimo): moi amedoñado pola posibilidade de tomar unha decisión equivocada e amosando escasa autoridade diante dos poderes locais (o alcalde socialista de Viveiro gañoulles o pulso de forma insólita).
O papel da Xunta nun “incidente no que non ten competencias” está sendo discreto –tan discreto que moitas veces creriamos que o Goberno Galego só ten competencias en protección civil–, escasamente proactivo, evitando tomar calquera iniciativa comprometida (outra volta o medo a fallar), falando do asunto o menos posible e limitándose a axudar a capear o temporal entre os alcaldes da comarca. Meu deus…!
Si, co Ostedijk, a sombra das consecuencias políticas do Prestige ésta sendo moi alongada.

Etiquetas: ,

Ostedijk

Sabemos qué está pasando nese barco? É a situación máis grave do que se nos está contando? Non había un protocolo sobre zonas de abrigo para unha situación coma este? Lévome facendo estas preguntas ao longo da tarde e non lle atopo moitas respostas razoables. Aínda que non estamos polo momento diante dunha catástrofe ecolóxica, a situación errática do Ostedijk vai collendo demasiadas semellanzas co pesadelo do Prestige; razón pola que non serei eu quen propoña qué se debe facer co barco, xa que para iso están os responsables técnicos e os especialistas para determinalo.
Sexa como for, algunhas conclusións das informacións recadadas xa se poden irse tirando:

  1. O mercante holandés non estaba, segundo algúns técnicos, a pesar de contra só cun ano de vida, suficientemente preparado para transportar esa carga perigosa. Xa dóra retido en Francia durante sete días por mor de trinta e unha deficiencias.
  2. O accidente produciuse por un erro humano xa que despois de agotado o gasóleo, os responsables do barco puxeron en funcionamento o abastecemento de fuel (que cómpre quentar), razón pola que as tuberías (que non estaban ailladas termicamente) queceron as chapas e provocaron que o fertilizante comezase a descompoñerse.
  3. É evidente que despois de catro anos e medio da crise do Prestige, non estamos aínda preparados para xestionar outra catástrofe marítima. É certo que contamos cun buque potente de salvamento marítimo e de loita anticontaminación, mais non posuímos un protocolo sobre portos refuxio e zonas de abrigo. Os responsables do comité de crise, saben o qué han facer?
  4. O problema principal da costa galega é o tráfico intenso de barcos perigosos pola autoestrada do mar que conforma a nosa fachada atlántica. A lexislación europea aínda é moi permisiva (a diferenza da estadounidense) con este tipo de embarcacións, auténticas bombas no mar.
  5. A política informativa (a pesar de contar o comité de crise cunha única portavoz, o que supón un adianto) non está sendo o suficientemente puntual, transparente e comprensible para a cidadanía. A utilización de xeralizacións e eufemismos (“os gases non son tóxicos, senón irritantes”, o que quere dicir que son inflamantes; “o rumbo non foi errático, senón que a dirección do mercante sufriu variacións”…) non é o mellor xeito de evitar a alarma social e a conmoción que un acontecemento deste tipo provoca.
  6. Cómpre agardar en que amaine o temporal e confiar no bo facer dos técnicos (a situación pode alongarse varias semanas)?

Confiemos que a do Ostedik só sexa un pesadelo de entroido e a inevitable dose de catástrofe na nosa costa que, mentres non mude a lexislación europea sobre transposrte marítimo, nos toca sufrir cada certo tempo.

Etiquetas: ,