Ramiro Fonte. Homenaxe dos amigos
/en Homenaxes, In memoriam, Iniciativas, Poesía/por bretemasCo gallo do terceiro aniversario do pasamento do escritor Ramiro Fonte, o domingo 9 de outubro celebrarase en Pontedeume, vila natal do poeta, un acto literario organizado polos seus amigos. O encontro pretende converterse nunha cita anual que contribúa a manter viva a obra e a memoria dun dos autores máis senlleiros das letras galegas do século XX.
«Non nos gustaría que a súa obra puidese caer no esquecemento ou ser usada en beneficio de vaidades persoais ou de institucións. A súa obra é un patrimonio cultural. É de todos os lectores. E como amigos del, queremos axudar a que a xente se achegue a ela e a coñeza», sinalan os organizadores do encontro. «Ao cabo, é algo no que Ramiro sempre se significou: el teimaba en que a tarefa artística fose un camiño individual e libre, en que o intelectual non se deixase condicionar polos ditados do mercado nin servir a intereses espurios. O escritor, insistía adoito, escribe exclusivamente para os lectores, procurando neles futuros cómplices».
O acto celebrarase ás 12.30 da mañá na Praza das Angustias, fronte á casa na que o poeta viviu na súa infancia. Alí, Elsa Baluja, viúva do poeta, descubrirá unha placa na súa lembranza e amigos de Ramiro lerán algúns dos seus poemas.
Fundación Premios da Crítica Galicia
/en Iniciativas, Premios/por bretemasHoxe participei na constitución da nova xunta directiva da Fundación Premios da Critica Galicia, un proxecto do galeguismo integrador que non podía crebar a súa andaina despois do seu funcionamento ininterrompido dende 1978.
Os reunidos acordamos nomear a seguinte xunta directiva: presidencia, Bieito Ledo; vicepresidencia, Antón Pulido; secretaría, Manuel Bragado; vicesecretaría, Xavier Senín; tesourería, Anxo X. Rajó; vocalías, Comba Campoy García, María do Cebreiro, Víctor Fernández Freixanes, María López Sández, Inmaculada López Silva, Marcos Lorenzo, Charo Portela Yáñez, Blanca-Ana Roig Rechou, Ernesto Sánchez Pombo, Antón Sobral e Anxo Tarrío Varela.
Ademais, tras analizar aspectos relativos ás características de cada unha das modalidades, acordamos que o fallo dos premios correspondentes ao ano 2011 realizarase na cidade de Vigo o serán do 22 de outubro. O 26 de agosto celebraremos en Compostela unha nova xuntanza.
Galiza co galego. Acto en Vigo
/en Eventos, Iniciativas, Lingua/por bretemasA Comisión Promotora Galiza co Galego, en colaboración coa plataforma Prolingua, organiza un acto público a prol da educación en galego que terá lugar o venres 29 de abril, en horario de 20:00 a 21:30 horas, na Casa Galega da Cultura situada na Praza da Princesa de Vigo. No acto, que será presentado por Iolanda Veloso, concelleira de Normalización Lingüística, Quique Costas presentará o relatorio «Linguas minorizadas europeas en proceso de normalización» e os membros da Comisión Galiza co Galego presentarán un informe sobre o traballo desenvolvido cara a facer efectivo o noso dereito á educación en galego. Pola nosa parte presentaremos un ponencia sobre «As razóns para educar en galego».
A rede popular de ensino en galego conta neste momento con máis de 2.900 apoios ao seu manifesto.
«Vento Lois», recital expansivo o 12 de maio
/en 17_de_maio, Efemérides, Eventos, Iniciativas, Poesía/por bretemasXosé Manuel Pereiro e Manuel Rivas convocan Vento Lois, un recital expansivo que se celebrará en todo o mundo 0 vindeiro 12 de maio ás 8 da tarde. Eis a súa carta, que pregamos difundir:
Despois do Vento Lois que soprou na Coruña o pasado 20 de marzo, queremos que o aire da súa furia e do seu paixón acade todos os recantos do universo.
Para elo, a seita loisista, co apoio da Asociación de Escritores en Lingua Galega, o Pen Clube de Galicia e a Asociación Galega de Editores, chama a organizar un novo vendaval, que percorra todo o mundo, o día 12 de maio ás 8 da tarde: lectura de textos de Lois, sobre Lois, música, performances, teatro…
Solicitamos a túa colaboración por se podes argallar ou contribuír a argallar calquera acto, institucional ou persoal, en calquera lugar –bar, praza, monte, praia, recinto cultural- para ese día e esa hora. Se é así, faino ou, como remataba Lois a súa Modesta proposición, «quen teña tempo, enerxía, e desexe facer algo, que vaia propoñendo algo… (Por exemplo)».
De momento, están xa confirmados un concerto no cárcere da Coruña, (a partires das 21,00 horas), un recital aberto no Centro de Interpretación de Viño de Monforte e outro en Toulouse (en lugar por confirmar)
Na web de Lois http://loispereiro.blogaliza.org habilitarase un espazo no que apuntar as iniciativas en cada localidade, e así xuntar xente, propostas e esforzos. O resultado –fotografías, vídeos, comentarios- será recollido primeiro na propia web, e logo xa se verá.
A proposta de escaleta do acto pode consultarse aquí:
En defensa da LNL
/en Artigos, Artigos Faro de Vigo, Goberno Feijoo, Iniciativas, Lingua/por bretemasNo artigo da semana en Faro de Vigo volvo sobre a iniciativa de Prolingua en defensa da Lei de Normalización Lingüística.
“A secular e florecente vella lingua dos galegos está sometida desde hai séculos, e especialmente hoxe en día, a un proceso de progresiva degradación e esmorecemento que ameaza a súa propia supervivencia precisamente na súa terra de nacemento, consecuencia dun longo proceso histórico. (…) A actual situación da lingua dos galegos é problemática e incerta. A coexistencia dos dous idiomas, galego e castelán, só legalmente cooficiais a partir da aprobación do Estatuto de Autonomía, é conflitiva e asimétrica, e agocha unha pugna desigual onde o galego sofre unha profunda subordinación. (…) As actuais relacións asimétricas entre o galego e o castelán esixen, en aplicación do espírito e a letra do artigo 5º do Estatuto de Autonomía, que o galego teña un apoio proporcionado ao grao de subordinación que actualmente sofre a fin de que no futuro o seu uso normalizado e pleno faga innecesaria toda medida tutelar.”
Esta escolma de tres textos sobre a situación da lingua dos galegos forma parte da exposición de motivos da “Proposición de lei de normalización lingüística en Galicia” presentada en 1981 polo deputado vigués de Esquerda Galega Camilo Nogueira. Tres textos que non perderon actualidade nin vixencia e que no marco do recoñecemento que o daquela recente Estatuto de Autonomía, tamén de 1981, viña de facer do galego como lingua propia de Galicia, abriron no Parlamento galego un proceso de debate xeneroso entre os seus grupos que levou dous anos despois a aprobación por unanimidade (AP, UCD, PSOE, PCG e EG) da Lei de normalización lingüística (Lei 3/1983, de 15 de xuño). Un fito senlleiro para a historia da nosa lingua co que se propoñía conseguir mudar a súa deriva histórica e a súa postración social. Un importante consenso político que, dende aquela, permitiu forxar os alicerces sobre os que se desenvolverían o “pacto”, “acordo” ou “consenso” (tanto nos ten a palabra escollida) arredor das políticas lingüísticas e de fomento do emprego do galego acometidas polos diversos gobernos, tanto os presididos polos populares, como aqueloutros de coalición de socialistas, galeguistas e nacionalistas.
Un “acordo” ou “consenso” –que dende entón non fora cuestionado nunca polos seus asinantes, deica a virada actual asumida polo Partido Popular de Galicia presidido por Alberto Núñez Feijóo– baseado en catro principios de acción positiva asumidos amplamente pola sociedade galega como eixos da súa convivencia lingüística. Primeiro, a cooficialidade de ambas as dúas linguas, o que supón procurar a súa igualdade xurídica real e desenvolver idéntica competencia nas dúas linguas do conxunto da cidadanía. Segundo, o carácter do galego “como lingua propia de Galicia”, o que a recoñece como sinal identitario e patrimonio principal do país. Terceiro, a necesidade de políticas de promoción do galego –necesarias por atoparse o noso idioma nunha situación de partida de clara desigualdade con respecto ao castelán– para garantir a súa presenza social en todos os ámbitos sociais, con especial atención aos da administración, o ensino e os medios de comunicación. E cuarto, o respecto ao principio de individualidade, que supón que cada cidadán utilice a lingua da súa preferencia nas súas comunicacións non institucionalizadas.
A Lei de Normalización Lingüística permitiu, pois, chantar os alicerces dun “acordo” histórico –non sempre executado polos diversos gobernos coa mesma convicción e entusiasmo– actualizado en 2004, e consensuado tamén en sede parlamentaria por PPdeG, PSdeG-PSOE e BNG, no “Plan Xeral de Normalización Lingüística”. Unha excelente actualización do consenso, esfarelada polo actual Goberno tras a aprobación unilateral do “Decreto de plurilingüismo” (2010) e da “Lei de convivencia e participación” (2011), medidas coas que os populares pretenden contentar a aqueles sectores negacionistas que non queren ter contacto ningún coa lingua galega.
Tras as declaracións dalgúns candidatos populares sobre a posibilidade de mudar os topónimos dalgunhas poboacións –o artigo 10º da LNL establece que a súa única forma será a galega–, é oportunísima a iniciativa da plataforma apartidaria Prolingua (www.prolinguagalega.org) que solicita ao presidente da Xunta o seu compromiso público de non promover nin acometer ningunha reforma da Lei de normalización lingüística que non se produza co mesmo consenso e unanimidade coa que a Lei foi aprobada no seu día. Unha modificación unilateral da LNL, como a que enuncian algúns candidatos populares, suporía un abuso de poder inadmisible, dada a escasa lexitimidade democrática e moral que se contén no feito de modificar por maioría simple o que se adoptou por unanimidade en 1983. O futuro da lingua de todos os galegos, un patrimonio da humanidade ao noso coidado, non pode ser comprometido por unha presada de votos.
Prolingua en defensa da Lei de Normalización Lingüística
/en Goberno Feijoo, Iniciativas, Lingua/por bretemasHoxe os membros da Cerna de Prolingua entregamos no rexistro xeral da Xunta de Galicia unha carta para o presidente Alberte Núñez Feijóo. No texto expoñémoslle a nosa preocupación sobre unha hipotética, mais non descartada, reforma da actual Lei de Normalización Lingüística, solicitándolle se comprometa publicamente a non promover nin acometer ningunha reforma desta lei que non se produza co mesmo consenso e unanimidade con que a foi aprobada no seu día.
Se desexas apoiar esta petición, asina a petición en liña.
Vento Lois
/en 17_de_maio, Autores, Efemérides, Eventos, Iniciativas, Poesía/por bretemasO domingo estarei na Coruña para participar en «Vento Lois». Primeiro na manifestación poética que comezará ás doce e media na Praza de María Pita; logo, a partir da unha, no recital cívico do Teatro Rosalía de Castro. Será unha boa oportunidade para intensificar a presenza social da obra de Lois Pereiro e preparar ese gran recital expansivo polo país enteiro que se celebrará días antes do 17 de maio.
Ver para ler, unha campaña de escaparatismo moi xeitosa
/en Iniciativas, Lectura, Promoción do libro, Publicidade, Slideshare/por bretemasXa o anunciei hai días en Twitter. Esta campaña de escaparatismo de Ópticas Santorum de Lalín é magnífica. O emprego de libros como apoio publicitario da venda de lentes é unha sinerxia que paga a pena divulgar, tanto pola súa capacidade para visibilizar o libro e fomentar a lectura como pola beleza que os álbums ilustrados achega a cada vitrina. Beizóns para a promotora dunha iniciativa que ben podería ser emulada por outros sectores do comercio.
Fervenzas Literarias, o mellor de 2010
/en Blogs, Blogs_e_libros, Cultura, Iniciativas, Internet, Persoal, Premios, Promoción do libro/por bretemasVelaí o palmarés do mellor de 2010 de Fervenzas Literarias, outorgado pola votación de máis de cincocentas persoas na rede. A nosa gratitude polo que lle corresponde a Brétemas como o mellor blog do pasado ano.
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
Recomendo
Últimas anotacións
- Lar20 de Novembro de 2024 - 10:22 a.m.
- Festa do cabazo19 de Novembro de 2024 - 9:45 a.m.
- Pregón da festa do cabazo17 de Novembro de 2024 - 9:02 p.m.
- Xigantes da lectura13 de Novembro de 2024 - 10:32 a.m.
- Discurso de recepción do premio «Lenda do recreo»12 de Novembro de 2024 - 9:36 a.m.