Comercio interior do libro en galego 2007 (II)

DATOS POR TIPOS DE EDICIÓN DO LIBRO EN GALEGO

Os datos da edición en galego por tipos de edición sinalan a importante dependencia do sector con respecto á edición da canle escolar e paraescolar, na que se inclúen o libro de texto, a literatura infantil e xuvenil e os dicionarios.

– Durante o ano 2007, o libro de texto supuxo o 38,60% dos títulos (500), o 37,00% dos exemplares fabricados (796.000 ex.) e o 49,60% da facturación (10,91 millóns de euros).

– A literatura infantil e xuvenil achegou o 32,60% dos títulos (418), o 35,70% dos exemplares (759.000 ex.) e o 18,20% da facturación (4,00 millóns de euros).

– Os dicionarios contribuíron co 0,50% dos títulos (10), 3,50% dos exemplares (64.000) e o 13,90% da facturación (3,058 millóns de euros).

Se xuntamos toda a edición da canle escolar e paraescolar, comprobamos que en 2007 achegou o 71,70% dos títulos (928), o 76,20% dos exemplares editados (1.619.000) e 81,70% (17,96 millóns de euros).

No resto de ámbitos temáticos da edición en galego, destaca a edición literaria co 18,4% dos títulos, o 13,6% dos exemplares e o 12,00% das vendas en euros. É de salientar, tamén, o peso reducidísimo da edición científico técnica en galego.

Con respecto ás variacións interanuais (entre 2006 e 2007), compróbase unha tendencia á diminución en todos os ámbitos, tanto nos da canle escolar e paraescolar, como nos da edición literaria.

O libro de texto, entre 2006 e 2007, diminúe moi lixeiramente, tanto o número de títulos publicados como a súa facturación (en porcentaxes arredor do 1%), a pesar de que en 2007 comezou á implantación dos novos currículums e do decreto de fomento do galego. Diminución que se incrementa na literatura infantil e xuvenil que perde de 2006 a 2007 o 1,9% dos títulos e o 1,8% da súa facturación. Pola contra, a pesar de diminuír a edición de novos dicionarios, aumenta a súa facturación nun 7,1%. Idénticas tendencias á baixa amosa a edición literaria, que diminúe lixeiramente en número de títulos (0,70%), como en facturación (2,90%) [Dedicaremos unha anotación específica á edición literaria en galego]

Podemos concluír, pois, que o libro en galego en 2007 amosa unha fortísima dependencia dos tipos de edición que empregan a canle escolar e paraescolar (en porcentaxes entre o 70% e o 80%, moi superiores ás que viñamos manexando noutros informes), ao tempo que amosa unha tendencia de lixeiro retroceso do seu volume de edición e da facturación (en case todos os tipos de edición, incluído o libro de texto, a pesar da implantación dos novos currículums e do decreto de fomento do galego).

Comercio interior do libro en galego 2007 (I)

DATOS XERAIS: PRODUCIÓN EDITORIAL E FACTURACIÓN DO LIBRO EN GALEGO

As referencias aparecidas nos diversos medios sobre o Comercio do interior do libro en Galicia 2007 apenas diferencian os datos referidos á edición en Galicia e á edición en galego realizada polas 43 editoras agremiadas á Asociación Galega de Editores. Porén, este informe, a pesar dalgunhas insuficiencias (sobre todo a de non contabilizar nin a edición en galego nin a facturación das editoras radicadas fóra de Galicia, o que pode supoñer un 20% do número de títulos anuais), proporciona unha radiografía moi nítida de cales son os indicadores principais e as tendencias da edición en galego durante o período 2005-2007.

Os datos amosan que se produce unha diminución tanto no número de títulos editados (que baixa aos 1.295 en 2007), no número de exemplares producidos (que baixa nestes tres anos dez puntos) como na tirada media (só 1.643 exemplares en 2007). Esta tendencia á diminución do noso volume de edición en galego supón un lixeiro decrecemento do seu peso na edición en Galicia, que pasa do 82,96% dos títulos editados de 2005 ao 79,80% en 2007.

Con respecto á facturación, se consideramos o trienio, prodúcese un aumento moi significativo do 22,38%, pasando dos 17,78 millóns de euros aos 21,76 de euros, a pesar de que entre 2006 e 2007 hai unha pequena baixa. Estas cifras supoñen un incremento da cota de mercado do libro en galego que pasa do 12,11% do ano 2005 ao 13,14% do anos 2007 (sendo aínda mellor o dato de 2006 onde acadou o 14,44%). Esta porcentaxe entre o 12% e o 15% semella ser o peso real do libro en galego (sendo o do libro editado en Galicia entre o 17% e o 18%).

Convén salientar que o importante incremento da cifra de facturación do libro en Galicia, entre 2006 e 2007, debeuse ao incremento do prezo medio (e non tanto ao número de exemplares) que pasou de de 13,20 € a 15,40 €.

Os datos xerais do libro en galego durante este trienio (2005-2007) amosan unha clara tendencia á baixa no que atinxe ao volume da edición, mentres se mantén a liña ascendente de facturación, crebada entre 2006 e 2007. Na seguinte anotación ocuparémonos da análise da edición e facturación por ámbitos temáticos.

O preocupante estado da edición en galego

Representantes da AGE presentaron onte dous documentos que amosan de forma contundente o preocupante estado actual da edición en galego: o Estudo do comercio interior do libro 2007 e un novo informe sobrea mellora do sistema de préstamo do libro de texto. Dous documentos (que desmiuzaremos no blog devagariño) que amosan, ademais, a triste herdanza que deixa o goberno bipartito sobre o libro galego: baixa da produción do libro en galego (tanto en número de títulos, de exemplares como de tirada media), perda de peso do libro en galego no conxunto do noso sector editorial (tanto na produción como na súa visibilidade mercado), retroceso da facturación do libro en galego, desaparición de librarías, … Datos que corresponden ao ano 2007, un tempo aínda de importante crecemento económico, razón pola que a publicación destes datos é aínda máis preocupante na coxuntura actual de clara restrición no mercado. Datos que veñen corroborar agora as valoracións que fixemos hai meses. No entanto, é unha estupenda noticia que ás portas do inicio dunha nova lexislatura e da constitución dun novo goberno, o conxunto do sector do libro presente unido o diagnóstico e a alternativa para os seus problemas. Agardemos que signifique o inicio dun repunte para o sector do libro en galego.

Os nosos índices de lectura

No artigo da semana reflexiono sobre os índices de lectura máis recentes dos que dispoñemos. O repunte dos hábitos lectores, o incremento da lectura en galego, a mobilización lectora da mocidade e o importante papel das bibliotecas escolares e do sistema escolar neste proceso son algunhas das cuestiónas abordadas.

«IGADI Annual Report 2008-2009»

Dende aquí pode baixarse en pdf o Informe Anual do IGADI. No documento, que leva por titulo «As crises dunha nova xeopolítica global», afóndase nas claves do 2008 e as perspectivas para o 2009. Entre as primeras destácase a elección de Barack Obama, o auxe do G-20 para facer fronte á crise económica mundial, o poder olímpico de China, o xadrez xeoestratéxico de Rusia ou o dramatismo da xeopolítica das materias primas. Entre as perspectivas para 2009, o documento afonda na crise económica, o epicentro da inestabilidade global (Afganistán-Paquistán), as dificultades da reforma chinesa, as presidenciais de Sudáfrica ou o peche de Guántamo. Os nosos parabéns para Xulio Ríos, o director do informe, e para o seu equipo. Esta é unha magnífica ferramenta para comprender a situación actual o mundo dende Galicia.

«La lectura en España. Informe 2008»

A Fundación Germán Sánchez Ruipérez e a Federación de Gremios de Editores de España acaban de publicar un informe sobre a situación da lectura en España durante o pasado ano 2008. Baixo o título de La lectura en España. Informe 2008 e o subtítulo «Leer para aprender», o volume cooordinado e introducido por José Antonio Millán realiza un amplo percorrido sobre as cuestións básicas da lectura e as fronteiras actuais da edición e dos futuros do libro.Organizado en tres grandes apartados, precedido dun adral maxistral de Roger ChartierAprender a ler, ler para aprender»), na primeira abórdase a situación actual da lectura (con traballos sobre a ofreta editorial, a situación libreira e bibliotecaria, a lectura da prensa e o papel da lectura no sistema educativo), na segunda a voz dos lectores e na última unha varia de achegas dalgúns dos máis importantes ensaistas sobre a lectura (dende Cassany e Barandiarán ao propio Millán). Un informe onde hai moito para debullar e reflexionar. É de salientar como extraordinariamente positivo que o informe se publique baixo unha licenza Cretive Commons e se poida baixar gratuitamente en formato pdf, dende a páxina da Federación de Editores, tanto completo como por cada un dos seus capítulos. Sen dúbida, isto si que constitúe un fito na historia da edición en España.