Faleceu Xesús R. Jares

Estou enormemente conmocionado xa que hai só unhas horas que faleceu o meu amigo Xesús R. Jares, fundador de Educadores pola Paz de Nova Escola Galega. Suso sempre foi un modelo de dignidade e, como tal, morreu cos brazos abertos á vida, ofrecéndonos a tenrura e a esperanza pola que loitou toda a súa vida. O acto civil na súa memoria terá lugar hoxe domingo ás 20:00 horas no Vigomemorial. Con todos os nosos abrazos para Paz e Sira.

Xan Bouzada

Morreu Xan Bouzada, unha persoa dunha peza e o noso sociólogo da cultura. Esta tarde a cerimonia civil do seu pasamento, no que interviron Darío Xohán Cabana e Ricardo Torres Queiruga, foi o derradeiro xesto da súa enteireza moral diante dos seus centos de amigos e amigas desolados pola súa perda. Baixamos do meixueiro sen saber qué dicir. Con todos os abrazos para os seus.

Morreu Agustín Díaz Blanco

Fermosas e atinadas as palabras de Pereiro. Agustín Díaz foi un dos grandes do xornalismo galego das tres últimas décadas. Recordaremos sempre a Tincho como un xornalista comprometido, informadísimo, rigoroso, agarimoso, políglota, camiñante… Unha gran perda. Con todos os abrazos para os seus.

Finou Xaime Quessada

O pasamento do pintor e escritor Xaime Quessada entristece este fin de ano. Un dos máis importantes artistas galegos de sempre, o máis picassiano da xeración dos “artistiñas” ourensáns do Volter –un creador xenial, culto, xeneroso, combativo e desmesurado– Xaime abordou todas as linguaxes da pintura contemporánea, dende o realismo máxico inicial até a expresión cubista e non figurativa dos seus últimos traballos.
Como escritor son para min salientables tres das súas obras: Cuentos crueles, Lucenza e El recristo de Baraña, a alucinada novela de certo carácter autobiográfico, reeditada hai poucos anos (a primeira edición fora censurada) por Nova Galicia, a editorial galega de Carlos del Pulgar que máis se preocupou de divulgar a obra do pintor ourensán. Nova Galicia publicou ademais Quessada. Arte e liberdade, dous fermosos volumes (un dos premios do Ministerio de Cultura aos libros mellor editados de 2004) preparados por José Gómez Alén, que constitúen seguramente o mellor documento bibliográfico para coñecer a súa traxectoria humana, política e artística.
Como homenaxe a Xaime reproducimos a cuberta do máis recente libro de Xesús Alonso Montero onde se reproduce un dos seus murais guerniquianos, en homenaxe ao Sindicato Nacional das CC.OO. de Galicia, que nos autorizou a publicar de forma gratuita. Achegamos as nosas condolencias á súa dona Chus Blanco e aos seus irmáns Fernando e Antonio.
Actualización (04-01-2008): Necrolóxica de X.L. Méndez Ferrín.

Etiquetas:

Faleceu Victoria Díaz Cabanela

Onte, antes de comezar, a presentación do libro do profesor don Xesús Alonso Montero na primeira xornada da Feira do libro da Coruña, soubemos do falecemento de Victoria Díaz Cabanela, a admirada mestra, feminista e militante comunista coruñesa. Hoxe xornal.com, onde colaboraba, dá a noticia e varios obituarios a recordan. Aconsello a lectura da derradeira e estremecedora anotación que Victoria publicou en xornal.com, onde relata cómo sufriu o infarto.
Ao fío desta tan triste perda e parolando na viaxe de volta da presentación (un grande éxito de público e unha intervención vibrante e con moita agulla do autor), o profesor comentábame a súa decepción polo escaso tratamento que os medios impresos de maior difusión en Galicia proporcionan a este tipo de noticias, nos que existe escasa tradición do xénero do obituario [o caso contrario sería a da edición nacional de El Pais que dedica atención a esta cuestión]. Recordoume o profesor o falecemento de Manuel Barros, o máis veterano militante comunista de Redondela (un dos presos da illa de San Simón), que a pasada semana foi enterrado en Reboreda sen que apenas os medios deran noticia ningunha.
O noso recordo emocionado, tanto para Victoria como para Manolo Barros. Que a terra que axudaron a fertilizar cos seus gromos de liberdade e xustiza, lles sexa leve.

Morreu don Elixio Rodríguez

Esta mañá soubemos do falecemento en México D.F., aos noventa e sete anos, de don Elixio Rodríguez Domínguez. Foi este o primeiro verán no que don Elixio, acompañado sempre de dona María Gloria, non puido acudir a Bande, onde tivemos a enorme fortuna de coñecelo hai case vinte anos cando alí traballamos, a vila onde hai setenta e cinco fundou a agrupación das Mocidades Galeguistas e onde deixou tantos e tantos amigos.
Durante toda a súa vida, este “metiche” (como agarimosamente o chamaban os membros da comunidade galega emigrada en México), nunca desistiu da súa fe galeguista e republicana. Testemuño recollido en Matádeo mañá, un volume memorialístico que constitúe unha reconstrución emocionante do seu periplo vital, ao tempo que unha das pezas primeiras da nosa literatura da memoria histórica.
Viviu, contra o seu criterio, a Guerrra Civil nos dous bandos, no sublevado en intres dramáticos, case diante dun pelotón de fusilamento en Celanova, incorporándose como piloto de combate e, posteriormente, pasando ao bando legalmente constituído. Traballou como secretario de Castelao na Solidariedade Antifeixista Galega, para logo, en 1939, coller o camiño do desterro cara México no buque Ipanema. No seu país de acollida, don Elixio desenvolveu unha actividade empresarial como propietario dunha empresa de plásticos, o que non lle impediu realizar unha actividade política e cultural galeguista moi intensa, participando en múltiples iniciativas como no programa radiofónico “A Hora de Galicia” ou no Padroado de Cultura Galega de México participando no consello de redacción da revista Vieiros (1959), xunto a Luis Soto, xermolo da vangarda política, cultural e estética dun renovado nacionalismo galego.
Recordo a don Elixio sempre fumando, parándose para comentar devagariño un acontecido. Recordo a viaxe que fixermos a Ponte da Barca un sábado para tomar o bacallao e o estropicio que a nosa María (que entón non tiña dous anos) lle fixo ao seu coche. Recordo súas chamadas telefónicas para anunciarnos con voz entusiasmada a súa presenza en Galicia, durante os meses dun veráns que alongaba ate o San Martiño. Recordo a humilde homenaxe que lle rendemos no premio Xerais de 1993 en Pontevedra, antes da aparición de Matádeo mañá, cando case era un descoñecido no país que tanto amaba. Hoxe recordámolo con saudades e emoción agradecida. A nosa apreta solidaria para dona María Gloria e para Iago Xes, Paio Fiz, Alda Olaia, Elixio Gael e Denís, os seus catro fillos que manteñen acesa a causa de Galicia en México D.F.

Información na rede do falecemento: Caderno arraiano (imaxe do seu velorio enviada polos seus familiares), Vieiros, La Voz de Galicia, GZnación, Xornal.com.

Etiquetas:

Ramón Camaño ou os cartaces da memoria

Hoxe coñecimos a noticia da morte do Ramón Camaño, o grande fotógrafo da Costa da Morte. Caamaño foi desa clase de persoas, como lle sinalaba o fotógrafo Henri Cartier-Bresson ao escritor John Berger, que saben que a súa misión na vida foi captar o “instante decisivo”; saben que para tirar unha foto hai que sentir o momento da totalidade, esa extraña hiperexcitación, provocada polo “terceiro ollo” que só posúen os grandes fotógrafos, que permite deixar as vidas e as paisaxes en suspenso, eses instantes únicos onde a luz e a escuridade se entrecruzan nunha finísima liña de penumbra.
Foi a vocación de Caamaño conservar ese impulso espontáneo, esa vocación de estar perpetuamente mirando, de atrapar o instante e a súa eternidade, de volver familiar o que antes era descoñecido, de provocar o asombro diante dun recordo imprevisto. Velaí a actividade xenerosa e solidaria do fotógrafo, dese permanente observador que nos devolve aos demais o que miramos e non somos capaces de ver. Así o demostran as oito mil fotografías que Caamaño tirou ao longo dunha vida toda, desque se iniciou en 1924, cando entrou casualmente en contacto coa norteamericana Ruth Matilda Anderson, que visitaba Muxía para fotografar a descoñecida fisterra galega.
Os retratos de Caamaño, caracterizados pola súa austeridade e falta de sofisticación (o fotógrafo empregaba luz natural e dispoñía aos modelos sobre un farrapo, con colchas ou o muro da súa horta como teón), constitúen unha magnífica galería de miradas que atrapan a do espectador. Un estraño xadrez de rostros ríxidos, inmóbiles, de mirada fixa e frontal, que impresionan pola súa gravidade, pola sobriedade e pola verdade que destila a súa inequívoca tristeza.
Impresionoume moito a súa derradeira exposición en Vigo (hai cinco anos) de cen dos seus retratos, un poliedro de historias de vida por imaxinar: moitas familias sen pai, moitas avoas soas cos netos, moitas parellas maiores pousando entre unha cadeira baleira (simbolizando ao emigrante que falta), familias burguesas que fachendean no coche impoñente, mozotes sobre a caixa dun camión acugulado de rodas de arenques prensados, o equipo de fútbol infantil co estandarte de “Viva España”, as costureiras arredor da súa máquina Singer, a banda no día de festa, os executantes da danza de arcos, os gaiteiros o día de troula, a noiva vestida de negro, os fillos que no velorio rodean o cadaleito do pai (as fotos dos mortos eran algunhas veces as únicas que quedarían desas persoas), os párrocos, as monxas, as mozas de longas guedellas, os nenos…, a vida, sempre a vida. Imaxes que vimos, que, igual que aqueles aos quen ían dirixidas, quedan para sempre conosco. A plenitude e a sinxeleza dos retratos de Caamaño forman xa parte da nosa memoria. Hoxe lembrámolo con melancolía.

Etiquetas: Ramón_Camaño

Morreu Carlos Díaz Martínez

Por agardada que fose, a nova petounos moi fondo. Esta mañá morreu o noso benquerido amigo o editor Carlos Díaz Martínez. Editor de estirpe, documentalista da nación, Carlos foi un mestre de humanidade xenerosa a quen non sabemos agradecer todo e tanto que nos ensinou.
Editor emigrante, ocupouse da edición príncipe de Cemiterio privado de Celso Emilio Ferreiro e de tantas outras iniciativas culturais e políticas da Galicia desterrada durante a Ditadura. Xa en Galicia teimou por enriquececer co seu coñecemento os proxectos editoriais d’ A Nosa Terra, Espiral Maior, Artesa (ese obradoiro de beleza e poesía) e de Xerais (onde dirixía dende hai unha década a nosa liña de Álbums de postais, nun traballo de recuperación de memoria gráfica das cidades e vilas do país do que nos sentimos tan orgullosos).
Carlos era un editor artesán, minucioso, comprometido coa fasquía do libro coma síntese da expresión cultural. Haberá ocasións de recoñecer devagariño a obra que nos deixa para a memoria. Mañá na Coruña será incinerado na intimidade, como quere a familia. Hoxe todas as nosas beizóns para el e para os seus, desgarrados por tan terrible perda. Que a Terra dos teus soños che sexa leve, compañeiro!

Actualización (08-04-2007): No artigo da semana recordo a figura de Carlos.