Faleceu Victoria Díaz Cabanela

Onte, antes de comezar, a presentación do libro do profesor don Xesús Alonso Montero na primeira xornada da Feira do libro da Coruña, soubemos do falecemento de Victoria Díaz Cabanela, a admirada mestra, feminista e militante comunista coruñesa. Hoxe xornal.com, onde colaboraba, dá a noticia e varios obituarios a recordan. Aconsello a lectura da derradeira e estremecedora anotación que Victoria publicou en xornal.com, onde relata cómo sufriu o infarto.
Ao fío desta tan triste perda e parolando na viaxe de volta da presentación (un grande éxito de público e unha intervención vibrante e con moita agulla do autor), o profesor comentábame a súa decepción polo escaso tratamento que os medios impresos de maior difusión en Galicia proporcionan a este tipo de noticias, nos que existe escasa tradición do xénero do obituario [o caso contrario sería a da edición nacional de El Pais que dedica atención a esta cuestión]. Recordoume o profesor o falecemento de Manuel Barros, o máis veterano militante comunista de Redondela (un dos presos da illa de San Simón), que a pasada semana foi enterrado en Reboreda sen que apenas os medios deran noticia ningunha.
O noso recordo emocionado, tanto para Victoria como para Manolo Barros. Que a terra que axudaron a fertilizar cos seus gromos de liberdade e xustiza, lles sexa leve.