Celso Emilio Ferreiro, 30 aniversario

No artigo da semana homenaxeo a Celso Emilio Ferreiro con motivo do 30 aniversario do seu pasamento (31 de agosto de 1979).

Xornal de Galicia faise moi oportunamente eco da homenaxe que onte en Celanova a asociación Arraianos tributou ao poeta.

Aquilino Iglesia Alvarino, hoxe centenario do seu nacemento

Un doce de xuño de 1909 nacía en Seivane, unha aldea do concello de Abadín o que sería o grande poeta chairego Aquilino Iglesia Alvariño.

Afortunadamente o PEN de Galicia estivo atento e este centenario do autor de Señardá (1930), Corazón ao vento (1933) ou  Lanza de soledá (1961) non pasará completamente desapercibido, a pesar de que os medios apenas, coa excepción cremos que de El Progreso, repararon na noticia.

Esta tarde viaxaremos a Abadín para participar nos actos de homenaxe, preparados polo PEN Galicia e o concello de Abadín, e na presentación do libro O po dos días. Introdución á temática da poesía de Aquilino Iglesia Alvariño de Luciano Rodríguez. A celebración deste centenario de Aquilino debe abrir un período de recuperación da obra dun dos poetas maiores da poesía galega do século XX.

Homenaxe a Ramiro Fonte en Lisboa

Mañá, martes, 12 de maio, ás 18:00 horas, participaremos nun acto de homenaxe a Ramiro Fonte que terá lugar no Instituto Cervantes de Lisboa. Na mesa redonda, que será presidida por Carmen Cafarell (directora do Instituto Cervantes), acompañaremos a Carlos Marzal, Graça Videira, Jose Manuel Mendes e Raúl Veiga. O actor Evaristo Calvo recitará unha antoloxía de poemas de Ramiro e serán proxectadas imaxes do poeta cedidas pola TVG.

Xesús R. Jares, «A paz, camiño de amor, entrega e esperanza»

Recomendo a lectura da fermosa semblanza de Xesús R. Jares que preparou Gena Borrajo no número de febreiro da Revista Galega do Ensino.
Pode baixarse en pdf dende aquí.

.

Morreu Lois Barros

Gonzalo Amoedo, o noso bo amigo de Redondela, envíanos este correo dando conta do falecemento de Lois Barros:

Durante esta madrugada morreu, logo dunha longa doenza que o foi murchando pouco a pouco, Lois Barros, autor de Galeguismo e sociedade na Redondela da IIª República, así como da páxina web Indiredo, dende a que propulsou a Liga Veciñal polo Voto Nulo nas derradeiras eleccións municipais, en Redondela. Lois, vello militante da ANPG que nunca renunciou ao nacionalismo, pero si a súa militancia política, foi o ideólogo e alicerce desta Liga Veciñal polo Voto Nulo, que conseguira daquela recoller un nada desprezable dez por cento do desencanto dos veciños, cansados de tanto mal uso da política, e foi tamén, xunto ao desaparecido Jaime Serín, un dos fundadores do Colectivo Republicano de Redondela. Esta tarde, a última hora, o seu corpo será trasladado ao tanatorio de Mañó, desta vila.

As nosas condolencias para todos os seus.

Faleceu Manuel Riveiro Loureiro

Sabía que Manuel Riveiro Loureiro estaba triste. Hoxe deixounos. Coa súa ausencia quedamos tristes e desconcertados. Manuel foi un escritor autodidacta, narrador fecundo da vida e un autor dramático notable. O vídeo gravado o pasado mes de decembro é hoxe un documento emocionante, apostando pola esperanza da chega da terceira República. Sempre recordarei a cordialidade e lealtade que mantivo comigo, a pesar de que nunca lle publiquei ningunha obra. Un home dunha peza. Con todos os abrazos.

Morreu Camilo Gonsar

Acabamos de coñecer a noticia do falecemento hoxe do académico Camilo Gonsar (Camilo González Suárez-Llanos), membro da xeración da «nova narrativa» e un dos escritores galegos máis elegantes e discretos que teño coñecido ao longo destes últimos anos. As nosas condolencias para os seus.