«Lois Pereiro 2011»

No artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono sobre o que entendo son os retos do vindeiro 17-M: acadar unha nova fronteira para a efeméride, incorporando novos públicos e soportes, e facer de Lois Pereiro un autor popular.

Lois Pereiro 2011

A designación por parte da Academia do poeta de orixe monfortina Lois Pereiro (LP) como escritor homenaxeado no vindeiro día/ano das Letras Galegas (17-M) foi todo un acerto. A pesar da lexítima discrepancia dalgunhas voces (poucas) e do moi desputada que foi a toma de decisión (tras numerosas votacións), a elección deste poeta maldito, punk e postmoderno provocou unha descoñecida onda de entusiasmo no mundo literario galego e xerou decontado unha inagardada expectativa de renovación para o futuro dunha efeméride en evidente retroceso de interese popular que, dende hai anos, arrastra esas terribles doenzas do esmorecemento provocadas pola rotina e pola minorización elitista.

Con esta designación non servirá o dilema habitual tan utilizado nestas efemérides: “que pode facer o 17-M por LP?” ou “que pode facer LP polo 17-M?” Para ben ou mal, en 2011 o futuro quedou vencellado entre autor e efeméride. Ese “talento inmenso e cósmico” de LP, salientado estes días por Fermín Bouza nun artigo memorable, constituirá unha oportunidade excelente para atopar novos públicos, novos soportes, novas expresións e novas iniciativas para celebrar unha efeméride, como a do 17-M, até agora centrada na necesaria e imprescindible ritualización académica e na abordaxe didáctica nos centros educativos da figura homenaxeada. Mais tamén, será unha ocasión única para que, por fin, se lea e popularice a LP, este poeta da furia, que posuía coiraza de aceiro e utilizaba verbas curativas de mel, cuxa presenza, en palabras de Manuel Rivas, “tiña o efecto dunha bomba silenciosa, envolta en flores, lanzada ao patio de butacas da ópera do mundo”. Con esta designación, a institución presidida por Méndez Ferrín enxerga outra derrota (unha necesidade moi reiterada polos sectores culturais máis inquedos), ao tempo que pretende converter ao que foi, até agora, un “poeta de culto” nun “autor popular”. Dous retos ilusionantes, perfectamente acadables, aos que estamos convidados a corresponsabilizarnos da súa procura os editores, o profesorado, as bibliotecas públicas, as asociacións culturais e cívicas e (non o esquezamos) as administracións públicas.

“Andou polas beiras salvaxes da vida”, escribiu o seu leal compañeiro Manuel Rivas, con quen Lois, o seu irmán Xosé Manuel, e o pintor Antón Patiño, forxaran en Madrid, a súa primeira trabe de futuro: o colectivo poético artístico “Loia”, que chegou editar de 1975 a 1978 catro números fotocopiados da revista homónima, na que publicou o seus primeiros poemas, recollidos en “Poemas para unha Loia” (1996), volume póstumo no que se incluíu o seu ensaio “Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia”. Ao longo de só trinta e oito anos, Lois Pereiro percorreu, utilizando unha estética punk, o camiño tráxico que o levou da tristeza violenta da mocidade, –ao abeiro de José Angel Valente, referente fundamental nos seus primeiros pasos– á aniquilación nostálxica que o acompañou dende que en 1981 foi vítima da doenza da colza. Foi a súa unha loita implacable “contra a morte” (ese é, tamén, o título dun longo documental biográfico que sobre el ultiman Iago Martínez e Álex Cancelo), que marcou tanto a súa vida como o seu esforzo creativo, expresado en revistas como “La Naval”, “Trilateral”, “Das Capital” e, sobre todo “Luzes de Galiza”, nas letras das cancións que preparou para Radio Océano ou nos seus dous poemarios, publicados ambos os dous por Francisco Macías: “Poemas 1981/1991” (1992) e “Poesía última de amor e enfermidade. 1992-1995” (1995).

Lois Pereiro quixo que a súa literatura estivese feita cos vimbios da tenrura mais non asumiu moitas cortesías para que os seus poemas de aceiro funcionasen como “un bisturí que diseccionase a vida”, imaxe a que acoden para definilo os seus compañeiros do grupo poético “Do amor e desamor” (Xavier Seoane, Miguel Anxo Fernán Vello, Manuel Rivas, Lino Braxe, Xulio Valcárcel…), ao que se incorporou en 1984, cando chegou á Coruña, cidade na que “xaspeaban as nubes” e onde viviu dende entón.

Volver aos seus textos ou descubrilos é a primeira oportunidade que nos ofrece este vindeiro 17 de maio. Estamos diante dun poeta oceánico, dunha economía expresiva rotunda, capaz de enfeitizar e curar con cada un dos seus poemas: “Que a vida non me sorprenda xamais / desprevenido calado e neutral / e que un segundo antes de renderme / vaia tamén comigo a imaxe do que fun cando era outro”, comezaba o seu poema “Alerta e vixiante”, escrito un ano antes do seu falecemento, o 24 de maio de 1996, o mesmo día no que foi anunciada a famosa sentenza da colza, a doenza que o ferira de morte quince anos antes. Outra ironía da nosa recente historia da infamia. Saudamos con esperanza este Lois Pereiro 2011.

Dende a pasasa semana pode seguirse o twitter de Lois Pereiro, onde aparecen diariamente textos e noticias sobre o autor de orixe monfortina. En Twitter existe, tamén, a marca #pereiro utilizada xa por máis dun cento de referencias.

In memoriam de José Saramago



Recomendo o seguemento nos medios portugueses da noticia do seu falecemento realizada en constante actualización polos nosos amigos do blog Blogtailors. ATÉ SEMPRE, MESTRE.

Suso Vaamonde: «Nin rosmar un laído»

A vindeira semana, o martes 16, hai dez anos do pasamento do inesquecible Suso Vaamonde na viguesa clínica de Fátima. Contaba apenas con 49 anos. Coñecino nun seu recital na Escola de Comercio de Torrecedeira. Un acto daqueles semiclandestinos que se convocaban para reclamar a amnistía e as liberdades democráticas plenas. O recordo máis claro que conservo daquela tarde foi o de ter mercado alí unha das miñas primeiras casetes de música galega, Loitando; unha fita clandestina que incluía, ademais de poemas de Celso Emilio, Darío Xohán Cabana e Manuel Álvarez Torneiro, a versión galega do «Venceremos nós» e o «Romance de Castrelo do Miño», unha canción con texto de Miro Casabella que Suso Vaamonde interpretaba en tódolos seus recitais como «Romance de cego de Pedro I o Inundador». Non souben gardar a gravación, que hoxe sería unha peza cobizada de coleccionista, pero dende entón conservei a miña admiración pola figura indómita do cantor de Regodobargo.

Suso Vaamonde viviu co anhelo e coa convicción de ser un cantor popular do seu tempo. Dende moi noviño participou na eclosión rockeira viguesa dos anos sesenta, formando parte de grupos como Os Copens ou Marco Balorento. No comezo dos setenta incorporouse, xunto a Benedicto, Bibiano, Vicente Araguas e Xerardo Moscoso, a Voces Ceibes, un movemento musical que tentaban derrubar, coa única arma das súas cancións «protesta», os muros que debuxaban a silueta dunha patria perseguida. Anos despois, coincidindo co inicio da Reforma Política, acometeu a tarefa histórica de recuperar a tradición da canción e da festa popular (velaí o seu impulso inicial da mellor canción tabernaria da Roda) e poñer música ós textos dos poetas de noso: Lamas Carvajal, Celso Emilio Ferreiro, Manuel María, Bernardino Graña ou Darío Xohán Cabana. Suso devolvíanos a palabra dos poetas da lingua prohibida, dun idioma de resistencia que loitaba pola súa oficialización.

Desas angueiras e do seu peregrinar constante dando recitais polo país enteiro xurdiron os seus dous discos de vinilo máis emblemáticos: Nin rosmar un laído (1977), unha das primeiras gravacións en directo da música de noso –onde foi acompañado por algúns dos membros de Fuxan os Ventos («Sementar, sementarei…») e por Pilocha («Alecrín, alecrín dourado»)–, e Os soños na gaiola (1978) no que poñía musica a dúas ducias de poemas de Manuel María, a primeira tentativa de facer música para os nenos galegos.

Suso Vaamonde cría que a súa tarefa de cantor popular («¡Cantarei, cantarei, cantarei…!», cantas veces repetiu) era a de levar os problemas e a identidade de Galicia alí onde a súa guitarra e a súa voz quebrada podían chegar. Esta convicción cívica supúxolle múltiples dificultades vitais que o levaron a converterse, xunto a Xavier Vinader e Albert Boadella, no primeiro exiliado da democracia española e, anos despois, a un inxusto encarceramento.

Suso Vaamonde nin foi un xenio musical nin posuía unhas extraordinarias calidades vocais e técnicas. Non o foi, nin nunca o pretendeu. A súa tarefa foi a do novo trovador, a do artista que emprega o pentagrama das palabras nun exercicio permanente de insubmisión para propoñer as ideas racionais de solidariedade, fraternidade e liberdade para o seu pobo. Xogando sempre coa alternancia da euforia («Uah, la, la, la…«) e da melancolía («¿Cómo hei vivir mañán sen a luz túa?»), nunha comunicación (comuñón) moi depurada co seu público, fixo da súa traxectoria artística e vital un admirable exercicio de coherencia, nun camiño de ida e volta á estirpe do seu Regodobargo natal.

O laído de Vaamonde, o folclore comprometido de Fuxan os Ventos, a voz máxica e esmagadora de Pilocha, a recreación complexa da música de raíz de Milladoiro, a zanfona de Amancia Prada, o maxisterio de Enrique Otero («O gaiteiro do Fragoso»), o labor de Moxenas e os admirables anos de traballo colectivo de Muxicas prenderon a mecha do grande estourido da música galega ao que asistimos alborozados e orgullosos durante esta primeira década do século XXI. Grazas a teimosía e o talento de todos eles, Carlos Núñez, Berrogüeto, Luar na lubre, Xosé Manuel Budiño, Susana Seivane, Na Lúa, Uxía, Marful, entre outros moitos músicos, presentan en todo o mundo o son da Galicia contemporánea. Recordar a Suso Vaamonde, xa non é rosmar un laído, é un necesario exercicio de agradecemento colectivo. Uah, la, la, la….

Bos Aires, xaneiro 1950

Castelao viaxou a París en 1946, enviado polo Consello de Galiza, para participar como ministro galeguista no Goberno republicano que presidía Giral. De volta a Buenos Aires, en agosto de 1947, padecendo xa os primeiros síntomas da doenza que o levaría á morte, púxose a traballar no segundo volume de Sempre en Galiza, no que pretendía facer reconto da súa experiencia naquel malogrado goberno republicano no exilio. Coa saúde estragada, aproveitando a tregua que lle proporcionaban os calmantes, teceu o que sería un dos seus máis lúcidos discursos, Alba de Gloria, unha oración afervoada da «Santa Compaña de inmortais galegos»: Prisciliano, Xelmírez, Andrade, Airas Nunes ou Sarmiento de Gamboa. Este discurso, pronunciado no Teatro Arxentino con motivo do Día de Galiza de 1948 foi a súa derradeira intervención pública.

Dende marzo de 1949 viviu nove meses de drama, atrapado polas trincadoras poutas da dor. O 2 de xaneiro de 1950 foi internado no sanatorio do Centro Galego para realizarlle unha intervención cirúrxica que aliviase aquelas dores, que el chamaba de lobo. Dous días despois sería operado pero Castelao non superaría aquel trance. Cando o reloxo marcaba as 23,50 horas do 7 de xaneiro, a enfermeira de quenda comprobou que o seu corazón deixara de later.

A noticia correu coma un rego de pólvora pola cidade porteña. Manuel Meilán buscou  ansiosamente a Blanco Amor en Montevideo para levalo a Buenos Aires. As sociedades galegas quixeron que fose o escritor ourensán quen pronunciase as derradeiras palabras de despedida ao xenial rianxeiro. O corpo de Castelao foi embalsamado e o escultor Domingo Maza obtivo por baleirado en xeso a mascariña da face e da man dereita do artista. A capela ardente instalouse no salón de columnas do Centro Galego. Presidindo o velorio estaba a bandeira de seda, co escudo de Galicia bordada en ouro, insignia oficial do Consello de Galiza. No cadaleito, con renda de Camariñas garnido, antes de ser pechado, foi deitada unha bulsa de terra que catro días antes do falacemento chegara do outro lado do Atlántico nas mans de Perfecto López; terra apañada na beira do Miño, enviada para o caso coa aperta dos galeguistas do interior. O enterro realizouse o luns día 9, no cimeterio de Chacarita. As palabras alí pronunciadas por Eduardo Blanco Amor foron acuñadas, dende entón, como sinais de identidade do galeguismo: «Cando no porvir se diga Castelao, estarase comulgando con o propio nome de Galicia».

Na Galicia interior, o Partido Galeguista funcionaba na clandestinidade e o seu secretario político, Ramón Piñeiro, acababa de saír da cadea, despois de tres anos de reclusión. A nova do loito, aínda circulada con timidez e cortedade, causou un forte impacto.  Valentín Paz Andrade –amigo de Castelao dende 1916 e director do periódico Galicia. Diario de Vigo, onde publicaba na súa primeira páxina as viñetas de Cousas da vida – escribiu unha necrolóxica para o suplemento sabatino de artes e letras do santiagués diario La Noche, que coordinaban Francisco Fernández del Riego e Xaime Illa Couto. O artigo, titulado «Castelao, el hombre y el artista», foi publicado o día 14 de xaneiro, e a censura respectouno case na súa integridade. Ilustrado coa caricatura que Bagaría fixera de Castelao, o artigo de Paz Andrade foi o primeiro de fondo ideolóxico que en Galicia se publicaba dende 1936. «Sin que doblaran a muerto todas las campanas de Galicia, en la noche séptima del año naciente, más allá del Atlántico, entre el hervor espeso de Buenos Aires, se ha plegado, gallegos, nuestra mayor bandera», remataba Paz Andrade un artigo, que escribiu a peito descuberto. O suplemento literario de La Noche desaparecería dúas semanas despois por determinación da censura oficial.

A punto de celebrar o sesenta aniversario do seu pasamento, Castelao continúa sendo a figura que acrisola, mellor que ningunha outra, a tradición pacífica, liberal, universalista, democrática que impregna o galeguismo do entusiasmo até o lirismo. Castelao é o símbolo da esperanza de Galicia.

«Ramón Cabanillas 50»

No artigo da semana percorro as homenaxes que se lle tributan mañá, 9 de novembro, ao poeta Ramón Cabanillas con motivo do 50 cabodano do seu pasamento.

Morreu Anisia Miranda

Énchenos de tristeza o pasamento de Anisia Miranda, a compañeira de vida de Pepe Neira Vilas. Repasando o seu currículum comprobamos que desenvolveu un labor extraordinario no eido da literatura infantil en Cuba, sobre todo no eido da promoción das publicacións periódicas (velaí, esa revista Zunzún que ela tanto quería). Actividade que non lle impediu manter, dende a comundiade emigrante, un compromiso coa cultura de noso (velaí o proxecto pioneiro de «Follas Novas», a primeira distribuidora do libro galego en América, máis tarde editora, onde publicou o seu home Memorias dun neno labrego). Na memoria quedarémonos sempre coa súa firmeza militante e o seu entusiasmo diante de cada novo proxecto. Unha apreta fonda para o seu compañeiro, o noso bo amigo Pepe.

Ramiro Fonte, o libro dos amigos

O vindeiro sábado, 17 de outubro, ás 12:00 da mañá, no Auditorio do Museo do Mar de Galicia, en Alcabre, homenaxearemos a Ramiro Fonte, con motivo do primeiro ano do seu pasamento. No acto presentaranse tres libros, as edicións dos seus  poemarios derradeiros, Reversos e Xardín do pasatempo, e Ramiro Fonte, o libro dos amigos, unha obra colectiva na que rendemos tributo á memoria humana e literaria de Ramiro.

Faleceu Jose Paulo Serralheiro

Magóanos a noticia do falecemento do José Paulo Serralheiro, o director d’ A Página da Educação, dirixente do Sindicato de Professores do Norte, e moi bo amigo do grupo galego de Educadores pola Paz. Profesor e xornalista especializado no eido educativo, tivemos oportunidade de compartir conversa co portuense a raíz da celebración do vinte e cinco aniversario de Educadores pola Paz naquel memorable Serán pola Paz, no que intervira de forma potente e rotunda. Aquel día tivemos, tamén, a oportunidade de agradecerlle a súa participación no libro colectivo, coordinado polo seu bo amigo Suso Jares, Educación e Paz II. Presente e futuro da construción da paz, onde publicou o traballo titulado «O novo ‘poder suave? e os Direitos Humanos». Que a terra lle sexa leve ao bo do Ze Paulo, amigo solidario da paz e das estrelas.