Unha tarde con Xynthia

A imaxe corresponde ás 13.37 horas.

Hoxe tiña unha xornada moi completiña en Compostela con dúas xuntanzas profesionais pola mañá, un xantar de amizade e outra xuntanza pola tarde. Por mor do Xynthya cancelamos todos os compromisos e quedamos na casiña a ler e adiantar outros traballos. Polo momento, sobre a ría de Vigo o temporal está sendo moderado, como outros moitos que temos vivido sen alerta vermella. Con todo, non sabemos o que nos agarda nas vindeiras obras. Os máis previsores poden consultar a evolución do Xynthya na magnífica páxina de MeteoGalicia.

A imaxe é do Sat 24, onde tamén se pode seguir en vivo a evolución do Xynthia.

null

26945?

Estou moi intrigado polo significado destas pintadas e carteis presentes por todo Vigo. Polo que puiden comprobar en twitter e facebook as explicacións que se ofrecen son moi distintas, aínda que podería ser unha estratexia publicitaria cunha data marcada. Sexa o que fose, paréceme un despropósito a realización das pintadas sobre edificios e espazos protexidos.

Primeiro concurso mundial de pés de foto con libros

Esta paréceme unha idea fermosa para comezar un Ano do Libro e a Lectura (que en Galicia non se ve, aínda por ningures): a aventura de escribir un libro sobre os libros de forma compartida.

As fotografías son do mexicano Álvaro Alejandro e a iniciativa está promovida por Artes de México e polos nosos amigos de A leer México /IBBY (que promoven, tamén, un concurso sobre contos de fútbol, outra idea a emular).

Compostela branca

20100109elpgal_1 (1)

Non tiven a fortuna de vivir a grande nevarada que caíu onte sobre Compostela. Nas fotos presenta a súa faciana menos coñecida, que, con seguridade, alguén acuñará na historia desta cidade de letras e signos fascinante para os escritores: «cidade onde vagan os homes e as horas» (Salvador García Bodaño); «cidade que parece construída o día anterior»  (Gabriel García Márquez); «cidade na que soterraron a semente» (X.L. Méndez Ferrín); «cidade que é un mar de pedra» (Celso Emilio Ferreiro); «cidade onde os sumidoiros son améndoas» (Xavier Cordal, a miña preferida); «labirinto hermético que segue a ser cidade aberta ao país e casa de todos os galegos» (Suso de Toro)… Cal será a frase literaria para fixar a que foi onte a nosa cidade branca?

Foto: Óscar Corral. El País.

E… ti es o que mira a ese traballador inmigrante coma un extranxeiro?

Recibido hoxe na caixa de correo entre os parabéns de Nadal.

Textos de Agustín nos vagóns do Metro

Vímolos esta fin de semana en Madrid en varios vagóns do Metro. Forman parte da campaña Libros a la Calle, organizada, outro ano máis, polos libreiros e editores madrileños. Non podo agachar a miña enorme alegría pola presenza entre os textos dun de Agustín Fernández Paz (pertence ao seu multipremiado O único que queda é o amor, por certo, incluído esta semana na Lista de Honra do IBBY 2009), ilustrado por Pablo Auladell (esta semana inagurou nova web). Para cando os textos literarios nos nosos autobuses urbanos ou nos vagóns dos Vigo-Coruña? Dende a iniciativa privada, os editores e libreiros galegos cos nosos propios medios e coa maior independencia temos que mobilizarnos para promover a necesaria revolución lectora, a que agardamos? Recomendo visitar a pestaña de «textos» da web da campaña, onde se poden ler todas as pezas ou baixalas en pdf. Beizóns para o noso gran Agustín (ollo, está noite en Libro aberto)!

«O mundo patas arribas», Mar Caldas

Impactante este traballo fotográfico de Mar Caldas («O mundo patas arriba») para a sección «Inédito» que coordinada por Manuel Sendón publica A Nosa Terra.

Ler


Vía Anxo