Viva Novoneyra!

Magnífico foi o nivel literario da homenaxe que lle rendemos onte no Club Faro de Vigo ao poeta Uxío Novoneyra diante dun salón ateigado. Comezou Branca Novoneyra sinalando a dedicación obsesiva do seu pai á poesía e súa alta palabra, subliñando que foi a intención da súa familia conseguir que fosen reeditados todas as súas obras nas condicións que o poeta definira.

Logo, Carme Blanco fixo unha memorable intervención arredor da poesía de Novoneyra, a quen defininiu como «cantor total de profundo lirismo e perfección formal» e como «poeta resistente da leila da terra e da loira da lingua», sinalando os ámbitos míticos e do contato no contextos dos ciclos da súa obra. Detívose con particular vagar en analizar Os Eidos, «unha obra que leva todos os tempos, as cousas, as xentes do Courel».Rematou a autora de Alba de mulleres expresando que lle «conmovía a sensibilidade de Novoneyra coas vítimas do poder, máis alá de que coincidise coa súa ideoloxía.»

Rematou as intervencións o presidente Ferrín que comezou precisando que Novoneyra «é un anti-Pessoa, o poeta aquí non é un finxidor, Novoneyra era o poeta mesmo, a poesía foi a súa forma de estar no mundo, Novoneyra producíase en forma poética». Logo sinalou que Uxío foi gran home pensante e actuante: «Novoneyra é o poeta cidadán, que paseaba as rúas, era un poeta de metro, incansable paseante das beirarrúas urbanas, que ollaba con mirada profunda aos traballadores de Madrid. Novoneyra non foi un poeta rural. Novoneyra é múltiple, ambiguo, clásico, un autor no que hai mensaxes cifradas para as máis variadas mentalidades». Para Ferrín o do Courel foi «poeta felizmente ateo, profundamente materialista. Poeta colosal, persoa extraordinaria, única. Estivo no combate antifascista como os mellores poetas do século XX, como Paul Eluard.» A continuación precisou que «sendo popular, non foi nunca coloquial. Novoneyra foi o máis radical dos poetas galegos, facendo folga xeral contra a historia», enfantizando que «nunca foi nin telúrico nin panteísta como interpretan agora algúns». Momento extraordinario da velada foi cando o presidente Ferrín recitou catro poemas de Uxío para logo comentalos con entusiasmo didáctico: «Novoneyra posuía o don onomástico, sabía darlle nome aos lugares e ás persoas proporcionándolles  unha vida nova, luía os topónimos enigmáticos, unha forma de dicir que había que salvar a patria». Rematou Ferrín dicindo que «toda a obra de Novoneyra foi unha espiral, esa imaxe do cosmos en proceso de autoxeración permanente, a imaxe, tamén, da construción da patria. Viva Novoneyra!»

«O poeta dos soños teimosos»

No artigo da semana de Faro de Vigo fago unha gabanza da figura de Uxío Novoneyra con motivo do acto de homenaxe que terá lugar hoxe no Club Faro de Vigo (Salón de actos do edificio do Concello de Vigo, rúa Areal) e da celebración da Semana das Letras Galegas na súa honra.

Todos e todas con Agustín

Mañá sábado,13 de marzo, a partir das 13:00 horas no Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra celebrarase a homenaxe a Agustín Fernández Paz que lle tributa o Salón do Libro de Pontevedra. Durante todo o Salón estivo instalada unha exposición que percorre a traxectoria autoral de Agustín durante dúas décadas e recrea o ambiente dalgunha das súa sobras máis significativas. No acto de homenaxe intervirán o escritor Xabier DoCampo e os músicos Mini e Mero. Animamos a todos os amigos e amigas de Agustín Fernández Paz a acudir a Pontevedra na mañá do sábado para manifestarlle a nosa admiración e agradecemento polo conxunto da súa obra.

Agustín e Xabier no canon

Deixei pasar uns días para comentar a que será unha das noticias culturais máis importante dos últimos anos: dous libros infantís galegos son considerados polos maiores especialistas iberoamericanos entre os dez mellores do seculo XX. O feito de que Contos por palabras de Agustín Fernández Paz e Cando petan na porta pola noite de Xabier DoCampo foran escollidos entre milleiros e milleiros de títulos publicados en España durante varias décadas avala a súa calidade e excelencia (o que como como o seu editor nos produce fachenda), mais tamén, e sobre todo, polo recoñecemento que supón para a traxectoria destes dous membros dunha xeración clave para a literatura galega contemporánea. Xabier, Agustín (como o seu compañeiro da «Xeración Lamote», Paco Martín, os tres fotografados por Xurxo Lobato o día do enterro de Manuel María) recoñecidos fóra das nosas fronteiras como integrantes indiscutibles do canon literario iberoamericano, merecerían idéntico interese polo seu traballo literario por parte das institucións universitarias e académicas galegas. Para cando a entrada dalgúns dos tres na Real Academia Galega?

No entanto, teremos unha boa oportunidade de testemuñerlles o noso recoñecemento o vindeiro 13 de marzo, sábado, no Salón do Libro Infantil de Pontevedra, que homenaxea nesta edición a Agustín Fernández Paz nas palabras de Xabier DoCampo. Beizóns para estes dous grandes amigos de noso.