Mártires 1936
Cada domingo Marcos Valcárcel publica no suplemento Lecer de Galicia hoxe unha nova entrega dunha serie de artigos interesantísima titulada “Cen anos de historia cultural“. Hoxe aborda o ano 1936 deténdose na represión sobre as xentes do mundo da cultura. Pola súa relevancia recollo o parágrafo máis significativo:
“A finais de xullo, derrotada a resistencia nalgúns lugares e tomadas todas as cidades, empeza a represión “legal” e paralegal: os presos en Oseira, Celanova, San Simón, e os fusilamentos ó carón dos cemiterios e os “paseos” nas cunetas que cantaría Luís Pimentel. Centos de traballadores e militantes demócratas, republicanos e galeguistas, son asasinados dende os primeiros días.
Entre eles estaban, cunha especial dimensión cultural, o poeta comunista ourensán Manuel Gómez del Valle (fusilado o 11 de agosto no cuartel de San Francisco, Ourense); o escenógrafo Camilo Díaz Baliño (14 de agosto, Meixide – Palas de Rei); o escritor e dirixente socialista, exalcalde de Ferrol, Xaime Quintanilla (16 agosto, Ferrol); o economista e secretario de organización do Partido Galeguista Alexandre Bóveda (17 agosto, A Caeira, Pontevedra); o alcalde da Fronte Popular e editor de Nós, militante galeguista, Ánxel Casal Gosenxe (19 agosto, Cacheiras – Teo); o escritor e dirixente galeguista-socialista Xoán Xesús González (12 setembro, Boisaca- Compostela); o poeta e xornalista republicano Roberto Blanco Torres (“claudiado” o 1 de outubro na estrada de Celanova a Portugal, nunha revolta da estrada perto de Entrimo); o xornalista e militante radical-socialista Jacinto Santiago (morto dun ataque ao corazón, cando ía ser “paseado” perto de Vilariño Frío, Ourense, 31 outubro); o xornalista republicano de Vigo Manuel Lustres Rivas (o seu cadáver aparece na Concheira redondelana no mes de novembro, despois de ser “paseado”).
Tamén estarán entre as primeiras vítimas da guerra os xornalistas galeguistas Xoán Carballeira e Víctor Casas, que fora director do portavoz do movemento A Nosa Terra (fusilado o 12 de novembro en Pontevedra); o pintor Francisco Miguel Fernández Moratinos; o xastre e artista coruñés Luís Huici; Darío Álvarez Limeses e Arturo Noguerol Buján, avogado e xerente de Nós, que aparece nunha cuneta da estrada A Coruña-Ferrol.
Na colección persoal da revista Nós que gardou “Ben-Cho-Shey” deixou constancia manuscrita dos colaboradores da revista asasinados: os citados Casal, Blanco Torres, Díaz Baliño, Carballeira e Noguerol, ademais dos menos coñecidos Isaac Forneiro Barandela, Manuel Fuentes Canal, Amadeo López Bello e Modesto López Teijeiro“.(A foto corresponde ao xornalista Roberto Blanco Torres, claudiado, ás catro da madrugada do día 2 outubro de 1936, hai mañá setenta anos, perto de Entrimo)


















