Fútbol e identidades

Sócrates, un comentarista destas brétemas, lamenta que lle parece triste que na páxina dun editor o post que maior número de comentarios suscita é un referido ao fútbol, lamentando que “así lle vai á literatura deste país”. Nunca, ata agora, pensara que existise unha incompatibilidade entre o meu oficio de editor e unha das miñas poucas afeccións extralaborais.
Son futboleiro e celtista declarado desque meu pai me levaba a Balaídos con apenas tres ou catro anos. Alí aprendín a comprender a gramática do fútbol celeste da man dun equipo de figuras inesquecibles, que hoxe constitúen os verdadeiros heroes da miña infancia: Ibarreche na portería; Herminio, Manolo, Costas, Las Heras, Rivera, Juan, Abel e, sobre todo, Suco, un extremo esquerdo que corría a banda de marabilla. A miña infancia está gravada na bancada de Río do vello Balaídos que se inundaba, un domingo si e outro tamén, pola subida do Lagares. O Celta daquela, case sempre en Segunda, tiña vontade de equipo waterpolista, xenuíno representante dunha cidade de sal, deitada diante da ría, como é a miña.
Ao remate da miña adolescencia (tras frecuentar moito Riazor, nos anos nos que fixen o bacharelato na Coruña) e coa conquista das liberdades asumín o pensamento nacionalista e a defensa da lingua. O meu celtismo familiar madurou, da mesma forma, a un celtismo identitario e consciente. Creo que no fútbol se xoga, fóra do terreo, unha liga paralela, a das emocións dos afeccionados. O fútbol, como case todos os deportes que empregan unha pelota, é na vida o que mellor escapa ás leis da vida. Todos os equipos son máis que un club, son manifestacións de identidades locais e nacionais; e os partidos son expresión da intelixencia en movemento nos que, como dicía André Maurois, se formulan problemas matemáticos de infinita complexidade que se resolven cun alustro, grazas a unha faísca de pensamento activo que posúen os futbolistas xeniais. Aí reside para min a grandeza deste deporte (tan deturpado actualmente polo tinglado económico e mediático), na súa capacidade para unir intelixencia, sentimentos, emocións e identidades.
Concibido o fútbol deste xeito, eu non podo ser máis ca celtista, como outros grandes amigos non poden ser máis ca deportivistas. O Celta, dende a súa fundación, tivo a vontade de ser a primeira selección galega. Hai uns anos coñecín a Juan Baliño Ledo, un dos impulsores da fusión do Real Vigo F.C. e do Fortuna, os dous equipos que conformaron o Real Club Celta de Vigo. Baliño contoume emocionado queo grupo de fundadores pretendeu crear un equipo potente que levase as cores da bandeira de Galicia polo mundo adiante. O propio nome do equipo, escollido entre outros tan simbólico como “Club Galicia” e Breogán, amosa ese poder identitario galego que posúe o Celta. Outrosí podería dicirse do Deportivo.
Hoxe, oitenta anos despois, o Celta e o Deportivo, coas súas traxectorias nas competicións europeas (mágoa de intermitencias como as desta tempada) conseguiron o soño de poñer a Galicia en pé de igualdade con outros espazos identitarios, política e economicamente máis poderosos que o noso, proceso que se intensifica notablemente coa recuperación da Selección Galega no partido que se celebrará en Compostela dentro dez días. Este é un feito relevante para o noso desenvolvemento identitario, que visualiza, tamén, neste eido simbólico, os anceios de cambio da sociedade galega.
Debo avergoñarme de gozar e sufrir nos estadios? Fágolle por isto algún dano á literatura galega?

Grazas a Vieiros pola súa foto tirada da súa magnífica Canle Selección.

Campo do Fragoso IX

CAMBIOS URXENTES
Aos siareiros dóenos no corazón a humillante goleada que o Coruña endosou a un Celta incapaz de encarar o derby con algunhas garantías de éxito. Coa súa decepcionante actuación, a máis ruín e desganada que lle temos visto ultimamente, liquida a súa magnífica arrincada de tempada e contémplase impotente no espello da tristeza da bancada do Fragoso que soubo encaixar con enorme enteireza outro desastre fronte os nosos maiores competidores. Os problemas motivados pola falta de alternativas tácticas para remontar un resultado adverso, arrastrados nas segundas partes dos últimos partidos, agraváronse o sábado fronte a un rival tan antipático e ordenado defensivamente como consciente de que obter un bo resultado en Balaídos permítelle gañar moita credibilidade diante da súa afección durante varias semanas. A esta altura da liga, o Celta de Vázquez é un equipo fisicamente endeble e tacticamente moi previsible; un conxunto fráxil a quen os rivais xa lle pillaron a agulla de marear baseada nas intermitentes aparicións máxicas de Baiano e Canobbio. O Celta precisa cambios urxentes para evitar unha perigosa caída en barrena: Sergio non pode continuar un encontro máis no centro da defensa nin Iriney no medio pivote nin, sequera, Núñez na banda, xa que os tres amosaron unha alarmante baixa forma. Por moito que lle custe a Fernando modificar o seu once ideal, chegou o momento de comezar as rotacións e ofrecer oportunidades para Méndez, Jorge Larena, Roberto de Sousa, Aspas, Ridder ou Gustavo López. Fronte ao Barsa da marabilla podería ser un bo momento para inicialas.

Campo de Fragoso VIII

SUFRIDA EFICACIA
Con esta primeira volta xa moi avanzada, o Celta continúa mantendo a súa sufrida eficacia como mellor fórmula para saír adiante en Balaídos. Onte, o equipo habitual de Fernando Vázquez fixo, como adoita, unha magnífica primeira parte: goleou con beleza, controlou o manexo da pelota con autoridade, mantivo unha disciplinada concentración defensiva e, mesmo, chegou a crear espazos atacantes para o xogo sen a pelota. Porén, como sucedera a pasada semana en Mestalla, veuse abaixo na reanudación, sobre todo, a partir da lesión de Borja Oubiña, engrenaxe indispensable para armar o xogo celeste, tanto pola súa capacidade para desafogar o traballo da defensa, como para distribuír en curto no círculo central e enfocar ao equipo cara a portería rival. Sen Oubiña no terreo de xogo e co Betis encabuxado, amosáronse as habituais carencias defensivas celestes a balón parado (cada córner foi un calvario salvado in extremis por San Pinto). Por riba, a teimosía de Fernando de non procurar alternativas ao seu patrón de xogo, convencido de que chegaría ese contragolpe de Baiano que permitise liquidar definitivamente o partido, provocou que unha parte da esixente bancada de Río o apupase e outra chamase sen éxito polos caneos tranquilizadores de Gustavo López. Vázquez ten razóns dabondo para defender a traxectoria solvente do seu equipo, de novo en postos de Liga de Campións, mais tamén o noso adestrador debe saber escoitar con humildade á sofridísima bancada que ansía poder gozar dunha maior excelencia do xogo e aspira a unha resolución menos agónica dos encontros.

Campo do Fragoso VII

EMOCIÓN E BELEZA
No fútbol é un feito innegable que non sempre gaña quen mellor xoga. O Atlético de Madrid ofreceu un auténtico recital de toque e organización, monopolizando os seus catro (si, catro) centrocampistas a posesión da pelota e a distribución dun excelente xogo colectivo. Mais isto pouco lle serviu ao conxunto do Manzanares para levarse o encontro diante dun Celta defensivamente moi disciplinado (o maior acerto de Vázquez nesta tempada) e ofensivamente letal nos contragolpes dirixidos por Baiano, que cada domingo demostra que é un auténtico John Deere de fantasía revolucionada. Porén, o heroe céltico foi, outra vez, o gardameta Pinto, inspiradísimo nas súas estiradas e nos seus cinco incribles paradóns de pelotas altas que semellaron máis propias dun tenista na rede ca dun porteiro protexendo as mallas. O Celta desta tempada vai collendo en cada partido máis confianza nas súas posibilidades de equipo gañador e maior densidade no desenvolvemento dun xogo sacrificado, por que os celestes saben que están alicerzados pola solidez dun gran Pinto (unha garantía que pouco veces tivemos) e polos alustres intermitentes da habitual xenialidade canobbiana (o gol de golpe franco directo do uruguaio foi marabilloso) e da poderosa potencia baiana (o gol do brasileiro combinou en apenas dez metros unha poderosa arrincada física cun picado levísimo que permitiu que a pelota entrase na portaría coa dozura de quen realiza un aloumiño a un ser querido). Magnífico partido dos dous equipos, onde non faltou en ningún momento emoción e beleza. Que máis se pode pedir?

A miña convocatoria de selección galega

Os amigos d’ A Nosa Terra pídenme unha proposta de convocatoria da selección galega para o primeiro partido con Uruguay. Velaí a miña listaxe de xogadores con ficha de Primeira e Segunda A nesta tempada:

  • Porteiros: Queco Piña (Rácing de Ferrol), Dani Mallo (Deportivo), Diego López (Real Madrid).
  • Defensas: Michel Salgado (Real Madrid), Quique Álvarez (Villarreal), Paco Corredoira (Numancia), Francisco Noguerol (Elxe), Iago Bouzón (Recreativo de Huelva), Manuel Castiñeiras (Eibar), Capi (Zaragoza).
  • Centrocampistas: Borja Oubiña (Celta), Borja Fernández (Mallorca), David Fernández (Dundee United), Jonathan Aspas (Celta), Julio Álvarez (Real Murcia), Isaac Fernández (Celta), Iván Carril (Deportivo), Nano (Getafe).
  • Dianteiros: Pablo González Couñago (Málaga), Senel (Deportivo), Viqueira (Recreativo de Huelva), Roberto Losada (Valladolid).

O meu once para o debut: Diego López; Michel Salgado, Manuel Castiñeiras, Quique Álvarez, Paco Corredoira; Borja Oubiña, Borja Fernández; Jonathan Aspas, Isaac, Iván Carril; Pablo Couñago.

Actualización (09-11-2005): Mágoa! O primeiro lesionado. Non poderá participar no debut.

Campo do Fragoso VI

ALUSTROS MÁXICOS
Pasado xa o primeiro cuarto da liga, o disciplinado equipo de Vázquez continúa a súa excelente traxectoria, situado de novo en postos de Champions; porén, as bancadas presentan un estado decepcionante, moi semellante ao da pasada tempada, xa que non acollen máis de quince mil espectadores. Horacio Gómez e o seu equipo directivo deberán reflexionar sobre as razóns desta inhibición do celtismo e nas medidas posibles para que nas vindeiras xornadas un maior número de afeccionados apoie coa súa presenza a un equipo que, a pesar da súa fraxilidade defensiva, amosa unha sorprendente autoridade atacante. Así volveu suceder onte, diante dun Alavés incomodísimo, que presionou de forma agobiante, conseguindo, na primeira parte durmir o encontro e impedir a construción e distribución do xogo celeste por parte dos nosos medio pivotes. Mais o Celta desta tempada posúe moita calidade de medio campo para arriba e o xogo combinatorio intermitente de toda a dianteira (non só de Cannobio e Baiano, dúas figuras indiscutibles) permite gozar á bancada de alustros máxicos de auténtica fantasía, como sucedeu co precioso primeiro gol de Cannobio ou co marabilloso remate de chilena de Aspas, un canteirán que se reivindicou como goleador nos poucos minutos dos que dispuxo. Reforzando a portería e a atención defensiva nas xogadas a balón parado (houbo algúns erros clamorosos de coordinación, un dos cales facilitou o gol vitoriano), este Celta de Fernando pode ofrecer un espectáculo suficientemente atractivo e de calidade para encher Balaídos.

Campo do Fragoso V

SILVIÑA
Gañar ao Español custou, como era agardado, ferro e fariña. Foi o de onte un encontro moi tenso onde se enfrontaron as estratexias de dous adestradores moi testáns, fieis aos seus principios de xogo máis disciplinado ca fermoso. Miguel Ángel Lotina, recibido moi agarimosamente polas bancadas de Río, onde nalgúns sectores conserva moitos adeptos, colocou dende o inicio tres centrais en liña deixándolle todo o balón e toda a responsabilidade do ritmo do encontro aos centrocampistas célticos, agardando a oportunidade dun contragolpe, dirixido polo pé de seda de Iván de la Peña, que rachase a notoria fraxilidade dos nosos centrais. Fernando Vázquez fixo os cambios imprescindibles no seu once inicial –substituíndo ao lesionado Baiano (moito piamos pola súa potencia ao longo do encontro) por Perera, un xogador tecnicamente tan discreto como xeneroso no esforzo– pretendendo coas subidas dos laterais desbordar a tupidísima defensa españolista. O traballo paciente dos celestes comezou a dar os seus froitos coa decisiva expulsión de Pochettino. Como non podía ser doutra maneira, diante de semellante estratexia ultradefensiva de Lotina, e co seu equipo en inferioridade, o anceiado gol chegou co encontro case vencido. Compensou o sufrimento da bancada a confirmación da enorme calidade de David Silva, un rapaciño que xa é unha auténtica alfaia: posúe coñecemento do xogo, mobilidade, creatividade, descaro, autoridade, forza, caneo e remate contundente (como demostrou co seu golazo). Un auténtico fenómeno este Silviña.

Xa temos camiseta

Gústame o deseño que fixo Pepe Barro da camiseta da selección. Limpo, xeométrico e con densidade conceptual, como é característico nos traballos do equipo Revision. Creo que é acertada a denominación escollida de “Selección galega”, que obvia conflitos, así como a elección de San Lázaro como terreo de xogo.
Uruguay, que aínda non ten solucionada a súa participación no Mundial de Alemaña, non é mal rival para este primeiro encontro, previsto para o 29 de decembro. Agardo que no cadro charrúa xoguen Cannobio, Recobba ou Diego Forlán.

Canteira da vida

No artigo da semana, a partir da experiencia do Sárdoma F.C., fago unha reflexión sobre a importancia formativa das escolas deportivas de base e a necesidade de que sexan apoiadas polos poderes públicos.
Creo que a experiencia de montar pequenas bibliotecas de libro galego neste tipo de clubes deportivos podería ser ensaiada noutros eidos da nosa vida asociativa. Asombroume a receptividade dos xoves futbolistas coa lectura en galego. Non todo van ser lamentacións, tamén hai moitos motivos para a esperanza e para o entusiasmo.

Campo do Fragoso IV

ACEIRO E MEL
Bonita e emocionante foi a noite de fútbol que nos ofreceu un Celta de aceiro e mel, roubándolle a metáfora ao poeta Lorenzo Varela. Foi a marabillosa primeira parte a dun Celta de mel. Dono sempre do balón e de todos os espazos, o equipo de Vázquez saíu, desde o primeiro minuto de xogo, a procurar o gol, a razón de ser da beleza deste deporte. Baiano, un auténtico John Deere capaz de transformarse nun artista da filigrana na área pequena, abriu, tras un servizo magnífico de Núñez (que xogador!), o marcador cun imposible remate de calcaño. Pouco despois, foi Borja Oubiña, tras un caneo finísimo, quen bateu o coiro a ras de chan, coa convicción que só posúen os grandes futbolistas, logrando así o mellor gol da súa carreira deportiva. O xogo da serpe volvía a Balaídos da man dun equipo ordenado no seu despregue defensivo, seguro na posesión da pelota, imaxinativo nos cambios constantes de ritmo, fantasioso na invención dos espazos de desmarque e imaxinativo na confección dun xogo combinativo de pase longo, que nalgúns instantes resultou delicioso. Foi, porén, a segunda parte a do Celta de aceiro, o que soubo resistir con paciencia e intelixencia defensiva os perigosísimos ataques dun Sevilla (ata agora, o mellor conxunto visitante) moi reforzado coa saída de Kanouté e Saviola. O segredo deste Celta de aceiro e mel foi saber combinar axeitadamente as doses suficientes de disciplina defensiva e fantasía atacante, consolidándose, xa na quinta xornada, por méritos abondos como un líder sólido e solvente.