Campo do Fragoso XVI

BAIXA INTENSIDADE

O partido co Athletic demostrou que o Celta está prostrado nunha perigosa fase de baixa intensidade, acumulando dúas derrotas consecutivas diante de rivais moi inferiores e amosándose totalmente incapaz de repoñerse unha vez que recibe un gol. Noqueados xa aos dez minutos de xogo polo tanto de Aduriz e desquiciados no centro do campo pola tupidísima malla de centrocampistas bilbaínos, que souberon anticiparse e proporcionar balóns perigosos aos seus dianteiros, os de Vázquez non tiveron a claridade suficiente para ler un encontro que Clemente quería gañar. Renunciando de forma incomprensible ás bandas e teimando por conducir a pelota de forma individual polo centro para conseguir unha asistencia para Baiano (moi desacertado como xa ven sendo habitual nas últimas xornadas), o Celta só conseguiu estrelarse contra a fráxil e inexperta defensa dos leóns. Por riba, as dúas oportunidades estragadas por Canobbio e Perera a porta baleira contribuíron a descompoñer definitivamente o debuxo dun equipo que perdeu as posibilidades de atopar un argumento condutor para súa remontada. Nin os trocos da segunda parte nin a emocionante enerxía dos minutos finais, que proporcionaron os caneos e a dirección de Gustavo López, foron suficientes para abrir a lata que tan concienzudamente dispuxo Clemente sobre o campo ao longo dos noventa minutos. Para enfrontar o difícil vieiro final da liga, onde todos os equipos van estar moi necesitados de puntos, o magnífico Celta desta tempada precisa recuperar maior continuade e intensidade no seu xogo de defensa e ataque. Urxe mellorar a actitude para poder chegar a culminar o soño europeo.

Galicia en goles

Moi curioso este blo de Carlos Reboreda contando a experiencia da súa participación no programa Galicia en goles (para min un dos espazos máis arredistas e comprometidos da radio pública, escoitándoo hai veces que creo vivir nun país que acadou a independencia). A verdade é que polos primeiros posteos deste blo recente paréceme máis interesante dende un punto de vista da crónica radiofónica ca da abordaxe do tema deportivo. Agardo con impaciencia que o debate futbolístico entre máis de cheo nos nosos blos, ata agora moi pouco interesados, con honrosas excepcións, no tema.

Campo do Fragoso XV

SEIS PUNTOS
Fernando Vázquez sentenciara ao longo da semana que o encontro co Osasuna era un deses poucos nos que se desputaban sete puntos. Nun magnífico partido de defensa e contraataque os celestes conseguiron, diante dun dos seus rivais directos, seis. A expensas do que poida deparar no remate da tempada a diferenza de goles, constitúe unha boa renda para seguir con posibilidades de participar na vindeira Liga de Campións. A saída dos celestes foi un estourido de alegría. Non pasaran cinco minutos, cando Baiano, famento de gol, recortou con toda a súa potencia de John Deere a un dos centrais vermellóns e conectou un dereitón que deixou abaneando a bancada. A partir de entón, os de Vázquez xogaron con grande convicción ao fútbol que máis lles presta: sólida disciplina defensiva e veloz contragolpe entre liñas. O traballo de xigante de Oubiña, que en solitario roubou pelotas preciosas, entregándoas sempre con premura e sentido de verticalidade, e a tarde xenial de Canobbio, que ensaiou cambios imprevisibles na dirección do contragolpe, foron pouco a pouco desquiciando a un teimoso Osasuna que se emborrachou coa posesión do balón mais que nunca tivo o control do xogo. Tras o golazo de Canobbio, que burlou a marcaxe de Josetxo e caneou con enorme serenidade ao porteiro rival, a carreiriña eufórica de Fernando pola banda (algo que non viramos nesta liga), amosou a efectividade e coherencia do seu intelixente deseño táctico. Aínda con doce xornadas por diante, a continuidade deste Celta con tan sólida defensa e notable pegada pode levalo ónde ninguén soñara ao comezo da tempada.

Campo do Fragoso XIV

VITORIA CÓMODA
A estas alturas ninguén pode negar que o Celta está facendo un grande campionato. Seguros das súas posibilidades e con superioridade técnica sobre a maioría dos rivais, os de Vázquez obtiveron onte unha das súas vitorias máis cómodas diante dun Cádiz moi frouxiño, que só amosou algún perigo nos vinte primeiros minutos. Sen modificar o seu esquema de xogo, Fernando introduciu tres cambios no seu conxunto habitual, que supuxeron un auténtico revulsivo para proporcionar maior seguridade defensiva e, tamén, máis capacidade de control no medio campo. A entrada de Contreras no eixo da defensa e do xove Daniel De Ridder na media banda dereita, os dous xogadores celestes máis destacados, facilitaron un mellor trato da pelota e unha maior solidez no medio do campo para abortar os tímidos contragolpes gaditanos. Contreras reivindicou a súa volta á titularidade participando nos dous goles celestes: no primeiro, aproveitando de cabeza o magnífico lanzamento de Larena, que enviou xusto ao escuadro un golpe franco; no segundo, realizando unha enorme asistencia a Silviña, tras recuperar a pelota no medio do campo e desbordar por velocidade a dous contrarios. Pola súa banda, De Ridder, aliñado de saída por vez primeira, revelouse como un perigoso centrador, ao tempo que un disciplinado traballador en labores defensivas, o que permitiu que Ángel colaborase máis activamente con Oubiña no control do seu eido. Cambios, pois, eficaces que amosan dutilidade e novas posibilidades para un conxunto que entrou xa de cheo na difícil loita por conseguir unha praza europea. Para os celestes, onte comezou unha nova liga.

Campo do Fragoso XIII

CANDIDATURA EUROPEA
A pesar de non realizar un encontro de grande beleza, onte o Celta presentou por vez primeira a súa candidatura europea vencendo a un dos seus rivais directos nesta difícil pelexa. A falta de quince xornadas para o remate da tempada, o obxectivo da permanencia (contar con corenta puntos) xa está practicamente no peto. Un éxito formidable. O que queda agora por diante aos de Vázquez é facernos soñar coa volta á UEFA e mesmo chegar a recuncar na Liga de Campións. O Villareal, aínda mermado polas ausencias de Riquelme e Sorín, a endiañada parella porteña, controlou de forma egoísta a pelota, levando a iniciativa do xogo e desbordando polas bandas, sobre todo na primeira parte, á defensa local. Porén, o Celta, moi ben organizado e seguro polo centro, foi quen buscou o gol con maior convicción por medio de veloces contragolpes dirixidos por Borja Oubiña, outra vez, o noso xogador máis valioso. O mediocentro vigués axigántase en cada xornada. Onte recuperou no centro do campo os balóns que quixo, facéndoo coa elegancia e precisión propias dun malabarista; cortou as xogadas perigosas no momento oportuno; distribuíu, a unha e outra banda, con maior profundidade e veleno atacante que noutras ocasións, converténdose na referencia imprescindible para os seus compañeiros que o buscaban para procurar acougo e manter o tempo de xogo. Mágoa, que no derradeiro contragolpe non atinase no seu xenial remate, deixando a pelota lixeiramente esterada á esquerda. Se chega entrar, Balaídos quedaría definitivamente rendido aos seus pés. Non me cabe dúbida que ese momento chegará.

Campo do Fragoso XII

COLEXIADO GALÁCTICO
Unha das razóns polas que me gusta acudir aos estadios de fútbol é porque sei que alí sempre se representa un drama lonxanamente parecido ao da vida, onde os actores interpretan papeis que en parte están escritos e en parte son improvisados. Así sucedeu onte en Balaídos onde un magnífico Celta interpretou ao longo dos noventa minutos todas as escenas poéticas de maior beleza física e de virtuosismo futbolístico, provocando emocións a eito, facendo vibrar á bancada como ata agora nunca sucedera na tempada, monologando a pracer coa pelota no campo contrario, fartándose de amendrentar a un rival que esquecera totalmente o seu papel de prima dona e que impotente e avergonzado pedía a cada pouco a axuda do intelixente colexiado, que apuntaba sempre na súa dirección. Eis o paradoxo deste espectáculo, onde pode suceder, como lle aconteceu onte á noite aos celestes, que os que mellor xogan e máis merecen a vitoria acaden só ao remate do encontro unha fermosa e dóce derrota. Quizais esta sexa a razón pola que a pesar do resultado adverso e de que o gol marabilloso de Silviña non subise ao marcador, a afección celeste marchase satisfeita e se reconciliase co xogo seu equipo e coa valentía dos cambios do seu coraxudo adestrador. Do papel representado polo Real Madrid apenas se pode dicir que, coa excepción dalgúns detalles técnicos de Zidane e dos eficaces contragolpes brasileiros, interpretou un xogo tosco, lento, aburrido, defensivamente durísimo e moi antideportivo, débendolle o resultado a un colexiado galáctico que non o quixo nunca incomodar.

O fútbol ou a vida

Hoxe un amigo anónimo deixoume un comentario moi extenso no meu máis recente Campo do Fragoso. Recomendo este texto de Justo Serna, tirado do libro El fútbol o la vida, a todos os siareiros e persoas interesadas na antropoloxía social. Traduzo un anaco magnífico:

O fútbol é unha festa con normas, un rito xerárquico que se desenvolve nun escenario ao que chamamos estadio, con xogadores de notable beleza muscular que representan un drama lonxanamente parecido á vida, executantes de papeis que en parte están escritos e en parte improvisados; é, en fin, un teatro con espectadores que asisten para contemplar un virtuosismo, para envorcar os seus humores e para compartir o balbordo desa multitude que interpela, que ruxe como sucedía nos vellos corrais de comedias. A un evento desta natureza, o noso antropólogo imaxinario chamaríao xogo profundo, ao xeito de Clifford Geertz: algo máis que unha gansada, un asunto importantísimo, significativo, que di moito acerca da existencia e das súas expresións. Por erro, tal vez, ou por ilusión óptica, pensabamos ata hai ben pouco tempo que o fútbol era cousa de machiños pouco sensibles, de varóns escasamente cultivados, algo bastos, dispostos á liorta. Agora sabemos que iso non ten por que ser así, que o fútbol e a intelixencia e a cultura teñen numerosas relacións, vasos comunicantes a través dos que se irrigan fluídos, vida e elegancia.

Campo do Fragoso XI

SEGUNDOS DE OURO
Ao longo desta primeira volta a bancada de Balaídos sabe que as primeiras partes do Celta noso son, xeralmente, gozosas e de excelente xogo atacante e as segundas, case sempre, tan agónicas como decepcionamente defensivas. Non foi o encontro fronte a Real Sociedad unha excepción. Comezou cun recital de control no medio do campo a cargo de Borja Oubiña (un xogador incansable que medra en confianza e soltura) e Iriney (menos atolado que noutras ocasións), que permitiu que Placente e Baiano estragasen senllos goles practicamente feitos. Minutos despois, un potente pexegazo raso de Fabián Canobbio, precedido dun caneo seco e maxistral na fronte da área donostiarra, permitiu que os de Vázquez se adiantasen no marcador. Nesa acción xenial e marabillosa do uruguaio estivo o miolo dunha vitoria, tan merecida como sufrida na media hora final, que volve colocar aos celestes na loita polas posicións europeas. Johán Cruyff dixo que naquel Barsa do “dream team” quería xogadores que puidesen facer movementos decisivos en espazos pequenos, deportistas que traballasen o menos posible para aforrar enerxía de cara a esa acción decisiva. Non hai dúbida que Fabián Canobbio, que nos ten afeitos tanto a alustros de xogo marabilloso como a longas páxaras e ausencias no xogo, é desa clase tan escasa de xogadores artistas (Mostovoi foi o último do que gozamos no Celta) que lle prestan tanto a Cruyff. Paga a pena acudir a Balaídos para presenciar o milagre deses segundos de ouro con que nos pode agasallar.

Campo do Fragoso X

DEVALO
Nin os bos propósitos do ano novo, nin a presenza máxica dos tres magos e a alegría contaxiosa dos ranchos de reis sobre o terreo, nin a intensidade competitiva que se presupón aos partidos de Copa, nin os numerosos cambios no once habitual (case medio equipo novo), nin sequera as modificacións do esquema táctico vazquiano (xogou con dous dianteiros) foron onte capaces de parar o devalo no que caeu o Celta nos dous últimos meses. Como é adoito, o encontro comezou de forma esperanzadora: os celestes ordenados e moi disciplinados en defensa controlaban con autoridade o centro do campo, agardando que a velocidade de Perera e os caneos e pases interiores de Canobbio permitisen gañarlle as costas á defensa bética. Abondaron vinte minutos desa estratexia ofensiva para adiantarse no marcador e outros tantos para, cun pouco de fortuna no remate, ter unha cómoda vantaxe para asegurar a eliminatoria. Porén, e como tamén é adoito, tras a rigorosa expulsión de José Enrique, e faltando media hora para o remate do encontro, os de Vázquez viñéronse abaixo de forma estrepitosa e agasallaron totalmente o control do xogo a un Betis moi frouxo. Un preciso cabezazo de Lequi en propia meta e o protagonismo innecesario de Megia Dávila, que sacou de quicio coas súas arbitrariedades á bancada e o banco galegos, foron as inevitables consecuencias da impotencia céltica e da súa estratexia meduliana e acomplexada. É decepcionante que este Celta de inverno sexa totalmente incapaz de repoñerse das adversidades e avatares do xogo. Cómpre parar o devalo canto antes.

Orgullo na brétema

Vivimos intensamente en San Lázaro un partido memorable. A realidade superou as mellores expectativas: o xogo combinativo dos nosos foi, por momentos, realmente marabilloso e a resposta da bancada tan cálida como orgullosa. Os goles (magníficos os tres) foron caendo entre a brétema e a poalla, cando aínda non estabamos totalmente recuperados dun dos himnos máis emocionantes e longos que temos vivido. Inesquecible!
A solidez defensiva dos nosos e a súa descarada arroutada atacante deixounos pampos. Non sabiamos que tiñamos xente de tanta calidade: Cabanas no centro do campo foi unha marabilla, Pablo Álvarez fixo o diaño pola banda (non sei que agarda Horacio para fichalo xa), Nano e Deus remataron con determinación. O combinado todo estivo a unha excelente altura, ben dirixido polos dous grandes mestres de noso, o que demostra que o fútbol galego posúe un moi bo nivel internacional que, se nos deixan, vai permitir enfrontarnos con garantías a calquera. Non estaría de máis que se fose pensando nese Galeuska de fútbol, un triangular que enfrontase, rematada esta liga, ás seleccións das tres nacións irmás.
A resposta dos seareiros foi dunha grande madurez, conscientes todos que estabamos participando dun momento histórico e abrindo no simbólico (velaí a grandeza identitaria do fútbol) unha nova etapa dun proceso que no político se amosa, afortunadamente, cada vez máis irreversible. Esta festa rachada de alegría contaxiosa e o orgullo cívico de sermos unha nación non resignada prometen moito.
Para min constituíu, tamén, unha grande alegría asistir ao nacemento do precioso periódico impreso de Vieiros, outro orgullo esperanzado para o futuro. Porén, disgustoume o enfoque do libro que agasallou a Consellaría de Cultura a todos os seareiros, que amosa (sendo moi piadosos á hora de cualificalo) unha concepción necrolóxica e moi convencional da literatura galega; como tampouco me chistaron as chamadas (innecesarias) do muecín que berraba nos altofalantes dende un palco ateigado de autoridades. Erros, ambos os dous, que non pexan unha noite para non esquecer. Un grande éxito colectivo de Galicia en pé.