A cor de Galicia

Outra mostra da crise do Celta como institución é o retroceso que se produciu esta tempada no uso do galego no seu xornal oficial. Coincido ao cen por cen con este comentario de Todocelta sobre as mudanzas (para peor, moito peor) da publicación gratuíta que o clube distribúe cada xornada en Balaídos. A cor de Galicia (pode baixarse en pdf) desta tempada aparece cunha moi escasa presenza do galego, ademais de contar cunha información menos elaborada e interesante ca na anterior. Non pode ser alleo a esta cuestión o feito de que esta tempada xa non sexa Merlín Comunicación (a nova empresa especializada en exposicións e comunicación cultural do Grupo Galaxia) a editora da publicación. Non acreditamos en que existan razóns obxectivas (económicas ou de calidade xornalística), a pesar de que o Celta milite agora en Segunda división, para que esta publicación fose devaluada nos seus contidos de forma tan notable. Non era o emprego do galego un dos sinais de identidade do club que dirixe Xavier Martínez Cobas? Algunha explicación, tamén sobre este tema, compriría que proporcionasen os responsables celestes, nun momento de enorme preocupación cidadá sobre o futuro que lle pode agardar ao club. En plena campaña de abonados (a pesar do anuncio da Marea celeste) a asistencia ao estadio nas dúas primeiras xornadas reduciuse a menos de cinco mil siareiros, as opinións nas emisoras de radio son moi pesimistas e xeralmente iradas, ademais de correr sms entre os afeccionados celestes propoñendo un boicot á Directiva para a vindeira xornada en Balaídos. Algo habería que facer.
Etiquetas:
2 comentarios
  1. bouzafria
    bouzafria Dice:

    Aínda que o fútbol non é máis que un xogo provócanos intensas alegrías e decepcións. Encantaríame estar errado pero o comezo da temporada non augura nada bo. Ogallá muden as cousas axiña.

  2. Un galego emigrado
    Un galego emigrado Dice:

    Eu que empecei a ir a Balaídos cando os nenos entraban gratis ao estadio, que paguei pola miña primeira entrada 200 ptas e que fun socio durante bastantes anos, xa hai tempo que non sinto nada polo equipo, sinceramente non me sinto representado.

Los comentarios están desactivados.