Onte 906: Día internacional da muller traballadora

Este 8 de marzo centrouse nas mobilizacións a prol do dereito ao aborto libre e gratuito dos dereitos sexuais e reprodutivos, coa intención de frear o retroceso que supón a Lei Rajoy. No obstante, sendo a loita polo dereito a decidir a maternidade fulcral e imprescindible, non se pode esquecer o retroceso que todos os dereitos das mulleres están sufrindo nos diversos eidos da vida social e laboral. Os datos amosan que as mulleres son as primeiras vítimas das políticas de recortes. Ao longo destes últimos cinco anos, os chamados da «crise« (de devaluación salarial) baixou a taxa de actividade e o salario feminino fronte ao masculino, as mulleres sufriron maiores taxas de precarización, aumentando así a fenda salarial entre homes e mulleres. Como se incrementaron tamén os casos de violencia machista e a cultura da mixosinia para vergonza de toda a sociedade. Tras cen anos da celebración desta xornada mundial, a creación de espazos de igualdade real e a defensa dos dereitos conquistados polo movemento feminista é tarefa que a todas as persoas convoca, especialmente aos homes.

Onte 886: A vergonza de Ceuta

Soubemos onte que 37 cámaras do Ministerio do Interior gravaron o sucedido o pasado 6 de febreiro cando un grupo de inmigrantes subsaharianos trataron de chegar a nado a Ceuta. Un suceso terrible no que morreron 15 desas persoas que intentaban cruzar a fronteira por mar entre pelotas de goma e tiros ao aire da Garda Civil, segundo as confusas e contraditorias versións do director da Garda Civil e do Ministro do Interior. O acontecido en Ceuta, como a existencia do valado e as concertinas de Melilla, é outra vergonza moral desta Unión Europea que pretende pechar o seu «paraíso» a cal e canto a unhas persoas desesperadas cuxo delito é soñar que poden refacer as súas vidas en Europa. No entanto, maior vergonza produce a incompetencia das autoridades españolas, incapaces de dar unha versión verosímil sobre o sucedido, razón pola que a entrega destas gravacións aos deputados da Comisión de Interior do Congreso é un exercicio de transparencia imprescindible.

Onte 871: A ladroa de libros

Sei que non é unha obra mestra, nin sequera unha fita redonda, mais A ladroa de libros, a película de Brian Percival baseada no best-seller xuvenil homónimo de Markus Zusak, paga a pena. A pesar do errado tratamento das linguas (a alemá non aparece por ningures), atribuíble á homoxeinizadora factoría estadounidense, a película consegue transmitir eficazmente o alento pola lectura, polos libros, pola escritura e, finalmente, mesmo pola creación literaria. As palabras constitúen o mellor antídoto contra a barbarie, simbolizada aquí pola queima de libros, mais tamén a mellor forma para combater o medo e a soidade. A lectura literaria, representada pola conquista que a protagonista realiza d’ O home invisible de H. Wellsé unha forma de coñecemento, mais tamén de curación.

As interpretacións de Geoffrey Rush e Emily Watson, a utilización da Morte como narradora (un recurso narrativo presente xa na novela de Zusak) e algunhas esceas memorables –como cando o xudeu agochado lle propón a Liesel, a heroína lectora, que lle describa o tempo que vai fóra, ou cando ela comeza a contar no refuxio antiáereo, engaiolando a súa veciñanza, mentres caen as bombas– abondan para recomendar vivamente esta película. Ademais, convén salientar o seu indubidable carácter de recurso didáctico, xa que pode axudar nas clases de lingua e literatura para abordar o tema do valor das palabras (vida) e da creación literaria coma mellor representación do mundo. Ideal para persoas letraferidas e para debater nos clubs de lectura de mozos e mozas.

Onte 869: Gandhi e Castelao

Coincidiu onte por vez primeira o Día Escolar pola Non Violencia e a Paz, celebrado na data do aniversario do pasamento de Gandhi, co Día da Ilustración en Galicia, data de nacemento de Castelao. Enfíase así nas aulas e bibliotecas do país noso a lembranza de dous personaxes moi relevantes na historia do século XX, contemporáneos (morreron cunha diferenza de apenas dous anos), pacifistas até o lirismo e defensores teimosos das súas comunidades e de toda a humanidade. Lembranza destes persoeiros universais inserida no marco da exaltación da creación gráfica e artística e da actividade lectora. Parabéns aos numerosos centros escolares galegos que con actividades moi diversas artellaron esta xornada transversal de lapis, cores e pombas.

Onte 859: Desigualdade e pobreza

Os informes publicados onte por Intermon Oxfam poñen de relevo que un dos efecto da devaluación interna que sofrimos, agochada baixo o eufemismo de «crise», é o aumento da desigualdade e da pobreza. Intermon denuncia que no mundo só 85 persoas millonarias posúen unha renda idéntica á da metade da poboación mundial. En España as vinte persoas máis ricas posúen unha fortuna semellante aos ingresos do 20 % da poboación máis pobre. Intermon Oxfam, unha ONG centrada na loita contra a fame (á que non pode bautizarse como «esquerdista»), afirma que «as élites económicas están secuestrando o poder político para manipular as regras do xogo económico, o que socava a propia democracia». Unha idea que na rúa manifestouse de forma máis rotunda tras a pancarta «Non é unha crise, é unha estafa». Unha opinión que segundo o informe de Intermon comparten oito de cada dez cidadáns españois enquisados para os que «as leis están deseñadas para favorecer aos ricos». Unha quebra democrática cuxo primeiro efecto é que os intereses dunha minoría se impoñen sobre os que noutrora foron denominados como «intereses xerais». Recomendo ler ambos os dous informes de Intermon, tanto o xeral («Gobernar para as élites») como o dedicado á reflexión sobre o caso español. Axudan a entender que a desigualdade, a pobreza, o desemprego ou a exclusión teñen a súa orixe neste secuestro do poder político perpetrado polo poder económico. Terrible!!!

Onte 813: Madiba

Souben do pasamento de Nelson Mandela escoitando a radio mentres regresaba do Carballiño da presentación do libro de Bautista Álvarez. A noticia impactoume. Desque lin no pasado verán a súa autobiografía, un dos textos de prosa memorialísticas máis detallados e engaiolantes nos que me teño mergullado, quedei impactado pola quentura e, sobre todo, pola credibilidade da súa voz. Desque saíu da súa aldea de Qunu até converterse en líder do pobo africano e referente mundial de coherencia e dignidade,  Madiba, o nome do seu clan da nación xhosa, fixo da súa vida relato. Nas seiscentas páxinas da autobiografía emerxe aquí e acolá o papel esencial que concede á educación («a arma máis poderosa que podemos usar para mudar o mundo»), a carón da súa case obsesiva apelación ao compromiso individual na construción de proxectos colectivos. Aquí aparece tamén o home comprometido coa paz, coa xustiza e coa igualdade de todos os seres humanos («debemos promover a coraxe onde hai medo, promover o acordo onde existe conflito e inspirar a esperanza onde hai desesperación»). Páxinas de inequívoca intencionalidade política, nas que Mandela aposta pola non violencia, «que busca o triunfo a través da conversión», como principal estratexia da súa loita. Convicción que, cando pasou á clandestinidade en 1961, non lle impediu asumir a sabotaxe e a loita armada como vía de actuación política («non pode un enfrontarse a unha besta salvaxe coas mans espidas»), nunha das decisións máis controvertidas da súa vida, que pola súa transcendencia non debe ser agochada. Con todo, será nas páxinas do relato estremecedor de case tres décadas no cárcere onde comprendamos como Madiba forxou o seu carácter acolledor e a súa capacidade inclusiva gabada agora de forma tan unánime. A súa grande manda testamentaria radica na súa confianza nas posibilidades de transformación da sociedade e na bondade intrínseca de cada un dos seres humanos («ninguén nace odiando a outras persoas pola cor da súa pel, a súa procedencia ou a súa relixión»). «Ser libre non é simplemente desprenderse das cadeas, senón vivir dun xeito que respecte e aumente a liberdade dos demais.» Madiba deitou doses abondas de dignidade e esperanza.

Onte 803: Terrorismo machista

702 mulleres asasinadas en España polo terrorismo machista entre 2003 e 2013, 42 no que vai de ano. Dúas cifras estremecedoras que obrigan a unha contundente resposta cidadá e dos poderes públicos. Números que sabemos son apenas a punta do iceberg do comportamento machista hexemónico na sociedade nosa, oculto no espazo do privado, mais capaz de transmitirse con enorme facilidade xeración tras xeración, a pesar do esforzo coeducativo que dende hai tempo se ven acometendo en escolas e institutos. Para erradicar esta lacra machista. para manter unha tolerancia cero co maltrato e a desigualdade, non abonda por importante que esta sexa coa acción coeducadora, é imprescindible unha actuación integral no conxunto da sociedade. A corresponsabilidade pola igualdade, a denuncia dos comportamentos machistas e violentos,  debe asumirse en todos os ámbitos do público e do privado, dende os grupos familiares e de amizade, pasando polos centros de traballo, até os medios de comunicación e redes sociais. Con todo, os poderes públicos, amparados polas políticas de consolidación fiscal, non poden renunciar a súa responsabilidade nesta loita antiterrorista. Os recortes nas políticas de igualdade e de loita contra o machismo son outra manifestación desta violencia.

Onte 727: Francisco a prol da causa da paz

Admiro a determinación e afouteza do papa Francisco a prol da causa da paz e contra da intervención militar en Siria. «A guerra é sempre unha derrota para a humanidade» salientou onte durante o rezo do Ángelus. Valiosas xa foron tamén as súas declaracións criticando o negocio da venda de armas, onde está tantas veces a orixe dos conflitos.Como a presenza inédita de Francisco nunha vixilia silenciosa a prol da paz, celebrada no solpor romano, acompañando a representantes doutras crenzas e persoas laicas, ateas ou agnósticas,constituíu unha novidade extraordinaria, unha mudanza profunda no comportamento da Igrexa. Imaxinamos aos párrocos galegos convocando concentracións cidadáns a prol da paz nos adros das súas igrexas? Quedo con algunhas das palabras claras de Francisco pronunciadas no serán pola paz: «A violencia non é o camiño para a paz». «O perdón, o diálogo e a reconciliacion son as palabras da paz, na amada nación Siria, no Oriente Medio e en todo o mundo.» Será posible aínda evitar o ataque?

Onte 720: A canella siria

Obama gañou un pouco máis de tempo solicitando aprobación do Congreso para o lanzamento de mísiles contra a Siria. Porén, o presidente estadounidense esta parado nunha canella sen aparente saída xa que, como sinala atinadamente Yashmina Shawki, sabe que esta intervención correctiva non derrocaría nin enfeblecería realmente ao réxime de Bachar, nin axudaría aos rebeldes, «só agravaría a situación da poboación civil». Hai indicios que amosan que Obama preferiría non facela, xa que comprende que se decide atacar sería anticipar «o final da súa carreira política». Ademais, as chamadas vías diplomáticas e a intermediación da ONU, polo momento, semellan ser ineficaces para procurar unha saída pola vía da negociación. En definitiva, para evitar a guerra, e as súas imprevisibles consecuencias, todo parece depender nestas horas da consistencia psicolóxica do actual presidente estadounidense para aguantar as presións belicistas do que algún analista islámico denominou como a «burocracia internacional» vinculada ao FMI. Hai realmente algunha oportunidade para a paz como solicita Francisco? Sendo así de difíciles as cousas, que esperanzas poden ter os millóns de refuxiados sirios para saír da súa canella?

Onte 710: O síntoma de Baralla

Non é sorpresa ningunha o sucedido onte no pleno do concello de Baralla. O veterano alcalde non dimite xa que «pedín desculpas ao PP e mas aceptaron», unha forma de recoñecer que a lexitimidade do seu cargo está nos órganos de dirección do seu partido e non na veciñanza que o elixiu. Unha boa lección de democracia orgánica. Como é probable que considerase abondo que durante o pleno expresase unha confusa desculpa («errar é de humanos e de sabios é retificar», dixo) e admitise  a súa «imprudencia» por pronunciar «unhas palabras no fragor dunha discusión». Non debe estrañar a ninguén este comportamento xa que o alcalde de Baralla actúa conforme ao protocolo da «ética dos vencedores», completamente allea ao proceso de recuperación da memoria e da dignidade das vítimas da ditadura franquista (4.600 persoas asasinadas en Galicia), que atribúen ao pensamento esquerdista e republicano. A construción dun relato común sobre o sucedido na Guerra Civil e na Ditadura, unha nova memoria colectiva, precisa un consenso político e social do que aínda carecemos. Só nese novo contexto será posible aprobar unha lei que declare delito a exaltación, defensa ou negación dos crimes franquistas, como sucede en Alemaña cos do nazismo. O sucedido en Baralla é un síntoma dunha doenza cívica moi dolorosa, a da impunidade, que ameaza o sistema democrático.