O que arde

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a recomendar O que arde, o filme memorable de Oliver Laxe:


A estrea en vinte salas galegas do filme O que arde de Oliver Laxe coincide co segundo aniversario dos incendios que puxeron en perigo a coroa vexetal da área metropolitana viguesa e provocaron dúas vítimas mortais en Chandebrito aquel fatídico domingo, 15 de outubro de 2017. Unha coincidencia fortuíta que convida a compartir esta extraordinaria película, protagonizada por Benedita e polo seu fillo Amador, mais tamén a reflexionar sobre o sucedido tras aquela vaga incendiaria e sobre as promesas e compromisos para mudar a política forestal.

Recoñecida co premio «Un certain regard» do Festival de Cannes 2019 ­–un certame onde Laxe xa fora premiado en 2010 pola súa opera prima, Todos somos capitáns, localizada nun centro de menores de Tánxer, e onde volveu ser recoñecido coa súa segunda longametraxe en 2016, Mimosas, gravada no Atlas marroquí– dende a primeira até a derradeira escena O que arde é unha película impresionante de beleza estarrecedora, onde os montes dos Ancares galegos son considerados non só como unha paisaxe marabillosa se non tamén como outro protagonista máis da narración. Velaí ese comezo inesquecible, no que o espectador asiste atónito a caída de altísimos eucaliptos, arrasados por unha escavadora, ao ritmo dun andante de Vivaldi, como da sobrecolledora batalla final que contra o lume libran os afoutos bombeiros forestais, filmada de forma documental e case heroica por Oliver e polo seu director de fotografía, Mauro Herce, de xeito que conseguen facer sentir na sala escura o latexo da terra ferida e a violencia do lume incontrolado.

Xaora, O que arde é unha historia familiar do regreso a casa de Amador, un pirómano que volve do cárcere e non quere ser axudado nin confesar o que sinte nin pensa. Un relato contado apenas por elipses visuais, por diálogos esenciais e longos silencios, rotos por frases chave, como esta de Benedita: «se provocan sufrimento é porque sofren». Narración inzada de momentos de tenrura e compaixón a carón da cociña de ferro, ou outros lírico-simbólicos, como esoutro da Benedita abrigada do ballón na cortiza dun castiñeiro, marcas narrativas dun director obsesionado en toda a súa filmografía en afondar no máis recóndito da dignidade humana e na súa relación íntima coa natureza.

Definido por Laxe como un «melodrama de bágoas contidas», O que arde retrata un mundo que morre entre a dignidade dos humildes sen renunciar a perpetuar a beleza desa Galicia aldeá agonizante. Como fixera tamén a redondelá Diana Toucedo en Trinta lumes (2018), Laxe filma como membro dunha tribo en vías de extinción identificando as pegadas na memoria das vivendas e nas cortes, como se se tratase dun fantasma sen recambio demográfico nin produtivo, fenómeno que algúns xa chaman o «holocausto rural de Galicia», estudado nun ensaio recentísimo, A morte de Galicia (Xerais 2019), volume de lectura moi aconsellable, coordinado polo historiador Isidro Dubert.

O que arde non pretende ser unha tese sobre a problemática incendiaria en Galicia, máis alá da animadversión do director pola presenza invasora do eucalipto sobre o territorio e das talas sobre as que axexa o propio Amador cando acompaña as vacas. Con todo, Laxe deita unha ollada sobre o fenómeno dos pirómanos chea de tolerancia, quizais para salientar así a ausencia de medidas políticas sobre os intereses arredor do sector forestal en Galicia, sobre a propiedade do monte, o devalo demográfico ou do propio cambio climático, que tamén forman parte das causas desta noxenta industria do lume en Galicia.

O que arde é un filme sobre xente rota, que ama e sinte dor en silencio. Unha película conmovedora e emocionante, capaz de abrir conciencias e corazóns no seu intento de representar sen renunciar a beleza a extinción da cultura tradicional da Galicia de montaña. Unha película que, ademais, obriga a repensar as políticas forestais que provocaron catástrofes como a lembrada en Chandebrito e preguntarse se dende entón mudaron, se se puxeron en marcha máis medidas de prevención, se as zonas devastadas foron limpadas e comezaron a ser repoboadas, se foron mobilizados os predios abandonados e incorporados ao banco de terras para ser cultivados..

Esta inquedante película en lingua galega de Oliver Laxe,  demostra que aínda existen fendas na industria para ofrecer un cinema de autor sen aditivos de azucre nin conservantes de saudade. Tras unha década de traxectoria, tras tres longas premiadas en Cannes, aquel Oliver Laxe, que nos descubrira o crítico Martin Pawley en 2008 na curta París#1, coa que o director coruñés pretendía responderse á pregunta que é Galiza, é hoxe unha das figuras europeas indiscutibles do cine de autor. Vaian ao cine a compartir a emoción deste cume do cine galego, hoxe unha das expresións máis punxentes da cultura na nosa lingua.

Onte 2040: «Coñecendo a Astrid»


Interesoume moito Unga Astrid (2018) [Conociendo a Astrid], o biopic sobre a escritora sueca Astrid Lindgren. Pernille Fischer Christensen ofrece un retrato dos anos de mocidade, anteriores ao comezo da súa escrita, salientando o carácter feminista, rebelde e independente da autora de Pippi medias longas (excelente a versión galega de Kalandraka). Mágoa que a directora danesa non arriscase máis na narración da historia desta nai adolescente obrigada a parir soa fóra do seu país e, anos despois, a intentar conquistar os afectos do seu picariño. Xaora, a excelente interpretación de Alba August, capaz de modular as expresións de entusiasmo coas da dor, decepción e desamparo, salvan a credibilidade deste retrato conmovedor da escritora que nos anos da súa despedida, cando recibe todos os afectos e agarimos dos seus lectores e lectoras escolares, lembra os anos difíciles. Moi recomendable para as mediadoras e persoas amantes da literatura infantil e xuvenil.

Onte 2033: «Trinta lumes»

TRINTA LUMES / THIRTY SOULS (trailer) from Diana Toucedo on Vimeo.

Non vira até onte Trinta lumes, a engaiolante longametraxe de Diana Toucedo, na que  explora o impreciso territorio da desaparición. Unha película de beleza hipnótica na que tras a ollada inocente de dous preadolescentes, Alba e Samuel,  que esculcan entre as moitas casas abandonadas da súa aldea da Serra do Courel a memoria do alí vivido, a directora redondelá  compón un poema visual que exalta unha natureza insurxente e fantasmagórica. Abandonando a facilidade dos etnografismos documentais, Toucedo arrisca por ofrecer un retrato naturalista dunha cultura tradicional en extinción inevitable, onde é posible aínda visitar as marxes do misterioso, do descoñecido, do invisible e da propia morte. Concibida coa potencia gráfica dun poema telúrico de Novoneyra, Toucedo transforma a procesión do acompañamento nunha ringleira de lanternas vagalumes que vocean desacougadas na procura de Alba. Velaí a forza narrativa desta opera prima multipremiada, que  recomendo vivamente.

Onte 2002: «Tiempo después»

Baixo a aparencia dunha comedia distópica, ambientada no ano 9177 e localizada entre unha torre monumental, onde hai unha representación de todo, e unha fraga, onde malvive o exército de parados, José Luís Cuerda ofrece en Tiempo después unha sátira melancólica e feroz do capitalismo actual. Atrevida na súa concepción surrealista e clásica no formato narrativo conversado, Cuerda aproveita os recursos desta dialéctica (outros dirán que a ironía que destila na súa conta de Twitter) para arrear duro a este tempo de conformismo abafante dunha monarquía do rei de bastos, dunha esquerda desarmada ideoloxicamente e dunha mocidade diletante a velas vir. Unha sátira que moito se agradece polo que ten de transgresora e de politicamente incorrecta, mais que Cuerda non consegue pechar de todo como relato. En todo caso, abonda coa atmosfera corrosiva creada polo admirado mestre e por algunhas interpretacións brillantes dos cómicos que o apoian neste bulir coral.


 

Onte 1999: «Miss Kiet’s children»

Teño querenza polas películas de temática educativa que ficcionan os conflitos das aulas como espazo de privilexio para abordar as contradicións sociais. Xaora, de cando en vez aparece algunha peza documental, como a hipnótica Miss Kiet’s children de Petra Lataster-Czisch e Peter Lataster, que me colleu polo colo até conmoverme diante dunha mestra honesta e traballadora. É esta unha marabilla visual, capaz de recoller a intimidade do que sucede nunha aula de primaria holandesa na que se xuntaron en 2016 dous rapaces e dúas rapazas sirios, de diferentes idades, fuxindo (literalmente) dos medos e dos pesadelos da guerra. A construción das aprendizaxes básicas, a recuperación da autoestima e unha concepción moral do espazo educativo en calma son os vimbios desta homenaxe emocionante ao oficio de mestra.  Recoméndoa vivamente a todas as ensinantes, á espreita de Your Are my Friend (2018), a nova entrega dos directores.


Tráiler castellano | Miss Kiet’s Children from Pack Màgic on Vimeo.

Onte 1985: «Happy End», o novo de MIchael Haneke

Michael Haneke ofrece en Happy End (2017) unha comedia perturbadora e irónica na que volve sobre os seus temas referenciais amosando que os diversos xéneros narrativos poden servir tanto para representar a crueldade da violencia e o desacougo da soidade como para expresar tamén a epifanía entusiasta da infancia ou mesmo o epílogo tristemente feliz da morte procurada. Ao xeito dunha secuela da extraordinaria Amour (2012), encarnada no aínda deslumbrante Jean-Louis Trintignant, o director austriaco ofrece en Happy End o retrato dunha familia burguesa de Calais, allea a todo o que sucede ao seu  arredor, que se derruba inexorablemente, como o muro do soar no que a empresa familiar pretende edificar. Impactoume o magnetismo da nena, sobre todo na escena inesquecible da conversa no estudio do avó, como a utilización das redes sociais e dos móbiles como recursos discursivos do voyeurismo do noso tempo. Interesante.

Onte 1971: «Lucky» ou cando a vida esmorece

Lucky, ópera prima de John Carrrol Lynch, ademais dunha extraordinaria despedida actoral de Harry Dean Stanton, o Travis de Paris, Texas (1984), é unha alfaia sobre como encarar a morte cando sabemos que a vida esmorece. Western filosófico de beleza austera e música engaiolante, Lucky relata os últimos días dun ateo solitario e nonaxenario que se enfronta coa inexorable finitude da vida. Soidade mitigada cada noite na barra do bar da súa pequena comunidade, onde comparte a súa cotidianidade monótona e os seus medos cos seus veciños (gringos, negros e mexicanos). Unha película emocionante sobre o valor da vida cando nos preguntamos cales son as razóns polas que nos asusta a morte. A extraordinaria resolución dunha trama moi liviá, algunhas conversas memorables no bar, sobre todo cando participa David Lynch, que interpreta a Howard, o home que amigou cunha tartaruga, como a tremenda interpretación do protagonista fan de Lucky unha desas películas inesquecibles a revisitar sempre.

Onte 1967: «Lou Andreas-Salomé»

Lou Andreas-Salomé, a escritora rusa que fascinou a Nietzsche, Rilke e Freud, é a protagonista do biopic dirixido por Cordula Kablitz-Post, que nestes días se proxecta en Galicia. Un relato bastante convencional, tanto na estrutura memorialística como na composición visual, que reconstrúe a peripecia biográfica desta pioneira da psicánalise, unha muller de entre séculos adiantada ao seu tempo que quixo vivir en plena liberdade a súa vida intelectual e afectiva, como filósofa, ensaista e novelista, renunciando á maternidade e ao matrimonio convencional. No contexto actual de empoderamento das mulleres e cunha intención explicitamente didáctica, a película da directora alemá recoñece o papel protagónico e moderno de Salomé, situándoa moi por riba das figuras masculinas coas que se relacionou. Unha proposta moi distinta á que hai catro décadas fixo Liliana Cavani cando en Más allá del bien y del mal retratou a relación de Salomé con Nietzsche e Paul Rée. Interesante.

Onte 1959: «Thelma»

Desde unha memorable escena inicial, que comprenderemos transcorrida unha hora da metraxe, até a coidada resolución do misterio no lago xeado, Thelma do noruego Joachim Trier é un drama fantástico de beleza visualmente perturbadora. Na tradición escandinava da mesturar a intriga psicolóxica de carácter realista coa introdución de elementos fantásticos, Trier reconstrúe unha historia de amor adolescente no primeiros días universitarios da protagonista coa intención de afondar na reflexión sobre a orixe da loucura e a pervivencia do fanatismo relixioso na sociedade contemporánea. Un achegamento moi elegante e orixinal a un dos temas clásicos do cine do terror, o da bruxaría, mais que fose dos artificios e truculencias do xénero, atrapando, porén, ao espectador no seu tallo grazas a unha trama tan densa como desacougante e a unha fotografía e música hipnóticas. Película inquedante, sorprende como a combinación das mesmas doses de xeo ca de  lume poden utilizarse para intentar explicar o que semella inexplicable.

Onte 1958: «The Journey»

Interesoume The Journey de Nick Hamm, unha ficción política na que se especula sobre o sucedido no encontro privado que en 2006 mantiveron o líder do Sinn Fein Martin McGuinnes e o unionista Ian Paisley. Unha trama atractiva que converte a este duelo dialéctico entre as posicións históricas do conflito irlandés nunha avaliación das posibilidades de superación da vía militar e de construción dunha saída estritamente política. Máis alá do arriscado de asumir un entorno teatral, os dous protagonistas conversan nunha furgoneta, onde non faltan algúns diálogos brillantes e silencios provocadores, o que máis destaca da proposta de Hamm é o valor que lle concede á mediación, a intervención decisiva nas conversas de paz do goberno de Tony Blair. Secasí, nunca está de máis darlle unha oportunidade á paz e que algúns políticos arrisquen para variar o curso da historia. Mágoa dunha certa autocompracencia tan británica e dalgunha volta de guión polas marxes do inverosímil que afean unha película valiosa, mais aínda na situación actual de bloqueo do procés catalán.