Campo do Fragoso XXXVIII

O VALOR DOS ABRAZOS
Despois de celebrado o derby e recuperado, por fin, o ansiado vieiro das vitorias, teño claro que o principal problema do Celta non é tanto a calidade do seu xogo como a de recuperar o equilibrio anímico perdido tras seis meses de derrotas. Fernando Vázquez, un técnico honesto e celtista de corazón, a quen temos que agradecer dúas magníficas tempadas, porén, non soubo este ano xestionar este aspecto emocional na súa relación co cadro de xogadores nin moito menos coa maioría dos afeccionados. Velaí, no eido das emocións, onde se produciron as principais mudanzas de Stoichkov, quen cos seus brazos abertos e o seu entusiasmo desbordado conseguiu que a confianza, o orgullo e a alegría volvesen ao terreo de xogo e, sobre todo, ás desanimadas bancadas. Stoichkov introduciu lixeiras modificacións no conxunto habitual, colocando a Nené polo centro, como acompañante na punta de Baiano, e distribuíndo máis xogo polas bandas. No entanto, as maiores mudanzas estiveron na actitude dos xogadores que, dende o comezo, encararon con afouteza, rapidez e determinación a portería dun moi pachorrento Coruña, que agardaba atopar a fenda do decaemento anímico celeste. Durante a primeira parte o Celta chegou cunha facilidade apabullante, mais, como é adoito, non conseguía finalizar con éxito. Venturosamente na reanudación, cando o Coruña comezaba a controlar o tempo de xogo, Baiano matou unha pelota precisa dende a esquerda dun activísimo Gustavo López. Co marcador por diante, Stoichkov non se arredrou unha miga e meteu a Bamogo para conseguir maior capacidade de contraataque. Así, os emocionantes minutos finais, co Coruña empurrando con auténtico perigo, foron unha festa nas bancadas. O derby demostrou que o Celta, se é capaz de recuperar a autoestima, ten xogo abondo para manter a categoría. Polo momento o valor dos abrazos de Stoichkov serviu para superar a primeira final.

Etiquetas: Celta

Fernando Vázquez, un cese inoportuno

A destitución de Fernando Vázquez como adestrador do Celta amosa o fracaso da política deportiva da actual xunta directiva celeste. Xustificada pola crise de resultados e pola falta de actitude do equipo diante do Recreativo (feitos que non son de agora, xa que se veñen arrastrando dende hai meses), a xunta directiva preferiu salvar o seu pelello a manter ao adestrador galego que ratificara hai dous meses. A xunta directiva preferiu aceptar as presións dalgún sector influínte das peñas e dalgúns medios de comunicación ca manter a serenidade e o rigor que require xestionar unha situación tan difícil como a que vive o equipo. Mudar hoxe ao adestrador, que apenas suporá un revulsivo anímico para algúns xogadores, non supón garantía ningunha de sacar ao equipo de pozo.
É evidente que algo está fallando no Celta esta tempada, un problema que Fernando (a quen sempre admiramos e apoiamos) non foi capaz de solucionar, eis a súa responsabilidade ineludible e o seu fracaso inapelable esta tempada. No entanto, dende o inicio da liga, comprendimos que o saldo entre as marchas de xogadores (sobre todo a de Silva e Sergio) e as fichaxes (Nené, Tamas) era moi negativa, balance que se está demostrando como decisivo, tanto no xogo como na posición do equipo na táboa. Fernando Vázquez era unha peza decisiva no proxecto galeguizador da actual directiva; agardamos que o seu cese no supoña o abandono desta orientación. Non hai dúbida que ás portas do derby, os celestes quedan sen Fernando en clara inferioridade. Mágoa!

Actualización (12-04-2007)
: Fernando é un tipo elegante e leal co celtismo. Beizóns!!!

Etiquetas:

Campo do Fragoso XXXVII

UN MADRID CUTRE
O estado anímico da afección celeste, ben curtida en incontables derrotas, non se deteriorou con outra máis diante do Real Madrid. A procura de síntomas de mellora no xogo do equipo (moi perceptibles nos últimos encontros) abonda para non perder unha esperanza de permanencia que, grazas aos resultados doutros campos, continúa intacta. Pareceume o Madrid de Capello un equipo sen xeito, vulgar, apático, dos tantos que veñen esta tempada a Balaídos coa intención de levarse o partido aproveitando un par de erros motivados pola impaciencia anímica dos célticos. Como xa é adoito, os de Vázquez dispuxeron dunha chea de oportunidades, estragadas no segundo decisivo, e ofreceron instantes de beleza inesperada, como a rabona espectacular da primeira parte dun formidable Gustavo López ou o monumental taconazo de Nené que permitiu marcar a Ángel en carreira (ata agora, o mellor gol da tempada). O Madrid, coa excepción da gran actuación de Iker Casillas e do oportunismo de Robinho, non ofreceu aos seus numerosos seguidores galegos outra xogada merecedora de ser reseñada, nin artellou un minuto de fantasía para ser apupado, nin sequera un xesto técnico dalgunha das súas millonarias figuras que parecían conformarse con evitar a derrota. O Celta –a pesar de notar a ausencia de Cannobio e resentirse no centro do campo coas imprecisións de Borja Oubiña e Iriney (os dous algo fóra de punto despois das lesións)– foi un equipo moi valente e coraxudo capaz de obrigar ao rival a colocar vergonzosamente o autobús nos minutos finais. No entanto, volveu demostrarse que no fútbol se non metes cando podes (e os célticos puideron facelo en cinco ou seis ocasións), inevitablemente rematas perdendo. Un Madrid cutre gañou así a un Celta incapaz de rendibilizar o seu bo xogo para obter unha vitoria. Tampouco funcionaron os amuletos, este equipo continúa enmeigado.

Etiquetas:

Campo do Fragoso XXXVI

OUTRA DOSE DE CICUTA
Xa mo adiantara pola mañá un bo amigo bilbaino: “estes leóns nosos xa non che son tan feros coma noutrora”. E tiña toda a razón. O Celta e o Athletic, dous conxuntos amigos en horas moi baixas, ofreceron en Balaídos un espectáculo futbolístico moi pobre, onde mais ca xogo amosaron a súa impotencia para saír do foxo, onde por deméritos propios están instalados esta tempada. Ningún acadou o obxectivo que buscaba, mais, tal como transcorreu o encontro, os dous quedaron satisfeitos. Saíron os vascos dominadores, ata que os galegos, grazas ás escapadas pola esquerda de Gustavo (na súa posición natural), foron conseguindo controlar o tempo de xogo e adiantarse, á media hora, no marcador. A partir do gol de Ángel, os celestes controlaron con comodidade un partido que, por fin, semellaba non se escaparía. O comezo da segunda parte, a pesar do aparente dominio dos leóns, aínda foi máis prometedor: Baiano e Canobbio estragaron por milímetros senllas oportunidades nas súas biqueiras. Mais, cando faltaba aínda media hora, Pablo García autoexpulsouse de forma caprichosa e inxustificable, proporcionando a todo o seu equipo a dose de cicuta suficiente para suicidarse diante dos seus afeccionados. En inferioridade numérica, os celestes xa non puideron xestionar con garantías a súa vantaxe; desconcentrados retrasaron as súas posicións e, o ata entón, inofensivo conxunto bilbaino apretou para que Aduriz cabecease a pracer unha falta moi ben medida por Yeste. A partir dese momento –como demostrou Murillo nun cabezazo ao poste no derradeiro minuto– o empate era un magnífico resultado para os célticos, un equipo que ven demostrando ser absolutamente incapaz de superar o seu complexo a obter unha vitoria en Balaídos. Non hai dúbida de que o peor inimigo deste Celta son os seus propios fantasmas. Os de Pablo García non teñen nome. Outra boa oportunidade estragada.

Etiquetas:

Campo do Fragoso XXXV

DERROTA DÓCE
Tan curtidos en fracasos como andamos esta tempada, a derrota celeste contra o Werder Bremen foi o de menos. Un resultado moi enganoso para os méritos que sobre a lameira viguesa fixeron dous conxuntos que ofreceron unha emocionante e bonita noite de fútbol copeiro. Non hai dúbida de que o Celta desta noites europeas é outro equipo. Sen a presión anímica da liga (que inmobiliza aos xogadores e á bancada), é un equipo moito máis competitivo, máis xarelo, mesmo moito máis alegre e decidido a procurar o gol na portería contraria. Con esta maior autoestima saíron os de Vázquez que atuaron durante todo o encontro aos simpáticos músicos de Bremen, o segundo clasificado dunha das mellores ligas europeas. Moi ben colocados sobre o campo e concentrados na súa presión defensiva, os de Fernando foron amodiño gañando a posesión da pelota e, sempre que puideron, intentaron doses de fantasía combinatoria (fixeron un par de xogadas memorables). Tamas (un descubrimento como mediocentro) e Pablo García (mellor en cada encontro) souberon lanzar a un equipo, onte moi afouto, que mereceu, xa na primeira parte, marcar nalgunha das súas clarísimas oportunidades. Coa reanudación, un Balaídos (por fin unido e satisfeito co xogo dos seus) vibrou e apupou a un Celta que, aínda, atesoura moito fútbol de calidade. Como sucedera en Valencia, apenas un minuto de desconcentración defensiva –seguramente, o único de todo o partido, motivado pola nova lesión de De Ridder, que mala fortuna ten este rapaz!–, malogrou tan magnífico traballo e mermou as posibilidades de continuar en Europa. No entanto, a pesar do negativo do resultado, os afeccionados saímos ben satisfeitos pola auténtico partidazo dos celestes. Xogando deste xeito, o decisivo partido do domingo contra o Atlétic de Bilbao pode encararse con maior confianza. Nunca unha derrota esta tempada foi máis dóce.

Etiquetas:

Campo do Fragoso XXXIV

UN ESTADO DE ÁNIMO
O partido de onte demostrounos que o fútbol é, sobre todo, un estado de ánimo. E o do Celta desta tempada avala en Balaídos entre os escasos momentos de euforia e confianza e os máis numerosos de confusión e medo, moito medo. Así sucedeu onte contra o Rácing de Santander, un equipo que, coñecendo a actual falta de confianza celeste e sen ofrecer un xogo doutro xoves, soubo teimar nas súas posibilidades ata conseguir o seu obxectivo de puntuar. É innegable que o Celta fixo unha boa primeira parte. Tras o recente éxito europeo, con dous goles á media hora e con varias xogadas magníficas de Bamogo (un par de controis de calidade, un cano na área rival e o espléndido cabezazo do segundo gol), os celestes conseguiron entusiasmar ata tal punto ao público que parecía dar por resolta a crise. Máis tamén o é que tras a reanudación, o Celta fixo unha segunda parte nefasta, fracasando de cheo a estratexia do adestrador de arrefríar un encontro moi vivo con constantes alternativas nas dúas portas. Mentres os galegos saíron temerosos a tratar de conservar o resultado reforzando a defensa, os cántabros puxeron moita convicción na remontada, conducidos por un Pablo Munitis inmenso nos seus caneos e na súa imprevisible mobilidade en todas as posicións avanzadas, feitos que provocaron dous fatídicos erros de concentración defensiva celeste. Estragáronse así todas as posibilidades de conseguir, por fin, unha segunda vitoria na casa. A polémica, entón, volveu á bancada, onde unha parte semella máis concentrada en discutir as polémicas decisións de Fernando Vázquez (hoxe os seus trocos foron pouco afortunados) ca en apupar e erguer ao equipo cando cae abatido na súa impotencia. Con semellante desencontro entre o adestrador e unha parte do público non vai ser doado atopar a saída do túnel. Non se lle ve moito xeito, non.

Etiquetas:

Aúpa Celta!

Hoxe no xornal do Celta publiquei este texto que me solicitaron:

AÚPA CELTA!

O Celta da miña nenez militaba en segunda división. Aos seis anos, papá fíxonos socios da grada (flotante) de Río para seguir o equipo de Ibarreche e Las Heras, que xogaba co Indauchu, co Condal, co Basconia, co Europa, co Langreo, co Coruña ou co Pontevedra que conseguiría nun derby con nós o seu ascenso a primeira división, iniciando a vizosa etapa do “hai que roelo!”. Os rapaces do meu tempo tivemos que agardar ata o ano sesenta e nove para ver xogar o noso equipo en primeira, feito celebradísimo na cidade que levou ao Faro a entregar (por vez primeira) un póster a cor da “plantilla” adestrada por Ignacio Eizaguirre, que decoraría durante anos moitas cociñas e canta taberna ou tenda de ultramarinos había. Aquel Celta de Manolo, Costas, Rivera, Abel, Suco ou Lito, un cadro na súa maior parte galego, foi sempre sentimentalmente o meu preferido. Acadou a primeira grande proeza do fútbol galego: xogar en 1972 unha eliminatoria da UEFA fronte ao Abeerden escocés; proeza, ben é certo, que quedou un chisco diminuída pola incapacidade do equipo do olímpico Juan (a nosa maior figura) para conseguir sequera algún tanto (perdimos 0-2 en Balaídos). Despois viñeron as dúas décadas do “sobe e baixa” e, máis tarde, as glorias europeas do xogo da serpe, polas que hoxe piamos. Con semellantes precedentes non nos poden amedrentar as dificultades que estamos vivindo. Os celtistas temos experiencia sobrada para sabernos manexar nos peores temporais. O desta tola tempada, amainará. Aupa, Celta!

Etiquetas:

Campo do Fragoso XXXIII

CELTAZO
Aos moi poucos afeccionados que participamos no formidable espectáculo europeo de onte quedounos claro que o Celta vai saíndo paseniño da súa doenza. Fronte a un Spartak de Moscova, aínda un chisco baixo de forma, amosou síntomas dunha apreciable recuperación anímica e da consistencia do seu xogo. Fernando Vázquez presentou un modelo valente de xogo (3-4-3) que proporcionou ao equipo solidez e concentración defensiva (os nosos tres centrais gañáronlle case sempre a partida aos xigantóns rusos) e, sobre todo, capacidade de creación no medio campo, onde Borja Oubiña e un descoñecido Pablo García moi activo, realizaron moitas recuperacións e facilitaron que o balón rodase con perigo entre liñas. Na primeira parte o Celta xogando ao contragolpe realizou os mellores vinte minutos da tempada, con constantes paredes interiores, pases precisos e mesmo algúns alustros de xenialidade e fantasía. Froito desa insistencia atacante chegaron o gol de Nené, grazas a un bloqueo de Núñez (inspiradísimo de cabeza, nun dos seus mellores encontros en Vigo) e o pexegazo impresionante de Aspas (dende case corenta metros) que deixaba clara a solvencia europea dos celestes. Porén, para rematar tan trepidante partido (o mellor desta tempada), non puido faltar a emoción e a agonía: tras o gol dos rusos, os tres últimos minutos e os outros tantos do desconto foron de auténtico infarto con grandes oportunidades en ambas as dúas portas. Este celtazo na copa da UEFA, onde o equipo de Fernando Vázquez se sinte tan competitivo, amosa que hai vimbios dabondo para recuperar o ton doente desta liga tan difícil. Vivimos unha noite completa de fútbol europeo na que o medo e a emoción se transformaron, non era xa sen tempo, en ledicia e satisfacción desbordadas. A bancada, o adestrador e o conxunto merecíanas.

Etiquetas:

Campo do Fragoso XXXII

Á DERIVA
A pesar de que acudimos a Balaídos ilusionados, a inapelable derrota diante do Espanyol volveunos demostrar que o Celta desta tempada padece unha grave doenza. As mudanzas no once inicial, incorporando as dúas discretas fichaxes de inverno, e a utilización, durante a primeira parte, dun novo esquema (4-4-2) modificaron moi pouco a fasquía dun equipo que volveu ofrecer un tristísimo espectáculo. As tenues melloras que supuxo esta estratexia fóronse ao garete aos vinte minutos cando Luis García marcou o primeiro gol dos periquiños, facilitado por tres erros consecutivos no despexe dunha defensa en permanente período de rebaixas. Tras o descanso, coa entrada de Gustavo López pola banda esquerda (á que lle é propia), a colocación no centro dun Canobbio moi activo e coa recuperación do seu esquema táctico tradicional (4-2-3-1), o Celta recuperou autoridade atacante e creou as mellores ocasións de gol de moitos meses. Un espellismo que durou só dez minutos. A incomprensible entrada de Nené (o que levou a Gustavo á dereita) e o gol de Pandiani, tras un contragolpe moi ben levado por Rufete, murcharon todas as esperanzas dos celestes de marcar. A partir de entón, amosaron a faciana da súa impotencia e a bancada a división que suscita a continuidade do adestrador. A indefinición na dirección técnica (onte demostrouse que Vázquez vacila por ónde tirar) e a falta de compromiso do cadro de xogadores (con algunhas honrosas excepcións, como as de Pinto e Oubiña) semellan ser os dous problemas principais deste equipo de cristal, que despois de vir amosando a súa preocupante fraxilidade nos tres últimos meses, esnaquizou nas dúas últimas xornadas toda a súa credibilidade diante dos seus seguidores. O Celta continúa á deriva, sen temón nin máquina dentro e fóra do campo. Nas vindeiras xornadas, a posibilidade do descenso vai pesarlle coma unha lousa. Que medo, mi madriña!

Etiquetas:

Campo do Fragoso XXXI

BAIXO MÍNIMOS
Tras dez xornadas sen gañar, o Celta xa está baixo mínimos na táboa, nesa perigosísima intemperie de evitar na segunda volta perder a categoría. No partido contra o Nastic, os de Fernando Vázquez agotaron todo o creto acumulado a pasada tempada de desenvolver un xogo de calidade, xa que deixaron constancia que o da actual é, aínda, moito máis precario ca difícil situación clasificatoria, xa nos puntos de descenso. É innegable que os celestes saíron moito máis concentrados ca en partidos anteriores, presionando moi arriba a un rival que se amosaba tan endeble coma temeroso. Foi un espellismo que apenas durou un cuarto de hora. O entusiasmo atacante foi desaparecendo coma escuma na praia e, no resto da primeira parte, os colistas foron atopando a agulla de marear a un equipo moi previsible, brandiño, queixoso e lentísimo que funciona a velocidade dun daqueles vehículos diesel de primeira xeración. Na segunda, despois do magnífico gol de Oubiña (un dos poucos xogadores que puxo corazón e cabeciña), o Celta, en vez de intentar rematar a faena, moi temeroso atrasou as súas liñas deixándose enredar na súa área polos cataláns que en cada ataque atopaban moitas facilidades para acadar a igualada. Non tardou en chegar, grazas a un servizo preciso de Pinilla pola banda que rematou de forma letal Portillo. Balaídos quedou, entón, en case absoluto silencio, expresando así a indiferenza resignada dunha afección que veía esborrallarse, outra vez máis, ao seu equipo polo precipicio. O gol dos colistas agravou a crise do xogo celeste que apenas intentaron con escasa convicción procurar a remontada, dando por bo o empate. Hai meses que os célticos amosan en Balaídos unha diletancia preocupante, unha total falta de ideas e de alternativas tácticas para saír deste foxo. O equipo está baixo mínimos. Non vai ser doada conseguir a salvación.

Etiquetas: