Bibliotecas, Lectura, Edición (Conclusións)
/en Bibliotecas, Edición, Eventos, Lectura/por bretemas- A práctica lectora configúrase dende hai tempo coma un dos termómetros básicos para medir o nivel de desenvolvemento social, económico, político e cultural das sociedades. O acceso aos libros por parte da cidadanía é unha necesidade obxectiva que cómpre atender axeitadamente. O libro e a lectura son axentes básicos de socialización e, por tanto, elementos fundamentais na construción dunha Galicia nova.
- A lectura pública é un servizo necesario que a Administración e os poderes públicos deben considerar dun xeito regular e constante nos seus planos estratéxicos. Tal servizo, con carácter universal e igualitario, debe atinxir á totalidade da poboación, por riba de diferencias sociais, económicas, ambientais, culturais ou xeográficas, xa que está profundamente vencellado á formación do capital humano, á cualidade democrática e participativa dos individuos e das sociedades, e á capacidade de desenvolvemento das mesmas.
- Os arredor de 430 puntos de lectura que constitúen na actualidade a rede de Bibliotecas Públicas de Galicia non están suficientemente dotados. O 45% dos fondos bibliotecarios quedaron hai tempo obsoletos. Os recursos económicos para a adquisición de libros está moi por debaixo das medias europeas e mesmo da media española. Cómpre unha actuación decidida na dotación de recursos bibliotecarios, e cómpre facelo dun xeito constante e anual, contando cos profesionais da lectura pública, e integrados nos orzamentos das consellerías correspondentes.
- Sen unha xeitada rede de servizo de lectura pública, dotada de espazos, persoal cualificado e medios, tal como sucede nas sociedades desenvolvidas do noso contorno, non parece posible un deseño de modernización da sociedade galega consonte as necesidades do século XXI.
- Complementarias ás Bibliotecas Públicas son as Bibliotecas Escolares, factor capital no desenvolvemento dun sistema educativo renovado e homologable a outros modelos do noso contorno. Conscientes de que os pasos a dar deben ser progresivos, invitamos aos poderes públicos a un pronunciamento decidido a prol da dotación de recursos dentro do sistema: bibliotecas escolares, ben dotadas e ben atendidas, en todos os centros docentes sen exclusión, como parte da estratexia educativa; centros de documentación, información e acceso ao coñecemento, dirixidos moi especialmente ás novas xeracións. Consideramos necesaria, xa que logo, a creación dun corpo de profesionais especializados neste tipo de servizo dentro dos centros, conectados en rede nun programa xeral de aproveitamento de recursos e documentos, non só para o soporte tradicional do libros senón en todo canto atinxe ás Novas Tecnoloxías (TIC).
-
Dende a Asociación Galega de Editores ofrecemos os nosos servizos, atencións, coñecementos e apoios, ás iniciativas de desenvolvemento e fortalecemento da rede bibliotecaria e das estratexias a prol de animación á lectura, conscientes da súa importancia na construción dunha Galicia instalada de seu nas necesidades do século.
Asumimos como reto a necesidade de diversificar as nosas liñas editoriais, mesmo abríndonos aos novos soportes da edición, posibilitando deste xeito o fornecemento á rede bibliotecaria dos materiais necesarios en lingua galega.
O coñecemento dos novos soportes de edición e as súas posibilidades, a busca de solucións imaxinativas que permitan superar atrancos, e a consecución dos apoios necesarios que fagan viables novos proxectos, convértense en tarefa urxente para o sector editorial galego e a industria cultural.
Apoiamos aos profesionais da biblioteca na procura dun espazo estable dentro do sistema cultural, educativo e de servizos á sociedade, na medida en que son parte decisiva na formación do capital humano e na implementación da Sociedade da Información e o Coñecemento.
Animamos a implementar decididamente as Novas Tecnoloxías da Comunicación no servizo bilbiotecario, conectándoo cos recursos dispoñibles e mais cos que poidan xurdir, así como co resto dos axentes do libro e a lectura, moi especialmente os libreiros.Santiago, 17 de novembro de 2006
Bibliotecas públicas
/en Bibliotecas/por bretemasNo artigo da semana denuncio, ao abeiro das sesións e conclusións do IIIº Simposio da AGE, a situación carencial das bibliotecas públicas en Galicia, facendo especial mención ás importantes diferenzas existentes entre as dúas maiores cidades galegas e propoñendo a posibilidade de crear un Consorcio Bibliotecario Galego como plataforma de xestión e colaboración entre a Xunta e os concellos.
Bibliotecas Públicas en Galicia, un diagnóstico
/en Bibliotecas/por bretemasHernández comezou a súa intervención definindo a biblioteca como “o servizo público que garante o acceso dos cidadáns en igualdade de oportunidades á cultura, á información e ao coñecemento”. Subliñou, logo, o seu carácter de servizo público universal e igualitario para toda a poboación; normalizado (a través de disposicións legais); responsabilidade da administración e organizado como sistema ou rede. Advertiu que no seu estudo sobre as BP, que consideraba como columna do sistema bibliotecario e da sociedade lectora, quedaban fóra as bibliotecas escolares, as académicas e as especializadas. Despois de referirse ao desenvolvemento normativo das BP en Galicia (detido en 1995) proporcionou os datos dispoñibles sobre procentaxe de lectores (poboación de 14 e máis anos) en 2005 por diferentes Comunidades Autónomas. Galicia sitúase, entre todas elas, en última posición, xunto a Estremadura. A partir dese momento foi debullando gran cantidade datos que permiten facer un acaído diagnóstico sobre a nosa carencial situación bibliotecaria pública. Entre os máis salientables, sinalamos os seguintes:
- Habitantes por punto de servizo de BP: Galicia (6.424), España (9.349), UE (9.451).
- M2 de BP por 1.000 habitantes: Galicia (30, 19, España (29,3), A Coruña, cidade (50,4), Vigo (11,1), Santiago (9,2).
- Poboación inscrita en BP: Galicia (16,8%), España (21,1%), UE (26,7%). Case 240.000 dispoñían en 2004 carné de usuario dunha BP, dos que o 28% eran menores de 14 anos.
- Visitas por habitante: Galicia (1,4), España (1,9), UE (4,8), Finlandia (18). As BP de Galicia en 2004 atenderon 3,8 millóns de visitas, das que 2,5 millóns rexistráronse na provincia da Coruña.
- Visitas por habitante por cidades: A Coruña (5,9), Vigo (0,6), Santiago (0,4).
- Préstamos por habitante: Galicia (0,43), España (1,09), UE (4,93).
- Préstamos por habitantes por cidades: A Coruña (2,139, Vigo (0,14), Santiago (0,15). Xeralmente os índices de préstamo indican o índice de lectura da sociedade.
- Libros por habitantes: Galicia (1,16), España (1,13), UE (1,80). Galicia contan nas súas bibliotecas con 3,2 millóns de libros que supoñen o 93,8% dos seus fondos. As pautas internacionais recomendan enre 1,5 e 2,5 libros por habitante.
- Documentos sonoros, audiovisuais e electrónicos por 1.000 habitantes: Galicia (39), España (69), UE (147).
- Adquisición de volumes por 1.000 habitantes: Galicia (80), España (82), UE (144).
- Adquisición de libros por 1.000 habitantes por cidades: A Coruña (126), Santiago (35), Vigo (non consta que se adquirira ningún en 2004). As pautas recomendadas por IFLA/UNESCO están entre 150 e 250 libros por habitante e ano e a necesidade de renovar totalmente os fondos cada dez anos. As coleccións en Galicia teñen un marcado carácter patrimonial (de conservación), xa que o 47% dos fondos teñen unha antiguidade superior aos dez anos.
- Gasto total en BP por habitante: Galicia (4,99 €), España (7,83 €), UE (17,53 €). Galicia gastou en BP, no ano 2004, 13,8 millóns de euros (7,7 na provincia da Coruña).
- Gasto en persoal por habitante: Galicia (3,60 €), España (4,59 €), UE (10,36 €). As BP en Galicia eran atendidas en 2004 por un total de 532 traballadores (para 430 puntos, 1,2 por punto), xerando un gasto de 10,37 millóns de euros.
- Gasto en persoal por habitante por cidades: A Coruña (12,68 €), Vigo (1,45 €), santiago (2,00 €). Na cidade da Coruña dispoñían de 4,6 traballadores de BP por cada 10.000 habitantes; en Lugo e Pontevedra, 3; en Ourense, 2; e en Vigo e Santiago, 1 por cada 10.000 habitantes.
- Gasto en adquisicións por habitante: Galicia (0,54 €), España (1,11 €), UE (2,25 €). Galicia investiu 1,5 millóns de euros para renovar as coleccións.
- Gasto total en BP por habitante por cidades: A Coruña (17,22 €, moi preto da cifra da UE), Vigo (1,77 €), Santiago (2,44 €). Un importante desequilibrio orzamentario existe entre as cidades galegas.
Iº Encontro de Bibliotecas Escolares de Galicia
/en Bibliotecas, Eventos/por bretemasNon hai dúbida de que este mes de novembro vai ser moi rico en Galicia na celebración de encontros e debates arredor da lectura e do papel da bibliotecas.
Souben hoxe da celebración do Iº Encontro de Bibliotecas Escolares de Galicia, promovido pola Asesoría de Bibliotecas Escolares, os días 10 e 11 de novembro en Compostela. Están previstas importantes conferencias como as de José Antonio Marina, Javier Celaya, Emili Teixidor ou Manuel Rivas, persoas todas as que moito admiramos nestas brétemas. Estes encontros realizaranse a semana anterior a celebración do IIIº Simposium O Libro e a Lectura (Bibliotecas, Lectura e Edición) e das Xornadas sobre Mocidade e Internet (Enredad@s). Tres programas ben interesantes para promover a revolución lectora, tan de actualidade estes días.
Día Internacional das Bibliotecas Escolares
/en Bibliotecas, Efemérides/por bretemasMañá, cuarto luns de outubro, celébrase o Día Internacional da Biblioteca Escolar. Esta efeméride, iniciada en 1999 e convocada pola Asociación Internacional de Bibliotecarios Escolares (IASL), pretende sensibilizar á sociedade sobre a importancia da biblioteca escolar como recurso fundamental no proceso de ensino-aprendizaxe e impulsar a súa presenza na institución escolar.
Nesta pasada semana celebrouse o Iº Congreso nacional de Bibliotecas Escolares en Salamanca do que Antonio Tejero ofrece unha magnífica crónica. Quedei con dúas das afirmacións que el recolle sobre a definición da Biblioteca Escolar que ben poderían orientar a celebración da efeméride mañá:
- Lugar central das aprendizaxes, centro de recursos para todas as áreas (Alejandro Tiana, Secretario Xeral do Ministerio de Educación).
- Un centro educativo é un conxunto organizado de aulas entorno a unha biblioteca (Lourence H. Das).
O estado das Bibliotecas a debate
/en Bibliotecas, Eventos/por bretemas“Bibliotecas, Lectura e Edición” serán os tres eixos sobre os que xirará o IIIº Simposio “O libro e a Lectura” que organizará en Santiago a AGE, en colaboración co Consello da Cultura Galega, durante os días 16 e 17 de novembro.
O debate sobre a situación bibliotecaria, o fomento da lectura e os contidos das futuras leis do libro e de bibliotecas serán os temas centrais dun programa artellado arredor de catro conferencias e outras tantas mesas redondas.
Avance do programa
O xoves 16, na primeira sesión de mañá, abrirá o Simposio a intervención de Hilario Hernández, director da Biblioteca da Fundación GSR de Peñaranda de Bracamonte que analizará o estado actual das bibliotecas e do fomento da lectura en España.
A continuación, celebrarase unha mesa redonda sobre a situación bibliotecaria en Galicia, na que participarán Xosé Lois Navaza, Mariluz Corral e un representante da Consellaría de Cultura.
A sesión de tarde ocuparase das bibliotecas escolares e do fomento da lectura no sistema educativo non universitario. Abrirase coa conferencia de Pilar Pérez Esteve, asesora do Ministerio de Educación, á que seguirá a mesa redonda sobre as bibliotecas escolares na que participarán Cristina Novoa, Cristina Ameijeiras e Carme Loriga.
Abrirá a sesión da mañá do venres 17, a editora Rosa Serrano, presidenta da Asociación de Editores do País Valenciá, que abordará o papel dos editor no fomento da lectura. A continuación celebrarase unha mesa redonda sobre bibliotecas e Novas Tecnoloxías, na que participarán Ana Bande, Catuxa Seoane e unha persoa en representación do Proxecto Meiga.
O venres pola tarde, haberá un panel de experiencias de animación bibliotecaria no que participarán Isabel Blanco, Gabriel Beceiro e un representante da Biblioteca Nova 33. Poñerá ramo ao Simposio unha conferencia da escritora Rosa Aneiros sobre o papel da biblioteca. As persoas interesadas en participar no Simposio ou en recibir máis información deben dirixirse á Secretaría da AGE.
Entrevista a Antonio Basanta
/en Bibliotecas, Editores, Entrevistas, Lectura/por bretemasAntonio Basanta, vicepresidente e director executivo da Fundación Germán Sánchez Ruipérez, propón nesta recente entrevista de El Correo, interesantes reflexións sobre a lectura e o seu decisivo papel na educación. Editor educativo de grande experiencia (con quen tiven a oportunidade de traballar durante algúns anos), Basanta é hoxe un dos mellores coñecedores do sistema de lectura pública en España. Recollo algunhas das súas opinións máis significativas sobre o papel decisivo das bibliotecas no fomento da lectura:
Bibliotecas
Una labor de promoción no cambia los hábitos milagrosamente, y tiene sentido si apoya una labor previa. Ésta debe basarse en la existencia de una buena red de bibliotecas escolares y otra de bibliotecas públicas. Si ambas redes existen, cualquier campaña puede tener éxito, porque luego las personas no tienen limitaciones de ningún tipo a la hora de encaminarse a la lectura. Pero muchas veces se hace al revés: se organiza una campaña sin que exista una oferta de calidad. En España necesitamos al menos 5.000 bibliotecas públicas y no podemos olvidar que el 80% de los centros educativos no tienen bibliotecas que merezcan ese nombre.
Televisión e lectura
Es cierto que tenemos índices de lectura muy bajos. Pero creo que también es negativo que nos acerquemos al mundo de los libros de una forma demasiado reverencial. Hace falta heterodoxia: no sabemos mostrar en televisión la lectura y el libro como un espectáculo. Sobra rigor y falta frescura.
Lectura multisoporte
Cuando hablo de leer me refiero también a otras formas de comunicación asociadas a los nuevos soportes. De las encuestas que hacemos, se desprende que los alumnos que usan el ordenador y ven la televisión son también los que leen. Es tan malo no leer como concentrarse en un solo tipo de lectura.
Vía Con valor.
Aventuras da Superbibliotecaria
/en Bibliotecas, Vídeos/por bretemasVía Ana Bande.
IIIº Simposio "O Libro e a Lectura"
/en Bibliotecas, Edición, Eventos/por bretemasO encontro de 2006, aberto a estudantes e todo tipo de profesionais relacionados co sector do libro e da edición, xirará arredor do lema “Bibliotecas, Lectura e Edición“. Están previstas varias conferencias e mesas redondas sobre a situación bibliotecaria e a lei do libro, a lectura no marco da Reforma Educativa, as bibliotecas escolares e a Reforma Educativa, Bibliotecas e Lectura, Bibliotecas e Novas Tecnoloxías, o canon bibliotecario e a presentación de diversas experiencias de animación bibliotecaria. Axiña anunciaremos o programa definitvo e o nome dos participantes.
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
Recomendo
Últimas anotacións
- Os Baltar18 de Decembro de 2024 - 4:17 p.m.
- AVE polo Miño17 de Decembro de 2024 - 7:05 a.m.
- Doutrina 79/201011 de Decembro de 2024 - 9:04 p.m.
- Casal11 de Decembro de 2024 - 8:49 p.m.
- Fusilados no Castro11 de Decembro de 2024 - 8:41 p.m.