"Illa Soidade", adianto do primeiro capítulo

Hoxe subimos o adianto en PDF do primeiro capítulo de Illa soidade, a novela de An Alfaya gañadora do premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil. Boa lectura!

"Minimaladas", adianto de cinco historias

Hoxe subimos o adianto en PDF de cinco (das oitenta e catro) minihistorias que conforman Minimaladas, a obra de Carlos López gañadora do Premio Merlín 2007.

"Cardume", adianto do primeiro capítulo

Hoxe subimos o adianto en PDF do primeiro capítulo de Cardume, a novela de Rexina Vega gañadora do Premio Xerais 2007. Boa lectura!

Teresa Moure, premio Rafael Dieste 2007 de teatro

Esta mañán recibimos unha magnífica noticia: Teresa Moure obtivo o premio Rafael Dieste de teatro por Unha primavera para Aldara.
O xurado do premio sinalou que o texto foi seleccionado “pola sólida estrutura dramática, a potencia dos conflitos e a magnífica construción de personaxes”, apreciando nel “a ambición dunha trama sostida por un gran traballo de investigación histórica que trascende a época do drama para abordar temas de actualidade”, así como “a aposta por unha dramaturxia histórica” e “polo alto nivel literario” do mesmo.
Gustavo Pernas, membro do xurado, sinalou no anuncio do galardón que a trama da obra sitúase nun cenobio no ano 1465, na época das grandes loitas irmandiñas. “Máis alá do documento histórico e do traballo de investigación, destaca a universalidade e transcendencia de certos temas como a igualdade da muller”, segundo expresou o dramaturgo. Ademais, “abórdanse temas de actualidade utilizando unha trama histórica está falando de nós, de Galicia, de tradición e modernidade. A obra ten uns personaxes moi ben perfilados, é rica en dramaturxia e tamén en narración”. Concluíu Pernas afirmando que a posta en escea “constitúe un desafío”, xa que se trata dunha obra de 160 páxinas con grande complexidade escénica.
Unha primavera para Aldara é o primeiro texto dramático de Teresa Moure, amosando, así, a súa versatilidade e talento que a converten nunha das nosas grandes escritoras contemporáneas. Beizóns merecidas para ela. O vindeiro mércores, ás 20:00 horas, presentaremos na Libraría Pedreira de Santiago Benquerida catástrofe, a súa máis recente novela. Quedades convidados a felicitala.

Etiquetas: Teresa_Moure

"Illa Soidade", testemuño dun xurado

Martín Pawley foi membro do xurado do Premio Fundación Caixa Galicia 2007 que outorgou o galardón a Illa soidade de An Alfaya. Aquí fai unha primeira achega á obra. No mesmo espazo publica a primeira entrevista que na noite da entrega fixo á autora.

Teresa Moure, discurso nos Premios Xerais 2007

Teresa Moure, en calidade de mantedora literaria dos Premios Xerais 2007, pronunciou un discurso titulado “O carácter revolucionario da escrita e das palabras”. Nun texto de dezaoito páxinas (pode baixarse completo en PDF aquí), ganduxado co alento da tenrura e a coraxe necesaria para chamar polas palabras precisas, Teresa reivindicou a literatura como un espazo para a transgresión e para a recuperación da erótica da lectura (“unha actividade que se practica con fruición). Fixo, ademais, un chamado a que autores e autoras continúen co empeño da escrita e de facer existir as palabras de tanto repetilas. A autora de Herba moura rematou a súas palabras proclamando a súa confianza en que é posible “consagrar todas as nosas forzas resistentes a facer florecer a palabra para edificarmos un novo país, un novo plantea, onde a dor da existencia, infinita, poida aliviarse con outra ética e outra estética”. Grazas á xenerosidade do blog dos pelachos podemos ver o derradeiro minuto desta peza oratoria brillante, que foi recibida polo público de forma entusiasta.

"Minimaladas" de Carlos López

Minimaladas, a obra de Carlos López galardonada co Premio Merlín 2007, recolle oitenta e catro mini historias protagonizadas por animais, nas que destaca a súa orixinalidade e imaxinación. O xurado nestes textos breves (nalgúns casos apenas catro ou cinco liñas) salienta a súa capacidade para evocar imaxes, valéndose dun emprego lúdico da linguaxe, algunhas interesantes referencias literarias e dun tratamento moi innovador da creación lingüística.
Carlos López Gómez declarou, no momento de recibir o premio Merlín, que baixo o título de Minimaladas reuníu unha gavela de relatos moi breves protagonizados cada un deles por un animal diferente. “Por deformación profesional, dada a miña condición de humorista gráfico en prensa, as narracións comparten o denominador común do humor. Foi divertido escribilas; confío en que sexa divertido lelas”.

Carlos López Gómez (Boimorto, A Coruña 1967) é guionista do dúo de humor gráfico Pinto & Chinto. No ano 1993 asociouse con David Pintor para formar este dúo que, dende entón, ten publicado as súas viñetas diarias en El Correo Gallego, O Correo Galego e, desde 1998, nos xornais do Grupo Voz (La Voz de Galicia, Diario de León, Diario 16 e La Voz de Baleares). Pinto & Chinto expuxeron o seu traballo na Bienal da Caricatura de Ourense, O Sapoconcho do Museo do Humor de Fene, en Verín, en Lisboa, en Oeiras; recibiron en 2007 o premio Curuxa Gráfica, que concede o Museo do Humor de Fene; e publicaron diversos libros para nenos: Suca (Everest, 2001), Aquilino pinta unha nube e un camaleón (Combel, 2002), Historia de Román, o bombeiro (Everest 2005), O pequeno da familia fantasma (Sotelo Blanco, 2005), premio Frei Martín Sarmiento 2007. Ademais, no eido do cómic crearon o personaxe Tito Longueirón, que apareceu semanalmente nas páxinas da revista Golfiño, historietas que foron recollidas en 2005 nun volume publicado por Edicións BD Banda. Carlos López Gómez publicou, ademais, o poemario Espello sen fondo (Espiral Maior 2000).

Vídeo: O blog dos pelachos.

"Illa Soidade" de An Alfaya

Illa Soidade, a obra de An Alfaya gañadora do Premio Fundación Caixa Galicia 2007, relata a historia de Lucía quen, nunha viaxe en tren cando vai iniciar os estudos de xornalismo, vai rememorando a súa relación con Soa, unha esmoleira a que coñeceu cando pretendía deter unha vaga de insolidariedade cos indixentes que se produce no seu barrio.
Para o xurado do Premio Fundación Caixa Galicia “Illa Soidade é unha novela iniciática na que a personalidade da protagonista, Lucía, evoluciona grazas ao contacto con Soa, que nos descobre unha vida marcada pola paixón e a soidade, con reflexións sobre a autonomía persoal e o respecto polo diferente. A obra retrata a indixencia, afastándose de tópicos e concedéndolle voz a persoas que teñen o seu propio espazo nunha sociedade que habitualmente as silencia. Cada unha delas é unha illa chea de historias nas que raras veces somos quen de introducirnos”.

An Alfaya declarou, no momento de recibir o premio Fundación Caixa Galicia, que “Todos somos illas. Quizais as illas máis deshabitadas son aquelas que forman arquipélagos de soidade. O mundo da indixencia, da mendicidade, dos sen teito, dos esmoleiros, dos vagabundos…, vese retratado en Illa Soidade pola ollada de Lucia, que busca na escuridade un pouco de luz”.

Vídeo: O blog dos pelachos.

"Cardume" de Rexina Vega

Cardume de Rexina Vega foi a novela gañadora do Premio Xerais 2007. O texto da información que preparamos foi o que reproducimos:

Cardume presenta a historia familiar e persoal dos sobrevivintes a un tempo caótico, doloroso e triste; a un tempo aberto polo eclipse da República e dos seus ideais. A xuízo do xurado do Premio Xerais, faino dunha maneira certeira e sen vitimismo. A novela retrata un Vigo industrial e atlántico, simultaneamente cosmopolita e provinciano, que é crisol de personaxes que evolucionan, que se relacionan e que medran, e que, en definitiva, logran subsistir ás miserias dunha cidade desacougante.
A narradora comeza a relatarnos a historia no espazo murcho e desalentador do cemiterio civil de Pereiró, partindo do presente para evocar a memoria familiar. Dese xeito logra a caracterización dun período de tempo moi longo que retrata boa parte do século XX a través de varias xeracións, soprendéndonos coa recreación de atmosferas políticas, familiares, industriais, culturais, e retratos da emigración daquela época convulsa que deixou unha pegada imborrable nas persoas que a viviron.
O xurado resaltou tamén “a capacidade expresiva da novela a través dunha lingua poética e metafórica que evidencia unha clara vontade estilísitica”. Cardume reivindica a memoria, a insistencia na memoria como conformación da identidade do presente. “Eu só quixera prolongar un pouco máis a permanencia, atrasar o devalo destas vidas menores”, afirma a voz narradora da novela.
Rexina Vega, cando soubo que a súa obra fora premiada, declarou que “esta é unha primeira novela, una primeira novela serodia, que chega cando xa vai fóra a mocidade. Este libro está escrito mentres os nenos, os meus nenos, dormían. Desde que teño uso de razón quixen ser escritora e tardei moito, tanto que crin que ese desexo ía apodrecerme dentro. Quixen probarme por fin na escritura de ficción, liberarme das trabas da eséxe, do saber institucional ao que estaba afeita na escritura da crítica e do ensaio, e deixei, por primeira vez, que a escritura fose algo libre e gozoso, un discurso non vicario”.
Con respecto a novela gañadora definiu Cardume, banco de peixes, como “un álbum de recordos novelados, un libro feito de memoria e de reescritura da memoria. Combinando información e invención, a novela pretende establecer unha autobiografía a través da reconstrución de persoaxes aos que só se coñece por medio dos relatos familiares. Trátase da busca de sentido á propia vida a través da recuperación dos fantasmas do pasado; e tamén da historia da transmisión da memoria dos vellos aos novos, da relación desesperada e urxente entre a vellez e a infancia”.


Rexina Vega é doutora en Filoloxía Románica coa tese Bilingüismo e autotradución en Álvaro Cunqueiro. Sobre este autor ten publicados numerosos artigos e estudos, entre os que salienta Álvaro Cunqueiro. Unha poética da recreación, premio Carballo Calero de investigación. Durante os anos noventa exerceu a docencia na área de filoloxía galego-portuguesa na Universitat Autònoma de Barcelona. Desde este ámbito desenvolveu unha intensa actividade de divulgación da cultura galega na sociedade catalá. Exerceu a crítica teatral na revista El Público e a crítica literaria para, entre outras publicacións, Quimera, Anuario de Estudos Galegos, Grial ou A Nosa Terra. Dentro do eido da lexicografía, ademais da publicación de artigos teóricos no Instituto Cervantes e en actas universitarias, traballou como redactora de numerosos diccionarios bilingües da editorial Larousse e no Diccionario Vox galego-castelán. É premio Sthendal, e finalista do premio nacional de tradución, pola obra de Georges Perec El secuestro. Responsabilizouse da edición dos artigos ensaísticos de Suso de Toro publicados por Xerais baixo o título Ten que doer. Literatura e identidade. Actualmente é Profesora asociada do departamento de lingua española na Universidade de Vigo e profesora de lingua e literatura galega no Instituto San Tomé da mesma cidade. Cardume é a primeira incursión na creación literaria desta autora.

Vídeo: O blog dos pelachos.