Arquitectura popular en Galicia

As intervencións de Manuel Rivas e Pedro de Llano na presentación de onte do libro de Arquitectura popular en Galicia foron memorables.
Rivas iniciou o seu parlamento afirmando que “este é un dos libros esenciais de Galicia” para sinalar a continuación que “nas arcas da casa tradicional galega gardábanse os documentos da casa, as alfaias e as sacas coa mellor semente. Este libro de Pedro de Llano é unha sorte de documentación notarial das casas de Galicia mais tamén é unha saca de semente coa información esencial da nosa cultura. Contén o noso xenoma, mais é ideal para compartilo con calquera outras persoas do mundo. É o primeiro libro que habería que agasallar a quen quere comezar a conversar con nós”.
Rivas fixo referencia despois á casa como algo universal, como o é para a humanidade crear lugares. “O primeiro fogar construído en Galicia foi circular, a primeira verba dunha socioloxía comunitaria é ‘lugar’. Esta palabra ten un significado toponímico rotundo: ‘vivimos no lugar de tal’, este é o comezo da nosa árbore topográfica”.
Rivas referiuse logo a Pedro de Llano como unha das persoas nas que está tan mesturado o que se fai, como vive e a súa ollada. “Yoyo está todo o tempo co interruptor aberto, facendo arquitectura cos ollos, vendo as fendas que deixa o capitalismo impaciente e algúns políticos deixan facer”. Engadiu que “este seu libro ten a condición do caderno que rexistra o diálogo da terra co territorio. Aquí hai traballo de campo, cultura como fogar nómade dun xove arquitecto guiado polo mestre Xocas; aquí temos o home que anda levantando plantas”. Rivas fixo, entón, unha digresión sobre a palabra ‘levantar’: “Levantar é reproducir o que os ollos ven. Os ollos de Yoyo ven máis aló da área cega. Aquí estamos falando dun arquitecto que concibe ao ser humano como un copiloto da natureza. Mais levantar é, tamén, erguer o que está caído, valorar o que non está prezado, en definitiva, levantar é descubrir a terra. O que fixo Yoyo na arquitectura, sen esaxerar, pode equipararse ao que fixo Rosalía, levantar as palabras caídas que estaban no chan”.
Rivas recordou a Rafael Dieste quen estudara a vontade de estilo da fala popular. “Yoyo estudou a vontade de estilo da arquitectura popular. O estilo na fala ven dado pola precisión, xa que todo o que é útil de verdade ten, como dícía Walter Benjamin, o engado do que non precisa demostrar a súa utilidade. Esta é a razón pola que toda obra de arte é útil. O mesmo sucede coa arquitectura popular. A casa galega constrúese como un obradoiro, coma unha fogar de vida para a natureza humana e animal, un obradoiro que canta e bole. A vida non é máis cunha enorme forza creadora de formas”.
Rivas, chegado a esta altura da súa intervención, abordou o carácter interpelante do libro. “Yoyo no seu andar polo país non só levantaba o debuxo do chan, tamén estaba facendo xeocrítica, a actividade dos que desvelaban fronte o ocultamento que practicaban os xeógrafos do poder. Este libro é un manifesto denuncia sobre o que se está a escribir sobre o territorio en Galicia e en moitas outras partes. Este libro é unha verdade inconveniente. Yoyo é incómodo por que di verdades incómodas, inconvenientes. Ten empeñado, mesmo o corpo, pola causa da liberdade, a de non deixarse levar pola corda do poder político. É un bo signo que este libro esencial se reedite e sexa unha referencia moral na nosa sociedade. A esperanza ou é arquitectura ou non é”, concluíu.
Pola súa banda, Pedro de Llano organizou a súa intervención a partir de dúas citas de senllos grandes arquitectos. A primeira de Le Corbusier: “A arquitectura popular permite facer brillar a harmonía, descubrir o futuro nun pasado marabilloso”. A segunda de Alejandro de la Sota: “A arquitectura é intelectual ou é popular, o resto é negocio”. Despois de reivindicar unha arquitectura como continuidade na paisaxe e de explicar o proceso de actualización do seu traballo nas tres últimas décadas, de Llano propuxo para o século XXI unha nova arquitectura humilde, racional e vencellada ao home.

A cidade perdida

O vindeiro 17 de novembro estréase A cidade perdida, un documental que pretende pór en valor a arquitectura industrial destruída da cidade de Vigo. Edificios como a Panificadora, Cerámicas Santa Clara ou La Artística son emblemas industriais que non nos poden ser roubados. Beizóns para este esforzo de recuperación da nosa memoria. Agardamos con expectación esta proxección.

Etiquetas:

Entrevista a Pedro de Llano

A aparición das nosas edicións recentes de Arquitectura popular en Galicia (en galego e castelán) suscita unha interesante entrevista con Pedro de Llano. Este volume agora moi ampliado e actualizado, un auténtico clásico (editado por vez primeira polo COAG hai vinte anos), propón unha mirada sobre a integración da nosa arquitectura tradicional na paisaxe.

Inevitablemente, tal como foron as cousas nestas dúas décadas (coa reconversión demográfica do mundo rural galego), as opinións do autor non poden ser máis pesimistas: “Estamos ante a morte dunha orde natural eterna, onde a arquitectura estaba perfectamente integrada na paisaxe natural. Ante esta violentación, como nunha cadea de atentados, estamos vendo como Galicia se vai convertendo nun vertedoiro de operacións cheas de ignorancia de todo tipo”.

A entrevista remata coas opinións de Pedro de Llano sobre a Cidade da Cultura e a actual política do bipartito: “A destrución segue avanzando e o que máis me enfurece –mesmo ‘sufro’– é ver un goberno malversando o noso patrimonio económico para construír a Cidade da Cultura que, todo hai que dicilo, é unha moi mala arquitectura. Somos moitos os galegos que nos sentimos agredidos coa política que o noso goberno está a seguir. As obras do Monte Gaiás, ademais, van deixar unha cultura escuálida, nunha situación horrenda, porque traga un terzo do presuposto total da área. Iso é realmente a concepión que pretendo combater coa miña defensa da arquitectura popular. Están mentindo continuamente e demostrando, día tras día, a súa infinita incultura”.

Abrir Vigo ao Mar

No artigo da semana insisto en ir contracorrente. Creo que a insatisfacción polo resultado actual desta actuación urbanística non está no proxecto de Consuegra, senón na falta de sensibilidade e de entendemento, cando non na irresponsabilidade, das tres administracións implicadas, que non foron capaces de finalizalo.

A foto do monumento do semi-polbo xigante corresponde ao magnífico arquivo de Javier Albertos Benayas, que colocou na rede máis de dez mil fotos sobre Vigo.

Premio para "Abrir Vigo ao mar"

É ben extraño que teñamos que saber por El Pais e por outros medios non galegos (os de aquí non se enteraron?) que a intervención “Abrir Vigo ao mar”, deseñada polo arquitecto Guillermo Vázquez Consuegra, foi recoñecida co Premio Arquitectura Española 2005 que concede o Colegio de Arquitectos de España.
A nosa abella da ribeira é unha cidade de xenerosidade escueta (Celso Emilio dixit) e esta intervención sobre o noso borde litoral foi máis criticada aquí como admirada fóra. Aínda que non todos os elementos sexan igualmente axeitados (especialmente desacertado é o edificio da Xunta), creo que o conxunto da intervención de Consuegra pagou a pena porque permitiu abrir algunha xaneliña ao mar (pequena, a verdade) e gañar espazo para os peóns e para o encontro cidadán (gosto moito da praza da Estrela). Mágoa que quede pendente a piscina do Náutico (que debería ser reubicada) e a intervención sobre a Estación Marítima, onde debería situarse o Museo Galego da Emigración. Agardo que este premio merecido contribúa a recuperar o interese de Zona Franca e do Concello por completar estes elementos do proxecto.