Bologna
Afagoume ver nas redes que a Asociación Galega de Editoras (AGE), que celebra en 2023 o corenta aniversario, contou con espazo expositivo e de traballo propios no pavillón 29 da Feira Internacional do Libro Infantil de Bologna, que chegou este ano a súa sexaxésima edición, sendo Grecia o convidado de honra. Unha participación custosa para a entidade presidida por Henrique Alvarellos que, ademais das achegas das editoras participantes, contou coa axuda de Cedro. Unha presenza que expresa a vontade das nosas editoras privadas de exportar os seus contidos infantís e xuvenís, cada vez máis coñecidos e mellor valorados no entorno profesional da edición. Unha estratexia de internacionalización consolidada pola Kalandraka de Xosé Ballesteros e Manuela Rodríguez, presente con espazo de seu no pavillón 26, o da edición italiana, que pola excelencia do seu catálogo multilingüe publicado ao longo das dúas últimas décadas conseguiu ser recoñecida como modelo de excelencia e creatividade. Unha estratexia profesional que nada ten que ver coa participación da Xunta de Galicia nestas feiras do libro, enfocada á habitual promoción turística xacobea ou á realización dalgunha acción de propaganda literaria concibida máis para aparecer na axenda informativa galega ca para interesar a editoras e axencias internacionais. A determinación da AGE de presentarse cos seus medios nun espazo reducido en Bologna, como xa fixera en Frankfurt, merece ser recoñecida polo sector cultural galego pola afouteza que isto supón, ao tempo que evidencia a incapacidade e ausencia de empatía da Secretaría Xeral de Cultura para entender as necesidades do sector editorial galego. Mágoa non contarmos aínda cunha estratexia compartida polo sector público e privado para promover a literatura, a ilustración e o libro galego no mundo. Apenas outra das medidas bosquexadas na Lei do libro e da lectura (2006) tan teimosamente arredada polos responsables da política cultural dos gobernos de Feijoo e Rueda.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir