Vigo, cidade das ilusións

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a situación das infraestruturas e proxectos estratéxicos de Vigo:

Foi o escritor Paul Auster quen escribiu que «mudar de opinión é unha das cousas máis fermosas que a xente pode facer», admitindo, ademais, que o «trasacordo» é atribuíble máis a evolución do noso criterio que en deixarse convencer ou admitir que estabamos errados no que antes defendiamos. Iso foi, quizais, o que lle sucedeu a Luisa Sánchez, a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, cando propuxo un «pacto por Peinador» entre todas as administracións, no que a súa achegaría 200.000 euros por conexión aeroportuaria. Tras o fracaso dunha coordinación de rotas en clave galega, coma se dun único aeroporto con tres terminais conectadas se tratase, a incansable lideresa popular viguesa admitiu o que nunca fixera responsable ningún do seu partido: a deputación pontevedresa ten cartos para traer a Peinador máis voos no marco dos plans de Aena. O que se traduciría en incrementar os enlaces con Barcelona, recuperar os de Bilbao, Valencia e Sevilla, así como as conexións internacionais con Londres, París, Ámsterdam e Milán, até agora reservadas ao aeroporto Sã Carneiro do Porto, cando anuncia a enésima ampliación da súa terminal e o incremento de viaxeiros.

Certo é que tan relevante mudanza de criterio da activa candidata do Partido Popular a alcaldía de Vigo o máis probable é que quede en auga de castañas, por exceso de entusiasmo ou precipitación do anuncio, como xa lle sucedeu ao PP vigués noutrora con aquela montaña encantada presentada á prensa nesta cidade das ilusións. Mais a peza que move Sánchez, despois de dúas décadas de liderado hiperbólico e polarización con Feijoo e Rueda, obriga a Caballero a responder e abre un vieiro para recuperar o valor da política e da confrontación de pareceres. Secasí, oxalá que as populares recuncasen na estratexia normalizadora e Ana Ortiz, a delegada en Vigo da Xunta de Galicia, anunciase que tamén hai cartos suficientes para que Vigo se integre canto antes no sistema de transporte metropolitano terrestre e marítimo, rematando cunha inxustificable discriminación económica as 600.000 persoas que vivimos na area funcional de Vigo. Outrosí podería suceder se o goberno de España correspondese, sequera en forma de estudos preliminares, e abrise o primeiro cartafol do proxecto do tren metropolitano de Vigo (TMV), o «cercanías galego», chamado a protagonizar a mobilidade interior na década de 2040 en diante.

No caso de que quedase aberta a estratexia política de negociación do concello de Vigo co resto das administracións (deputación, Xunta, autoridade portuaria, universidade e goberno de España) abriríase unha interesante e novidosa axenda na que o desenvolvemento das infraestruturas estratéxicas é o tema principal, como é adoito no Vigo dos últimos cento cincuenta anos. Cómpre superar o conformismo cando se fala da saída sur ferroviaria cara Portugal, proxecto transfronteirizo con escasos avances. Outrosí sucede sobre a conexión directa de alta velocidade con Ourense, que evite a actual reviravolta por Santiago, para a que despois de máis dunha década de estudos de impacto medioambiental resultou inútil o acordo político arredor da inviable variante de Cercedo. Alternativa que parece sensato abandonar e estudar a proposta por un grupo de ferroviarios de trazala por Mondariz seguindo o río Tea. Como sería razoable valorar as posibilidades de modernización da Liña do Miño, que Adif xa puxo en marcha cun orzamento de 265 millóns no súmmun da incoherencia do Ministerio de Transportes. Como outro caso no que Vigo se xoga moitas das súas ilusións é conseguir para o porto a súa declaración como nodal da Rede Transeuropea de Transporte (TEN-T), entrando a formar do grupo máis selecto de cidades portuaria europeas, o que precisaría de conexión intermodal coa terminal ferroviaria da Plisan, diante da imposibilidade urbanística de que o tren chegue á terminal de Bouzas.

Foi tamén Paul Auster quen dixo que «todo pode mudar en calquera momento, de repente e para sempre». Mudanza de raíz pola que a Xunta cedeu (de forma sorprendente) os terreos da abandonada estación de autobuses ao concello. Mudanza pola que agarda outra lista de proxectos estratéxicos vigueses, nunha primeira instancia máis pendentes dos acordos entre as administracións que dos cartos para desenvolvelos. Agarda dende hai dúas décadas a construción da biblioteca do estado no barrio do Chouzo. Agarda o edificio dos antigos xulgados a súa reconversión en sede para o potente asociacionismo vigués. Agardan os edificios Siemens e Faraday no Campus do Mar de Teis a aceleración das súas obras, no horizonte da súa apertura en 2031. Como é imprescindible comezar xa o debate político e social sobre como ampliar o Hospital Álvaro Cunqueiro e a rede infradotada de atención primaria desta cidade das ilusións.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *