AVE polo Miño
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a alternativa de AVE polo Miño:
De regreso dunha breve estancia en Madrid, comprobei como funciona a liña do AVE que ao mediodía une a capital con Vigo. Experiencia dunha viaxe de 3 horas e 55 minutos entre Chamartín Clara Campoamor e Urzaiz, que mellorou en 2 minutos o horario previsto, o que imaxino Renfe considera óptimo. No entanto, con semellante duración, comparada coa doutras cidades galegas, esta liña non pode ser considerada de Alta Velocidade, superando aínda as 3 horas e 35 minutos prometidas polo ministro Puente cando foi inaugurada o 21 de maio. 20 minutos a maiores do compromiso asumido por Fomento que, como comprobamos co reloxo na man, non foron alleos ás obras da variante exterior de Taboadela, que obrigan a que dende alí a operación de aproximación a Ourense (apenas 8 Km) leve 23 minutos. Como o traxecto entre Ourense e Vigo, utilizando o baipás de Conxo (sen parar en Compostela) leva 1 hora e 31 minutos, incluídas as paradas de 8 minutos en Vilagarcía e de 3 en Pontevedra. Tempos que serán mellorados cando finalicen as obras de Taboadela, superando a construción de dous viadutos e o túnel de Rante, mais nunca antes de comezos de 2027.
Mentres, os viaxeiros que se dirixen a Meseta, con inicio e remate en Vigo Urzaiz, non terán máis remedio que armarse de santa paciencia e conformarse, digan o que digan os responsables de Fomento, que até Ourense hai unha hora e media de viaxe, a Zamora tres e a Madrid catro. Conexión ferroviaria precaria e discriminatoria para a cidade de Vigo á que apenas se lle promete o apósito da variante por Cerdedo, dende hai dúas décadas toda unha cuestión de fe, a pesar de que nos orzamentos Fomento apenas contemplou partidas para os seus estudos hidrolóxicos e de impacto ambiental, mais que no caso de que fose finalmente adiante o proxecto construtivo os técnicos estiman que a apertura da liña se produciría no horizonte de 2044 (ben sabemos que vinte anos non son nada). Tampouco son moi optimistas os mellores prazos para finalizar a Saída Sur en túnel dende Urzaiz até a fronteira portuguesa, tramo clave na comunicación de Vigo con Valença, Braga, Aeroporto Sa Carneiro e Porto, que, a pesar das promesas máis recentes do Goberno de España, os técnicos co calendario na man sitúan no horizonte de 2034 (dez anos), como sinalaba Víctor P. Currás nestas páxinas de Faro de Vigo. Datas moi testanas que, por máis voltas que pretendan darlles os responsables do concello de Vigo e da Xunta de Galicia, agoiran un atraso competitivo para a nosa área metropolitana e a continuidade da utilización habitual do transporte aéreo con Madrid, que tampouco ten unha oferta de voos para botar foguetes, a pesar da súa elevada pegada de carbono.
Neste contexto de fracaso, no que a cidade de Vigo queda descolgada da Alta Velocidade durante as dúas vindeiras décadas, tamén dun debate político moi polarizado polas intervencións da alcaldía e da presidencia da Xunta con evidentes intencións electorais en ambos os dous casos, no que con escasa fortuna se xuntaron allos con maravallos, o rescate do proxecto do AVE pola liña do Miño proposta por ex-ferroviarios de Adif, que colaboraron no proxecto de soterramento de Urzaiz, constitúe unha alternativa técnica novidosa que debía ser valorada polos responsables do Ministerio de Fomento. Máis aínda cando integra na mesma liña os proxectos da Saída Sur e o da Meseta, capaz de reducir a viaxe entre Vigo e Ourense a 45 minutos (a metade do que leva hoxe polo baipás de Conxo), o que permitiría que a conexión de Vigo con Madrid quedase finalmente por debaixo das 3 horas, tempo semellante ao que levaría unir a capital española con Porto. Unha proposta de vía altas prestacións, que sería utilizada tanto para viaxeiros (a unha velocidade de 300 Km/h) e tráfico de mercadorías (100 Km/h) que para os seus promotores tería un custe construtivo (1.600 millóns de euros) e impacto medioambiental inferiores aos da variante de Cerdedo (2.300 millóns de euros), ademais da vantaxe engadida de poder ir facéndose por fases e empregando o trazado actual polo Miño para as conexións co novo trazado.
Esta posibilidade de gañarlle tempo aos mellores prazos previstos para a variante por Cerdedo, integrando a liña de Alta Velocidade de Galicia e Portugal coa de Ourense polo Miño, non debería quedar no caixón das boas ideas esquecidas do Ministerio de Fomento. Como non debería considerarse na polémica política das infraestruturas se é máis prioritaria a posta en marcha da liña de Portugal ca directa de Vigo coa Meseta, cando ambas as dúas son necesarias, no marco dunha mobilidade sostible, para o futuro do Vigo metropolitano. Porén, resulta imprescindible que o proxecto de ambas as dúas liñas ferroviarias conte cun apoio sen fisuras de todas as forzas políticas, entidades económicas, sociais e veciñais, o que cómpre reforzar.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir