Onte 1916: «A señorita Bubble» de Ledicia Costas en Cartabón
Non vai ser doado esquecer a presentación de onte na Libraría Cartabón do Calvario d’ A señorita Bubble, o libro máis recente de Ledicia Costas, ilustrado por Andrés Meixide. E aventuro que será inesquecible tanto pola importancia literaria da obra presentada como polas intervencións xeniais das presentadoras, especialmente Icía Roca, a lectora máis precoz de Escarlatina con apenas cinco anos. Acertadísima estivo Iolanda Veloso cando salientou que «A señorita Bubble é un libro contado dende o centro dos ollos de dúas nenas, o que nos dá unha visión moi interesante destas protagonistas femininas, o que é pouco frecuente». Como atinadísimas foron as intervencións de Icía Roca que relacionou o libro coas películas de Hayao Miyazaki e Tim Burton e non esqueceu referirse ás profesoras mafiosas retratadas por Ledicia Costas.
Na conversa interesantísima que mantivo con Icía Roca, Ledicia confesou que imaxinara a historia protagonizada por unha muller inventora coa intención de reivindicar o papel das mulleres na ciencia e na tecnoloxía. «Quixen facer unha historia de steampunk, un movemento artístico baseado na estética das máquinas da época da revolución industrial e no estilo vitoriano. De aí naceron esas máquinas imposibles accionadas pola maxia, como algúns dos personaxes deste libro». Ledicia Costas confesou as súas débedas con Tim Burton, especialmente coa súa película Eduardo Manstesouras, para crear o personaxe de Vincent, o neno do corazón de ouro, ademais da débeda co espírito de Roald Dahl presente en diversos personaxes e espazos e co admirado Hayao Miyazaki d’ O Meu veciño Totoro. Ledicia Costas confesou, ademais, a súa fixación coas chemineas, que «neste libro botan pompas», e lembrou o que lle sucedera cando sendo nena esqueceu unha vez o libro da biblioteca da escola en casa e foi castigada durante unha tempada sen libros.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir