Listado de la etiqueta: hayao_miyazaki

Onte 1964: Referentes xeracionais

Como sucedera a pasada semana na libraría Moito Conto da Coruña, a conversa que mantiveron onte en Librouro Ledicia Costas, Antonio Manuel Fraga e Jacobo Fernández Serrano expresou a madurez e plenitude creativa acadada polos membros da Xeración da Esperanza que por ventura está anovando dende a raíz a nosa literatura infantil e xuvenil.

Reunidos co propósito de presentar as edicións comerciais recentes en Sopa de libros de dous títulos publicados con carácter non venal polo Salón do Libro de Pontevedra, As peripecias de Extravaganzza Pérez de Ledicia Costas, ilustrado por Óscar Villán, e Escaquis e Romeu de Antonio Manuel Fraga, ilustrado por Jacobo Fernández Serrano, afondaron nesta conversa interesantísima nas intencións creativas de dúas obras protagonizadas –en palabras de Ledicia– por «xente máis ben rara, que se afasta do normal», cuxa intención en todo caso foi facer visible que «a diversidade é a maior riqueza para construír o mundo que queremos». Unha conversa na que se lembrou con respecto e emoción ao mestre Agustín Fernández Paz, un referente para a nova xeración, ao fío da homenaxe que Antonio e Jacobo lle fixeron co personaxe de Romeu, o barbeiro que «simboliza –en palabras de Toni Fraga– a inocencia e a bondade», representando como Agustín os mellores valores da humanidade.

Devoción agustinista que levou aos tres participantes a ir debullando outros referentes e iconas creativas que compartían todos tres, dende o Xabarín Club e Songoku, pasando por toda a obra de Roald Dahl, autor que lembraba que «en cada páxina dun libro infantil había que incluír sempre unha referencia humorística», e a serie Stranger Things, até o cinema do Hayao Miyazaki e a súa obra emblemática O meu veciño Totoro, definida onte por Jacobo Fernández Serrano como «o mellor filme de animación da historia». Conversa que rematou coas referencias gastronómicas presentes nuns libros «gorentosos» e que «sempre arrecenden».

Un serán que tivo o seu cabo cunha grande asinatura na que se incorporou á mesa Andrés Meixide, o ilustrador d’ A señorita Bubble, membro tamén destacado da nova xeración. Había razóns abondas para saír de Librouro felices e moi orgullosos, a nova xeración emproa a deriva a toda máquina.

Onte 1916: «A señorita Bubble» de Ledicia Costas en Cartabón

Non vai ser doado esquecer a presentación de onte na Libraría Cartabón do Calvario d’ A señorita Bubble, o libro máis recente de Ledicia Costas, ilustrado por Andrés Meixide. E aventuro que será inesquecible tanto pola importancia literaria da obra presentada como polas intervencións xeniais das presentadoras, especialmente Icía Roca, a lectora máis precoz de Escarlatina con apenas cinco anos. Acertadísima estivo Iolanda Veloso cando salientou que «A señorita Bubble é un libro contado dende o centro dos ollos de dúas nenas, o que nos dá unha visión moi interesante destas protagonistas femininas, o que é pouco frecuente». Como atinadísimas foron as intervencións de Icía Roca que relacionou o libro coas películas de Hayao Miyazaki e Tim Burton e non esqueceu referirse ás profesoras mafiosas retratadas por Ledicia Costas.

Na conversa interesantísima que mantivo con Icía Roca, Ledicia confesou que imaxinara a historia protagonizada por unha muller inventora coa intención de reivindicar o papel das mulleres na ciencia e na tecnoloxía. «Quixen facer unha historia de steampunk, un movemento artístico baseado na estética das máquinas da época da revolución industrial e no estilo vitoriano. De aí naceron esas máquinas imposibles accionadas pola maxia, como algúns dos personaxes deste libro». Ledicia Costas confesou as súas débedas con Tim Burton, especialmente coa súa película Eduardo Manstesouras, para crear o personaxe de Vincent, o neno do corazón de ouro, ademais da débeda co espírito de Roald Dahl presente en diversos personaxes e espazos e co admirado Hayao Miyazaki d’ O Meu veciño Totoro. Ledicia Costas confesou, ademais, a súa fixación coas chemineas, que «neste libro botan pompas», e lembrou o que lle sucedera cando sendo nena esqueceu unha vez o libro da biblioteca da escola en casa e foi castigada durante unha tempada sen libros.