Mañá cando me maten
No artigo da semana en Faro de Vigo a lembrar aos cinco fusilamento sod 27 de setembro de 1975 e a exixir a reparación que merecen as vítimas e as súas familias.
Non pasaron desapercibidas para os lectores de “Faro de Vigo” as esquelas publicadas a pasada fin de semana e contratadas por subscrición popular con motivo do corenta cabodano do fusilamento en Hoyo de Manzanares dos mozos galegos Xosé Humberto Baena Alonso e Xosé Luis Sánchez-Bravo Solla, xunto ao catalán Ramón García Sanz, e aos vascos Jon Paredes Manot Txiki e Ángel Otaegui Etxeberria, membros do FRAP e ETA. Como tampouco pasaron desapercibidos os valados que reclaman “verdade, xustiza e reparación” como vítimas que foron da Ditadura, ao tempo que denuncian estas derradeiras execucións do franquismo, tras catro procesos militares sumarísimos, realizados sen garantías xurídicas, que concluíron coa petición de once penas de morte, apenas dous meses antes do pasamento de Franco, mesmo a pesar da mobilización da sociedade internacional, incluído o intento de mediación in extremis do papa Pablo VI. Esquelas, valados e un acto de homenaxe en Pereiró que neste corenta aniversario exixen a anulación daqueles xuízos e o remate da impunidade para os seus responsables.
A recente publicación do libro de Carlos Fonseca “Mañana cuando me maten” (La Esfera de los libros, 2015), presentado en Vigo hai unhas semanas, foi esencial para a reconstrución fidedigna dos acontecementos e do contexto político e social que levaron a aquel fatídico 27 de setembro de 1975. O autor das “Trece rosas rojas” (2004) utilizou os procedementos do xornalismo narrativo, alicerzado sobre unha rigorosa investigación documental, até onde o acceso aos arquivos militares lle foi permitido, xa que aínda non se pode dispór nin dos textos íntegros das causas nin das sentenzas, clasificadas como “secretas”. Mais tamén, recabou información en longas conversas cos procesados que salvaron a vida, cos familiares, amigos e letrados defensores das vítimas, e cos xornalistas asistentes aos xuízos e ás execucións. Materiais cos que construíu un relato co que intenta achegarse á verdade do sucedido naqueles derradeiros meses do tardofranquismo. Afonda así con delicadeza nunha dolorosa ferida que, como outras relacionadas coa Ditadura e coa Reforma Política, sabemos aínda non foi curada. Xaora, o libro de Fonseca amosa que cometeran ou non os delitos polos que foron condenados, non hai dúbida que os cinco fusilados foron vítimas dun simulacro de xustiza militar que os sentenzou antes de xulgalos. Como tamén o é que as probas que os incriminaron nuns casos se obtiveron por torturas noxentas e noutros foron manipuladas, privándoos, como se comproba nos relatos dos xuízos, das mínimas garantías de defensa.
É inevitable que na reconstrución daqueles feitos nos produza particular interese as historias dos galegos Baena e Sánchez-Bravo, dous rapaces que estudaran no Instituto Santa Irene e viviron o fulgor daquel Vigo revolcado de comezo dos anos setenta como membros do Partido Comunista Marxista Leninista e máis tarde en Madrid dos grupos do FRAP.
No de Xosé Humberto Baena foron decisivas as testemuñas da súa irmá Flor, que ao longo destas catro décadas defendeu a súa inocencia e nunca perdeu a esperanza de acadar a reparación para el, até chegar a acudir ao Tribunal de Dereitos Humanos da ONU. Mais tamén foron decisivos o diario do seu pai Fernando, que recolle con moito detalle aquelas xornadas terribles, e os textos escritos por Baena en Carabanchel días antes da súa execución, como lle suxerira a súa tía Carlota, nos que expresa a súa desesperanza. É estarrecedor o titulado “El reloj”, no que expresa a súa loita contra o tempo e a súa convicción de que o ían matar. Como conmovedoras son a narración das torturas ás que foi sometido, as referencias as lecturas dalgunhas novelas, as súas lembranzas dos días nos que traballou na fábrica de Fumensa e, sobre todo, a carta de despedida aos seus pais, escrita o día anterior a ser fusilado, na que lles achega azos e solicita que fagan todo o posible para levalo a Vigo. O que resultou moi difícil para a súa familia, á que unha vez chegado o féretro a Pereiró, se lle impediu sequera poder velalo.
O relato de Xosé Sánchez-Bravo, veciño de Vincios e estudante de Químicas no CUVI, queda vencellado ao de Silvia Carretero, a moza que coñeceu cando fuxiu a Madrid e coa que casou en maio daquel ano 75. É tristísima a narración que fai a súa irmá Victoria da noite anterior á execución, na que foi visitado por ela e pola súa nai e na que por fin puido ver durante unhas horas a súa dona embarazada, daquela presa en Yeserías.
Como sinala o propio Carlos Fonseca, tras catro décadas, non abonda só con evocar o ocorrido aqueles días de setembro de 1975. É imprescindible, tamén, abrir as cancelas xurídicas e revisar aqueles catro procesos. Juan Gelman ben o dicía: “o contrario do esquecemento non é a memoria, senón a verdade”.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir