Campo do Fragoso LXXVI
QUE ALIVIO?
Con enormes dificultades e bastantes doses de fortuna o Celta conseguiu gañar ao Córdoba e romper así esa desastrosa serie dunha ducia de partidos sen coñecer a vitoria. O sufrido e raquítico un a cero supón para os nosos un enorme alivio na clasificación, permitíndolles afastarse das posicións de descenso (quedan xa a sete puntos do Alavés e adiantan no gol averaxe ao Córdoba, un dos rivais directos para fuxir desta queima), mais sendo obxectivos non convida ao optimismo xa que apenas mellorou a calidade do seu xogo. Noutro partido horrible, este Celta de Eusebio demostrou continuar instalado no medo e nun fatalismo paralizante que leva a veteranos xogadores profesionais a desconfiar nas súas propias posibilidades e cometer erros inadmisibles. O mellor do partido de onte foi, sen dúbida, un resultado que debería contribuír a superar esa extraña doenza psicolóxica, causante de moitos dos males e dores celestes desta nefasta tempada. Sorprendeu Eusebio, na súa procura do equipo ideal, coa aliñación do porteiro Falcón e de Fabiano, o único lateral que aínda non utilizara. O brasileiro foi unha das mellores noticias do encontro pola súa facilidade para incorporarse ao ataque e para formar unha pequena sociedade atacante co seu compatriota Renán. Dos centros medidos do defensa naceron dúas boas oportunidades na primeira parte; das paredes entre Fabiano e Renán (mellor que en partidos anteriores) naceu a xogada ganduxa por ambos os dous dende a banda esquerda que permitiu a Ghilas marcar de auténtica potra, só dous minutos despois do descanso. Foi un gol rarísimo, o balón empurrado co xeonllo polo arxelino entrou na portaría tan amodiño que semellaba non querer entrar. Unha metáfora da situación deste equipo que semella non querer saír do foxo onde caeu. Ben é certo que os celestes, durante a primeira parte, apenas tiveran algunha triangulación interesante argallada por Trashorras e unha oportunidade clarísima estragada por David. Os cordobeses, que xa antes do descanso dispuxeran de varias oportunidades claras, tras o gol dos celestes empurraron con intensidade e mereceron marcar en tres ou catro oportunidades. Durante a media hora final do encontro o Celta resistiu como puido, limitándose a maior parte das veces a despexar os balóns da súa área apupado por unha bancada que, dende hai tempo e diante de situacións semellantes, xa non sabe se rir ou chorar. Dende a bancada, Eusebio chamaba a resistencia meduliana cando faltando aínda un cuarto de hora substituíu a Trashorras polo central Peña, que se colocou en posicións de mediocampista coa receita de afastar a pelota da área nosa polo civil ou polo militar. Un espectáculo impropio dos celestes que xa se fixo desesperante nos catro minutos da prolongación nos que os andaluces volveron estragar outra ocasión formidable. Só o asubío final devolveu a tranquilidade á bancada e unha pracenteira sensación de alivio inundou aos seareiros cando abandonabamos o estadio.