Artigos

Campo do Fragoso CLXI

berizzo_31-01-2015A AFOUTEZA DE BERIZZO

Berizzo sabía que o sábado xogaba a súa continuidade como técnico celeste. E abofé que nunha noite moi fría o adestrador arxentino actuou con intelixencia, afouteza e corazón. Interpretou o partido coma se dunha final de copa se tratase. Saíu só a gañar. Arriscou moito no cadro inicial, onde dispuxo na lameira do seu maior poder atacante, incorporando, por fin, ao canteirán Santi Mina para que abrise a banda dereita, colocando a Orellana na mediapunta, detrás de Larrivey, como enganche e deixando a Nolito que enfiase pola esquerda. Para contar con catro dianteiros, sacrificou a Radoja no centro do campo, onde dispuxo dun dobre pivote inédito formado por Krohn-Dehli e Augusto.

Con esa proposta cen por cen atacante (4-2-3-1), durante a primeira parte o Celta arrasou a un Córdoba ordenado e batallador, onde comeza a notarse a boa man de Miroslav Djukic. Porén, foron os andaluces os que abriron o perigo nas áreas. Transcorridos apenas dous minutos dispuxeron dunha oportunidade de ouro para marcar, grazas a un fermoso taconazo de Heldon que o noso Sergio despexou con apuro. Mais o Celta axiña reaccionou e gozou de ata media ducia de boas posibilidades de mover a táboa de marcas. O Celta recuperou o poder do seu xogo combinativo. Ben chantado atrás coa disciplina dos seus tres centrais, reforzado defensivamente por Augusto, que aseñoraba o centro do campo nunha actuación memorable, e dirixido por Krohn-Dehli sinalando o seu tempo máxico sobre os catro dianteiros foron sucedéndose os ataques. Mina, cada vez máis maduro, afiaba pola dereita amosando que o seu obxectivo é sempre o gol. Orellana abría espazos para Larrivey e Nolito cos seus caneos e mil e unha reviravoltas. Mais coma aconteceu noutros partidos tanto ben tecer non abondaba para conseguir meter o gol no cesto.

No medio do vendaval celeste, un xute de Bebé, rexeitado in extremis por Sergio, avisou que os de Djukic non viñeran a Vigo de excursión. Pouco despois, o claro penalti a Nolito, agoirou unha arbitraxe polémica. Como tampouco presaxiaba nada bo para os nosos que Larrivey estragase até tres remates claros, demostrando que aínda non recuperou o seu mellor punto. Cun panorama un chisco sombrizo, bo xogo, mais ausencia de gol, rematou para o Celta o primeiro acto.

Por ventura, na reanudación axiña chegou o gol. Unha peza para gardarmos na memoria. Dende o centro, Krohn-Dehli desprazou a bóla á dereita sobre Mina, o canteirán cun caneo soberbio gañoulle espazo ao seu marcador, avanzou dous pasos dende o recanto da área e enviouna en horizontal sobre Orellana, que saltou sobre ela para que Nolito, dende a esquerda, xutase coa perna dereita imprimíndolle unha traxectoria de dóce parábola sobre o pao dereito para que entrase ás redes. Un gol extraordinario propio das Belas Artes.

Coa táboa de marcas por diante, a pesar de que o medo axexou na lameira e na bancada, Berizzo xestionou os cambios con maior rapidez e intelixencia ca en xornadas anteriores. A incorporación de Álex López e Radoja mudou o debuxo a un 4-4-2, que deu maior consistencia defensiva para termar dos ataques dun Córdoba que non se dobregou. Xaora, a vitoria estivo a piques de malograrse tras o incrible barullo que se produciu faltando apenas dez minutos cando Teixeira Vitienes sinalou primeiro xogo perigoso a prol do Celta e despois penalti en contra. A reacción de Berizzo sinalando sobre o propio terreo onde se producira a xogada expresa a importancia do que alí se estaba dirimindo. Os apupos da bancada e, probablemente, a cordura do cuarto árbitro axudou por fortuna a corrixir tremendo trasacordo. Unha xogada que marcou o partido e, quizais, a carreira do afouto Berizzo.

Campo do Fragoso XC

SEMENTEIRA

Eusebio debeu quedar ben satisfeito co partido realizado polos seus pupilos fronte ao Córdoba. Tras cincocentos minutos sen marcar, un gol en semifallo do internacional Joselu Sanmartín permitíu poñer cabo a unha serie negativa de dous meses sen gañar en competición de liga e a distanciarse un chisquiño das posicións de descenso. Un alivio! Satisfacción do adestrador, que supoñemos aínda maior, polo éxito das novidades introducidas no equipo inicial e das variantes tácticas ensaiadas ao longo dun encontro que resultou para os espectadores escasamente vistoso. A entrada de Jonathan Vila no medio centro, colocado case coma un terceiro central, axudou a solidificar unha defensa, que estivo moi segura durante todo o partido, e na que os dous laterais desempeñaron funcións de carrileiros. Especialmente atinada foi a actuación do portugués Vasco Fernandes que dende a banda facilitou varios balóns moi perigosos e de cuxas biqueiras saíu o centro que permitiu marcar a Joselu, adiantándose ao seu marcador, cando o Celta estaba máis dominado e a primeira parte estaba a piques de rematar. Outro acerto de Eusebio foi consolidar a Botelho como extremo esquerdo, permitindo o crecemento partido a partido dun xogador que onte fixo unha primeira parte memorable, converténdose no mellor dos nosos. O brasileiro do Arsenal amosouse inspirado en todas as facianas do xogo: caneou unha e outra vez aos seus marcadores, correu a bo ritmo en cada contraataque, combinou na súa banda con Roberto Lago, centrou con acerto creando ocasións (algunha inmellorable) estragadas por Joselu, xutou con perigo dende a frontal, traballou na presión defensiva, actuou en moitas ocasións como terceiro pivote procurando axudas para López Garai e o apático Trashorras (onte moi desacertado e inane, xa que apenas participaba no xogo para tirar faltas e saques de recanto), faltándolle apenas o acerto no remate, a maior doenza dos celestes na presente tempada. Con todo, a pesar do que poida semellar polo resultado, non foi este un encontro no que o Celta se mostrase máis dominador nin tampouco no que foi capaz de producir maior número de xogadas de ataque. A diferenza de xornadas anteriores, durante a primeira media hora, foron os andaluces os que manexaron o partido e os que por medio de saques de recanto chegaron a atoar aos nosos diante de Falcón; porén a moi ordenada defensa de Túñez e Noguerol (unha parella afianzada) aburriu aos cordobeses cos continuos fóras de xogo e impediu que rematasen con perigo sequera nalgunha oportunidade. Co marcador por diante, nunha tarde moi fría e ventada, o Celta soubo ir adormecendo o partido, ao tempo que pretendía liquidalo nalgunha das subidas habelenciosas de Dani Abalo, que faltando un cuarto de horas substituíu ao voluntarioso Papadopoulos. A nota máis simpática deste período foi o debut no minuto 65 do arxentino Cellerino, un impresionante dianteiro centro tanque, que con enorme facilidade conseguiu tirar ao chan en varias ocasións aos seus marcadores e que podería ser unha variante atacante eficaz para situacións límite. A pesar do axustado do resultado, nin sequera os longos minutos finais de desconto foron tan sufridos como adoito. O Celta cunha excelente defensa e un xogo moi discreto de ataque conseguía unha clara vitoria. Semella que con esta fórmula debería comezar a sementeira de triunfos que todos agardamos.

Campo do Fragoso LXXVI

QUE ALIVIO?

Con enormes dificultades e bastantes doses de fortuna o Celta conseguiu gañar ao Córdoba e romper así esa desastrosa serie dunha ducia de partidos sen coñecer a vitoria. O sufrido e raquítico un a cero supón para os nosos un enorme alivio na clasificación, permitíndolles afastarse das posicións de descenso (quedan xa a sete puntos do Alavés e adiantan no gol averaxe ao Córdoba, un dos rivais directos para fuxir desta queima), mais sendo obxectivos non convida ao optimismo xa que apenas mellorou a calidade do seu xogo. Noutro partido horrible, este Celta de Eusebio demostrou continuar instalado no medo e nun fatalismo paralizante que leva a veteranos xogadores profesionais a desconfiar nas súas propias posibilidades e cometer erros inadmisibles. O mellor do partido de onte foi, sen dúbida, un resultado que debería contribuír a superar esa extraña doenza psicolóxica, causante de moitos dos males e dores celestes desta nefasta tempada. Sorprendeu Eusebio, na súa procura do equipo ideal, coa aliñación do porteiro Falcón e de Fabiano, o único lateral que aínda non utilizara. O brasileiro foi unha das mellores noticias do encontro pola súa facilidade para incorporarse ao ataque e para formar unha pequena sociedade atacante co seu compatriota Renán. Dos centros medidos do defensa naceron dúas boas oportunidades na primeira parte; das paredes entre Fabiano e Renán (mellor que en partidos anteriores) naceu a xogada ganduxa por ambos os dous dende a banda esquerda que permitiu a Ghilas marcar de auténtica potra, só dous minutos despois do descanso. Foi un gol rarísimo, o balón empurrado co xeonllo polo arxelino entrou na portaría tan amodiño que semellaba non querer entrar. Unha metáfora da situación deste equipo que semella non querer saír do foxo onde caeu. Ben é certo que os celestes, durante a primeira parte, apenas tiveran algunha triangulación interesante argallada por Trashorras e unha oportunidade clarísima estragada por David. Os cordobeses, que xa antes do descanso dispuxeran de varias oportunidades claras, tras o gol dos celestes empurraron con intensidade e mereceron marcar en tres ou catro oportunidades. Durante a media hora final do encontro o Celta resistiu como puido, limitándose a maior parte das veces a despexar os balóns da súa área apupado por unha bancada que, dende hai tempo e diante de situacións semellantes, xa non sabe se rir ou chorar. Dende a bancada, Eusebio chamaba a resistencia meduliana cando faltando aínda un cuarto de hora substituíu a Trashorras polo central Peña, que se colocou en posicións de mediocampista coa receita de afastar a pelota da área nosa polo civil ou polo militar. Un espectáculo impropio dos celestes que xa se fixo desesperante nos catro minutos da prolongación nos que os andaluces volveron estragar outra ocasión formidable. Só o asubío final devolveu a tranquilidade á bancada e unha pracenteira sensación de alivio inundou aos seareiros cando abandonabamos o estadio.