Onte 330: Novos contidos de Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos
Non foi unha sorpresa a aprobación dos novos contidos de Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos que entrarán en vigor o vindeiro setembro. Unha importante medida educativa escurecida polo recortazo dos 102.000 millóns de euros agochado por Rajoy na súa insólita primeira roda de prensa tras un Consello de Ministros. A preparación dos novos libros de texto de Xerais destas materias de 2º e 4º de ESO, que rematamos a marchas forzadas estes días, deume oportunidade en familiarizarme cun currículum tinguido de espírito neoliberal. Eis un par de exemplos moi significativos para entender por onde van as cousas. En 2º de ESO, máis alá da «inevitable» reforma do bloque referido á socialización, onde cuestión tan controvertida para o PP como a do matrimonio quedou resolta co epígrafe «A familia no marco da Constitución Española», a cerna desta reforma conservadora está no bloque «As sociedades democráticas do século XXI». Aí introdúcense uns epígrafes específicos referidos a «Liberdade política e liberdade económica» e ao «Papel da iniciativa económica privada na xeración de riqueza e o fomento do espírito emprendedor». Porén, non atopamos referencia explícita ningunha ao papel do Estado como compensador de desigualdades e promotor da actividade económica. Apenas hai un epígrafe, sen dúbida imprescindible, dedicado ao «deber de transparencia na xestión pública». Con todo, estes novos contidos de EpC son apenas a primeira pedra da reforma educativa conservadora que se aveciña. Avisados quedamos por onde vai chegar o vento.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir