Campo do Fragoso CXCVI

rossi_09-04-2017UN CELTA PERDIDIÑO

Coma sucedera hai case un mes co Vilarreal, no partido anterior á eliminatoria co Krasnodar, a versión B do Celta demostrou que está moi lonxe da competitividade do cadro titular. Diante dun Eibar moi rochoso e con aspiracións europeas un Celta con media ducia de suplentes deambulou perdidiño pola lameira de Balaídos. Unha decepción para a bancada que impotente comprobaba como os celestes eran incapaces de facerlle fronte ao cadro eibartarra que cun fútbol práctico e unha envexable solidez defensiva se adiantaba xa aos doce minutos na táboa de marcas. Unha xogada que naceu dun envío moi longo dun central, Ramis, cabezado cara atrás por Sergi Enrich, que na liña da área lle gañou a posición a Fontás, deixando un corredor precioso para que Kike García xutase non moi forte, un balón que pillou ao porteiro celeste coa man un pouco frouxa, non podendo evitar que se lle coase polo pao dereito.

Un gol moi temperán e decisivo no decorrer do partido que afianzou o control do fútbol directo dos vascos que puideron marcar o segundo nun xute diagonal de Bebe que Sergio conseguiu rexeitar con moitas dificultades. No Celta non carburaban as bandas, onde Señé e Pione facilitaban a subida dos laterais, como tampouco os mediocampistas, Jozabed, Pape Cheikh e Tucu Hernández, a pesar da súa vontade teimosa, non conseguían nin marcar a súa xerarquía nin sacar a pelota xogada. Por riba, a lesión de xeonllo do desgrazado Rossi engadiu un compoñente dramático ao partido e deixou ao Celta sen referente no xogo entreliñas que procuraba Josabed, onte o xogador máis asociativo do equipo. Unha primeira parte para esquecer onde non se pode relatar ningunha chegada nin xute sobre os tres paos dos nosos, que foron apenas unha sombra na área de Yoel, o porteiro do Eibar, recibido con moitos agarimos e saudades pola bancada de Balaídos.

Se isto non abondase, aos cinco minutos da reanudación, o Eibar recuncou cun segundo tanto, nacido na pizarra de Mendilibar, que pecharía a taboa de marcas. Antonio Luna, un dos laterais, aproveitou o corredor que deixaron Señé e Roncaglia, chegou a liña de fondo e centrou para que Pedro León xutase en carreira dende a frontal sen que Sergio puidese evitar o gol. Un tanto que semellaba noqueaba a un Celta perdidiño, fóra de punto, que, até entón, funcionaba a unha velocidade moi inferior á dos eibarreses. Xaora, a entrada na lameira de Iago Aspas, cando faltaba aínda media hora de xogo, achegou a enerxía e a intelixencia que até daquela faltaba para chegar á porta de Yoel. Uns minutos antes Jozabed mereceu o gol nun xute espectacular que fixo tremer ao pao dereito. Mais co mago de Moaña abríronse os espazos e comezaron a identificarse liñas de pase, o que fixo dubidar aos contundentes centrais armeiros, obrigados a dar un paso atrás.

E non tardaron en chegar os goles cantados, que non marcados, nunha tarde onde os celestes careceron no instante decisivo da fortuna do gol. O primeiro, unha xenialidade de Aspas dende a esquerda, unha volea que buscaba a escuadra do pao longo, ao xeito inesquecible de Nolito. Despois, un saque de falta marabilloso do astro de Moaña que petou no longueiro. A seguir, un disparo en carreira de Beauvue, que quedou lonxe do pao, e non puido superar a Yoel. E, por último, un remate de Roncaglia que rexeitou o porteiro de Coia coa punteira. Todo un exercicio de afouteza sen fortuna, cando o partido estaba perdido e as posibildiades de clasificación europea desta liga definitivamente estragadas.

En todo caso, foi o de onte un partido de transición, onde toda a intención e os coidados de Berizzo estiveron encamiñados a conservar azos, enerxías e talento para a decisiva noite do xoves. Diante dos belgas boa falta farán.

Bocadillos vigueses

Tras a festa da Reconquista dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a memoria dos bacadillos vigueses:

choripanO choripán, o bocadillo de chourizo grellado, foi a estrela gastronómica da festa da Reconquista. Como sucede dende hai anos, o bocata de orixe arxentina transformou co seu olor inconfundible o Vigo vello até converterse nunha das iconas da que xa é a primeira festa da cidade. Aínda máis, o popular bocadillo do Río da Prata conta xa na nosa cidade metropolitana con himno de seu, unha peza roqueriña de Sniff and Crash, o grupo de Yago Ray Costas e Denís Carballás, que aventuro contará con milleiros de visitas en youtube. Apenas outra peza máis no proceso de creación dunha nova tradición viguesa, que de forma tan exitosa promove a veciñanza do Casco Vello, á que non é allea a procura dun espazo identitario compartido por toda a cidade.

Festa da Reconquista, semellante a outras celebracións de época da nosa contorna, como a da Arribada de Baiona ou a feira Franca de Pontevedra, que contribúen a facer cidade, tanto por incrementar a cohesión cidadá como a pór en valor os cascos peonís como espazos de encontro e lecer. Festas onde, máis alá da fidelidade da recreación histórica de acontecementos, costumes e vestiario, o que reina é a algarada ritual, a xoldra fachendosa da nosa cultura popular (sobre todo da música de raíz e do traxe tradicional) e a presenza teimosa do choripán e outros alimentos na grella.

E non é doadamente explicable na Reconquista a primacía do bocadillo gaucho en terra, coma a nosa, onde contamos cun pan marabilloso e moita imaxinación (como sucede coa empanada) para meterlle dentro as nosas mellores delicias. Considerado sempre como o alimento preferido pola rapazada, todos sabemos dos momentos ben gustosos e saudables que pode achegar un bo bocadillo de queixo do país con marmelo, por ofrecer un exemplo dun bocado ben larpeiro.

Como coñecemos que o bocadillo serve como refrixerio da parva de mañá ou merenda da tarde, como aquelas inesquecibles de pan con chocolate “La campana” ou cunha rebanda de tona con azucre. Sabores da nosa infancia que impregnan a memoria como aqueles dos bocadillos de conservas (sardiñas ou mexillóns) da cantina do colexio, en barriñas da panadaría Darío da Ronda. Lembranza dos bocadillos da nosa adolescencia, como os de luras do Pil Pil da Alameda, os de xamón de Xatomé, cando de viaxe faciamos parada obrigatoria na Cañiza, os de tortilla do bar Carballo ou os de xamón asado do Porco, que aínda se poden tomar no seu novo local da rúa Real.

Non hai dúbida que cada xeración ten os seus bocadillos preferidos. Nos anos oitenta apareceron en Vigo os bocadillos da movida, que contaban con novos e diversos ingredientes. Nesa novidade foi esencial a apertura en 1982 do Papo’s, nun recunchiño da rúa Venezuela, ao pé da escaleiras de Taboada Leal, que comezou a competir coas hamburgueserías abertas nos días do tardofranquismo, como o Corner Hut de Velázquez Moreno coa rúa Progreso ou o Hot and Cold de Torrecedeira. O Papo’s creou, entre outros bocadillos memorables, o mítico “Lourdes”, nome da súa fundadora, un completo de polo que dende hai tres décadas conta con milleiros de incondicionais. Con semellante vontade naceron máis tarde, entre outras, cartas excelentes como as das bocaterías Rin Ran e Lareca, na rúa Churruca, El Chivito en Fragoso e Jenaro de la Fuente, a Paparra en Travesas ou a do Camaleón, ofrecendo a posibilidade de gozar da marabilla de tomar un bocata no paseo de Samil.

Hoxe os bocadillos vigueses están sufrindo outra volta de porca. Hai novos establecementos que ofrecen auténticas marabillas como as de El Trigal, a panadaría da rúa Alexandre Bóveda, frecuentadísima nos partidos nocturnos do Celta. Como tamén son moi ricos os que sirve o foodtruck La Martinesa no espazo gastronómico do Mercado do Progreso. Como é destacable o esforzo por deconstruír o concepto de hamburguesa que ofrecen La Pepita e Casa Galeguesa na rúa Porto. Esforzo de creatividade que no eido do bocadillo fai o chef vigués con estrela Michelin Pepe Vieira, no resturante “A Ultramar” en el El Corte Inglés, onde prepara como prato estrela o bocadillo de luras fritas con emulsión de allo negro fermentado e pel de limón. Unha auténtica delicatesen de gourmet que reiventa o que é, probablemente, o bocadillo galego por excelencia.

Como fan estas novas propostas, é posible procurar alternativas ao liderado do insulso choripán e reinventar dende a nosa tradición e produtos de proximidade unha nova icona gastronómica para a Reconquista. Organizar un concurso de bocadillos vigueses mobilizaría a creatividade do noso sector da restauración máis innovador. Non semella moi difícil ofrecer na próxima Reconquista novos bocadillos vigueses máis saudables e con etiqueta.

Onte 1857: Medrar lendo

DILI_glMágoa que a celebración do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil quedase un chisco chafada pola incomprensión e descoñecemento prexuizoso sobre a literatura infantil e xuvenil que manteñen sectores da crítica literaria e do galeguismo. As acusacións reiteradas de infantilización, como a peor doenza da literatura galega, constitúen apenas un síntoma dunha vella doenza que só se pode curar lendo criticamente os textos do xa amplo catálogo da lix galega. Como salienta o texto e o cartel preparado polo sección rusa do IBBY para a edición de 2017, escrito por Sergey Makhotin, ilustrado por Mikhail Fedorov e traducido ao galego por Sabela González, medrar lendo e contar con mediadores constitúe unha posibilidade preciosa para formar lectores literarios futuros. Non hai libros para maiores e outros para miúdos, hai libros valiosos e outros que non o son tanto. Xa o deixou escrito o noso mestre Agustín Fernández Paz, fonte inesgotable de claridade á que acudir nestes debates:

Os libros valiosos son os que teñen vida, aqueles capaces de suscitar en quen os le unha mirada novo, distinta, intensa, sobre as persoas e a socierdade. É dicir, capaces de provocar unha mutación (aínda que sexa pequena) tanto no sistema no que os inscriben (xa non se pode escribir coma se ese libro non existise) como nas persoas que os lean (xa non é posible mirar a realidade do mesmo modo ca antes de lelo). Agustín Fernández Paz, Un mundo de palabras (Xerais, 2017, en edición).

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Onte 1856: “O Códice esmeralda” de Alberte Blanco, presentación en Verín

Abrimos onte en Verín, coa presentaciónO Códice esmeralda de Alberte Blanco, a tempada de feiras do libro. Moitos visitantes nunha feira de fin de semana que contou cun programa literario con presentacións moi interesantes das novidades de escritores verineses como Xosé Carlos Caneiro, Alberte Blanco e Francisco López Barxas, entre outras.

XG00262201Na presentación, Alberte confesou que “non lle interesaba a literatura como un exercicio de intimismo preciosista do autor” e que a pesar de non considerarse un escritor “pretendo con cada unhas das miñas historias, fose na primeira novela Arcadia. Os gardiáns do segredo, sexa nesta segunda, expresar a miña visión do mundo, en cada un dos episodios históricos que reconstrúo, sobre todo naqueles que considero insuficientemente estudados, pretendo facer dubidar da realidade e de todo o que nos rodea”. Alberte Blanco insistiu no interese da batalla naval de Rande de 1702, que coincide coa chegada do primeiro Borbón e co conflito da guerra, “unha mina literaria inesgotable”. A seguir afirmou que cría que “O Códice esmeralda é unha novela moi influída polas miñas primeiras lecturas adolescentes, dende Jules Verne a Walter Scott”. “Pretendín ofrecer un texto de lectur afácil, tanto na linguaxe como na intriga que se lle propón desvelar aos lectores e lectoras”.

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Guardar

Onte 1855: “Principio de incerteza” de Pilar Ortega, premio Ánxel Fole

p1010784

Despois de varios meses de lectura escollemos onte no concello de Lugo, entre 49 orixinais, a obra gañadora do Premio Ánxel Fole de narrativa curta. Tras unha deliberación moi interesante decidimos por maioría ponderada adxudicar o premio á novela titulada Principio de incerteza de Pilar Ortega Pereiro. Unha narración que mestura de forma moi orixinal a física e a literatura para relatar unha historia de maltrato. A inecuación de Heisenberg explica o feito de que resulta imposible coñecer o lugar exacto que ocupa un corpo no espazo xa que a simple presenza dun observador que trate de apreixalo coa ollada provoca unha alteración, unha vibración case imperceptible que o impulsa a oscilar constantemente arredor do seu centro, coma se o corpo observado sentise a necesidade de fuxir. Eis a clave desta narración que posúe unha precisón impactante.Aventuro moito interese para esta segunda novela de Pilar Ortega, que debutara con Virxinia (Xerais, 2008), unha narración que fora finalista no primeiro certame de microrrelato concello de Soutomaior. Parabéns á narradora miñorana que con este importante Fole, que será publicado en Xerais Narrativa a comezos do vindeiro ano, consolida a súa traxectoria.