Onte 1595: «Que non te aten» de Manuel Iglesias Turnes en Negreira

Casa_da_Cultura_Negreira_26-02-2016

Onte contei 114 participantes na Casa da Cultura de Negreira no acto da presentación de Que non te aten, a segunda novela de Manuel Iglesias Turnes. Un acto literario que resultou gozoso e emocionante, expresión do agradecemento (e da fachenda) dunha comunidade por contar cun narrador que tras a súa sorprendente irrupción na narrativa galega hai apenas catro anos con As rapazas de Xan, confírmase con estoutra novela extraordinaria xa como autor, un novelista cun mundo propio. Así o sinalaron o empresario Che Turnes, o médico e escritor Pablo Vaamonde e o gandeiro Cándido Iglesias, en tres intervencións brillantísimas e conmovedoras, dificilmente esquecibles, nas que non faltaron nin o humor nin a emoción nin o agarimo, afondando nas motivacións e na orixe do narrador do Val da Barcala.

XG00244901Suso de Toro cualificou «Que non te aten como «o libro dun autor que está buscando o seu camiño». «As rapazas de Xan era o libro que Turnes tiña dentro, un mundo e un tempo que contar, froito dunha memoria e dunha experiencia. Agora con este segundo configúrase como autor, en frío tivo que decidir qué contar e como facelo.» «Como sucedera con As rapazas de Xan, ten a graza da fala, conserva a ironía e o seu xeito de contar polo dereito, convencional na forma, mais revolucionaria na intención.» «Os seus dous libros deberan ser lidos por todos os galeguistas e nacionalistas, xa que o galeguismo imaxinou que a nación nacía no mundo rural. Nestas dúas novelas atoparán un retrato moi cabal do mundo rural, tanto do desaparecido hai sesenta anos como do actual. Turnes conta en Que non aten como mudou ese mundo, como son as cousas agora, como é a vida na aldea ou como é na cidade. Cal era o lugar da muller e como mudou, cales eran os conflitos da vida familiar antes e cales os de agora. Un libro que todos deberan ler.»

Poema de hoxe 58: «Homenaxe a Rosalía de Castro» de Miguel Anxo Fernán Vello

CartelBaseAELGDia-de-RosaliaDeCastro2016-150_001Que voz tan silenciosa habita este vazio!

Miguel Anxo Fernán Vello, «Névoa de luz e mar no recordo» (1985)

Onte 1594: A Galicia moderna

Diego_Conde_ Lourenzo_Fernandez_Manolo_Maseda_25-02-16

Na presentación de onte en Couceiro da biografía que Diego Conde preparou sobre Juan Rof Codina insistiuse moito na idea da Galicia Moderna. Fíxoo primeiro Lourenzo Fernández Prieto, o catedrático de Historia Contemporánea da USC, que precisou que Codina non fora un modernizador da veterania e gandaría galega, «foi un representante xenuíno daquela Galicia Moderna dos anos 20 e 30 coutada polo golpe de estado de 1936», unha Galicia que vivía un esplendor artístico e unha innovación tecnolóxica á altura da que se desenvolvía noutros países europeos. En idéntico sentido expresouse Diego Conde cando confesou que intentara demostrar a falsidade da idea de Galicia atrasada, «hubo un periodo antes da Guerra onde no eido da veterinaria as iniciativas de modernización estaban máis preto de Europa ca da idea de atraso». «O traballo de Rof Codina, os seus milleiros de artigos tiñan esa intención modernizadora nunha Galicia que quería ser algo. O traballo de innovación de Rof Codina, como o de moitos outros veterinarios anónimos, demostra que a gandaría tivo un efecto modernizador naquela Galicia moderna.»

Poema de hoxe 57: «Ronsel de Camiños» de Salvador García Bodaño

CartelBaseAELGDia-de-RosaliaDeCastro2016-150_001Decir hoxe ronsel, Rosalía

non quer decir gueivota ou escuma,

ledicia de ondas

ou dorna a bolinar

Salvador García Bodaño, «Ronsel de Camiños (1963)

Onte 1593: Caldo de groria para Rosalía

Padron_24-02-2016

Celebramos onte o día de Rosalía en Padrón presentando a edición crítica de Follas novas preparada por Anxo Angueira. A profesora Chus Senín cualificou o traballo de Angueira de “rigoroso, exhaustivo e pormenorizado, incidindo en aspectos silenciados, como o compromiso coa muller”. Chus Senín analizou as dimensións do feminismo rosaliano, que concibe a muller como suxeito político e social, e salientou o compromiso que Rosláia expresa en Follas novas coa política do seu tempo.

XG00247301No seu discurso Anxo Angueira relatou a xénese de Follas novas, “un libro da Restauración borbónica, fillo da crise e do fracaso político, o seu pesimismo e o seu escepticismo político teñen as raíces nese momento histórico”. “Follas novas supón un salto consciente con respecto a Cantares gallegos, sendo un libro profundamente feminista, onde a muller é un suxeito literario e político. Un libro que canta ás Penélopes que quedan, soas e abandonadas, elas son a nación galega.” Referiuse despois á poética do libro onde están presentes “a dor, a soidade, as sombras, o eu subxetivo, mais tamén a dor en sociedade, o sufrimento comunal”. Angueira salientou que en Rosalía “a soidade vai máis alá da saudade” e afirmou que o triángulo entre “saudade, Galicia e Roslía”, establecido por un grupo de galeguistas dos anos 50 era falso. “Follas novas é un libro materialista, onde a soidade ten que ver coa exclusión do ser humano da súa comunidade. Así está retratada a exclusión en textos como “Estranxeira na súa patria”.

Para Angueira “Follas novas é un libro de crepúsculo, do outono, onde está presente a poética do adeus. É un libro de adeuses, como o de Manuel Antonio. Un libro de despedidas. A vida é un continuo despedirse, todo flúe. Hai amor, pero hóuboo, xa pasou. A visión deste libro é dura, realista, pesimista.” Rematou Angueira referíndose á poética da nación en Follas novas. “Non esquezamos que Galicia é a palabra coa que rematan os prólogos de Rosalía. A nación está presente en Follas novas. A nación de todo o pobo que sofre. Son as mulleres as que sosteñen a nación. A que se rebela, a que colle a fouciña na man para facer xustiza. Follas novas é un libro soportado pola s mulleres. A de Rosalía non é un visión esencialista, para ela non hai nación sen horizonte, sen proxecto. A nación en Rosalía é materialista”.

Xardin_desordenado

Despois do extraordinario concerto rosaliano de Xardín desordenado, Angueira convidou na Pulpería Rial a medio cento de persoas a compartir o “Caldo de groria”, unha experiencia para gozar en cada Día de Rosalía daquela receita dun “caldo de groria” que Rosalía recolleu no poema “Vin de Santiago a Padrón“. Despois de lembrar os versos “Con un pouco de unto vello / que o ben soupen aforrar / e ca fariniña munda / xa tiña para cear. / Fixen un caldo de groria / que me soupo que la mar / fixen un bolo do pote / que era cousa de envidiar”, Angueira insistiu que esta iniciativa que se ensaiaba por vez primeira pretende “facer unha homenaxe á resistencia do pobo galego, unha homenaxe a Rosalía na intimidade familiar e amical”.

Poema de hoxe 56: «A Rosalía» de Luís Pimentel

CartelBaseAELGDia-de-RosaliaDeCastro2016-150_001Non convén chorar máis.

Ela chorou por todos e para sempre.

Calemos…

Luís Pimentel, «A Rosalía» (1952)

Biblioteca en Travesas

No artigo da semana en Faro de Vigo abordo a posibilidade de ubicación da nova Biblioteca Pública de Vigo nos terreos do Chouzo:

imgresNeste espazo levamos reclamando dende hai máis de quince anos que o Ministerio de Cultura construíse en Vigo unha Biblioteca Pública de Estado, instalación coa que contan todas as capitais de provincia españolas e outras grandes cidades como Santiago de Compostela. Unha infraestrutura comunitaria imprescindible para asegurar o acceso á información e promover o fomento da lectura e a alfabetización informacional da poboación dunha rexión urbana de máis de medio millón de habitantes, que arrastra un dos máis elevados déficits de dotación bibliotecaria de España. Unha biblioteca pública de nova xeración, ademais, capaz de constituírse en nodo e referente para unha rede bibliotecaria metropolitana capaz de facilitar acceso a todo tipo de información (textual, sonora e audiovisual) e a toda clase de documentos e soportes, sexan impresos, dixitais ou ofrecidos en liña.

Unha xusta reivindicación que despois de moitas tirapuxas políticas foi recoñecida polo Goberno de España presidido por Zapatero, incluíndo dende entón en diversos Orzamentos Xerais do Estado unha cantidade próxima aos dez millóns de euros para o proxecto, coa única condición de que o concello de Vigo cedese os terreos para a súa construción. Dende entón, os gobernos municipais barallaron diversas opcións para a súa ubicación, máis ou menos desaxeitadas, dende o edificio da Escola de Artes Oficios, pasando por unha das plantas do Auditorio Mar de Vigo até a proposta máis ilusionante de recuperación da Panificadora, a nosa catedral laica, cada vez máis arruinada, mais até agora todo quedara en auga de castañas, o que supuxo a paralización do proxecto por parte do goberno de Rajoy e a desaparición da partida do orzamento.

Por ventura, tras a acertada iniciativa da Xunta de Galicia de propoñer a ubicación de todas as infraestruturas xudiciais viguesas no edificio do Hospital Xeral, o que achegará un importante pulo ao barrio de Casablanca, no tapiz municipal vigués podería producirse unha carambola milagrosa que permitiría contar co soar do Chouzo, adquirido polo concello para ubicar o terceiro edificio xudicial, para construír alí a Biblioteca Pública do Estado e contar cunha nova zona verde. Unha posibilidade pola que aposta o alcalde Abel Caballero, que pretende ademais que a Xunta ceda ao concello os actuais edificios xudiciais, para a súa utilización como dotacións culturais e sociais.

Unha solución que redundaría no incremento da actividade comercial, hosteleira e cultural da zona de Travesas, Coia e Torrecedeira, onde están cinco dos máis antigos institutos públicos Secundaria e os dous primeiros centros universitarios da cidade, ao tempo que convertiría ao barrio do Chouzo, onde xa está o Colexio Público de Primaria e o Instituto Municipal de Educación, na auténtica factoría cultural e educativa viguesa do século XXI. Unha posibilidade moi atractiva que os informes técnicos de urbanismo deberían avalar e os acordos políticos interinstitucionais rubricar mais que nunha primeira ollada semella redonda, xa que despois de máis dunha década desbloquearía dous dos asuntos municipais urxentes de máis difícil saída, o da construción da Biblioteca Pública e a instalación da Cidade da Xustiza.

Desbloquear o proxecto da biblioteca do estado, que non esquezamos sería construída con fondos estatais, mais xestionada despois pola Xunta de Galicia dentro da súa rede de bibliotecas nodais, obrigaría a retomar o proxecto da creación dunha auténtica rede municipal de bibliotecas de Vigo como a que conta o concello da Coruña, un bo modelo no que referenciarse. Unha rede da que formarían parte como trabes a actual Biblioteca Central de Vigo do Casco Vello e a Biblioteca Municipal Xosé Neira Vilas, ambas as dúas de propiedade municipal, aínda que xestionadas de forma ben distinta, así como as novas bibliotecas municipais que se deberían instalar en Bouzas, Teis e Navia.

Rede bibliotecaria á que sería moi conveniente engadir unha Biblioteca Municipal de Estudos Vigueses García Barbón, cuxa creación ben podería comezar pola dotación bibliográfica e hemerográfica que sobre a historia da cidade se conserva na Biblioteca da Escola de Artes e Oficios, unha desoutras alfaias descoñecidas da cidade. Rede bibliotecaria que debería colaborar coa montada pola Universidade de Vigo, que conta cunha biblioteca na rúa Torrecedeira, e coa que a UNED puidese instalar na súa futura sede do Auditorio Mar de Vigo. Con todo, o reto principal desta rede bibliotecaria é asumir a súa condición de servizo metropolitano, tanto pola posibilidade de utilización dos seus fondos como da programación das súas actividades por parte de bastante máis de cen mil persoas asociadas. Ilusionan as posibilidades que abriría a gran Biblioteca de Travesas.

Poema de hoxe 55: «Nin ás escuras…!» de Rosalía de Castro

CartelBaseAELGDia-de-RosaliaDeCastro2016-150_001A luz do día asómbrame, pásmame a das estrelas

i as olladas dos homes na ialma me penetran

Rosalía de Castro, Follas novas (1880)

Onte 1592: Zuckerberg e a realidade virtual

Para Mark Zuckerberg “o vídeo será o contido que domine a Rede e as redes nos vindeiros anos”. O fundador de Facebook, na súa intervención no World Mobile Congress, prognosticou que os textos e as fotos, materia prima da Internet durante dúas décadas, serán subtituídos polos vídeos de 360 graos (capaces de achegar experiencias inmersivas) e pola realidade virtual, “catapultada pola tecnoloxía 5G”. Zuckerberg anunciaba de forma moi discreta a nova revolución comunicativa que peta na porta: “a realidade virtual mudará a forma en que traballamos, aprendemos e nos comunicamos”. Cambios profundos para a o que entendemos por lectura. Dá que pensar.

Poema de hoxe 54: «No escuro» de Ramón Cabanillas

CartelBaseAELGDia-de-RosaliaDeCastro2016-150_001A estrela é unha fogueira que xa está preto.

Ramón Cabanillas, Vento mareiro (1915)