Campo do Fragoso CLXXVI

Celta_VilarrealEMPATAZO

O partidazo do serán de onte na lameiriña de Balaídos entre o Celta de Berizzo e o Vilarreal de Marcelino, ambos os dous adestradores de conviccións profundas, foi unha loita moi fermosa e igualada entre dúas formas de entender o xogo combinativo, a da afouteza e intensidade celeste fronte a disciplina táctica do submariño amarelo, a dun cadro que asume todos os riscos de ir cara adiante e a doutro que agarda a súa oportunidade para responder en idéntica medida. Unha loita emocionante, coa táboa de marcas sempre incerta, con puxilatos individuais aquí e acolá, onde abondou xenerosidade no esforzo de dous equipos que enfrontan o último cuarto da liga co obxectivo de consolidar a súa posición nas prazas europeas.

Superando os corenta puntos, consolidada xa a permanencia matemática, Berizzo saíu cos seus dous tridentes. No de ataque á Aspas e Guidetti uniuse Nolito, que despois de máis de dous meses regresaba ao equipo de gala. No tridente inédito de mediocampistas, un incansable Wass acompañou aos chilenos Díaz e Orellana que dirixiron as operacións de atopar algún furadiño no valado amarelo que dispuxo o adestrador asturiano. Amparados os dous triángulos na defensa clásica, Sergi e Cabral, no centro, e Jonny e Mallo, nas bandas, o Celta asumiu moitos riscos e, durante os primeiros corenta e cinco minutos, non gañou para sustos coas chegadas do congoleño “crocodilo” Bakambu, que tivo nas súas biqueiras un par de oportunidades tremendas que desfixo in extremis Sergio, moi acertado e seguro.

Durante a primeira parte as xenialidades das combinacións na área rival de Aspas, Guidetti e Orellana non abondaron para atopar o camiño do gol, quizais por que faltaron as recuperacións silenciosas e as cabezadas de Tucu Hernández, cuxa ausencia se fixo notar moito máis cando un Marcelo Díaz agotado foi decaendo na súa tarefa de distribuír sobre as bandas e manter un ritmo fluído e harmonioso. Responsabilidade que asumiu, entón, o poeta Orellana, incansable, que dende a media punta intentou con desigual fortuna pases moi longos a unha e outra banda. Nolito quería saltar o valado amarelo dende a dereita utilizando todas as súas artes, caneos e túneles incluídos, pero demostrou que aínda lle falta un chisco de velocidade e, quizais, maior confianza para o golpeo, como quedou patente nun remate frontal que lle quedou moi frouxo.

Foi un partido de duelos individuais constantes, algúns extraordinarios, na procura dos balóns divididos. Nesta loita destacaron polos nosos un Cabral inmenso, un Jonny que semella recuperar a frescura de comezo da primeira volta e un Wass xigante, un xogador cada vez máis maduro, polivalente, capaz de dirixir o xogo combinativo, lanzar faltas e saques de recanto, xutar dende a segunda liña ou xogar de lateral como fai na selección dinamarquesa. Estas loitas individuais son claves na concepción do xogo de Berizzo, xa que son as que permiten crear situacións de superioridade. Xaora, na igualdade desa loita, onde os amarelos estiveron a un altísimo nivel é onde residiu a cerna dun empate que o Celta nunca quixo asumir e que os de Marcelino deron por bo na fase decisiva do partido, recuando e protexendo ao seu porteiro coma mellor puideron.

A pesar de que non marcou, quizais por que onte faltou ese último alustro imprescindible, non prendeu esa faísca luminosa do gol, o Celta fixo un partido notable, que confirma a súa tensión competitiva e as súas posibilidades de manter a súa angueira europea. Quizais por iso valoramos como positivo todo un empatazo.

Poema de hoxe 62: «A dona que eu amo» de Bernal de Bonaval

Bernal_de_BonavalA dona que eu amo e teño por señor

amostradema, Deus, se vos en pracer for,

senon, dademe morte.

Bernal de Bonaval (Século XII-XIII)

Onte 1599: Alianza 50

LG00216901Alianza Editorial anunciou onte a celebración do seu cincuenta aniversario. Cinco décadas nas que publicou 3.500 títulos dos que dous mil corresponden a súa mítica colección de Peto, a das inesquecibles portadas de Daniel Gil, actualizadas nesta década por Manuel Estrada. Alianza é un faro que ilumina a edición cultural en España. Un modelo de proxecto editorial cultural defendido contra vento e marea por un grupo de profesionais expertos. Unha editora de fondo que soubo dialogar coa comunidade dos seus lectores e lectoras sen perder nunca a súa identidade. Alianza celebra o cincuentenario coa publicación de dous lanzamentos de oito títulos, presentados cunhas espectaculares portadas tipográficas, nos que recupera para a relectura a algún dos seus títulos emblemáticos, xunto a outros que son estrita novidade. Lanzamentos que expresan o ADN da editora que dirixe a nosa admirada Valeria Ciompi. A ela e a todos os membros do seu equipo os nosos parabéns.

O futuro das deputacións

No artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono sobre as deputacións provinciais ao fío da proposta da súa supresión.

deputación_pontevedraO pacto de investidura entre o PSOE e Ciudadanos, que entre os cinco puntos da súa proposta de reforma constitucional exprés incluíu a supresión das deputacións provinciais de réxime común e a creación de Consellos Provinciais de Alcaldías, reabriu o debate sobre o futuro das deputacións. Alizerzada na historia, dende o seu recoñecemento na Constitución de 1812 e na división territorial de Javier de Burgos, que creou en 1833 a estrutura centralizada do estado borbónico, dividido en 15 rexións e 49 provincias, esta organización política provincial foi recoñecida na Constitución da República de 1931, manténdose no substancial na vixente de 1978, introducíndose, dende entón, algunhas modificacións nominais e axustes territoriais.

A pesar das profundas mudanzas políticas, económicas e sociais e mesmo das convulsións históricas destes dous séculos, as provincias continuaron sendo as entidades locais básicas da organización territorial, administrativa e política do estado español, funcionando como circunscricións electorais e unidades territoriais nas Comunidades Autónomas. Un modelo provincial gobernado e administrado de forma autónoma por cada unha das deputacións provinciais, entidades que ademais colaboraban cos concellos na prestación dalgúns servizos.

Dende 1983, cando se constituíron como comunidades autónomas as provincias de Madrid, A Rioxa, Murcia e Navarra, existen 38 deputacións provinciais de réxime xeral que contan coas competencias outorgadas pola Lei de Bases de Réxime Local 7/1985: a coordinación e, en determinados casos, a prestación unificada de servizos dos concellos do seu territorio (dende o tratamento de residuos nos concellos de menos de 5.000 habitantes, á prevención e extinción de incendios ou a prestación de servizos de administración electrónica naqueles de menos de 20.000 habitantes); a cooperación no fomento do desenvolvemento económico e social; a planificación do territorio e a cooperación nas obras e servizos de competencia municipal para o que artellan os seus plans provinciais anuais; así como o fomento e a administración dos intereses particulares da provincia.

Se descendemos ao concreto, comprobamos que no caso da Deputación Provincial de Pontevedra, unha institución que xestiona en 2016 un orzamento de 151 millóns de euros (dos que case dez corresponden a investimentos reais), estas competencias supoñen o desenvolvemento de programas en terreos tan diversos como o emprego, os servizos sociais, os programas de igualdade, as infraestruturas básicas (camiños e estradas), os servizos agrarios (Laboratorio de Mouriscade, Estación Fitopatolóxica de Areeiro, Centro de Investigación Forestal de Lourizán), o medio ambiente, o turismo (Turismo Rías Baixas, Aeroporto de Peinador), a cultura (Museo de Pontevedra, Imprenta Provincial, Arquivo), a lingua (Servizo de Publicacións), o deporte (Estadio de Balaídos), o patrimonio (Castelo de Soutomaior), a educación (Escola de Canteiros), a infancia (Centro Príncipe Filipe), as novas tecnoloxías entre outras. Institucións e servizos provinciais, cuxa prestación semella necesaria, que no caso de que se producise a supresión das deputacións provinciais serían transferidos (xunto coas súas competencias) nuns casos á Xunta de Galicia e noutros á Área Metropolitana de Vigo, que se configura como o órgano supramunicipal de referencia para 24 concellos.

Estimado por Albert Rivera como un aforro entre os catro e cinco mil millóns de euros, o que é verosímil cos 8.000 millóns de euros que estas entidades manexaron o ano pasado, dos que preto de 500 millóns corresponderon o das deputacións galegas, non é o financeiro o único criterio que xustifica a desaparición das deputacións. Reducido de forma moi significativa o importe da súa débeda, o problema das deputacións de réxime xeral non é nin o custe nin a eficiencia dos servizos que ofrecen aos concellos. O seu é, sobre todo, un problema político relacionado coa superación do modelo clientelista, caciquil e familiar co que foron xestionadas durante décadas, tanto na ditadura como dende a aprobación da Constitución, acuñando un xeito partidista de facer política provincial, fenómeno que por desgraza aínda pervive en Galicia.

As deputacións provinciais, como a propia organización provincial, terían moi difícil encaixe nun novo mapa administrativo e político que rediseñase tanto o obsoleto mapa municipal actual (agrupando concellos) como recoñecese a realidade das áreas metropolitanas, rexións urbanas e comarcas rurais e transferise a estas novas entidades supralocais as competencias e recursos que lles corresponde. O futuro das deputacións esta neste debate sobre a reorganización do territorio.

Poema de hoxe 61: «Leixádeme os ollos abertos» de Tomás Barros

Tomas_Barros_1963Se morro,

leixádeme unha fenestra

á vida,

inda que sexa pequeniña,

e nela os ollos abertos.

Tomas Barros, Berro diante da morte (1963)

Onte 1598: «Nahid»

Nahid-720180080-largeSer muller na actual sociedade iraniana, na que pervive todo o poder do patriarcado, é unha tarefa heroica para Nahid, a protagonista da película homónima, a ópera prima da directora Ida Panahanded. A liorta pola custodia dun fillo de dez anos, tras un difícil divorcio dun yonqui, e a relación cun home que casa con ela nun matrimonio interino obrigan a Nahid a procurar o seu destino, moitas veces de forma contraditoria. Un fío narrativo que permite á directora iraniana construír un drama neorrealista contundente, capaz de retratar dende o cotián unha sociedade opresiva, onde as mudanzas (sobre todo as das tecnoloxías da comunicación) son moito máis aparentes ca reais. O acertado manexo da elipse (nas escenas violentas) e a precisión do encadre, nas travesías do río ou nas conversas dos protagonistas na praia a beira do Caspio son logros desta película discreta, que deixa moi escasas fendas para a esperanza.

Poema de hoxe 60: «A Poesía» de José Ángel Valente

CartelBaseAELGDia-de-RosaliaDeCastro2016-150_001Foise no vento

volveu no aire.

José Ángel Valente, Homenaxe a Rosalía de Castro (1968)

Onte 1597: Tebas, vaite xa!

A2-74414787.jpgAs confesións de Javier Tebas, presidente da Liga de Fútbol Profesional, defendendo a súa pertenza xuvenil a Fuerza Nueva e reclamando un Le Pen á española, poñen en evidencia en que mans está o fútbol profesional en España. A verdade é que as súas opinións carecen de orixinalidade e non teñen outro interese que recoñecer a autoafirmación do pensamento de extrema deireita dun facha de toda a vida. Xaora, semella que unha persoa con estas ideas é incompatible coa responsabilidade de encabezar a loita contra a xenofobia, o racismo e a violencia dentro e fóra dos estadios. Hai moitas persoas no fútbol profesional con ideas máis sensatas para liderar os valores democráticos e o fair play tan necesarios no tinglado desta industria do lecer. Tebas, vaite xa!, e deixa de enredar, meu home.

Poema de hoxe 59: «De Compostela a Padrón» de Xesús Rábade Paredes

CartelBaseAELGDia-de-RosaliaDeCastro2016-150_001De Compostela a Padrón

díxome o vento a canción,

miña amiga!

Xesús Rábade Paredes, «A Rosalía» (1980)

Onte 1596: «Carol»

Carol-180515019-largeCarol de Todd Haynes é unha adaptación magnífica da novela homónima (O prezo do sal) que Patricia Highsmith publicara en 1952, unha historia dun amor prohibido de dúas mulleres, coa intención de denunciar, en pleno período anticomunista e puritano, a persecución que sofrían as lesbianas e gays. Utilizando até os límites do verosímil as convencións do melodrama, esta película de narración perfecta e elegancia engaiolante, ofrece as dúas actrices protagonistas, Cate Blanchett e Rooney Mara, a posibilidade de escintilar na pantalla como auténticas estrelas daqueles melodramas clásicos dos 50 de Douglas Sirk, a quen Haynes tanto gusta homenaxear. O tratamento da luz e da cor, a composición pictórica de cada plano, a mudanza do punto de vista, o coidado da música e do vestiario, os diálogos de olladas e textos orais combínanse con precisión nesta narración tan perfecta como conmovedora. Carol é unha película política de beleza austera. Merece ser recoñecida.