Poema de hoxe 136: «Catavento de neutrós domesticados» de Manuel María
Os celtas inventaron o aturuxo
pra substituír a música celeste.
Manuel María, «Pequeno epitome de inseguros esteos» (Alvarellos, 1979)
Poema de hoxe 136: «Catavento de neutrós domesticados» de Manuel María/en 17_de_maio, Autores, Poema_de_hoxe, Poesía/por bretemas
Os celtas inventaron o aturuxo
pra substituír a música celeste.
Manuel María, «Pequeno epitome de inseguros esteos» (Alvarellos, 1979)
Magnífico serán o de onte en Cambados onde acompañamos a Ramón Caride na presentación da súa novela Liquidación de existencias e do máis que recomendable disco libro Xeografías do deserto, un traballo indie preparado polos cantautores Moncho Núñez e Sito Suárez sobre textos poéticos que Moncho publicara en Flor de deserto e Xeografía de sal. Excelentes foron as intervencións musicais como as lecturas que da novela fixeron o escritor Domingo Tabuyo e a filósofa María Leyra Fernández Labandera. No seu discurso Tabuyo anunciou que «con Liquidación de existencias volve o mellor Caride, con toda a súa potencia narrativa para abordar historias cotiáns, maldades de toda condición, feridas infectadas, temas que non son novos, pero que teñen toda a actualidade, que todo o mundo entende como a corrupción, as inxustizas e as violencias».
Maria Leyra Fernández comezou salientando a oportunidade do título escollido por Caride, Liquidación de existencias, para «un libro onde o humano é unha mercadotecnica máis, un mundo emporcado de seres desposuídos, que dalgunha forma son tamén parte de nós, seres que reviven a paixón dionisíaca fronte á beleza estática». Cualificou a novela de «texto salvaxe e rochoso», «unha obra de arte, xa que como sinala María Zambrano dá a ver un mundo que naufraga, licuado pola extinción dun tempo forte, fragmentado, un tempo de vendas, tempo de música que marca pautas». «A novela de Caride está protagonizada por seres caídos que pouco interesan nas nosas vidas, seres perdedores, restos dun naufraxio, apenas saldos, refugallo dunha realidade con moitas pestes, nunha cidade onde se esvaen os límites.». Rematou María Leyra lembrando a imaxe da realidade líquida de Bauman e cualificando a novela de «pesimista e hilarante, de lectura engaiolante mais de dixestión lenta».
Poema de hoxe 135: «Os soños na gaiola» de Manuel María/en 17_de_maio, Autores, Lingua, Poema_de_hoxe, Poesía/por bretemas
Galiza somos nós:
a xente e mais a fala.
Manuel María, «Galicia» (1972)
Éxito rotundo da presentación do serán onte d´As horas roubadas de María Solar na Libraría Cronopios de Santiago. Agarimada pola crítica Malores Villanueva e por case un cento de persoas no seu debut cunha novela para adultos, a escritora e xornalista compostelá contou coa fermosísima sorpresa do agasallo de dúas cancións do grupo De Vacas.
Malores Villanueva comezou salientando que “María Solar non defrauda nesta a súa primeira novela para adultos, unha autora que sempre escribe dende a honestidade”. A seguir, Malores confesou que sempre considerou a “María Solar como a escritora galega dos bicos” e lembrou o capítulo sete de Rayuela, “unha cita inevitable estando en Cronopios”. Debullou algúns dos temas da novela: a dureza da emigración paras as mulleres, a violencia sobre as mulleres, a dicotomía existente na sociedade de 1979 entre os sectores conservadores e os que querían outra sociedade… Servíndose dunha frase do escritor peruano Santiago Rocangliolo (“hai libros fáciles de ler e difíciles de procesar”), afirmou que “As horas roubadas é unha reflexión sobre a vivencia do amor e da violencia fácil de ler e difícil de procesar”. “Un amor eterno, adolescente, pasional, hai tantas formas de amor nesta novela que nos leva a refacer aquela frase de Silvio Rodríguez que non todas as formas do amor son válidas”.
Detívose, despois, Malores en reparar nos detalles da ambientación da novela a finais da década dos setenta. “María conta como se pasou da televisión en branco e negro á de cor, como se poñían os cornos á tele portátil ou como a televisión vai ocupando o espazo da casa”. “Na novela descúbrese que as cousas valiosas non se gardan nunha caixa ou envoltorio calquera”. “Aparecen os sofás de escai, a importancia da lavadora, que foi unha liberación para a muller, o pago a prazos dos electrodomésticos, o descubrimento do sexo ou o papel da igrexa que pexaba e censuraba”. “María Solar lembra que naquel tempo houbo pioneiras na loita das mulleres por desfacerse das ataduras”.
María Solar confesou que levara catro anos puíndo unha novela que cualificou como “un libro de sentimentos”. “Busquei os sentimentos para poder narrar unha historia que deitase a idea de que ao final da vida o que debe quedar claro é que viviches a vida que quixeches vivir”. “As horas roubadas é un libro sobre a transición na política e na televisión, mais tamén das transicións que sofren as persoas de tres xeracións distintas”. Definiu a novela como coral, aínda que recoñeceu que lle preocuparan especialmente os personaxes de Damián e Rosa, “xa que era difícil transmitir a figura dese pai brusco e controlador xunto a de Rosa que confundía o control co amor, unha muller incapaz de rebelarse, que comezou a ser ninguén, non sendo respectada polo seu home nin polos seus fillos”.
Poema de hoxe 134: Mar maior» de Manuel María/en 17_de_maio, Autores, Poema_de_hoxe, Poesía/por bretemas
Acougade. Acougade un pouquiño
para que se vaia a brétema soíña…
Manuel María, «Serán» (1963)
Emotivo e desmitificador resultou o retrato que onte debuxamos no Club Faro de Vigo os participantes na mesa redonda “Manuel María: fanegas de corazón, alma de poeta” no que acompañamos a Saleta Goi, víuva do poeta homenaxeado este 17 de maio, Alberte Ansede, secretario da Fundación Manuel María de estudos galegos e ás escritoras e biógrafas do poeta Mercedes Queixas e Margarita Ledo.
Mercedes Queixas salientou que “Manuel María asumiu “unha ética de vida que transcende a escrita”. “Unha obra, a mais prolífica da literatura galega, cuxo universo nace coas raíces na Terra Chá, medra coa súa formación clásica e multiplícase coa vocación da escrita empregando unha fala popular elevada a lingua literaria universal”. Queixas sinalou que Manuel María non quedou só na faceta literaria, non foi tampouco un mero espectador do seutempo xa que tamén foi libreiro, editor, xornalista, dinamizador cultural, mestre e político”. “Coa súa polivalencia de temas, estilos e destinarios, coa súa escrita contra a morte do individuo e tamén do colectivo, como voz dos silentes e dos expropiados, conseguiu que o país habitase na súa obra”, rematou a autora de Labrego con algo de poeta. Biografía de Manuel María.
Margarita Ledo comezou lembrando o seu primeiro encontro con Manuel María e Saleta Goi en Monforte, no ano 1970, cando ela estudante de primeiro de xornalismo en Barcelona. “Agasalloume cun exemplar de Versos para un país de minifudios editado en Buenos Aires por edicións Nós”. Emocionouse Margarita cando confesou que despois lle enviara a súa primeira carta escrita en galego “porque ía conducida a el”, “grazas a Manuel fun tomando conciencia de que a lingua é unha pegada de clase que emerxe”. Reivindicou a académica ao Manuel María xornalista, autor de 1.400 artigos, “froito da súa tema divulgadora e da súa convicción de que cómpre escribir sobre aquilo que se experimenta cos pés, construíndo unha ollada singular do mundo”.
Alberte Ansede abordou “a viaxe interior do último Manuel María”, unha análise da obra poética publicada a partir de 1981, cando aparece Poemas de labarada estremecida, mediatizado por un tempo no que Manuel asiste á desfeita do mundo do campo e da propia lingua. “A obra de Manuel María incorpora unha grande desazón, consciente de que coa Democracia os tempos non son chegados nin para a lingua nin para o país”. “Manuel María inicia un proceso de introspección, de viaxe interior no que salienta o amor pola vida como unha forma de amor polo país”. Na súa análise Ansede salientou que o chairego foi “un dos mellores poetas amorosos da literatura galega do século XX”, “é moi difícil atopar unha combinación tan eficaz de sinxeleza lingüística e xenialidade expresiva”. “Poeta requintado, esteticista, universal rompe cos tópicos do poeta rural e panfletario. Mnauel María ensaiou todos os camiños poéticos”.
Por último, Saleta Goi agradeceu a resposta espectacular que o pobo galego está ofrecendo a Manuel María, “que sempre estivo acompañado de xente”. Tras unha fermosa intervención dende o público de Balbino Pérez Bellas, Saleta Goi aclarou a anécdota da famosa garrafa de caña de Manuel María, citada nunha canción do Zeca Afonso,
Poema de hoxe 133: «Versos para un país de minifundios» de Manuel María/en 17_de_maio, Autores, Lingua, Poema_de_hoxe, Poesía/por bretemas
A fala é a voz da terra
e mais do mar,
o vencello que nos xungue
no tempo cos que foron
e mais cos que han ser.
Manuel María, «A fala é comunión e sentimento» (1969)
Poema de hoxe 132: «As rúas do vento ceibe» de Manuel María/en 17_de_maio, Autores, Lingua, Poema_de_hoxe, Poesía/por bretemas
O idioma é a vida,
o coitelo da dor,
o murmurio do vento,
a palabra de amor.
Manuel María, «A fala» (1979)
As primeiras declaracións de Miguel Tellado, despois de ser elixido novo secretario do Partido Popular de Galicia, dan un pouco de medo. Volver axitar ao electorado conservador utilizando a falacia da «imposición del gallego» e criticar a Lei de Memoria Histórica argumentando que en Alemaña «no se han retirado todos los símbolos nazis», ademais de escaso coñecemento sobre a situación sociolingüística de Galicia e da historia alemá, amosa unha actitude moi pouco conciliatoria. Non descarto que despois do congreso da pasada fin de semana, Feijoo pretenda afondar no que algúns teñen xa bautizado como «novo galeguismo sen galego», ou «galeguismo sen fronteiras», sendo estas declaracións iniciais de Tellado apenas un anuncio do que virá. Como tampouco descarto, eu que son inxenuo, que se trate apenas dun esvarón de quen non tivo tempo abondo para elaborar máis o seu discurso. No entanto, as apelacións ao «galeguismo cordial» que utiliza decote Feijoo non encaixan cando o seu número dous recupera aquel argumentario antigaleguista tan eficaz para gañar ao bipartito. Estamos quizais co vello conto do reparto de papeis entre o bo presidente e o seu home de partido.
No artigo da semana no Faro de Vigo reflexiono sobre a situación da reválida de 6º, que está prevista que se realicen en Galicia esta semana:
Esta semana vinte e un mil escolares galegos de once e doce anos realizarán durante tres días as probas de avaliación final de 6º de Educación Primaria. Implántase así a bautizada como “Reválida de sexto”, unhas probas individualizadas que ao amparo da LOMCE, a famosa Lei Wert apoiada só polo Partido Popular, teñen exclusivamente carácter informativo e orientador para o alumnado, os centros, as familias e a propia Administración Educativa coa intención de coñecer o grao de adquisición das competencias e a detección de problemas de aprendizaxe. Unha proba, pois, que carece de efectos académicos, razón pola que a súa superación non será imprescindible para o acceso do alumnado de 6º de Primaria á Educación Secundaria Obrigatoria. Probas que, segundo anuncia a Consellaría de Educación, a encargada de organizalas, confeccionalas e achegar os materiais e soporte informático a cada centro, terán unha estrutura semellante ás implantadas con carácter diagnóstico o pasado curso en 3º de Primaria coa intención de comprobar o grao de dominio de destrezas, capacidades e habilidades en expresión e comprensión oral e escrita e en cálculo e resolución de problemas, se ben nestas de 6º engádese a avaliación das competencias básicas en ciencia e tecnoloxía e se avalían por separado o coñecemento e destreza das competencias de comunicación lingüísticas en galego, castelán e inglés.
Segundo a Consellaría de Educación, estas probas individualizadas serán corrixidas por profesorado do centro adscrito as áreas de Lingua e Matemáticas de Educación Primaria, pero que non imparte docencia ao alumnado avaliado. A normativa que regula as probas, cuxa aplicación e corrección será supervisada pola Inspección Educativa, contempla que cada alumno ou alumna recibirá un informe de carácter orientativo no que constará o nivel obtido en cada unha das competencias e destrezas, así como a existencia dun informe para cada grupo e para cada centro escolar onde se recollan os resultados globais da avaliación do seu alumnado. A Consellaría de Educación contempla, ademais, a posibilidade de que as familias soliciten a revisión dos resultados, así como a obriga por parte dos órganos colexiados de cada centro (claustro e consello escolar) de realizar unha análise dos resultados do seu alumnado e unha reflexión interna de cara ao establecemento de futuros plans de mellora, se fose necesario.
A implantación desta “reválida diagnóstica de sexto” non está exenta de polémica xa que son apenas cinco as comunidades que a implantarán (Galicia, Castela-León, Madrid, A Rioxa e Murcia); mentres que outras (Andalucía, Aragón, Asturias, Baleares, Cantabria, Castela A Mancha, Estemadura, e Valencia), todas elas de presidencia socialista, acordaron realizar probas ou informes individualizadas, que non se ateñen ao disposto no Real Decreto que regula con carácter xeral as probas, que algunhas destas comunidades mesmo teñen recorrido no Tribunal Constitucional. Xaora, as restantes, Navarra e Canarias anunciaron a súa intención de realizar tamén probas alternativas de diagnóstico; Cataluña a continuidade do seu modelo de diagnóstico de competencias básicas, mentres que o Goberno Vasco reiterou a súa negativa a facelas este curso. Un auténtico caos, outra mostra do fracaso sen paliativos dunha lei imposta polo Partido Popular, contra o criterio do resto do arco parlamentario e da propia comunidade educativa, cuxa implantación é rexeitada pola maioría das comunidades autónomas, que son as que teñen as competencias nesta materia.
Tras este rexeitamento da proba de 6º, que afecta a case tres cuartas partes da poboación escolar deste nivel, utilízase decote argumentos baseados na importancia na Educación Primaria da avaliación continua e cualitativa por parte do profesorado de cada grupo e do equipo docente de cada centro, o que faría innecesarias a realización de probas externas de diagnóstico, que só contribuirían á homoxeinización dos currículums escolares e á perda de autonomía pedagóxica de cada centro. Mais tamén rexeitanse estas probas por fixar un modelo de avaliación externa que invadiría competencias que son propias das comunidades autónomas, como e sobre todo polo carácter segregador que suporía o establecemento de ránkings entre centros e comunidades despois de coñecer os resultados das probas, posibilidade que o ministro Íñigo Méndez de Vigo nega agora, probablemente presionado polo fracaso da implantación da medida. En todo caso, aventuro que esta proba diagnóstica de 6º que agora se implanta en Galicia terá o mesmo curto percorrido dunha lei educativa que dunha ou doutra maneira será modificada tras as eleccións do 26 de xuño. Mágoa da confusión innecesaria que provoca na comunidade educativa.
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).