Onte 1658: «Poemar o mar» de Antonio García Teijeiro

poemar_o_mar_librouro_29-04-2016

A libraría Librouro encheuse onte coa presentación de Poemar o mar, o novo libro de Antonio García Teijeiro, ilustrado por Xan López Domínguez. Iniciou o acto Helena Pérez, en representación de Xerais, que explicou a orixe desta edición, a primeira colaboración entre Teijeiro e López Domínguez, e a encadrou na triloxía do mar do autor, da que forman parte ademais deste volume Palabras do mar, editado por Embora, e En la cuna del mar, editado por Creotz ediciones.

XG00253201No inicio da súa presentación, o escritor e crítico Ramón Nicolás lembrou a relación de García Teijeiro con Celso Emilio Ferreiro e Moraima, a quen entrevistou. Definiu Poemar o mar como «libro memorable e indeleble, con ritmo de seu dende o propio título, «un libro que constitúe un compendio e actualización de toda a poesía galega do mar, dende Johán de Cangas e Mendiño, pasando por Manuel Antonio e Cabanillas, até os poetas actuais.» Para Nicolás «a palabra clave no libro é a emoción poética«, como tamén o é «a idea do mar como salvación», «xa que Antonio García Teijeiro cando fala do mar fala de todas as cousas». Rematou Ramón Nicolás identificando o paralelismo do libro de Teijeiro coa obra de Rafael Alberti cando dicía aos oitenta e seis anos que «o mar cabe nunha soa onda». Pola súa banda, o autor salientou que concibe «o mar como un sentimento íntimo», «sinto que o mar me chama, como me chaman os poetas do mar como Alberti, Mendiño ou Martín Codax».

Poema de hoxe 121: “Bretemada” de Gonzalo López Abente

Era valente a barca
e arriscado o patrón que a dirixía

Gonzalo López Abente, Bretemada (1922)

Onte 1657: “A rotura das paisaxes” de Xesús Constela

constela_rozas_bragado_28-04-2016

Máis dun cento de persoas participaron onte no Museo de Pontevedra na presentaciónA rotura das paisaxes de Xesús Constela. Un acto organizado polo Atneo de Pontevedra que resultou fermoso, divertido, emocionante nalgúns momentos, onde o autor conversou co xornalista e crítico Ramón Rozas e recitou parte do poemario “Cidade castigada” (incluído na novela). Un serán literario no que puidemos gozar da estrea dun teaser conmovedor sobre a obra preparado polo cineasta Mario Iglesias e locutado por Ruth Sabucedo.

XG00247601Comezou a conversa Ramón Rozas cualificando A rotura das paisaxes como “novela importante, que consolida unha obra singular coa que autor dá un salto cualitativo na maneira de escribir e como facelo. Un salto que se iniciara a partir de 15.724, asumindo dende entón Constela un risco, concibindo a actividade literaria como carácter de aventura, que fideliza ao lector por crear un mundo tan singular e inesperado”. Rozas definiu a novela como “relato poliédrico de moitas narracións que se van enfiando a través da conversa de dous personaxes que camiñan nunha praia”. Na primeira das súas intervencións, Constela confesou que se dedicaba á literatura “por que son feliz escribindo”, porén, recoñeceu que “a publicación deste libro dáme un pouco de medo, é arriscado, non é narrativa ao uso”. “A rotura das paisaxes é unha homenaxe a Rayuela de Cortázar, razón pola que o libro ten dúas formas de lectura, como un libro de relatos ou como unha novela que contén un relato principal no que os contos forman parte da trama”.

Referiuse despois o autor o seu primeiro libro, As humanas proporcións, “ao que estou terriblemente agradecido; tiña ganas de volver a aquela maxia do relato, volver a escribir sen ataduras de ningún tipo”. “N’ A rotura das paisaxes escribín o que me apetecía escribir, fixen un libro de relatos que é máis que un libro de relatos”. A ese fio Rozas interpelouno sobre as razóns de pór en cuestión o concepto de novela nunha obra na que se xoga coas estruturas e mesmo cos xéneros. Para Constela é esencial para o escritor “cambiar, experimentar con distintas estruturas narrativas”. “A realidade non é unha novela, as cousas non suceden na secuencia prantexamento, nó e desenlace”. As cousas no século XXI entendémolas dixeríndoas aos poucos. As novas xeracións no dixiren 300 páxinas seguidas. Intentei poñer moitas cousas diferentes no mesmo libro para que o lector se interesase por unha información presentada de forma pixelizada. Algo que xa inventaron os impresionistas. Creo que a literatura actual ten que ir por aí. Ten que imitar á realidade, que nos está ofrecendo cousas pequenas e distintas. A rotura das paisaxes son un montón de relatos que enfrontan unha visión do mundo, da xente común, como os desempreagados, un tema abordado dende o humor negro; en definitiva, a realidade metida dentro da ficción.”

Rozas preguntou sobre as preocupacións do Constela narrador. O autor non dubidou en confesar que “sacar da cabeza as cousas que teño dentro, canalizalas na escrita de xeito que ao lector lle guste”. “Na literatura busco poder seguir facendo os experimentos que fago e poder transmitir as cousas que teño na cabeza de xeito que a xente as entenda.” A seguir, Rozas salientou a intención de Constela de “atopar tanto unha voz singular como que o lector sinta as cousas sen necesidade de dicirlle nada”. A ese respecto, Constela dixo que intentara en todo o libro eliminar ao narrador, “quería que o lector soubese o que pasaba a partir dos propios personaxes, o narrador funciona aquí como un espectador, o que sei que é difícil de conseguir”. Con respecto a outra cuestión afirmou que “o mellor que lle pode pasar a un artista, sexa un pintor ou un escrtior, é te runha voz propia, é o meu gran reto persoal, ter esa voz”.

Ramón Rozas preguntou, entón, sobre como conseguir que o lector olle a realidade doutra maneira. Constela confesou que sempre intentara “ver a realidade dun xeito distinto; gústame observar a realidade que me circunda, todo”. Seguiu a conversa sobre a devoción común sobre Julio Cortázar, tanto pola sensación de misterio dos relatos como polo xeito de afrontar a lectura da novela. A este teor, Constela recoñeceu que lle encantaba pasear pola praia cos cans, “no inverno en Lourido, Areas ou A Lanzada atopas de todo”. “O máis difícil que Cortázar conseguiu foi tecer un fío co lector sobre algo que poida parecer absurdo, pero absolutamente verosímil e coherente no relato. ë moi díficl de conseguilo. Eu inténtoo tamén. Lévame moito tempo corrixir e corrixir para conseguir esa capacidade de conectar co lector”.

Rematou a conversa reflexionando os dous participantes sobre a posición da figura humana con respecto á paisaxe. Constela lembrou a cita de Toulouse Lautrec que colocou ao comezo do libro: “Só a figura existe, a paisaxe é e non debe ser nada máis ca un accesorio. A paisaxe non debe servir senón como medio para facer comprender mellor o carácter da figura”. “No libro deliberadamente eliminei a paisaxe. Ven descrita en moi poucas ocasións. Interésame o que din os personaxes, a figura. A figura é o máis importante. A miña idea é que falasen os personaxes e ir metendo as ideas nos lectores directamente”.

Poema de hoxe 120: “Os papeis do vagabundo” de X.H. Rivadulla Corcón

Que os silencios se prolonguen pola eternidade
para que o amor siga tan eterno coma eles.

X.H. Rivadulla Corcón, Os papeis do vagabundo (Espiral Maior, 2010)

Poema de hoxe 119: “As luces de noutrora” de Edelmiro Vázquez Naval

Hai poemas que nacen en abril,
follas novas nas árbores espidas
que xermolan nas pólas da esperanza

Edelmiro Vázquez Naval, As luces de noutrora (Espiral Maior, 2010)

Onte 1656: Galicia cen

Levo días interesado en “Galicia cen”, o proxecto divulgativo do Consello da Cultura Galega preparado para contar a nosa cultura a partir de 100 obxectos, outras tantas iconas ou fetiches vinculadas a momentos da nosa historia. Un proxecto expositivo, editorial e multimedia inserido na tradición divulgadora anglosaxona concibido para desenvolver a autoestima e o coñecemento do país. Polo que Manuel Gago, comisario do proxecto, ten desvelado #Galicia100 promete ser espectacular. Para abrir boca, antes da inauguración do de 10 de maio, aí temos a peza de animación sobre o Sepulcro de Fernán Pérez de Andrade. Un recurso didáctico cen.

Onte 1655: “Historia das historias de Galicia” en Couceiro

Pegerto_Saavedra_isidro_Dubert_26-04-2016

Interesantísima resultou onte a presentación en Couceiro de Historia das historias de Galicia, o fascinante libro colectivo editado por Isidro Dubert. O editor e promotor da obra explicou que a súa orixe estivo nun curso de verán que organizara en 2014 coa intención de estudar a pervivencia na cultura galega dunha serie de historias míticas ou tópicas, moi a pesar de que nos últimos trinta anos asistimos a unha avance moi notable na investigación da historia de Galicia. “Esas historias aséntanse sobre uns relatos, cuxa orixe na maior parte identificamos no século XIX, que dan unha imaxe da historia de Galicia paralizante e negativa do noso pasado, que non se corresponde cos avances da investigación histórica que se puxeron a disposición da sociedade galega nas últimas tres décadas”. “Unhas historias que resumen a historia de Galicia como o paso do grande explendor medieval a unha grande decandencia da que imos saíndo devagariño dende o século XIX. Unha lectura do presente en clave de pasado, o que supón unha fosilización do presente, que impide unha nova factura do futuro. En definitiva, unha interpretación que expresa un fondo medo á modernidade e unha incapacidade para afrontar o futuro cunha certa orixinalidade”.

XG00247101Na súa intervención, Manuel Gago, autor do capítulo titulado “Os celtas na Cabina do Doutor Who. a constante reinvención dunha realidade”, expresou a súa convicción de que en Galicia a historia sempre apaixona, “hai un público que demanda contidos históricos, porén, resulta incomprensible que non se pensase nun público xeral para a divulgación das investigacións históricas actuais. Unha cuestión que pode mudar no futuro xa que os profesionais da historia teñen hoxe en Galicia unha vocación máis clara de comunicar”. Para Gago “a xente disfruta coa dúbida, apaixónase co proceso de coñecemento, como demostra que os documentais da BBC están cheos de dúbidas, de visións confrontadas. A gran achega deste libro é que por vez primeira ofrécese unha visión confrontada da Historia de Galicia”. A seguir, Gago identificou o do celtismo como un paradigma deste tipo de debates, onde as visións enfrontadas xa non existen, xa que é un problema máis historiográfico ca histórico”.

Pola súa banda, Pegerto Saavedra, autor do traballo “Os feudais: entre os Irmandiños e as Comunidades de Castela”, salientou que “o libro revisa unha serie de tópicos de forma non dogmática e plural”. Ocupouse despois de comentar a súa achega arredor do reinado dos Reis Católicos, “un tema perigoso, difícil de abordar con ecuanimidade, xa que cómpre relativizalo e encadralo no que pasou x ano século XIV”. Saavedra expresou a súa admiración por escritores como Murguía e Otero Pedrayo, “a pesar de que algunhas das súas afirmacións históricas fosen erradas”, e expresou as súas dúbidas sobre o que se adoitar considerar como “importante papel da Igrexa”.

Por último, interviu Lourenzo Fernández Prieto, autor do traballo “O atraso: o éxito dun falso mito. Imaxes contra os tópicos do mundo rural e dos labregos”, que cualificou o libro como “necesario, oportuno, aberto e divertido”. “O libro foi concibido como un curso, o que supón que é un produto académico, universitario, pensado, editado, corrixido, ordenado, que reivindica a normalidade universal da academia. En definitiva este é un libro académico sen complexos, froito dun proceso de cambio, un tempo post-marxista, post-revolucionario, post-68 e post-transición”. “Un libro colectivo e institucional, concibido como tal na universidade, que fala do común e asume a construción do coñecemento por parte da comunidade científica fronte a unha época pasada na que había apenas tradución de autores que logo nos contaban”. A seguir, Fernández Prieto foi debullando as preguntas principais que aborda o libro: “Que obxecto é ese da Historia de Galicia?, Que obxecto ten no presente?, Como pensar criticamente o presente?, Que utilidade ten para algúns dominar o relato do pasado?”. Lourenzo insistiu en que “o relato do fracaso colectivo de Galicia non se corresponde co presente”, “a idea do atraso é un relato do pasado colectivo que hoxe resulta inútil, o atraso foi unha arma de débiles labregos que en realidade eran moi fortes”.

Na quenda de intervencións do público os autores responderon á cuestión de como afecta a súa reflexión ao proceso de construción de Galicia como nación. Para Isidro Dubert “no libro se abren portas a unha nova interpretación do presente; o combate de Galicia non está no pasado, está no presente e no futuro, onde non debería estar é neses cosntrutos que ofrecen unha imaxe antropolóxica de Galicia chea de ataduras”. Para Manuel Gago “cada ideoloxía precisa un relato histórico, sempre van existir relatos históricos populares xunto aos da investigación académica”, e rematou expresando a súa convicción de que a “existencia de diversas visións da historia é propia de países modernos”. Pola súa banda, Lourenzo Fernández Prieto respondeu que para el “canta máis cantidade e pluralidade exista na historia, mellor será para o nacionalismo galego”. Por último, dende o público interviu Henrique Monteagudo, autor do traballo titulado, “A invención dos Séculos Escuros”, para quen “estamos pasando dunha historia nacionalista a unha historia nacional”.

Poema de hoxe 118: “Bater de sombras” de Francisco X. Fernández Naval

Só era unha cadea
que te mantiña vinculada á rocha

Francisco X. Fernández Naval, Bater de Sombras (Espiral Maior, 2010)

Onte 1654: Abril

avril_2016A rede inundouse onte de lembranzas daquel 25 de abril de 1974, un día, como salientou a poeta Sophia de Mello Breyner, “onde emergimos da noite e do silêncio / e livres habitamos a substância do tempo“. Unha efeméride que continúa emocionando e achegando azos de esperanza a nosa xeración, tantas veces derrotada, mais por ventura, aínda non completamente vencida. Despois de catro décadas, Abril representa os valores da igualdade e da fraternidade quebrados polo fracaso tanto do proxecto de integración e acollida europeo como polas políticas de austeridade impostas pola troica á cidadanía dos estados do sur. Xaora, o anceio de Abril continúa vivo, funcionando como un acicate contra o conformismo paralizante. Sempre Abril!!!

Campo do Fragoso CLXXIX

aspas_granadaEUROCELTA

Conseguido o obxectivo matemático da clasificación europea o celtismo deu onte á noite unha lección de responsabilidade extraordinaria. Contido no seu lexítimo entusiasmo, despois de acadar un soño tan lonxano como é regresar a Europa despois dunha década, a bancada sostivo ao equipo durante os noventa minutos dun partido moi difícil, con momentos de ledicia, mais tamén de sufrimento, fronte a un valente Granada que xoga neste derradeiro treito do campionato no tan perigoso arame do descenso. Unha magnífica expresión de animación celtista, mais tamén de ambición deportiva, xa que nin o cadro técnico nin o de xogadores nin a afección renuncia a sumar máis de sesenta puntos, cos que moi probablemente aseguraría a quinta ou a sexta praza.

Xaora, tras un campionato memorable, o Celta de Berizzo apenas celebrou onte a súa proeza clasificatoria. Demostrou que aspira a máis, mesmo a desputarlle praza de Champions ao Vilarreal de Denís Suárez. Con este afán, Berizzo plantou na lameira un equipo de curte moi ofensivo, coa conexión chilena dirixindo o medio do campo e co tridente marabilla, detrás de Guidetti, preparado para abrir espazos dende as bandas. Transcorrido apenas un cuarto de hora, chegou o penalti sobre o noso internacional sueco, que con moita pillería se anticipou a Biraghi obrigando ao lateral italiano a derrubalo. Aspas asumiu a responsabilidade do lanzamento e marcou con toda a confianza.

Coa táboa de marcas por diante, o Celta despregou o seu catálogo ofensivo, sostido por Marcelo Díaz e un Tucu Hernández, que cada vez namora máis á bancada viguesa. Aspas motivadísimo, quizais lembrando as leas cos nazaríes de hai cinco tempadas, cando desputaban unha praza de ascenso a primeira, buscou a Guidetti e as liñas interiores de Orellana e Nolito, que non tiveron a súa mellor noite. Porén, os de Berizzo deixaron vivos aos andaluces, que conseguiron chegar con moito perigo e facilidade nun par de ocasións. A cabezada de Lombán ao longueiro enmudeceu Balaídos cando case remataba a primeira parte. Aínda que pouco despois, outra de Tucu Hernández quedase lixeiramente alta.

 Coa renaudación, o Granada espremeu todas as súas opcións. Subiu liñas, roubou o balón e acurralou aos nosos diante de Rubén. A bancada comprendeu que o Celta vivía moi serias dificultades e intensificou o seu apoio. Nunha ocasión clarísima, Peñaranda abriu un corredor enorme pola súa banda, mais cando encarou a Rubén o noso gardarredes soubo aguantalo in extremis. Porén, o inevitable gol andaluz chegou tras un rexeite que aproveitou o galego Fran Rico, nunha acción de auténtica potra, mais merecida pola teimosía atacante do seu equipo.

Mais cando todos os ventos semellaban propicios para os visitantes, tras a incorporación de Wass, unha conexión máxica entre Orellana, Nolito e Aspas facilitou o segundo gol do de Moaña, que liquidaba as opcións nazaríes. Faltaban aínda máis de dez minutos, mais os de Berizzo souberon aguantar con acougo a un Granada que subiu con todo e deixou espazos para uns cantos contraataques celestes que puideron ampliar o marcador. Foi só entón cando a bancada comezou a cantar o miudiño e a festexar unha vitoria que sitúa ao Celta moi preto do seu ceo soñado. Rematado o encontro a ledicia esvarou das bancadas a lameira, adiantando as celebracións que sen dúbida viviremos co peche da tempada co Málaga. Un partido, pois, traballado, discreto no xogo, excelente no resultado, que vai pechando a que é, sen dúbida, a mellor tempada celeste da década.