Onte 1523: Culturgal 2015, xornada de apertura

culturgal_04-12-2015

Onte puxemos a rodar o Culturgal 2015, que completou a súa xornada de apertura coas visitas de escolares e as primeiras actividades nos diversos espazos. No acto institucional de apertura todos os catro intervinientes (Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra; Anxos Riveiro, concelleira de Cultura de Pontevedra; Román Rodríguez, conselleira de Cultura e eu mesmo) insistimos na importancia da cooperación interinstitucional de tres administracións gobernadas hoxe por tres cores distinitas como na fachenda e orgullo de contar cunha industria cultural como a galega. O protagonismo dos públicos e das empresas e axentes dos diversos sectores neste Culturgal 2015 convida ao optimismo.

Convido a participar hoxe no sábado grande de Culturgal, Xaora, as persoas que non poidan achegarse a Pontevedra poden seguir por streaming en dúas pantallas simultáneas o que acontece nos espazos do Pazo da Cultura. Seguimos.

As miñas palabras de apertura poden lerse aquí.

Onte 1522: Culturgal 2015 listo

culturgal_2015

Despois de moitos meses de preparación onte quedaron aqueladiño os espazos do Culturgal 2015. Estamos moi ilusionados e á espreita. Contaremos con case un cento de expositores e un programa con cento cincuenta actividades literarias, musicais, audiovisuais, dixitais, formativas e lúdicas para todos os públicos. Inevitablemente, montaxe tan complexa como a preparada polo equipo que dirixe Xosé Aldea produce certa vertixe. Xaora, confiamos en que o espírito de entusiasmo contaxioso de Culturgal axudará a resolver continxencias e superar desacougos. Agardámosvos cos brazos abertos. Seguimos.

Onte 1521: Alberte Santos en Cartabón

alberte_santos_cartabon_02-12-2015

Moi interesante foi onte a presentación na libraría Cartabón d’ O rebumbio dos vagalumes, a primeira novela do xornalista Alberte Santos Ledo. Entrevistado polo editor Pepe Carreiro, Alberte comezou confesando que na novela «pretendeu defender a capacidade de ser críticos con nós mesmos e facer cambios». «Na vida non hai treguas e cómpre decidir nas situacións de frustración ou cando un non se sinte satisfeito, como lle sucede a Paula, a protagonista da miña novela.» «Sen este exercicio de rebeldía e de inconformismo, nas vidas persoais hai pouco espazo para a esperanza.» Interpelado polo editor, Santos explicou que escollera cinco narradores para que «o lector tivese unha visión máis poliédrica e plural», «quixen que o dono da historia fose o lector». Con respecto aos personaxes dixo que «todos os sete tiñan que decidir nalgún momento, ainda que se enfrontasen a esa situación de risco en momentos diferentes». «A miña intención é que na lectura da novela a xente o pase un pouco ben, goce dun momento entretido, mais tamén que lle permita a reflexión sobre cousas importantes, mesmo que miren para si mesmos». Preguntado polas persoas do público, Alberte Santos deu algunhas claves sobre o título, «unha metáfora que atende a que os vagalumes dan luz sen calor para chamar a atención dos seus pares». Recoñeceu a influencia de autores como Kundera e «doutros que non utilizan unha escritura liñal». Rematou as súas palabras Santos confesando que «non concibiría escribir literatura noutra lingua que non fose a galega». Un excelente convite á lectura d´ O rebumbio dos vagalumes. Parabéns para autor e editores.

Onte 1520: Día da dignidade

rosa_parks

Fixéronse onte sesenta anos daquela proeza histórica de Rosa Parks que se negou a deixar a un branco a súa cadeira no autobús. Un comportamento que se forxou como modelo de dignidade, axudando a superar comportamentos e prexuízos racistas e a establecer modelos de igualdade real. Unha desas poucas accións históricas individuais que axudan a mudar ao mundo no horizonte da esperanza. Onte lembramos aquela manifestación de 2002 en Compostela, onde cada un dos nosos paraugas contribuíu a caligrafar o sintagma Nunca mais, que dende entón expresou a indignación dun país disposto a saír do seu silencio conformista. E onte tamén lembramos a Eduardo Blanco Amor no trinta e seis aniversario do seu pasamento, unha figura literaria e humana que (por ventura!) cada ano vai recuperando o seu valor de xigante da literatura galega. A coincidencia desta efeméride coa entrega do premio que leva o seu nome, que nesta edición correspondeu ao noso admirado Xavier Queipo, é outra excelente noticia deste 1 de decembro. Unha data a que ben acae gardala no calendario como «día da dignidade».

Presume de Culturgal

Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo ao Culturgal 2015 que abre as portas o vindeiro venres.

culturgal_2015_01-12-2015

Esta fin de semana celebrarase Culturgal 2015. Do venres 4 ao domingo 6 de decembro xuntaranse no Pazo da Cultura de Pontevedra máis de medio milleiro de creadores e creadoras para desenvolver cento cincuenta actividades e tres grandes exposicións; mentres que oitenta entidades expositoras, entre empresas privadas e institucións e entidades públicas, presentarán nun cento de stands as súas novidades e servizos recentes a 15.000 persoas, no que xa é o maior evento anual da cultura galega. Entusiamo, diversidade e orgullo caracterizan hoxe este evento que tras a súa continuidade en Pontevedra, sempre na primeira fin de semana do mes de decembro, conseguiu devagariño crear unha nova tradición no calendario cultural galego e funcionar coma un escaparate das novidades dos sectores da nosa cultura (libro, disco, cine, teatro, cultura dixital e artesanía), mais tamén como un punto de encontro e interacción transversal dos seus profesionais e dos seus públicos.

Organizada pola asociación Culturgal, integrada por cinco asociacións empresariais dos sectores das industrias culturais, Asociación Galega de Editores (AGE), Asociación Galega de Empresas Músicais (AGEM), Escena Galega (teatro), EGANET (empresas galegas dedicadas a internet e novas tecnoloxías) e Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI), contando co patrocinio principal de tres entidades públicas (Xunta de Galicia, a través de AGADIC; Concello de Pontevedra e Deputación de Pontevedra), que achegan o sesenta por cento do seu orzamento, tras oito edicións, Culturgal madureceu consolidando un modelo de xestión baseado nos principios de corresponsabilidade, profesionalización, calidade, transparencia e participación. A intensa colaboración intersectorial das asociacións, o apoio das administracións públicas, gobernadas por diversas cores políticas, o esforzo hercúleo, o rigor e a austeridade da xestión do evento artellado por un pequeno equipo de profesionais, dirixido nas tres últimas edicións por Xosé Aldea, son outras claves do éxito dunha feira cultural que quixo reinventarse en cada edición coa intención de sorprender aos seus públicos e ofrecerlles melloras na súa experiencia persoal.

No entorno da crise interminable que afectou de forma brutal a todos os sectores da industria cultural, tanto pola diminución do consumo privado, polas mudanzas e incertezas provocadas pola hibridación dixital como pola inevitable rebaixa das achegas dos poderes públicos, Culturgal apostou pola estratexia do estorniño, esa solidariedade dos chirlosmirlos que adoitan manobrar en bandos atraendo a ollada da veciñanza das cidades. Eis a estratexia da corresponsabilidade de Culturgal, que ademais de contar coas colaboracións intersectorial e interinstitucional, procurou a dos propios públicos, a primeira razón de ser desta feira, establecendo de forma pioneira en Galicia unha entrada de pagamento para este tipo de eventos culturais (2 euros por día, 3 euros para todo o evento, 1 euro por día para os nenos e nenas entre 3 e 12 anos e 2 euros para todo o evento). E abofé que na pasada edición as respostas dos públicos, tanto o familiar como os especializados e profesionais, non puido ser máis xenerosa e comprensiva, converténdose nun importante motor para acadar a sostibilidade económica deste modelo.

Outras mostras do espírito anovador de Culturgal foron nas últimas edicións a inclusión no programa de actividades infantís dun apartado específico dedicado a bebés e nesta dun espazo específico dedicado ao xogo dos máis novos; o establecemento de liñas transversais da programación, o pasado ano a cultura gastronómica, nesta a posta en valor da cultura da palabra; a ampliación dos espazos formativos e de encontro intersectorial, que este ano suporá un encontro de profesionais da escena e outro de editoras e produtoras cinematográficas; a creación do Premio do Público Culturgal, outorgado por votación popular en internet por milleiros de persoas, que nesta edición 2015 correspondeu a Curtocircuito Festival Internacional de Cine de Santiago de Compostela; e a incorporación das artes plásticas por medio dunha gran exposición patrocinada pola Deputación de Pontevedra, comisariada por Antón Sobral e Paula Cabaleiro, baixo a denominación de “Somos espazo”, ocuparase das simbioses creativas entre arte e arquitectura.

Se non abondase, nesta edición a feira presentará un novo deseño espacial co que se pretende facilitar a circulación e satisfacción do público e unha mellor visibilidade para todos os expositores. Eis o lema desta edición “Presume de Culturgal”. Cando apenas quedan un par de días para abrir as súas portas convido a compartir o entusiasmo destoutro Culturgal en man común.

Onte 1519: Debate polo centro

debate_el_pais_30-11-2015

O debate de onte organizado por El País amosou que PSOE, Ciudadanos e Podemos dirixirán todos os seus esforzos de campaña en engaiolar ao «electorado de centro».  Como o feito de que non fosen convidados nin a IU-Unidad Popular de Garzón nin ningún dos partidos nacionalistas proba que os poderes mediáticos da corte pretenden reconducir a inevitable fragmentación postbipartidista arredor dos partidos de Rivera e Iglesias. Xaora, a pesar de que Podemos abandonou a tese da creba democrática, o seu candidato foi o único que abordou con claridade unha proposta de reforma constitucional territorial como resposta ao «problema catalán», mentres Sánchez e Rivera competiron por quen defendía máis á unidade da nación española e unha estratexia máis recentralizadora. Nese contexto, non me pareceu un erro a incomparecencia de Mariano Rajoy, xa que así puxo en evidencia o seu perfil de claro favorito, mentres os seus tres rivais disputaron «un torneo» para dirimir que se facía co espazo do centro.

Recomendo a xenial crónica de Manuel Jabois.