Onte 1168: Pirámide machista

piramide_machistaOnte dúas mulleres foron asasinadas e outra ferida gravemente en tres novos episodios da noxenta lacra do terrorismo machista. Acontecementos nos que chove sobre mollado xa que nalgún caso o asasino tiña «antecedentes por violencia de xénero» e nos outros dous repítese o modelo de asasino suicida. En todos os tres casos, como moi ben representa o esquema piramidal publicado pola Coordinadora Feminista, a base destas formas explícitas de violencia machista, está nun modelo de sociedade patriarcal onde o machismo adopta formas sutiles e invisibles no ámbito do privado, dende os micromachismos (tan en voga nalgúns adolescentes) até as chantaxes emocionais, desde a linguaxe e publicidade sexista até a humillación e desvalorización que estes milhomes provocan as súas compañeiras. Ben sei que non é doada a erradicación desta lacra noxenta da noite para a mañán, mais si que é posible adoptar tolerancia cero tamén con esas formas máis sutiles e invisibles do machismo, orixe de asasinatos, agresións, violacións ou abusos.

Onte 1167: Despois de Culturgal

Culturgal_2015

Tras tres xornadas moi intensas no Culturgal, tempo é de coller apenas uns minutos de acougo sequera para expresar a nosa gratitude pola impresionante resposta dos públicos, dos feirantes e dos artistas participantes nesta feira, que xa é por vontade teimosa de todos eles un dos referentes anuais para a cultura galega. Recoñecemento para Xosé Aldea, o director de Culturgal, e para Cecilia Carballido e Arancha Estévez, responsables de produción e comunicación, capaces de facer funcionar a maquinaria moi complexa da feira coa precisión e harmonía da que fixo gala na noite do sábado a gran banda da Bandeira. Gratitude para Paula Cabaleiro e Antón Sobral, comisarios da exposición de libros de artista, capaces de coordinar o traballo creativo de 50 artistas durante moitos meses e ofrecer unha fermosa montaxe cos medios dos que dispoñían. Gratitude para cada unha das profesionais e dos técnicos que rexeron os espazos, foros e responsabilidades administrativas, de comunicación, limpeza e seguridade. Gratitude para os universitarios voluntarios pola súa xenerosa dispoñibilidade. Grazas ao persoal do restaurante e cafetaría que nos mimaron a todos cun café excelente, un dos éxitos da feira. Beizón para cada un dos esforzados feirantes que padeceron no seus espazos a dolorosa síndrome de máis de trinta horas de moqueta. Beizóns para artistas, autores e profesionais que participaron nas máis de 150 actividades. Culturgal 2014 concibiuse, arranxouse e desenvolveuse con espírito colaborativo, utilizando os sintagmas de ledicia, entusiasmo, rigor, orgullo dos que se comprometen na construción dun proxecto colectivo.

equipo_culturgal_2014Houbo para min moitos momentos inesquecibles nestas tres xornadas. O éxito rotundo da programación do Espazo Bébés. Os cheos tremendos do espazo Infantil cunha gran programación musical. O desfile do coro tradicional Cantares do Brión polo corredor da feira. As interesantísimas conversas que César Lorenzo e Susana Pedreira mantiveron con Xurxo Souto, Fran Alonso, Manuel Núñez Singala, Francisco Castro, Antón Dobao, María Reimóndez, Xabier Quiroga, Suso de Toro, Alberto Ramos e Santiago Lopo. A presentación que fixo Matilde Felpeto do seu libro sobre a cociña do polbo no Espazo Foro. A entrega do premio do público ao Diario Cultural, coa actuación previa de Trópico de Grelos e, despois, coas palabras de Ana Romaní e a súa lembranza emocionante a Begoña Caamaño. Os concertos memorables de Caxade e María Fumaça. As presentacións da revista Criaturas e da Revista Galega de Educación. O éxito do vermú cultural onde comprobamos o rico que está Nordés, o vermú galego. O saboroso dos ovos doces de Pepe Solla que compartimos na presentación do libros dos Nove. O agasallo que supuxo a exposición «Do papel ao xesto», pola que recibimos tantos parabéns. A descuberta dos chocolates de Fina Rei, a festa das cervexas artesanais… Ou tantas conversas e reencontros con amigos e amigas cos que falamos na rede.

culturgal_2014_premio_publico_diario_cultural_rgTras sete edicións, Culturgal consolidouse, chantou os seus alicerces como espazo colaborativo dos diversos sectores das industrias culturais, dos poderes públicos e dos seus públicos. Culturgal consolidouse como espazo de encontro e afectos, onde compartir orgullo e enxergar esperanza. Culturgal consolidouse como unha nova tradición que reúne ás xentes das artes, das letras e das novas tecnoloxías en Pontevedra na primeira semana de decembro. E así seguiremos o vindeiro ano, conscientes de que en cada edición debemos reinventar o modelo de feira, sendo capaces de sorprender e aumentar o perímetro transversal desta acción colaborativa. Mañán comezaremos a traballar no vindeiro Culturgal, o que celebraremos en Pontevedra o 4,5 e 6 de decembro de 2015. Grazas, moitas, a todas as persoas que constrúen a fantasía de Culturgal!

Aquí galería de fotos de Culturgal 2014 en Facebook.

Aquí seguimento do hastag #Culturgal2014.

Onte 1166: «Conduce rápido»

Isabel_Soto_Diego_Ameixeiras_04-12-2014

Como xa vén sendo tradición a comezos de decembro, presentamos onte en Couceiro outra de Ameixeiras, que o autor ourensán títulou Conduce rápido. Foi a tradutora e crítica Isabel Soto quen presentou a novela e realizou un completísimo percorrido pola obra de Diego Ameixeiras. Comezou Soto encadrando Conduce rápido «dentro dun camiño da obra dun autor que renova o xénero negro, que posúe unha voz singular dentro da literatura galega, moi representativa dunha xeración, caracterizada pola fuxida de calquera tipo de sublimación sexa da realidade, da paisaxe, da cultura, da linguaxe, probablemente por que na realidade que nos arrodea non vemos nada que sublimar», Para Isabel Soto esa fuxida da sublimación é «o trazo principal de toda a obra de Diego Ameixeiras, unha literatura moi urbana, moi necesaria, que cobre as expectativas dos lectores. Literatura radical, moi moderna, que fai aparecer aos invisibles, as situacións de precariedade recoñecibles ou cotiáns. O seu é un realismo real, tal como vanas cousas.»

Percorreu Isabel Soto a obra de Ameixeiras, dende as dúas novelas primeiras, protagonizadas polo detective Horacio Dopico, «nas que seguía as convencións do xénero, para dterse en Tres segundos de memoria, «retrato xeracional da mocidade urbana galega, que xa daquela en 2006 vivía na precariedade, que contínúa, unha violencia que nos doe. «A partir de aí hai un camiño de depuración na  obra de Ameixeiras. Unha literatura moi directa, cunha tensión que via incrementándose. Vidas cruzadas, frustracións nas relacións sentimentais, presente en novelas como Dime algo sucio e Historias de Oregón.» «Tras Asasinato no consello nacional, o seu éxito de vendas, volve polo camiño da depuración, nas tres últimas obras, Todo OK, Matarte lentamente e Conduce rápido nas que afonda na precariedade, condensación narrativa, fragmentarismo, lonxe de calquera sublimación. A presenza de luzadas líricas nas descricións, a introdución de matices do mundo urbano, a importancia da participación do lector no texto, as oracións breves, linguaxe coloquial, desenlaces abertos, ausencia de xuízos de valor sobre seres vencidos pintados cunha aura lírica que arrinca no pasado, son características de todas estas tres novelas.» Para Isabel Soto «en Conduce rápido prodúcese unha depuración deste modelo até o absoluto. A acción desenvólvese en cinco días, de luns a venres, rápido. Máis ca outras, está achegada a un guión. Novela coral, personaxes marxinais que manteñen unha épica que unha vez rota leva a unha violencia explícita, moi rotunda.» «Novela onde Composteña é protaognista, as súas calellas, os peregrinos, os turistas, os ionquis, barras americanas, personaxes que buscan un golpe de fortuna que os saque de probes. Aquí tampouco hai nada de sublimación.» Rematou Isabel Soto insistindo en «Diego Ameixeira conseguiu constituír un estilo que o singulariza. Un retrato da negrura dunha realidade cada vez máis negra.»

Na súa intervención Diego Ameixeiras lembrou que facía dez anos que publicara a súa primeira novela, Baixo mínimos, o que o convidaba a reflexionar sobre cales foron os seus camiños como escritor, Lembrou o seu primeiro grande recoñecemento, Tres segundos de memoria, polo que obtivo o Premio Xerais. Considerou que Dime algo sucio supuxo un cambio no seu xeito de entender a escritura, «aí recollo a herdanza dos grandes mestres do xénero negro, que non é outra cousa que a crónica social do tempo que se vive». «Con Asasinato no consello nacional ensaiei a novela clásica de enigma. Despois de Historias de Oregón, aparecen tres novelas, Todo OK, Matarte lentamente e Conduce rápido que teñen moito en común, tanto no tipo de personaxes como no xeito de narrar.» «Foron dez anos de certo autocoñecemento persoal. O oficio de escribir require a experiencia de estar só, de enfrontarse á soidade, aínda que non nego que o resultado final arrastra unha serie de penurias. Escribir é como escribir, como darlle forma a algo que tes pensado previamente. Creo que fun atopando un xeito de facelo no que agora me sinto cómodo. Teño a sensación que agora as novelas se parecen cada vez máis a min mesmo. Aposto polo estilo fotográfico, dicir o máximo co mínimo, a través do silencio e das cousas implícitas.»

Detívose despois Ameixeiras en falar de Conduce rápido, «obra que pertence ao subxénero de novela de delincuentes, a novela criminal que adopta o punto de vista do delicuente, neste caso de clase baixa, que son os que a min máis me gustan.» Confesou que «pensaba estar escribido unha historia de amor protagonizada por Erika e Ventura, que representaban dous mundos da delincuencia que se encontraban, ela a da pequena, el o doutra máis organizada. Na novela hai un certo costumismo, un aprezo por este tipo de personaxes que teñen un pé no outro lado.» Rematou Diego afirmando que «a novela está contada con suficiente carga narrativa para que sexa interesante para o lector, así o espero.»

Onte 1165: Gastrocultura no Culturgal

pepe_sollaNo enfoque transversal da súa programación, Culturgal apostou nesta edición pola gastronomía como principal novidade temática. A gastronomía abordada dende diversas ámbitos e disciplinas da produción cultural e da creación artística. Así no programa están previstas presentacións de libros de cociña, cultura gastronómica ou de ficción onde a cociña e os cociñeiros son protagonistas (O polbo e a súa cociña; Nove e a cociña galega, Escarlatina, a cociñeira defunta; A cociñeira do rei…). Actos nos que se aborda como feito cultural, coma no encontro sobre cervexas tradicionais ou no debate sobre o futuro das festas gastronómicas. Até o concerto de guitarra de Pepe Solla, un recital de poesía gastronómica, un vermú cultural coa participación dos responsables das asociacións da industria cultural ou dúas ceas temáticas, unha sobre A Esmorga e outra sobre a cociña de Benigno Campos. Un Culturgal protagonizado pola gastrocultura.

Onte 1164: Círculo de Lectores abandona o libro galego

circulo_lectores_galego

Círculo de Lectores comunicounos onte que a partir do mes de xaneiro de 2015 deixará de vender libros en galego e éuscaro. Pérdese así un importante espazo de difusión para as editoras de libro galego que de forma bimensual contaban cun escaparate para arredor de corenta das súas novidades. Descoñecemos as razóns desta medida, que nos colleu por sorpresa, ás que probablemente non sexan alleas nin a diminución das vendas dos últimos anos nin o proceso de homoxeinización da oferta do propio Círculo de Lectores, sacrificando o seu programa para as linguas galega e euscalduna. En xornada tan triste para o libro galego sexa a nosa gratitude para a editora Nilda Echarri, a responsable deste programa, a quen recoñecimos no seu día pola súa sensibilidade coa lingua e literatura galegas co Premio Xerais á cooperación no labor editorial.

A forza dos públicos

No artigo da semana en Faro de Vigo, ao fío dos éxitos recentes de produtos culturais galegos e da celebración de Culturgal 2014, reflexiono sobre a importancia dos públicos na industria cultural galega.

Do 23 ao 25 de novembro de 1989, tres noites de estrea no desaparecido cine Fraga mudaron a historia do cine galego e marcaron un fito na cultura e lingua galegas. Foron as de “Sempre Xonxa”, a película do admirado Chano Piñeiro, protagonizada por Uxía Blanco, “Continental” de Xavier Villaverde e “Urxa” de Carlos López Piñeiro. Tres longametraxes que iniciaban a fantasía de contar cunha industria cinematográfica propia, proxecto polo que apostou economicamente a Xunta de Galicia entón presidida por Fernando González Laxe e da que era conselleiro de Cultura Alfredo Conde. Dende aquelas estreas gloriosas que encheron a platea do Fraga producíronse en Galicia 160 longametraxes, sendo o período do máximo fulgor o primeiro lustro, no que se chegaron a estrear case trinta películas, como repasa a exposición “Cinegalicia25”, inaugurada hai poucos días no terceiro andar do Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura.

PRESENTACIÓN DE "A ESMORGA" EN EL FESTIVAL DE CINE DE OURENSENun contexto moi diferente, mais con idéntico entusiasmo do público, produciuse a semana pasada a estrea comercial da nova película de Ignacio Vilar, “A esmorga”, que adapta o clásico homónimo de Eduardo Blanco Amor. Un éxito rotundo de público para unha película en galego, producida ao cen por cen no país, capaz de convocar (e emocionar) na primeira fin de semana a dez mil persoas nas diferentes salas galegas, o que supuxo fose a segunda con maior recadación media por copia en toda España. Éxito do que goza tamén “Costa da Morte”, a película documental de Lois Patiño, que durante o último ano leva participado en máis de setenta festivais nos cinco continentes, recibindo unha interminable relación de premios, iniciada no Festival de Locarno, e consolidando o fenómeno artístico do “Novo cinema galego”, termo utilizado por revistas como “Cahiers du Cinéma” para referirse á xeración de cineastas á que pertencen Xurxo Chirro, Oliver Laxe, Eloy Enciso, Xacio Baños, Peque Varela, Marcos Nine, Ángel Santos, entre outros.

Mais o do cinema non é o único caso de éxito da produción cultural galega actual. O grupo Chévere obtivo esta semana o premio nacional de teatro, o máximo galardón do Ministerio de Cultura, recoñecendo así a súa traxectoria na que ofreceron unha proposta artística potente de creación colaborativa, innovadora e crítica, na que tanto os seus espectáculos na sala Nasa como os máis recentes en distribución, como “Citizen” ou “Eurozone” (que o venres agotou as entradas no Auditorio do concello de Vigo), sempre contaron co apoio do público. O mesmo sucede coas funcións doutras compañías teatrais galegas como Voadora ou Abapalabra creacións escénicas, a promotora da celebradísima “As do peixe”, ou dos monólogos de Cándido Pazo, Celso Sanmartín e Carlos Blanco, acompañado por Luís Davila, o creador do Bichero de “Faro”, debuxando en directo, que triunfan por Galicia adiante. Outrosí sucede nas presentacións das últimas novidades literarias, como as de Fina Casalderrey, Ledicia Costas, María Reimóndez, Suso de Toro, Diego Ameixeiras, Francisco Castro ou Pedro Feijóo, que convocan o interese de centos de persoas, ou os concertos de música infantil de Magín Blanco, Paco Nogueiras, María Fumaça ou Mamá Cabra, esoutro fenómeno creativo no que a industria cultural galega abre novos vieiros. Sen esquecer a potencialidade da creación de produtos dixitais como “creAPPcuentos”, unha aplicación para android e ios que permite aos pequenos a creación de contos e historias de forma intuitiva, desenvolvida por unha empresa tecnolóxica viguesa e recoñecida internacionalmente. Nin por suposto a vizosa diversidade da actual produción musical galega, que nas últimas décadas abriu públicos máis alá da música tradicional, con propostas recentes tan interesantes como as do Taller Atlántico Contemporáneo, Germán Díaz, Caxade, Guadi Galego ou a dos compositores Fernando Buíde e Juan Eiras…

Espectáculos, artistas e produtos que por ventura contan co apoio dos seus públicos (nuns casos máis amplos ca noutros) nun tempo moi adverso no que, a pesar da importancia económica e o elevado nivel de emprego do sector cultural, practicamente se derrubaron as políticas públicas de apoio á creación e difusión desenvolvidas ao longo do período autonómico. Neste entorno de ruína das políticas públicas e de tránsito entre os soportes da distribución dos contidos, o futuro da industria cultural galega xógase na súa capacidade en gañar espazos de visibilidade e prestixio e na de fidelizar de forma corresponsable aos seus públicos. Eis a importancia de eventos potentes como Culturgal, a feira das industrias culturais, que se celebrará nesta fin de semana no Pazo da Cultura de Pontevedra, onde se atoparan creadores, produtores, distribuidores e os públicos diversos da nosa industria cultural.

Onte 1163: Culturgal de todos e todas

DSC_3951A dous días de abrir as súas portas, a programación de Culturgal 2014 continúa compartíndose en facebook  e twitter como un exercicio necesario de corresponsabilidade entre organizadores, expositores, artistas e públicos. Unha xenerosidade que achega azos ao equipo de traballo de Culturgal que se afana nestes días cos derradeiros preparativos. No entanto, sabemos que todos os esforzos de difusión son necesarios para animar a viaxar a Pontevedra esta fin de semana aos máis indecisos. Aí a importancia que lle damos ao acordo de Culturgal con Renfe do que poden beneficiarse os participantes e visitantes da feira (un desconto do 30 % no prezos dos billetes). Como tamén cremos imprescindible a incorporación da lingua de signos no acto oficial de inauguración da Feira e na realización de visitas guiadas como un esforzo por rachar barreiras. Xaora, o arranxo por vez primeira dun espazo de lactancia, do Espazo Bebés e dunha programación específica para os que levan cueiros expresa a vontade de Culturgal de ser unha feira das industrias creativas onde cada un dos públicos teña o seu espazo e a súa referencia. Agradecemos o último pulo publicitario para que ninguén quede sen noticia deste Culturgal de todas.

Onte 1162: Desolación e responsabilidades

frente atleticoDesoladora é a noticia da morte violenta de Francisco Romero Taboada «Jimmy», membro da sección Los Suaves dos Riazor Blues, tras ser golpeado e guindado ao río Manzanares nunha extraña «liorta» con membros do Frente Atlético. Uns feitos gravísimos sobre os que se ofrecen versións contraditorias que deben ser investigados pola autoridade xudicial e sobre os que haberá que establecer responsabilidades políticas e deportivas.

Non obstante, foi onte decepcionante a morneza coa que foron valorados en primeira instancia polos clubs, sobre todo polo presidente do Atlético de Madrid, mais tamén polos responsables da LEFP e da Federación, incapaces sequera de suspender o encontro. Como tamén debe ser explicadas polos responsables da Delegación do Goberno as razóns de contar cun dispositivo policial tan insuficiente como ineficaz para un partido no que se desprazaron a Madrid medio milleiro de deportivistas.

No entanto, a pesar da confusión (interesada?) sobre o acontecido, non hai dúbida que os membros do FA levan facendo dende hai tempo ostentación de símbolos nazis e fascistas no espazo que ocupan no estadio Calderón, un comportamento consentido polo club e pola propia Delegación do Goberno, incompatible coa democracia e inadmisible en calquera espectáculo deportivo. Como tamén é un feito que nesa mesma bancada se continúa celebrando con cánticos o asasinato hai dezaseis anos de Aitor Zabaleta, seareiro da Real Sociedade, unha barbaridade que conta coa complicidade conformista dos que acoden ao estadio e dos responsables do club que non lle poñen couto nin tacha a ese comportamento noxento. Probablemente aí se foi cocendo devagariño o caldo onde fermentou o odio que matou onte a Jimmy no Manzanares.

Acredito no que rezaba na tarde de onte nunha pancarta no Sánchez Tartiere: «O fútbol é unha paixón que non merece unha vida». No fútbol, sexa no amador coma no profesional, non ten cabida manifestación ningunha de violencia nin na lameira nin nas bancadas. O fútbol é un deporte colaborativo complexo e un espectáculo fermoso. Só recuperando os valores da cultura do fair play, dentro e fóra dos estadios, será posible erradicar esta lacra noxenta do fascismo e do racismo ultra nos estadios de fútbol.

Sei que é perfectamente posible expresar nas bancadas a nosa fachenda por pertencer a unha comunidade futbolística, por compartir con milleiros de persoas o mesmo sentimento por unhas cores e idéntica emoción para afrontar as rivalidades. Sei que é posible expresalo, sentilo e compartilo utilizando só os sintagmas da paixón, da emoción e do entusiasmo. Aqueles seareiros que non acepten este camiño dubido que compartan o afán de pertencer a esa comunidade fraterna e emotiva que crea o equipo e, polo tanto, deberán quedar fóra dos estadios, onde non hai sitio para eles.

Xaora, as miñas condolencias para a familia e as amizades de Francisco Romero, como para as persoas que comparten o sentimento deportivista. Nunca máis outra morte por causa da violencia no fútbol.