DESILUSIÓN
Na matinal de onte o Castellón gañou cos maiores merecementos a un Celta que volve dirixir a súa faciana cara o abismo. Nas últimas tres semanas os celestes obtiveron apenas un punto de doce en xogo, malogrando o esforzo da súa difícil remontada outonal e afastándose moito (non sabemos si xa definitivamente) das prazas clasificatorias onde é posible soñar, as únicas nas que os celtistas queremos ver ao noso equipo. Despois de partidos tan decepcionantes coma estes catro pasados medra a nosa convicción de que os maiores problemas deste Celta da Concursal non son só os económicos, senón tamén aqueles referidos a súa pobre dirección técnica, tanto a dos despachos de Praza de España como a do banco de Balaídos. O Celta debe ser o único equipo das categorías profesionais que deixa fóra por razóns técnicas a maior parte dos seus xogadores extracomunitarios, a todas luces, coa honrosa excepción de Dinei, fichaxes fallidas do actual director deportivo celeste. Outrosí sucede no banco do estadio, onde Pepe Murcia amosa cada domingo as súas enormes limitacións tácticas e escasa intuición para xestionar os partidos. O Celta debe ser, tamén, o único conxunto desta igualadísima competición de segunda división que sistematicamente deixa fóra do equipo inicial ao seu xogador de mellor toque e calidade técnica (Trashorras); como, tamén, debe ser un dos poucos conxuntos que emprega idéntico esquema (4-4-2) para todos os partidos, tanto ten que sexa local ou fose visitante. Toda unha lección de torpe e desesperante terquedade á que nos ten afeitos o noso actual adestrador. Con este mesmo guión discorreu, liña por liña, o encontro fronte a Castellón, un equipo moi xeitoso que viña con esta lección ben aprendida. Abondoulle para controlar o partido adiantar a súa defensa e concentrar xogadores na mediana, realizando dende alí un traballo brutal de presión que asfixiou aos de Murcia que non atopaban outra solución que guindar puntapés imprecisos sobre Dinei e David Rodríguez. Froito deste esforzo posicional os castellonenses tiveron a súa primeira oportunidade de marcar transcorridos sete minutos, que axiña souberon concretar un cuarto de hora despois. Atado por semellante presión, cun Oubiña aínda en rodaxe e cuns extremos onte moi desafortunados, o Celta naufragou desentendéndose do coidado da pelota. Houbo que agardar á entrada de Trashorras, tarde, moi tarde, cando o marcador xa sinalaba 0-2, para que o equipo gañase en sentido de xogo e comezase a crear ocasións de perigo. Porén, xa non había tempo para a remontada, mais aínda cando pouco axudaba a pésima arbitraxe. Esta clara derrota anuncia que o camiño da segunda división pode ser moi longo. A desilusión volve a bancada.