"Festina lente"

Hoxe recibimos está novela de Marcos S. Calveiro. Intúo que vai dar moito, moito que falar. Só anticipo que estamos diante dunha marabilla. É un grande orgullo que forme parte do noso catálogo. Beizóns Folerpa!
Sinto que os impacientes teñan que agardar ata a vindeira semana, na que chegará ás librarías.

Os concertos de Enrique X. Macías

Por fin soubemos da celebración dos concertos en homenaxe a Enrique X. Macías con motivo do 50 aniversario do seu nacemento. Celebraranse o xoves na Coruña no Teatro Rosalía de Castro, o venres en Santiago no Salón Teatro e o domingo en Vigo nas instalacións de Marco. Os tres concertos comezarán ás 20:30 horas. Os concertos enmárcanse no proxecto “As nosas músicas, os nosos sons”, co que a Consellaría de Cultura e Deporte, a través da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural, quere dar a coñecer ao gran público o legado musical e creativo dos compositores galegos contemporáneos máis significativos. A homenaxe a Macías realízase en colaboración coa asociación portuguesa Miso Music, depositaria da obra do compositor. A asociación fundou o grupo “Sond’Arte Electric Ensemble”, coa dirección artística de Miguel Azguime e con Pedro Amaral como mestre titular. O programa dos concertos estará formado por tres obras de Enrique Macías: Adhuc (1993) para ensemble e electrónica; Cadencias e interludios/Percurso I (1989-1992) para piano e electrónica e Itinerario de luz (1995) para ensemble e electrónica. A actuación complétase coa peza Derrière son double (2001) de Miguel Azguime, compositor portugués director do grupo e amigo persoal de Enrique Macías. Aconsello non perdelos. Serán unha magnífica oportunidade para recuperar ou coñecer o valor dun dos nosos máis importantes creadores da cultura galega da fin do século pasado.

Morreu o libro electrónico?

Interesantísima esta anotación de Joaquín Rodríguez sobre as dificultades de viabilidade do libro electrónico. Semella cada vez máis certo que fóra dun debate entre apocalípticos e integrados, son reais as dificultades para atopar un lector electrónico portable máis amigable que os actuais libros analóxicos. Isto non quere dicir, porén, que o proceso de dixitalización de determinados contidos sexa tan irreversible como necesario. Vexo cada vez máis claro que o futuro dunha edición viable e racional (que poña couto á inflacción editorial e ao mesmo tempo permita unha edición cultural de calidade) pode vir da edición dixital baixo demanda. Aí quizais estea un dos futuros do libro neste período de coexistencia de formatos e soportes.

Campo do Fragoso LXI

50 PUNTOS
Alejandro Menéndez, o cuarto adestrador desta tempada, conseguiu no seu primeiro encontro endereitar a deriva na que caera o Celta tras tres derrotas consecutivas. Acadar os 50 puntos, que deberían afastarnos de todos os perigos e fantasmas, é unha boa noticia para os seareiros celestes; mais a recuperación dunha certa disciplina táctica, dunha descoñecida capacidade goleadora e, sobre todo, dunha mellor actitude de todos os membros do equipo poden ser aínda mellores novidades. O encontro comezou co público máis pendente das evolucións de Gustavo López (apupado agarimosamente ao remate) ca dos nerviosos xogadores celestes. Xa aos catro minutos, os cadistas anunciaron cunha gran xogada que, a pesar das súas limitacións, viñan dispostos a dar batalla. Houbo que agardar un cuarto de hora para que o recuperado Quincy enviase o seu primeiro aviso a Limia e para que, poucos minutos despois, cabecease con moito perigo un bo servizo de Canobbio. Á media hora, o uruguaio (moi motivado) fabricou un magnífico pase interior que aproveitou Perera para abrir o marcador. A diferenza de encontros anteriores, o gol aguilloou aos celestes que a partir de entón reinaron con autoridade. Unha xenialidade espectacular de Quincy, catro bicicletas e unha rosca moi axustada ao pao esquerdo, supuxo o segundo tanto. Tras o descanso, cos de Procopio dispostos a intentar a remontada, os galegos defendéronse con xeito buscando contras que aproveitasen a sociedade dos seus tres veloces dianteiros. Deste xeito chegou o segundo gol de Perera, tras un servizo dende a banda dun inspiradísimo Quincy, demostrando que funcionaba a fórmula ideada por Menéndez: moita disciplina atrás, moita fantasía e velocidade diante. Un centro medido de Gustavo (que demostrou non ter esquecidas as súas mañas) foi ben rematado por Dani (unha das tradicionais bestas dos celestes). Este gol abriu esperanzas para os cadistas, porén foron estragadas axiña por outro golazo de Quincy, tras unha contra dirixida con gran tranquilidade por Jorge Larena na súa primeira xogada. Nos minutos finais marcáronse outros dous goles, o dos gaditanos tras un fóra de xogo sinalado polo asistente que o arbitro non atendeu, o dos celestes por un penalti cometido sobre Diego Costa que transformou Larena. Pechábase así unha merecida goleada do Celta que devolveu unha tímida ledicia á bancada e permite abrir esperanzas sobre a fiabilidade do técnico. Contar cun adestrador solvente podería ser a gran noticia do partido de onte.

Xosé María Álvarez Blázquez, os actos de Vigo

Onte asistín aos actos en homenaxe de Xosé María Álvarez Blázquez organizados en Vigo pola Real Academia Galega.
O acto institucional, celebrado no auditorio do concello, foi literariamente moi brillante, aínda que coa presenza de menos público do agardado (apenas un centenar de persoas, o que amosa un certo desleixo na realización da convocatoria e un desinterese popular por estes actos académicos). Darío Xohán Cabana abriu os parlamentos cunha intervención potente, enérxica, co punto necesario de emoción, defendendo a figura integral de don Xosé María e o carácter revolucionario da súa actividade como editor. Oportunísima foi a súa proposta de convocar este ano un congreso multidisciplinar arredor da figura do homenaxeado, fose pola Consellaría de Cultura e Deporte ou pola Universidade de Vigo (unha iniciativa que aínda hai tempo para que fose considerada por estas institucións, pola propia Academia ou por calquera outra entidade que o puidese apoiar economicamente). Logo interviu, Víctor Freixanes que abordou moi fermosamente a actividade editorial de Álvarez Blázquez (o título da súa intervención é moi significativo: “Arte da paquetería”) sinalando o carácter innovador que lle imprimiu á actividade editora, tanto na concepción da creación editorial como da súa promoción e comercialización. Pola súa banda X.L. Méndez Ferrín nun parlamento literariamente memorable describiu os espazos de don Xosé María (a súa descrición das Travesas de XMAB empregando só substantivos foi espectacular) e salientou a sensibilidade literaria e o carácter patriótico do traballo do homenaxeado. Pechou a quenda de intervencións, o presidente da Academia que definiu a don Xosé María como un dos “exiliados na súa propia Terra”.
Despois do xantar institucional no Museo de Castrelos, organizado e pagado pola Academia (un feito inédito na efeméride), se celebrou en Gran Vía 180, na porta do edificio onde Xosé María viviu durante trinta e nove anos, o acto de descuberta dunha praca. Outra vez, apenas cen persoas, asistimos aos parlamentos de Luz Pozo Garza, Alfonso Álvarez Cáccamo (que leu un texto sobre as Travesas en 1946, escrito polo seu pai en 1981, que foi editado nunha fermosa seaparata por Galaxia) e do alcalde de Vigo. Para min, o momento máis emocionante foi a breve intervención, fóra de programa, de Aurora, unha das fillas de Xoán Vidal, inseperable amigo de XMAB (co que fundou Cristal).
Rematado o acto, subimos a Gran Vía cismando na decepción que nos provocou o raquítico entusiasmo amosado polas institucións galegas e locais (ensimesmadas nos intereses partidarios dos seus responsables) a unha celebración cultural tan relevante, por non falar xa do claro afastamento do conxunto da sociedade sobre a efeméride (coa excepción da programación da radio Galega na praza da Constitución, Vigo permaneceu totalmente alleo a estes actos). Se continuamos por este vieiro, o 17 de maio esmorecerá inevitablemente. A figura revolucionaria de don Xosé María merecía máis.

O oso de Martín Curty

Onte a estatua do poeta Manuel Curros Enríquez foi reubicada de novo na Alameda viguesa (é certo que non exactamente no seu emprazamento orixinal) o que constitúe un acto de xustiza poética que celebramos. Porén, os lectores de Faro almorzamos cun artigo do arquitecto Martín Curty. Literariamente o texto, a pesar da súa pretendida ironía, non ten graza ningunha, mais no contexto da homenaxe ao poeta de Celanova constitúe un ferinte exercicio de mal gusto. Hoxe leo a oportunísima anotación de Pablo Eifonso colocando a tan gracioso articulista no seu contexto.

Poesía contra a ignorancia

Hoxe, 17 de maio de 2008, data na que homenaxeamos a don Xosé María Álvarez Blázquez, poeta resistente e editor popular galego do Moucho, continuando a iniciativa dos Blogues pola lingua, reproducimos o poema “Deitado fronte ó mar”, de Longa noite de pedra do seu amigo o poeta Celso Emilio Ferreiro.

Lingua proletaria do meu pobo
eu faloa porque si, porque me gusta
porque me peta e quero e dame a gana
porque me sae de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ó ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sen raíces
que ó pór a garabata xa non saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
fala-la fala nai,
a fala dos abós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos da linguaxe,
remo e arado, proa e rella sempre.

Eu faloa porque si, porque me gusta
e quero estar cos meus, coa xente que sufren longo
unha historia contada noutra lingua.

Non falo prós soberbios,
non falo prós ruíns e poderosos,
non falo prós finchados,
non falo prós estupidos,
non falo prós valeiros,
que falo prós que aguantan rexamente
mentiras e inxusticias de cotío;
prós que súan e choran
un pranto cotián de volvoretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non podo arredar as miñas verbas de
tódolos que sufren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada rente ó mar, ise camiño…

A voz de don Xosé María

Mañá celebraremos as palabras de don Xosé María. Un documento sonoro valioso. A gravación deste poema de Roseira do teu mencer é de 1968, realizada por Radio Nacional. Beizóns á Biblioteca do Porriño e a Vieiros polo magnífico espazo electrónico sobre XMAB (moi recomendable como recurso didáctico).