Steiner: superar a fase da indignación
/en Cultura, Lingua, Polémicas/por bretemasSuperada a primeira fase de indignación e estupor (tan necesaria como comprensible) provocada por tan lamentables declaracións, as nosas institucións culturais e educativas (dende o Consello da Cultura Galega, as tres universidades, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, as consellarías de Cultura e Educación, ás propias asociacións de escritores e editores…) deberían reaccionar en man común coa intención de informar a este señor sobre o estado da nosa lingua e o valor da nosa literatura. Seguro que unha comunicación cordial e intelixente, da man de Meendinho e Rosalía, podería axudar ao señor Steiner a saír da ignorancia sobre o noso. Pola contra, estou seguro que culpabilizar da polémica a Juan Cruz, só vai contribuír a proxectar unha imaxe antipática e vitimista da nosa literatura.
Debemos recoñecer que a pesar dos esforzos realizados nos últimos anos (tanto polas asociacións de editores e escritores; como, moito máis recentemente, pola Consellaría de Cultura nas feiras internacionais do libro e pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, na rede de centros de estudos galegos), carecemos dunha estratexia de país para dar a coñecer a nosa lingua e a nosa literatura no mundo. Artellala en man común (coas achegas e xenerosidade de todos) sería a mellor lección que podemos tirar desta “polémica Steiner”.
Actualización (30-08-2008): Juan Cruz solicita en xornal.com unha rectificación ao PEN Clube e o levantador de minas publica unha moi interesante anotación sobre a polémica.
Actualización (31-08-2008): declaracións de Juan Cruz a Galicia hoxe: “Síntome ferido”.
Os editores aprendemos de Internet
/en Editores, Internet, Promoción do libro/por bretemasEsta anotación de ediciona sobre as cinco cousas que os editores deberiamos aprender do actual modelo de negocio de internet parécenme moi interesantes:
1. Convertir la lectura en un acto social: aprovechar las herramientas que ofrece la Web 2.0 para conectar a las personas a través de lo que leen, haciendo que la lectura deje de ser un acto individual que nos aísla a los unos de los otros.
2. Sacar las giras promocionales de las librerías: utilizar los “social media” como canal para promocionar los libros y aprovechar su capacidad tanto de trascender las barreras geográficas como de establecer un contacto con los lectores en lugar de limitarse sólo a hacer giras y firmas de libros en librerías.
3. Crear estrellas en lugar de limitarse a explotar las que ya existen: el hecho de que un autor alcance un alto nivel de notoriedad contribuye a que sus libros se vendan más, por lo cual hay que pedirles a los autores que tengan un blog, que asistan a eventos y que participen en mesas de discusión.
4. Digitalizar todo el trabajo: el proceso de producción editorial es más ágil si todas sus fases se ponen en marcha echando mano de herramientas digitales.
5. Facilitar el comercio electrónico: permitirle al visitante de su página Web comprar los libros con un solo clic mediante aplicaciones que faciliten la transacción.
Comparto as cinco estratexias (quizais habería que matizar a redacción dalgunha delas, sobre todo a terceira), especialmente as dúas primeiras, referidas á importancia de transformar a lectura nun acto social (unha das teimas nas que vimos insistindo no blog) e a de utilizar as redes sociais dixitais para dar a coñecer as nosas novidades e o noso traballo. Con toda a humildade, engadiría unha sexta:
6. Incrementar a información editorial dixital: hai experiencias abondas que amosan a eficacia da textualidade electrónica (textos, vídeos, etc.) como soporte da nosa información editorial.
Ben, Touriño, ben
/en Política/por bretemasO anuncio de Touriño de completar a lexislatura do goberno bipartito paréceme excelente. Xa comentamos o domingo que o presidente estaba diante dunha difícil encrucillada: escoller entre as razóns de Galicia e os intereses da dirección federal do seu partido. Touriño escolleu con afouteza (e risco evidente para o seu futuro) apostar por finalizar o compromiso adquirido polo bipartito coa cidadanía. A súa foi unha elección moi intelixente e honorable, que o lexitima e reforza no seu papel de presidente de Galicia. Alédome, ademais, polo enorme esvarón da prensa madrileña que daba o adianto como seguro, o que demostra que as súas fontes de Ferraz deben estar moi amoladas. Agora, ben será que todo o goberno galego aproveite esta determinación do seu presidente para impulsarse neste treito final de lexislatura cunha intensa acción lexislativa e de goberno. Hoxe aplaudimos a Touriño. Ben o merece.
Steiner e o galego
/en Cultura, Lingua, Polémicas/por bretemasA entrevista de Juan Cruz a George Steiner, o prestixioso profesor da Universidade de Cambridge, amosa como as persoas teoricamente intelixentes e valiosas, cando están desinformadas, din as maiores parvadas. O caso é que interpelado por Juanito Cruz sobre se o idioma pode estar na orixe do terrorismo de ETA, o intelectual deita de forma brutal todos os seus prexuízos sobre o galego (e de paso sobre o valor que para ele posúen as “linguas minoritarias”):
– Quizá. Pero, cambiando de tema, me han dicho que hay una universidad en España en la que es obligatorio hablar en gallego.
Para Steiner “O catalán é un idioma importante, cunha literatura impresionante”, mais se pregunta de forma retórica: “o galego, por que ha ser obrigatorio na universidade”. O famoso crítico literario (Premio Príncipe de Asturias) emprega sen arroibarse un falaz argumento de autoridade, outorgando as linguas un valor distinto en función do poder que atribúe a comunidade dos seus falantes. Para el, o catalán e a súa “literatura impresionante” poden empregarse na universidade, mais utilizar o galego entre os membros da comunidade científica (segundo as súas declaracións) “significa que vamos a seguir dividiéndonos en pequeños grupos regionales, y eso despierta el odio étnico, como el que existe en los Balcanes”.
Máis alá de constituír unha solemne parvada, o comentario de Steiner é un síntoma do escaso coñecemento (e por riba prexuízado) que existe sobre a nosa lingua e a nosa cultura no mundo (mesmo entre as elites universitarias). O peor é que a parvada de Steiner é un tristísimo síntoma do que somos e supoñemos para estas elites académicas, o que (máis alá da nosa lexítima indignación) nos debería obrigar a reflexionar sobre a estratexia que estamos utilizando para darnos a coñecer e respectar no exterior. Ocórreseme que os responsables das tres universidades galegas lle fixeran chegar ao profesor Steiner unha completa bibliografía literaria galega ou mesmo que o seu colega da Universidade de Oxford, o profesor Rutherford, axudase de forma privada a tan fogoso intelectual a vencer a supina ignorancia que amosa sobre a lingua galega.
Aconsello a lectura de tres magníficos comentarios que lin hoxe sobre estas lamentables declaracións: o atinadísimo artigo de José Manuel Ponte e as oportuna anotación no blogs de Manuel Jabois e Ian.
Actualización (27-08-2008): Galicia hoxe e A opinión da Coruña dedican senllas reportaxes á polémica. As opinións das numerosas persoas que fomos consultadas son coincidentes: Steiner meteu a zoca ben metida.
Protexta de verán
/en Críticas, Medios/por bretemasPaso estes primeiros días de regreso á actividade cotiá debullando o magnífico e completísimo número do Protexta de verán. As longas entrevistas con Chus Pato e Bieito Iglesias teñen moita miga. Non podo agachar a miña satisfacción pola excelente acollida das nosas últimas novidades narrativas (Festina lente, O profesor de vegliota e Atracción total). Un número espléndido que consolida o suplemento literario de Tempos como o noso primeiro referente de prensa literaria independente e rigorosa.
A encrucillada do adianto
/en Artigos, Artigos Faro de Vigo, Política/por bretemasNo artigo da semana reflexionamos sobre o máis que posible adianto electoral, as súas causas e a súa pertinencia.
Regreso
/en Persoal/por bretemasRegresamos con moi boas vibracións.
"Unha lectora nada común"
/en Lectura, Narrativa, Novidades/por bretemasUna lectora nada común, a noveliña de Alan Bennet, é unha fábula coa que me divertin un pedazo. Qué sucedería se os políticos, neste caso a raíña Sabela de Inglaterra, se convertesen en lectores voraces? Esta comedia sen grandes pretensións propón unha reflexión sobre o poder subersivo dos libros literarios, da lectura e da escritura, e, en xeral, de todas as artes. Inevitable imaxinar qué sucedería se os nosos políticos adoptasen un comportamento semellante. Un texto de ficción interesante sobre o valor da lectura. Recoméndoa, lese nunhas poucas horas. Unha lectura suave de verán.
Acougo
/en Persoal/por bretemasRematada a Feira, collemos un acougo. Volveremos en dúas semanas.
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
Recomendo
Últimas anotacións
- 2025, quere celebrado con ansia e esperanza31 de Decembro de 2024 - 4:27 p.m.
- Sortes e resortes do ano novo31 de Decembro de 2024 - 10:07 a.m.
- O triángulo vermello25 de Decembro de 2024 - 11:47 a.m.
- A estrela dos afectos24 de Decembro de 2024 - 10:56 a.m.
- Solsticio celta23 de Decembro de 2024 - 9:44 a.m.