Faleceu o poeta Ramiro Fonte
Acabamos de coñecer que esta madrugada faleceu no hospital de Bellvitge de Barcelona o eumés Ramiro Fonte. A noticia prodúcenos enorme desolación. Abandonounos un amigo de lealtade inquebrantable e un dos grandes, grandes, escritores galegos universais de todos os tempos. A cerimonia do seu pasamento celebrarase en Pontedeume. Con todos os nosos abrazos para Elsa.
Actualización (18:00): Os actos de despedida realizaranse o luns, día 13, ás 16:30 horas en Pontedeume.
Ramiro Fonte (Pontedeume, 1957, Barcelona 2008), licenciado en Filosofía e Letras, profesor de Lingua e Literatura Galegas, era director do Instituto Cervantes de Lisboa. Membro correspondente da Real Academia Galega. Poeta, narrador, ensaísta, crítico e estudoso da literatura galega, formou parte dos poetas do Colectivo Cravo Fondo. Como poeta publicou: As cidades da nada (1983); Designium (Xerais 1984), Premio da Crítica e Premio Losada Diéguez de creación; Pensar na tempestade (1986); Pasa un segredo (Xerais 1989), Premio da Crítica Española; As lúas suburbanas (1991); Adeus norte (1991), Premio Esquío; Luz de mediodía (1995); Persoas de amor (1995); O cazador de libros (1997); Mínima moralidade (1999), Premio González Garcés; Capitán inverno (Xerais 1999); A rocha dos proscritos (2001, e Xerais, 2005, edición na que inclúe o libro O pasaxeiro inmóbil), O xardín do Pasatempo (Tambre, 2008) e Reversos (Xerais 2008). A súa obra poética foi antologada nas obras Ámbito dos pasos (1997) e nunha recente edición publicada polo Premio Esquío (2008). Como ensaísta publicou As bandeiras do corsario (1996). Como narrador deuse a coñececer en 1986 co relato «O retornado», Premio Pedrón de Ouro, ao que seguiron, Catro novelas sentimentais (Xerais 1988); As regras do xogo (1990); Aves de paso (Xerais 1990); «Iluminacións danubianas», relato incluído no volume Caderno de viaxe (Xerais 1989); «Razóns para matar a Martíns», incluído no volume O relato breve. Escolma dunha década (1990); Os leopardos da lúa (1993), novela; Soños eternos (1994), relato e a triloxía das novelas «Vidas de infancia» formada por Os meus ollos (Xerais 2003), Premio Losada Diéguez de creación 2004, Os ollos da ponte (Xerais 2004) e As ponte no ceo (Xerais 2007). En castelán publicou: Escolma poética (Colección Maillot Amarillo, Diputación de Granada, 1990), Pasa un secreto (Ediciones Libertarias, 1991), Adiós Norte (Editorial Renacimiento, 1992, tradución de Xabier Rodríguez Baixeras), Luz de mediodía (Editorial Renacimiento 1997) e Capitán Invierno (Pre-Textos 2002, tradución de Xabier Rodríguez Baixeras). No pasado mes de xullo recibiu o Premio Porto Magno, outorgado polo Real Coro Toxes e Fores de Ferrol, en recoñecemento a súa traxectoria. En 1996 recibiu a medalla de ouro do concello de Pontedeume e foi nomeado «Fillo predilecto» da súa vila natal.
Lándoa
Vieiros
A vella da manta
Alfaias
La Voz de Galicia
El Correo Gallego
A Nosa Terra, «Non ler libros» (derradeira columna de Fonte)
Europa Press
Xornal.com
El País
Público
Presidencia da Xunta
Conselleira de Cultura
Uvas na solaina