Do
manifesto de Sara Lloyd, do que falamos na
anotación anterior, interesáronme, sobre todo, as respostas que proporciona á pregunta: que papel terán neste contexto, se lle queda algún, os editores do futuro?
Para a editora de Pan Macmillan a saída (difícil) está en que os editores recuperemos o noso papel de intermediación (algo que cos medios dixitais xa non é imprescindible) centrándonos “en desenvolver un coñecemento especializado en nichos verticiais, aproveitando o ‘nicho profundo’ que se atopa na longa cola de Internet”. […] Neste contexto, os editores centrarían o valor en torno a súa pericia técnica no tema ou o xénero e o seu coñecemento íntimo e directo do mercado, proporcionando funcións editoriais e de comercialización máis alá das meramente ‘técnicas'”. Lloyd propón, en definitiva, que os editores recuperemos azos nas actividades de promoción e mercadotecnia: “se queren convertirse nunha ponte eficaz entre autores e lectores, os editores terán que introducirse máis no espazo do vendedor final e desenvolver relacións directas cos consumidores do seu contido”. Ou noutras palabras, aínda máis clarificadoras: “calquera que sexa a forma que adopte o futuro, semella que os editores non van sobrevivir a menos que recuperen algunhas das funcións que cos anos foron cedendo a outrso elos da cadea de distribución”.
Outra posibilidade de supervivencia dos editores atópaa Sara Lloyd na posibilidade de dixitalización dos nosos arquivos impresos e na posibilidade de acceder a eles (un labor que quizais poidan facer en mellores condicións que megacorporacións como Google books), sexa por medio da venda e promoción de libros impresos (baixo demanda) como en formato dixital. Coincido de cheo coa Lloyd que nun contexto deste tipo, hoxe xa é imprescindible que os editores utilicemos a fondo as posibilidades da comunicación editorial dixital: sementando na rede sistematicamente capítulos de mostra, entrevistas en audio e vídeo ao autores, novas das súas aparicións públicas, enlaces a artigos…
Traduzoo derradeiro parágrafo do manifesto, no que Sara Lloyd condensa boa parte da súa achega prospectiva:
“Sexa como for, para que os editores superen os seus límites tradicionais e se convertan nas empresas editoras do mañá, cómpre unha mudanza de paso na súa forma, a súa cultura e o seu enfoque. As estratexias de publicación dixital terán que pasar de defensivas e protectoras a creativas e liberais, cunha atención especial en permitir que os lectores compartan e modifiquen o que len. Un afastamento do texto como centro exclusivo da súa actividade en dirección aos formatos multimedia ,sen dúbid,a será clave, e isto terá repercusións no tipo de dereitos que editores deberán negociar, así como nas habilidades que requirirán os seus empregados. Os editores terán que verse como configuradores e facilitadores en vez de como produtores e distribuidores, adoptando un enfoque baseado no proxecto máis que no produto e aceptando que a súa posición é meramente a dun elemento compoñente dunha circularidade entre lector, escritor e editor. Os editores deberán adoptar novos modelos de negocio, e quizais deban mesmo trasnformarse en empresas multimedia en vez de empresas editorais. Terán que comprender aos seus lectores, coñecelos e conectar con eles dun xeito moito, moito mellor, e deberán cultivar marcas que confiran maior prestixio aos autores e que impliquen uns valores que atraian aos lectores en torno a nichos identificables. En último termo, quizais deban prepararse, máis cedo ca tarde, para unha loita a morte non só cos actuais partners da cadea de distribución do libro senón tamén co competidores non tradicionais que xa están devorando a toda velocidade o espazo que ata hai pouco estaba reservado aos editores.”