ABC3D

Enrique Macías, un xenio autodidacta

Hoxe Agatha Santos dedica en Faro unha páxina completa á figura e á obra do noso amigo o músico contemporáneo Enrique X. Macías. O vindeiro 18 de maio renderáselle unha homenaxe, con motivo do cincuentenario do seu nacemento. Unha iniciativa da Concellaría de Cultura que merece o noso recoñecemento.

Vigo, pechan librarías, abrirá FNAC

Hoxe na edición de Vigo de La Voz de Galicia aparecen xuntas tres noticias moi significativas: “no pasado ano pecharon en Vigo corenta establecementos nos que se vendían libros“; “a firma de ocio cultural FNAC quere ianugurar a tenda de Vigo en 2009” e “só quedan catro establecementos de venda de música“. Ou noutras palabras, as librarías e tendas do disco son substituídas inexorablemente polas tendas de “ocio, cultura e tecnoloxía”.
Vai quedar algún espazo en Vigo para as librarías independentes de cultura? Quedaremos os lectores, autores e editores sometidos á ditadura dos best sellers e falsos best sellers que inundan a Casa do Libro (cada vez que entro, coma hoxe mesmo, a pesar de mercar algún libro e participar nun acto, saio desacougado e triste, vendo o libro galego arrumbado e cativo) e a futura FNAC? Aceptamos ese destino da libraría como fatal e irreversible (Txetxu alertaba como en Praza das Letras, que aquñi tanto gabamos, as librarías galegas nin sequera son citadas)? Non chegou o tempo de promover unha mobilización cívica en defensa destes espazos especializados en lectura? Algo haberá que facer para defender, aínda que sexa de forma medualiana, un espazo comercial e cultural no que se vende actualmente o 70% do libro en galego?

Etiquetas:

Premios Nacionais de Cultura

Moi boa noticia é a convocatoria dos Premios Nacionais de Cultura. A Consellaría de Cultura cumpre así un compromiso programático dos partidos do goberno e pon en marcha unha das iniciativas previstas na Lei do Libro e a Lectura. As dez categorías convocadas asumen, basicamente, o modelo dos Premis Nacionals de Cultura de Catalunya (quince categorías), afastándose do carácter máis artístico dos convocados polo Ministerio de Cultura (vinte e dúas modalidades, das que doce delas corresponden a literatura, a lectura e a edición) que, por certo, serán entregados o vindeiro sábado no Teatro Jofre de Ferrol (Rubén Ruibal e Manuel Vilariño serán os premiados galegos). A composición independente do xurado (quince persoas) e a posibilidade de realización de propostas por parte de entidades cidadás e institucións parécenme outros dous grandes acertos destes nosos Nacionais. Iniciativas todas elas que, para comezar este novo vieiro de autoestima e fomento da nosa creación cultural, non están nada mal. No entanto, cremos que xa haberá tempo en futuras edicións de realizar algúns axustes nestes premios, como para min sería desdobrar o de Literatura en diversas modalidades de xénero, algo que parece lóxico tanto pola grande importancia da nosa creación escrita, como polo que isto podería axudar ao proceso de normalización da lingua, do libro e da lectura en galego. Beicemos á Conselleira de Cultura por esta magnífica iniciativa que abre un camiño de apoio á creación e promoción da nosa cultura.

Ler complica a vida

O gol de Diego Costa

Diego Costa, o mediopunta brasileiro do Celta é un xogador fantástico, capaz de realizar xogadas de figura e tamén partidos e accións absolutamente decepcionantes. Hoxe en Soria marcou dous goles marabillosos e fixo resucitar a un Celta que criamos morto. O segundo gol, arrincando dende o medio campo e caneando a todos os que se lle puxeron por diante, é memorable, comparable aos míticos de Messi ou Maradona. Se fose capaz e xeneroso de poñer todo o seu talento ao servizo do xogo colectivo, este rapaz podería volver a facernos soñar.

Vídeo da TVG, vía celtacampion.

Etiquetas:

Morreu Agustín Díaz Blanco

Fermosas e atinadas as palabras de Pereiro. Agustín Díaz foi un dos grandes do xornalismo galego das tres últimas décadas. Recordaremos sempre a Tincho como un xornalista comprometido, informadísimo, rigoroso, agarimoso, políglota, camiñante… Unha gran perda. Con todos os abrazos para os seus.