"Os paxaros tamén migran ao sur" de Silverio Cerradelo

Onte presentamos en Melide Os paxaros tamén migran ao sur, a novela de Silverio Cerradelo gañadora do premio de narrativa Terra de Melide 2006. O acto foi emocionante xa que se trataba da estrea pública de Cerradelo como autor, un feito que el mesmo salientou nas súas primeiras palabras: “este é un día especial para min, que sei nunca o esquecerei”. Silverio, un limiao afincado en Barcelona desde os quince anos, relatou como naceu a novela e o seu demorado proceso de escrita, subliñando que para el escribir é reescribir: “cada un dos fragmentos da obra está reescrito entre cen e dúascentas veces, dinlle voltas e máis voltas coa intención de apurar as posibilidades do idioma”. Rematou comentando que a novela, na que se alternan os espazos para a dozura e a comunicación con aqueloutros máis duros para expresar a dor da incomunicación, ten outras dúas versións (en catalán, lingua na que a comezou a escribir en 1992, e en castelán).
Os paxaros tamén migran ao sur será presentada o vindeiro venres, 20 de abril, ás 20:00 na Galería Sargadelos de Barcelona, no seo do programa dos editores galegos con motivo do San Jordi.

Cultur.gal, avance do programa

Fran anuncia o programa de actividades de Culturgal. Ten unha pinta moi atractiva. Culturgal é unha cita para o libro e o disco galego que debe supoñer un punto de inflexión no xeito de visibilizarse e gañar novo público.

Etiquetas: Culturgal

Saúde e República!

Saudar a vida

Ana Bande é a primeira persoa na rede que comenta Saudar a vida, o ensaio de Xavier Seoane en defensa das humanidades. Presentarémolo na Coruña, o xoves 19 de abril, ás 20:00 horas na libraría Sargadelos da Coruña. Acompañaremos ao arquitecto Manuel Gallego Jorreto e o autor que falarán da obra.

Etiquetas:

Proxecto alfabetización dixital de Google

Isto ten moi boa pinta. Poden consultarse vídeos sobre literacidade electrónica, blogs sobre libros e lectura e outras moitas utilidades. Un bo recurso educativo.
Etiquetas:

Moda violeta

Esta interesante entrevista coa profesora Helena González dá moito que pensar sobre as categorías que a crítica académica emprega para analizar o mundo editorial galego. Existe unha “moda violeta” xestionada por quen controla a nosa edición?

Etiquetas:

Fernando Vázquez, un cese inoportuno

A destitución de Fernando Vázquez como adestrador do Celta amosa o fracaso da política deportiva da actual xunta directiva celeste. Xustificada pola crise de resultados e pola falta de actitude do equipo diante do Recreativo (feitos que non son de agora, xa que se veñen arrastrando dende hai meses), a xunta directiva preferiu salvar o seu pelello a manter ao adestrador galego que ratificara hai dous meses. A xunta directiva preferiu aceptar as presións dalgún sector influínte das peñas e dalgúns medios de comunicación ca manter a serenidade e o rigor que require xestionar unha situación tan difícil como a que vive o equipo. Mudar hoxe ao adestrador, que apenas suporá un revulsivo anímico para algúns xogadores, non supón garantía ningunha de sacar ao equipo de pozo.
É evidente que algo está fallando no Celta esta tempada, un problema que Fernando (a quen sempre admiramos e apoiamos) non foi capaz de solucionar, eis a súa responsabilidade ineludible e o seu fracaso inapelable esta tempada. No entanto, dende o inicio da liga, comprendimos que o saldo entre as marchas de xogadores (sobre todo a de Silva e Sergio) e as fichaxes (Nené, Tamas) era moi negativa, balance que se está demostrando como decisivo, tanto no xogo como na posición do equipo na táboa. Fernando Vázquez era unha peza decisiva no proxecto galeguizador da actual directiva; agardamos que o seu cese no supoña o abandono desta orientación. Non hai dúbida que ás portas do derby, os celestes quedan sen Fernando en clara inferioridade. Mágoa!

Actualización (12-04-2007)
: Fernando é un tipo elegante e leal co celtismo. Beizóns!!!

Etiquetas:

Marina Mayoral: "Case perfecto"

Hoxe recibimos do prelo os primeiros exemplares de Case perfecto, a nova novela de Marina Mayoral. A autora de Chamábase Luis propón unha indagación sobre os territorios da fronteira entre a ficción ou a realidade. Marina obriga a cada lector ou lectora a tomar partido, a decidir se está asistindo ao relato dun crime “case perfecto” ou dun moi desgraciado suceso, produto do azar. Unha novela, escrita nunha poderosa primeira persoa (un longo monólogo de case trescentas páxinas), que debuxa a trama complexa de sentimentos (afectos e rancores) que une e desune aos membros dunha familia.
Sairá ás librarías a vindeira semana e pretendemos presentala coincidindo con Culturgal. Cremos que é unha boa noticia o regreso dunha das nosas narradoras clásicas.

Etiquetas: