"Madeira de Zapatero"

Hoxe colgamos o adianto en PDF da introdución de Madeira de Zapatero, o retrato do presidente do Goberno preparado por Suso de Toro. O libro estará nas librarías galegas, a partir do vindeiro mércores, e a primeira presentación da obra terá lugar na sede do Instituto Cervantes de Madrid, o martes 13 de novembro, coa participación de Angels Barceló, José Saramago, Zapatero e Suso de Toro. A edición castelá sae en RBA e a catalá aparecerá na Magrana, no primeiro trimestre de 2008. Non podo agachar a miña grande satisfacción por ter editado este importante ensaio, unha obra moi literaria e coral, que sitúa a edición galega no centro do debate político e da actualidade editorial.

Actualización (08-11-2007)
: Hoxe La Opinión da Coruña e Faro de Vigo publican un adianto dalgunhas das testemuñas de Zapatero publicadas no libro. Na prensa conservadora de Madrid tamén aparecen as primeiras valoracións do libro. El País anuncia a celebración o vindeiro mércores, 14 de novembro, dun encontro de internautas con Suso de Toro.

Actualización (09-11-2007)
: Entrevista a Suso de Toro en El País-Galicia.

Campo do Fragoso XLVIII

DERBI MOI IGUALADO
O primeiro derbi da tempada co Racing de Ferrol foi moi igualado e vistoso para as dúas afeccións. A primeira parte foi de claro dominio celeste. Conducidos dende o centro do campo por un criterioso Jorge Larena, os vigueses desenvolveron un xogo ordenado, unha intensa presión e un tratamento agarimoso da pelota, o que obrigou aos ferroláns a pecharse de forma meduliana e capear o temporal o mellor que puideron. Tivo o Celta, entón, as súas mellores oportunidades, dende un fermoso peiteado de Lequi que saíu rozando o pé do pau, a varias subidas veloces de Núñez que non atoparon rematador. Tras a reanudación, Juan Veiga, moi cuco, adiantou a súa defensa e optou por defender dende o campo céltico, o que foi amodiño desfacendo o sobrio esquema dos locais. Non obstante, despois dun parede preciosa entre Diego Costa e Georges Lucas, que conseguiu centrar dende a liña de fondo, Okkas rematou pola escuadra de forma inapelable. Aí rematou o encontro para os célticos que, como xa lles sucedera co Numancia, quedaron paralizados na “síndrome do 1-0” e non foron capaces de seguir impoñendo a súa autoridade. O “cacique” Medina avisou cun pexegazo ao longueiro, tocado por Pinto, mais no lanzamento do córner, Charpenet (totalmente só, nun clamoroso fallo de marcaxe) igualou o marcador. A partir dese momento, faltando case media hora, o Racing foise a polo encontro con enorme afouteza, sobre todo grazas á velocidade e aos caneos do vigués Jonathan Pereira (o fillo dos propietarios do “Xantar de Mari”) que toleou á defensa celeste. No minuto oitenta, nunha das súas arrincadas, o “Maradona do Calvario” combinou con recén saído Joselito que puido marcar cun punteirazo, rexeitado polo poste. Evolucionando as cousas desta guisa, compréndese que a igualada non foi mal resultado para os célticos. É innegable que con López Caro o equipo noso xa sabe a qué xoga, o que supón un adianto moi importante, mais non acaba de resolver aínda a súa problemática intermitencia no control dos tempos de cada encontro e a definición nos metros finais. Vamos, pero non imos; arrincamos, e axiña paramos. Aínda falta chispa, paciencia!

Etiquetas:

"Chispas de Quesada"

Nos próximos días recibiremos os primeiros exemplares de Chispas de Quesada, un volume que recolle unha antoloxía de máis de duascentas viñetas, da colaboración diaria que Quesada mantén de forma ininterrompida en Faro de Vigo durante os últimos corenta anos. Unha antoloxía, impregnada da súa visión irónica e crítica da vida, que constitúe un percorrido pola actualidade política, social e deportiva de Galicia e, especialmente, da cidade de Vigo, desde 1967 á actualidade. A emigración, a transformación da cultura tradicional galega, o desemprego, os avatares da política internacional, a corrupción política, o problema das comunicacións, as promesas dos políticos, as relacións de parella ou diversas homenaxes aos amigos, son algúns dos temas abordados nesta antoloxía polo decano dos humoristas gráficos galegos en exercicio. O libro abre unha serie de antoloxías na que Xerais pretende recoller a obra dos mellores humoristas gráficos galegos.

A malleira de Escarabote

No artigo da semana propoño unha reflexión sobre a malleira de Escarabote. Alén das consecuencias autodestrutivas para os adolescentes participantes, tanto do agresor, agredido como de quen filmou a malleira, é inevitable considerar o papel dos medios na difusión das imaxes.

Etiquetas:

Café do libro

Antón Castro anuncia a inauguración de La Buena Vida-Cafe del libro, unha nova libraría e espazo cultural en Madrid, aberta de doce do mediodía a doce da noite. Non coñezo nin aos promotores nin as características do espazo nin a selección dos fondos (aínda que se sinala que xunto aos libros, haberá tamén unha selección de cedés e dvds), porén o modelo café do libro, semella unha idea alternativa para afrontar a crise das librarías de cultura tradicionais. Mágoa que en Galicia non se teña ensaiado ese modelo (Couceiro de Santiago aínda pode intentalo), xa que os cafés que hai dentro da Casa do Libro de Vigo (hoxe un incómodo lugar de merendas) ou na FNAC da Coruña non posúen nin a amplitude nin o acougo nin a mínima comodidade que requiren este tipo de instalacións.
O mellor modelo que coñezo deste tipo de cafés do libro son os Letras&Expressoes brasileiros, locais preciosos situados nos barrios de Leblon e Ipanema no Rio de Janeiro e abertas as vinte e catro horas. Á tipoloxía de libraría-tenda de discos (algo común no Brasil), únese o Cafe de Ubaldo (no segundo andar, en homenaxe ao narrador Joao Ubaldo Ribeiro, onde se pode ler, beber, petiscar…), o Café d’Antonio Torres, ou o Bar do Zira (no terceiro andar dunha das librarías, unha mestura de piano bar e espazo cultural, onde se realizan presentacións e concertos) ou unha tabacaría (especializada en charutos habanos). Un modelo o de Expressoes a ter moi en conta á hora de montar unha libraría de nova fasquía. O problema maior é a grande cantidade de espazo que requiren…, mais ese é outro cantar.

Etiquetas:

Samaín: imposición ou impostura

Mario pedía nun comentario unha anotación sobre Samaín, para volver sobre o animado debate do pasado ano. Onte, vendo as desconexións locais na canle internacional da TVG (un exercicio moi interesante) puiden comprobar que a festa renace con pulo en toda Galicia, sendo múltiples as iniciativas, sobre todo no eido escolar. Mais, tras o artigo de hoxe de Ferrín, o debate volve estar sobre a mesa. Velaí como remata o texto (recomendo lelo completo) do mestre quen, como ben sabemos, non é un celtista convencido:

“O que nos di claramente que a festividade das bruxas e dos espíritos é unha reivención recente tamén en Escocia e Irlanda. A Festa foi lanzada unha vez adoptada como “tópico situacional” polo cine e a televisión norteamericana, que impuxeron Halloweein ao mundo en catro patadas e o mundo obedeceu, como é regra, ao Imperio. En rigor, até onte mesmo, no universo anglosaxón Hallowe´en ou Halloween ou Allhallows era só formas, e non as máis usuais, de designar a festividade realixiosa de Todos os Santos.
A noite de Halloween, do 31 de Outubro ao 1 de Santos, recibe en irlandés moderno, incluido o gaélico de Escocia, o nome de Samain. Aplícase (como en galego Santos) á festa de Todos os Santos e ao mes de Novembro. Do irlandés antigo Samana, a palabra, de raíz indoeuropea moi rendedoira significa orixinalmente algo así como “reunión, asemblea”. Non sabemos se a reunión de Todo os Santos que van en plan Santa Compaña facendo machin-in animados pola voz augardenosa de Louis Amstrong ou ben da reaunión da parroquia dos vivos coa dos nosos defuntiños. O caso é que existe hoxe en Galicia unha corrente ideolóxica celtista que pretende que o Samain ou Samhainn ou Oidche Shamhna, lonxe de ser algo exótico e irlandés ou escocés, constitúe unha celebración auténticamente galega (por celta) e da cal xa se teñen, tendo Ortigueira como punto de irradiación, escrito e difundido unidades didácticas nas escolas.
Vexa como, no tempo dun alustre, un costume imposto polo imperialismo norteamericano (Halloween) se transforma nunha falsa tradición céltica galega. Ou sexa=dunha imposición a unha impostura.”

Etiquetas:

Celta: ascenso ou disolución

Tiña o convecemento que a demisión de Cobas como director xeral do Celta era un síntoma claro dunha crise societaria. Tras a convocatoria da Xunta de Accionistas para o 3 de decembro, xa non hai dúbida ningunha de que isto é unha realidade. A estratexia da ampliación do capital social, actualmente de só 9 millóns de € (para facer fronte a unha débeda neta xa recoñecida de 42 millóns de €), é a medida coa que Carlos Mouriño pretende facerse co control da maioría das accións, convertendo os 2,4 millóns de € que avalou durante os meses do seu mandato. Transformar, pois, estes avais en capital social é unha solución cómoda (xa empregada por Horacio Gómez) para intentar facerse definitivamente co control total do club. Se o equipo consegue ascender, esta estratexia pode permitir salvar a entidade, xa que os contratatos televisivos asinados por Cobas o permitirían; se, polo contrario, os resultados deportivos son adversos, a posibilidade que o Celta acuda, ao remate da tempada, á lei concursal pode ser inevitable. Ascenso ou disolución, velaí o dilema. Así de difíciles están as cousas para a viabilidade societaria céltica.

Etiquetas:

"Boas noites" de Berrobamban

Onte participamos na presentación da estrea de Boas noites o espectáculo teatral que Berrobamban estreará mañá en Compostela no Salón Teatro e que estará en Vigo no teatro de Caixanova o sábado e o domingo desta fin de semana. Esta representación do texto de Paula Carballeira, premiado na Iª edición do Manuel María e publicado na nosa Biblioteca Dramática Galega con ilustracións de Noemí López, seméllame un dos modelos máis interesantes que se teñen ensaiado en Galicia de colaboración entre a iniciativa pública e privada. Coincidindo coa estrea poñeremos a venda un DVD (tanto co libro como por separado) que inclúe os temas musicais do espectáculo e un xogo interactivo sobre os medos de tradición popular, elaborado sobre textos escritos expresamente para o proxecto por Antonio Reigosa. En definitiva, un texto premiado, representado (con música en directo, e un calendario de distribución bastante amplo) e publicado con dignidade (libro ilustrado e encadernado en capa dura, amparado cun produto electrónico e unha magnífica web, onde se poden descargar moitos elementos do proxecto). Moitos fíos unidos para tecer un produto cultural en galego destinado a un público familiar amplo. Volveremos sobre a estrea.

Etiquetas: