A primeira crítica dunha obra sempre crea expectación a editores e autores. Esta é a que sobre Cardume, a novela de Rexina Vega, Premio Xerais 2007, publicou onte Manuel Rodríguez Alonso, o incansable crítico do Cartafol de libros. Nestes últimos vinte días, o mesmo crítico, publicou os seus traballos sobre Limpeza de sangue (o Nacional de teatro de Rubén Ruibal) A casa dos Lucarios de Teresa Moure e Vidas post-it, os relatos de Iolanda Zúñiga. Agradecemos tan impagable seguimento do crítico e do equipo de Cartafol.
Actualización (07-11-2007): Un comentario corrixe atinadamente a anotación. A primeira crítica de Cardume foi publicada o pasado día 31 de outubro por Fran P. Lorenzo no seu blog (grazas, e as nosas desculpas). Paga a pena a lectura deste texto, do que recollo un fragmento:
“Vigo é o pano de fondo desta epopea colectiva, narrada dun xeito pouco ampuloso, case íntimo, pero ao tempo rigoroso e rebordante de verdade. A autora –sen esquecer os fitos e datas fundamentais que apontoan a trama–, non recorreu á enumeración de feitos, nomes ou circunstancias demasiado concretas, un erro que, na miña opinión, lastra outros relatos evocadores daquel período, como o Amor de tango, de Queizán. Aquí, a novela é autosuficiente e sóbranlle os apoios e as notas ao pé. A súa non é unha prosa enciclopédica nin enumeratoria, malia que corre por todo o libro, como un regato subterráneo, o coñecemento exhaustivo do contexto social e histórico daquela cidade industrial, con resabios de metrópole ultramarina, pero na que, ao modo das vilas galegas da época, todos e todas se coñecían.Un cardume é unha bancada de peixes pero tamén aquela presada de homes e mulleres emigrantes, que embarcaron nos peiraos vigueses á procura dun horizonte de prosperidade que aquí lles era negado; cardume tamén os que ficaron, silandeiros, co medo no corpo, vertendo auga na inmensa lagoa da nosa memoria colectiva; os que impuxeron a lei e debuxaron a ferida futura, cardume de peixes voraces; e os presos, os paseados, os represaliados, no frontón de María Berdiales, na cadea de Príncipe, na Illa de San Simón, nas abas do Castro…”
Actualización (08-11-2007): Entrevista a Rexina Vega en La Voz de Galicia.