Ferrín Retrata a Rosalía II

Ferrín publicou onte na súa sección “No fondo dos espellos” do suplemento “El Sábado” de Faro de Vigo (unha alfaia semanal, que aconsello non perder) a segunda entrega biográfica sobre Rosalía de Castro.
Como a anterior, o texto é memorable e –tras cuestionar o relato da tradición galeguista sobre o nacemento da Rosalía, acuñado por Carballo Calero e Lois Tobío– pon sobre a mesa a necesidade de contar cunha biografía fiable da nosa primeira escritora. Reproducimos o artigo completo para arquivalo na rede e poida ser utilizado como recurso didáctico.

A NOVELA FAMILIAR DE ROSALÍA DE CASTRO
X.L. Méndez Ferrín
Desde mediados do século XX, as circunstancias do nacemento e infancia de Rosalía de Castro sempre foron relatadas dun xeito fixo e comunmente aceptado. Vexamos. “Teresa de Castro Abadía, solteira, 29 anos. Pariu nunha casa emprestada do Camiño Novo, Compostela, unha nena o 24 de febreiro de 1837. Xosé Varela de Montes asistiu a Teresa neste parto. O mesmo médico e filósofo social embrulla a meniña e lévaa no colo do Camiño Novo ao Hospital (hoxe Hostal dos RRCC) no que había tamén inclusa. Batizan alí a naipela como María Rita Rosalía, filla de pais incógnitos. É madriña María Francisca Martínez, irmá ou enviada do pai da neófita. Por orde do pai, a María Francisca marcha coa meniña para a aldea de Ortoño, na cal a aleitoará a muller dun xastre para logo a familia paterna se facer cargo dela. Neste Ortoño Rosalía medrará e se fará aldeá galega. O pai era Xosé Martínez Viojo, crego de baixo rango adscrito á colexiata de Santa María de Iria ou da Adina. Mantivera relacións con Teresa pro coa eximente de facer tal (con 39 anos) antes de cantar misa. Finalmente, e non se sabe cando, Teresa, arrepentida, acepta a filla e dálle o seu apelido. Nai e filla aparecen xuntas en Compostela no ano 1853, tendo Rosalía 16 anos”.
Así é como, por aproximadamente, R. Carballo Calero nos conta as orixes de Rosalía de Castro.
Pro, examinada a historia cunha ollada crítica, vemos que non existen probas de que o doutor Varela de Montes intervise no nacemento da meniña para nada. Que o crego que a batizou se apelidase Varela Montero poidera estar na orixe do conto. Non hai fonte ningunha seria que diga que Xosé Martínez Viojo fose o pai de Rosalía, e menos que tivese a simple condición de seminarista no intre de a enxendrar. Se é verdadeiro o principio “pater semper incertus est”, como moi a propósito relembra Freud, neste caso resulta especialmente xusto. María Francisca Martínez nin era irmá do crego Martínez nin enviada deste, senón a criada da certissima nai. Despois desta morrer, María Francisca seguiu até o fin dos seus días con Rosalía e con Murguía e debeu de ser unha especie de segunda nai para a nosa autora. Non é certo que Teresa se desentendese inicialmente da súa filla, pois tomou disposicións para que ela fose rexistrada e confiada a unha descoñecida (para nós) ama de cría, que ben poido ser de Ortoño, que non é lonxe da aldea nativa de María Francisca (Campo). Sábese, seguro, por Álvarez Ruiz de Ojeda, que Rosalía vivía feliz coa súa nai e con María Francisca en Padrón no ano 1842. Ou sexa, desde os cinco aniños e non hai ningunha sospeita razoábel de que non estivesen xuntas desde o final da lactancia e de que, durante ela, a nai non tivese contacto coa filla.
Por que tánta mixtificación e tan infundados relatos cobran na bibliografía máis respectada a apariencia de verdades? A resposta está en que Lois Tobío Fernández, home serio, lles transmitiu todos os elementos infundados da estoria aos seus amigos e irmáns Fermín Bouza-Brey, X. Filgueira Valverde e outros, sábese que no ano 1923. Como máxima autoridade, Tobío invocaba o relato da súa tía avoa Minia Martínez Tobío, da familia do Martínez Viojo. Todo parece indicar que, baseándose nalgunha circunstancia que ignoro, quizais a de ter sido algunha muller da familia a verdadeira ama de cría en Ortoño de Rosalía, alguén dos Martínez de que falamos fabulou o conto da paternidade do crego da casa e da maldade da señorita De Castro que quixera desfacerse da filliña. Trátase, aparentemente, dunha fantasía de grandeza moi semellante á do “antepasado fidalgo ou ilustre”, tán común, que podería ser analizada, coma outras do mesmo xénero, mediante unha socialización da Familieroman der Neurotiker ou novela de familia do individuo neurótico de que tratou Freud en 1908.
Lois Tobío sucumbiu seguramente á fascinación da novela e convenceu da súa veracidade baixo palabra de honor, á xeración intelectual de 1925, que peregrinou precisamente a Ortoño e non a Padrón, poñamos por caso, para o acto fundacional do Seminario de Estudos Galegos facendo tal en memoria de Rosalía de Castro. Outra explicacicón non me dá vido ás mentes.
A vida de Rosalía de Castro, da que se ocuparon autores contemporáneos dela e nosos, alén de amosar pavorosos buracos de descoñecemento, áchase embazada, como quixemos advertir, pola mitificación e polas fantasías escritas e de transmisión oral. Nos nosos días, as brillantes investigacións de Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda supoñen avances substanciais a respecto dos datos, e dos ensoños, aportados por anteriores eruditos que se ocuparon da vida da nosa autora máxima. Estamos á espera de que alguén con talento nos regale con esa biografía de Rosalía de Castro que o século XXI está a requerir.

Celta de Vigo, galería fotográfica

Faro de Vigo acaba de montar a súa galería fotográfica da historia do Celta de Vigo. Das vinte fotos publicadas (haberá que aumentalas), escollo esta dun dos meus Celtas preferidos, o do ano setenta (tiña eu once anos). De pé: Gost, Pedrito, Rivas, Rivera, Manolo, Hidalgo; axeonllados: Lezcano, Juan, Rodilla, Almagro e Suco.

Etiquetas:

O Vigo de 1800

Javier Mosquera, o xornalista que mellor coñece a historia viguesa, publica hoxe en Faro unha reportaxe moi interesante para coñecer o Vigo de hai douscentos anos. De viliña mariñeira e amurada a volcán de dinamismos. Merece arquivarse no blog. De interese didáctico.

A imaxe é unha reconstrucción realizada por Carlos Núñez.

Etiquetas:

O viño fala galego II

No artigo da semana volvo sobre a proposta de consumir viño etiquetado en galego, aproveitando, tamén, para falar da renovación do sector vitivinícola galego producida nas dúas últimas décadas (un modelo, por certo, do que se poden tirar algunhas experiencias na promoción exterior do libro galego).

Etiquetas:

Entrevista a Camilo Nogueira

A entrevista a Camilo Nogueira publicada en El País Galicia é unha análise moi lúcida sobre a posición que adopta o BNG no seo dos gobernos de coalición nos que participa. É moi oportuno o seu chamamento a que o BNG abandone as posicións melifluas de centro (que tanto confunden ao seu electorado e, dificilmente, moi poucos votos poden engadir), así como a necesidade de corresponsabilizarse das políticas das áreas do seu socio de goberno, tan decisivas para o proceso de construción nacional como a educación, a lingua, o medio ambiente ou a ordenación do territorio. Un chamamento sensato e leal, realizado dende a experiencia e do profundo coñecemento político de Camilo, no que deberían reparar os actuais dirixentes do Bloque para reorientar as súas políticas tanto no seo do Goberno galego como nos diferentes gobernos municipais de coalición.
Camilo traballa agora de forma infatigable na escrita de varios libros. A comezos do vindeiro ano publicará os dous ensaios, encargados por Galaxia, sobre as relacións Galicia e Europa, ademais de ultimar a versión definitiva do segundo tomo da súa Memoria da nación, que publicaremos en Xerais no segundo semestre de 2008. A reflexión política e ensaística de Camilo, que pese a quen lle negaron o pan e o sal, sempre anticipou a orientación estratéxica do nacionalismo galego, continúa sendo central para deseñar o futuro da nación. Estaremos sempre con Camilo.

Etiquetas:

O discurso de Manuel Azaña

O famoso último discurso de Manuel Azaña, o das tres pes (“Paz, Piedad, Perdón), pronunciado o 18 de xullo de 1938 no concello de Barcelona, pode escoitarse completo aquí (setenta e catro minutos en sete arquivos). Un documento histórico para arquivar. Moi recomendable a súa utilización didáctica.

Etiquetas:

Unha tarde en Lugo

Onte pasamos unha tarde magnífica en Lugo con motivo da presentación do libro de Miranda. Marcos realiza unha hoxe unha completísima crónica, tanto do desenvolvemento acto (onde realizou unha intervención moi atinada) como da paseata á noitiña que fixemos pola Muralla, dirixidos polos comentarios de Pepe, Xoán Cuba, Isidro Novo e outros amigos e amigas entrañables. Na viaxe de volta, despois de que fomos parados en Guntín pola Garda Civil (“las pegatinas son para poner”), falamos devagariño de tantas cousas que nos unen dende hai tres décadas e dos proxectos que temos en marcha. Marcos Valcárcel ven desempeñando un labor hercúleo de divulgación e promoción galeguista (agora, tamén dende o seu blog extraordinario) que merece a nosa maior admiración e recoñecemento. Un tipo dunha peza, formidable! Beizóns para el.

Actualización (22:00): Pepe publica dúas anotacións sobre a presentación, a primeira é a crónica do desenvolvemento do acto e a segunda as notas que empregou Marcos (unha intervención, insisto, magnífica, na que debullou o sentido dos nove relatos). Entendo a afirmación de Miranda “algúns críticos fican desorientados cos meus libros de relatos”, coma xa comprobamos sucedeu con estas Mans do medo, onde se mesturan relatos fantásticos (por favor, non confundir con fantasía), outros da literatura do horror (diferenciar do terror), outros no marabilloso e outros de carácter metafísico ou onírico (próximos a Kafka). O texto de Marcos pode axudar a identificalos e interpretalos acaidamente.
Por outra banda, cómpre salientar que a intervención de Miranda foi tamén moi bonita e clarificadora sobre as intencións da súa escrita. Transcribo algunhas das notas recollidas na miña libreta:

“Eu son un escritor que quere escribir como se escribiu ben sempre, como quen come pan. Pretendo que olector non vexa os artificios do meu traballo, que a historia teña impulso narrativo. O narrador ten que narrar, é un contador de historias”.
Diante da pregunta de Maros sobre o futuro do conto tradicional, Pepe non dubidou: “O conto tradicional galego desaparecerá por que o mundo tradicional onde naceu xa desapareceu. Mais seguirá o conto, xa que a xente precisará seguirse contando historias, baixo novas fórmulas. Velaí o pulo das actuais lendas urbanas”.
Por último, Miranda abordou a cuestión dos medos presentes no libro: “Algúns son medos tradicionais e outros modernos (como o medo á informática ou aos cambios biolóxicos). En xeral eu abordo dous temas: o primeiro, a alienación, a perda da identidade; o segundo, a desilusión, a perda da utopía, da infancia, a perda da marabilla. O medo, sexa literario ou cinematográfico, ten uha función terapúetica, xa que nos prepara para afrontar outros medos que podemos atopar ao longo da vida”.

Actualización (25-11–2007): jaureguizar completa a crónica da tarde adiantando as vindeiras novidades que publicará Miranda en Xerais: a reedición da novela Vestio (en Fóra de Xogo) e unha guía de Galicia (máis de cinco centas páxinas) en dobre edición, galega e castelán.

A segunda vida do relato galego

Recomendo a columna de Óscar Iglesias. É moi clarificadora das tendencias actuais na narrativa galega.

(Actualización: 16:00): Ten razón Folerpa, este artigo de Dolores Vilavedra abre outro debate importante sobre a posición do escritor galego alén do Padornelo. Mágoa que a crítica compostelana non se atreva a personalizar, xa que tal como se expresa parece pretender meter no mesmo saco a todos os narradores e narradoras que viron traducidas as súas novelas ao castelán ou foron entrevistados nalgunha oportunidade na cadea SER (algo excepcional). Abrir unha tea de “sospeita” sobre todos non me parece o mellor xeito de contribuír a un debate cultural construtivo sobre a exportación de textos literarios galegos.
Teño insistido en moitas ocasións na miña convicción de que a proxección da literatura galega alén do noso sistema editorial e literario precisa dunha estratexia de país, compartida por autores, editores, críticos e membros da Administración; estratexia da que carecemos e da que non se albiscan indicios tampouco.
Máis significativo aínda que o texto (un chisco vehemente e malhumorado) de Vilavedra é que a vindeira semana se despracen corenta e cinco persoas á Feira do Libro de Guadalaxara (cos responsables da Consellaría de Cultura á cabeza) e non teñamos noticia ningunha, por exemplo, sobre a creación dunha “Oficina da Literatura Galega”, que alicerce esta estratexia exportadora imprescindible, ou da creación do Instituto Galego Rosalía de Castro (contemplado na Lei do Libro e a lectura, aprobada por unanimidade polo Parlamento galego). Ben sería, abandonar tácticas curtopracistas e apostar todos e todas polo pase longo. No Encontro de Mariñán, que se celebrará á vindeira fin de semana, presentarei a miña proposta sobre tan decisiva e polémica cuestión.

Etiquetas: